A Etapa Contemporánea (S. XX)
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
Orixes do Neotrobadorismo

Se seguimos o desenvolvemento histórico do neotrobadorismo, vemos que con anterioridade á publicación dos poemas de Fermín Bouza-Brey, e dentro do ámbito literario galego, houbo outros autores que volveron os ollos ao corpu-s lírico medieval para recrealo nos seus poemas. Son os iniciadores do neotrobadorismo en estrito sentido cronolóxico mais, do punto de vista da descuberta e divulgación dun novo facer poético, serían só precedentes do achado de Bouza-Brey.

Manuel Rodrigues Lapa.

Parte da crítica considerou como o primeiro texto que retomaba elementos da cantiga medieval galegoportuguesa o "Canto do vigía" de Eduardo Pondal , pertencente ao seu poema épico Os Eoas . Pola contra, nós cremos que unha lectura atenta mostra que non hai elementos que remitan á tradición lírica galego-portuguesa e si a autores e poéticas posteriores, tal Macías ou Camóes, polo cal debería prescindirse del en calquera consideración sobre o neotrobadorismo.

Os primeiros poemas neotrobadorescos serían o "Poemeto da vida" de Johán Vicente Viqueira e os "Cantares d'amigo" do catalán Carles Riba, que comparten a condición de permaneceren inéditos e ignorados ata anos despois da súa composición. Os "Cantares d'amigo" son cinco poemas datados en 1911, entre o 19 e o 24 de febreiro, numerados correlativamente en romanos e encabezados por unha dedicatoria "Â Sña. Pepita Vila". Foron resgatados para o público en 1987 cando se deron a coñecer, xunto con outros escritos de mocidade, na compilación Papers de joventut. O nacemento deste pequeno poemario está relacionado con circunstancias puntuais da vida do poeta: foron o presente de noivado que Riba ofreceu a unha moza de orixe galega, Pepita Vila. O seu modelo está no xénero de amigo, do que retoma elementos temáticos e formais característicos —os procedementos de tipo paralelístico—, o que os convierten en verdadeiras novas cantigas de amigo. Nalgún cantar hai tamén alusións e citas do cancioneiro medieval mais estes poemas non son nunca reelaboración de cantigas concretas e si novos poemas escritos desde a comprensión e asimilación dos códigos xenéricos medievais.

Esta incursión de Carles Riba na poesía de inspiración cancioneiril anticipa as características que, en textos e autores posteriores, constituirán o modelo predominante do neotrobadorismo: a atención a algúns dos trazos máis evidentes do cancioneiro de amigo. Con todo, hai que lembrar a condición particular destes poemas no percurso do movemento (e da literatura galega) porque, ao compórense fóra da Galiza, o contexto cultural e literario non que surxen non é o galego e porque, ao manterénse na privacidade durante longo tempo, non van inserirse nas novas coordenadas culturais nin exercer influencia ningunha no posterior desenvolvemento da poesía galega.

O "Poemeto da Vida" de Johán Vicente Viqueira é un poema dividido en cinco partes, numeradas, das que só a primeira ten relación coa poesía medieval galego-portuguesa, e, na súa globalidade, garda certas similitudes co "Cantar dos Cantares". O poema está datado en "Vijoi. 28-VIII-1919. Baixo o gran Níspero" aínda que non se publicou ata 1930, no volume póstumo Ensayos y poesías.

A obra poética é un capítulo menor no conxunto da produción escrita de Viqueira, na que cobran maior importancia os seus escritos ensaísticos, especialmente os seus contributos á teorización nacionalista. Precisamente nestes ensaios encontramos explicitada a importancia que concede á poesía dos cancioneiros galego-portugueses, canto produto literario de alta calidade adecuado á expresión do espírito nacional galego, esencialmente lírico.

Mais o achegamento de Viqueira á lírica medieval non foi só como poeta, tamén preparou unha antoloxía que hoxe se conserva manuscrita, para a que seleccionou —á par de poemas de autores decimonónicos ou cantigas populares—, cantigas de Afonso X, Johan Airas e Martin Codax. Precisamente este trobador vigués, en concreto a súa cantiga "Quantas sabedes amar amigo" (V 888/B 1282), vai ser unha presencia evidente na parte do "Poemeto" que aquí nos ocupa:

"Ao raiar do sol, Amiga, gracia de lúa, dona das donas, foi, cas súas compañeiras, se bañar e con reminiscencias raciás cantou esta alborada:

Vinde, amiga, da beira, ás frondas
e bañar nos hemos nas ondas,
cantando amores;
Vinde, vinde, no albeo do día,
cando no ceu alto sobe a cotovía,
cantando amores;
Vinde, amigas, na riba do mar
con infinita sede de amar,
cantando amores;
Santifica-la vida entre bruma
envolveitas de florida escuma,
¡cantando amores!"

Como acontecía en parte dos "Cantares" de Riba, a estrutura estrófica é a do dístico pareado con refrán e retómanse elementos característicos do cancioneiro de amigo, ben aqueles que son distintivos de xénero —como o apelativo "amigas"—, ben elementos temáticos específicos, como o baño colectivo, escena que aparece, sen ir máis lonxe, na citada cantiga de Martin Codax.

Retrato de Carles Riba.

Nesta revisión de antecedentes, aínda temos que facer referencia a nutro poeta que, en sentido específico, non forma parte da historia literaria galega, mais que é ben probábel que exercese unha influencia real na determinación desa nova liña no poetizar galego que supuxo o neotrobadorismo. Estamos a (alar do portugués Afonso Lopes Vieira. A súa presencia na cultura galega da época hai que enmarcala dentro da atención xeral prestada polo nacionalismo á cultura portuguesa, principalmente ao movemento saudosista nucleado arredor da figura de Teixeira de Pascoaes —a "Renascença Portuguesa", coa revista A Águia como órgano de expresión máis representativo.

O noso interese por Lopes Vieira é na súa calidade de autor do poema "A Galiza. A modo de velho cantar", publicado en 1917 nas páxinas de A Nosa Terra ,no que aparecen os elementos, de tipo formal, máis característicos do que sería o neotrobadorismo galego:

O' Galiza, Galiza dos verdes prados,
tan irmãos dos nosos, por Deus abençoados
—deixa Castela e vem a nós!
O' Galiza, Galiza dos campos froridos,
por Deus abençoados, por vos tam queridos
—deixa Castela e vem a nós!
O' velha Galiza dos cantares amados,
tan irmãos dos nosos, tam bem suspirados,
—deixa Castela e vem a nós!
Galiza soidosa dos cantares sentidos,
se es tan longe "d'eles", vem aos teus amigos,
—deixa Castela e vem a nós!

A adecuación entre a forma escollida, inspirada na lírica medieval (en procedementos tan característicos como o paralelismo e o refrán), e o contido poético, a chamada á reconstrución da unidade galegoportuguesa, nunha interpretación de carácter saudosista que ten tamén moito de irredentismo, non parece produto do acaso e si unha correspondencia chea de simbolismos ao seren os cancioneiros exemplo, en reiteradas ocasións utilizado, desa unidade pasada.

Xoán Vicente Viqueira.

Este poema é só un do conxunto relativamente amplo dos que na obra de Lopes Vieira poden calificarse de neotrobadorescos, que, dado o coñecemento da súa figura literaria que existía en Galiza nesta altura, puideron influír na existencia dun neotrobadorismo galego. Mais a poesía neotrobadorista ten no caso de Afonso Lopes Vieira motivacións e condicionantes diferentes —a pesar dalgunhas semellanzas— aos que se poden sinalar no caso galego. Para Lopes Vieira o lirismo medieval simbolizaba unha época (especialmente o reinado de Don Dinis, presencia constante na súa obra) de máximo desenvolvemento e esplendor da nacionalidade portuguesa. Así, a lírica medieval e o período histórico que representa tórnanse referentes (míticos) para a construción, desde un presente de decadencia, dun futuro de igual prosperidade e brillantez.

Para alén do caso de Vieira, o neotrobadorismo é unha liña que pode seguirse en toda a historia literaria portuguesa, como tamén na brasileira, pois nos tres ámbitos literarios os poetas voltaron o seu ollar cara ese tempo pasado da nosa cultura común.

IMAXES