A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
Os Anos 70

A fírgoa de luz que uns poucos acenderan nos anos cincuenta e que, a forza de traballo, sufrimento e coraxe, fixeran medrar día a día, era xa unha labarada de esperanza que ardía nos corazóns de moitos galegos e moitas galegas para os que palabras como lingua, nación, soberanía tiñan pleno significado vencelladas á palabra esencial: Galiza. A nobre tarefa de construír unha patria esixía, como paso previo, a restauración da identidade nacional. Imposíbel aínda o traballo político político a plena luz do día polos condicionantes políticos, residenciase na actividade cultural tan básico obxectivo. Niso se segue a traballar desde o nacionalismo, apoiando e creando asociacións culturais en pequenas cidades e vilas: A. C. " Castelao ", de Monforte (1972), Clube Cultural "Valle Inclán" , de Lugo (1972), A. C. " Francisco Lanza ", de Ribadeo (1972), A. C. " O Eixo ", de Santiago (1973), A. C-D. " Os Cigurros ", da Rúa de Valdeorras (1973), A. C. " Sementeira ", de Viveiro (1973)... Fronte a este agromar constante de colectivos culturais pro-nacionalistas, o réxime franquista opuxo unha férrea e agresiva actuación represiva: multas, prohibicións de actos, detencións...

Manuel María visto por Maside.

En 1976, por participar nunha manifestación contra da instalación dunha celulosa no Val de Quiroga, Manuel María foi multado, xunto con Saleta e outros, con 300.000 ptas.; mais desta vez, a amnistía de 1977 liberounos de tan grande carga.

En xaneiro de 1977, de volta de Barcelona, onde como representante da AN-PG, asiste á I Asemblea de Intelectuais, Profesionais e Artistas do Estado español, que reuniu 300 intelectuais, en representación de todas as nacións do Estado (Galicia, Països Cataláns, Euskadi, Andalucía, Asturias, Castela-León, Madrid-rexión), o 29 é detido, con Saleta, en Monforte. A detención é simultánea á de moitos outros galegos e galegas, pertencentes á UPG, AN-PG, SOG e CC.OO. Hai que entender estas prácticas represivas no marco político da celebración en xuño das primeiras eleccións "libres", nas que o BN-PG (recentemente constituído pola UPG e a AN-PG) participa. Manuel María é o cabeza de lista da candidatura ao Senado por Lugo.

O trienio 1978-1980 é a etapa máis significativa da transición política: o que neses anos se acordou e fixou decidiu o futuro: o texto constitucional español, aprobado a finais de 1978, e o Estatuto galego de autonomía , aprobado a finais de 1980, estableceron os marcos de xogo político da nova etapa.

IMAXES