A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
Os Anos 30 e 40

6 de outubro de 1929. Outeiro de Rei. Na Casa de Hortas nace o primeiro dos catro fillos de D. Antón Fernández Núñez, natural de Outeiro de Rei, e Dª Pastora Teixeiro Casanova, natural de Vilanova, labregos acomodados que casaran pouco máis dun ano antes. O pai inscríbeo no Xulgado Municipal da vila co nome de Manuel María. Tamen os irmáns —Xosé, Antón e Xesús, nados en 1931, 1934 e 1938, respectivamente—, levarán coma el un segundo nome: María.

E mentres o neno medra, dá os primeiros pasos, rompe a falar, corrica pola casa, etc., os acontecementos políticos sucédense: a monarquía dá paso á II República, celébranse eleccións ás Cortes, o nacionalismo reorganizase e constitúese o Partido Galeguista , Galiza demanda os seus dereitos nacionais, sae adiante o Estatuto de Autonomía , estaba a guerra civil, etc.

Manuel María retratado xunto a súa nai.

En plena guerra comeza a escola en Outeiro. Desde o primeiro día aprende que na aula nin o mestre nin os amigos falan en galego, a súa lingua de sempre, senón en español, lingua que non coñece. Despois, en 1940, mándano á escola de Rábade, rexentada por D. Juan Bautista Núñez Varela; tamén nesta se fala español, pero os sábados pola tarde o mestre failles ler en voz alta e comentar textos literarios galegos de Literatura galega de Carré Aldao e Antoloxía de Álvaro de las Casas . Na casa, o pai ten un exemplar dos Cantares gallegos ,de Rosalía de Castro , e algunhas pezas teatrais de Carré Alvarellos .

A súa personalidade literaria comeza a perfilarse nestes encontros semanais coa literatura galega, decisivos e decisorios; como tamén serán decisivas as "clases de retórica poética aplicada" que nas sestas do verán recibirá de Manuel de Paderna, criado na súa casa, barbeiro, alguacil e tamén poeta.

En 1942 comeza o bacharelato no Instituto de Lugo. O pai morre en maio do ano seguinte e o seu tío paterno, D. Xosé, crego da parroquia de San Froilán, de Lugo, profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade, faise cargo del. Co tío vivirá ata 1958.

IMAXES