A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
Os Anos 50

As posibilidades de ocio limitábanse ao futbol, o cinema, os paseos e a lectura. A esta dedicaba tempo. O seu tío dispoñía dunha excelente biblioteca, de temática filosófica e relixiosa, pero tamén literaria. O profesor de Literatura no Instituto, D. Lázaro Montero de la Puente, achégalle obras de clásicos españois e da Xeración do 27. É D. Lázaro Montero quen xestiona diante dos responsábeis do Círculo de las Artes de Lugo a súa participación como conferenciante no ciclo dominical "Jóvenes valores lucenses" que esta institución celebra: Manuel María fala de Juan Ramón Jiménez e as vangardas poéticas o 20 de marzo de 1949. É a súa primeira conferencia. Entre os seus oíntes están tres destacados persoeiros: Luís Pimentel, Juan Rof Codina e Ánxel Xohán. Ao rematar a exposición, coas súas felicitacións recibe tamén a invitación para asistir ás tertulias que no café Cantón Bar (logo trasladada ao café Méndez Núñez) celebran... Isto cambiará a súa vida para sempre. Ten Manuel María dezanove anos.

As tertulias son nos anos 50 os únicos foros de debate, análise e reflexión que escapan ao control do poder. Case todas as grandes cidades galegas tiñan unha ou dúas tertulias: a do café "Español", en Santiago, a do café "Derbi", en Vigo; a do café "Galicia", na Coruña; a dos cafés "Miño" e "Parque de San Lázaro", en Ourense; a do "Carabela", de Pontevedra; a do "Méndez Núñez" —ou "Méndez"—, en Lugo... Nelas, dependendo dos presentes, o mesmo se falaba de cinema que de política —sempre con precaución—, comentábanse libros, argaliabanse proxectos, compartíanse experiencias e vivencias... As tertulias mantiveron, a través das viaxes por Galiza dos seus integrantes, unha intensa comunicación e intercambio. E a través dos médicos e practicantes que traballaban na mariña mercante, a comunicación coa Galiza exiliada posibilitou que libros de Seoane , Dieste e outros escritores chegasen a Galiza, e viceversa.

Saleta e Manuel María o día da súa voda en Lugo.

Para Manuel María, as tertulias do "Méndez" de Lugo e do "Español" de Santiago, á que asiste durante a súa estadía na cidade por mor do servicio militar (1952-53), foron as canles de inmersión na realidade de Galiza. Posibilitáronlle un íntimo e intenso vínculo relacional cos poucos galegos que viviron e/ou interviñeron nas tarefas, proxectos e arelas do nacionalismo e do Partido Galeguista . Deles, de Luís Pimentel , de Ánxel Xohán, de Ramón Otero Pedraio , de Ramón Piñeiro ... e, sobre todo, de Carlos Maside, recibe información de primeira man, directa, sincera, non manipulada, sobre os acontecementos da vida política galega dos anos vinte e trinta, sobre os persoeiros nacionalistas asasinados ou no exilio, sobre o socialismo e o marxismo..., que reafirman a súa inicial vinculación sentimental e telúrica con Galiza e póñeno no camiño dunha identificación plena —racionalizada a través da lectura do Sempre en Galiza de Castelao , que Ramón Piñeiro lle achega— e coherente coa concepción de Galiza como nación diferenciada, posuidora dunha lingua de seu, dunha cultura de seu, dunha historia sometida e negada, duns recursos espoliados, duns dereitos polos que hai que loitar sen renuncias.

En 1958 Manuel María traslada a residencia a Monforte, para exercer como Procurador dos Tribunais. En maio do ano seguinte casa con Saleta Goi.

IMAXES