A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Os Novísimos

Sempre hai quen quere facer algo "diferente", fóra dos canons á moda temática e/ou estilisticamente. A eles están reservados cualificativos como "malditos", "incomprendidos" ou "marxinais", porque o diferente tendemos a rexeitalo mentres non estamos preparados para comprendelo. Ás veces, isto tarda en acontecer e dicimos que o escritor se adiantou ao seu tempo, que non o soubo recoñecer. Outras, a asimilación é máis inmediata e perdóase o individualismo sublimándoo, o que non significa comprensión. Pero sempre a actitude iconoclasta é básica para a renovación dun sistema narrativo. Aínda que ás veces tenten formar grupos (xeracionais ou estéticos) é habitual que se autoexclúan en nome da particularidade da súa escrita. Sen embargo cremos achar características comúns básicas no seu enfrontamento coa realidade.

Xavier Queipo

Dos anxos e dos mortos (1977), de Rei Ballesteros, protagoniza a primeira transgresión dos canons estéticos imperantes. Pero precísanse múltiples tentativas e terá que chegar a xa mentada Cara a Times Square , ás veces incluída na NNG e que indiscutibelmente constitúe a segunda e definitiva transgresión: non hai límite para o experimental, só os que un se marque. A partir de aí irán xurdindo unha serie de discursos que no momento foron percibidos como diferentes, individualistas, distantes, mais desde unha perspectiva diacrónica obsérvanse neles trazos comúns. O rupturismo, a busca da marxinalidade, o fragmentarismo como técnica para explicar unha realidade complexa, dura, ilóxica e incomprensíbel, son característicos en todos eles. Así, os Relatos pra salferir de A. Pexegueiro (1981) presentan unha estética do estrañamento moi próxima á de Suárez Llanos en Cara a Times Square ,á vez que a querencia a retratar un mundo depredador está próxima ás pretensións dun Suso de Toro, e non hai dúbida de que "Calcomanía" (1997) obedece a criterios estruturais e estéticos moi semellantes; tanto é así que os dous son modelos claros aos que referir o relato de Rafa Villar.

Mestúranse aquí narradores formados nos 70 con outros que se inician nos 80, e tamén cos dos 90. De onmipresente afán innovador é X. I. Taibo: Informe bestiario (1991) é bon exemplo desa ansia -que presenta unha textura lírica moi próxima ao mundo narrativo de M. Rivas e afirma definitivamente a súa valía na narrativa galega. Pero para comprobarmos a dimensión verdadeira das avangardas asomémonos á colectánea Medusa relatos (1984): Taibo, do Valle-Inclán, Rodríguez Fer, Monteagudo apoñen os bosques dos seus labirintos á chaira dos máis clásicos Fole, Mourullo ou Martínez Oca. A nómina de autores reproduce bastante fielmente un panorama onde agroman novas formas.

Para entón, Suso de Toro xa explosionara unha forte descarga, 1993, nos peares do cunqueirismo. Mais a resonancia non tivo o eco agardado e haberá de agardar a que a edición de 1990 ubique no sitial correspondente a ironía, humor, fantasía de Caixón desastre. Con estas armas tan cunqueiristas preténdese precisamente contraatacar a estética do escritor de Mondoñedo. A vontade de subversión reflecte o rexeitamento da mediocridade con que a realidade nos esmaga, e a linguaxe violenta, sarcástica, vulgar, fragmenta as miserias cotiás desde unha sinceridade tan visíbel como distante é a perspectiva. Esta é a praxe que no 86, con Polaroid ,catapulta unha iconoclasia que pretende a redención do real por si mesmo, non a través da fantasía. Land Rover (1985)continúa instalada en ambientes sórdidos mentres o autor camiña decidido na formación como narrador que sempre dá algo novo. O pluriperspectivismo e fragmentarismo experimentalista definen a ambiciosa reflexión metaliteraria e lírica acerca do racional, e a amargura, de Tic-Tac (1993); A sombra cazadora (1994) abre o autor a novos camiños máis preto do clásico.

Desolación, abismo, fragmentación, labirinto, soidade, alleamento son trazos que definen a Xaquín del Valle-Inclán en Historias da cidade do deserto (1988), ademais dun dominio narrador que xa demostraba na comentada Medusa relatos. Tales características, tinguidas de fondo lirismo, frustracións, e esquizofrenia do diario, están presenten nas Historias no fío de Monterrei (1988) de Xosé C. Caneiro; sen embargo a desmedida ambición acabará por levalo a unha complexidade artificiosa en O infortunio da soidade (1992). O lirismo é tamén característico na escrita de Manuel Rivas e axuda sempre a lograr discursos persoais, peculiares, inconfundíbeis, porque é o responsábel da aprehensión do real; pénsese que moitos destes autores tamén son poetas. Un millón de vacas (1990) e Os comedores de patacas recorren á fragmentación, onde a voz lírica sexa libre e non condicione en exceso a lectura. Outro tanto sucede en En salvaxe compaña (1994); a ucronía e a presencia de varios narradores evitan unha uniformidade lírica que restaría verosemellanza ao mundo mítico reivindicado. ¿Que me queres, amor? (1995) atenúa o lirismo achegándoo á tenrura á vez que confirma un grande narrador. E un intimismo moi pouco común áchase tamén reflectido nas atmoferas e xeografías de Paixóns privadas (1991) de Xosé R. Pena.

En Bestiario de descontentos (1985) a realidade interiorízase, fragmentada, como un xogo de incomprensións onde o mundo lírico en que nacen e se insiren leva tanto a pensar en poesía como en prosa; Memoria de derribos (1993, édita no 85 como De soños e derribos ,pero escrita antes dese ano) reincide na relación entre o real e o onírico: eis Miguel Anxo Murado, outro autor "maldito", cualificativo de que non deu fuxido. O mesmo que J.A.M.; Un pequeno favor e outras historias de amor perverso (1984) achégase/foxe, mediante a ironía, da realidade abafante que en O ollo pecho e outras historias desagradables (1989)se mostra crúa, complexa, e é preciso un meritorio esforzo lingüístico para atinxila e explicala. Deste uso lingüístico parte a etiqueta de "minimalista" que lle foi pendurada. En todo caso trátase dun narrador importante, en clara progresión e infravalorizado; asina sempre con Anxo L. Baranga, ilustrador.

Mundo moi semellante ao de O ollo pecho atopámolo en Non hai misericordia (1990), de Xelís de Toro, e Criminal (1994), de Xurxo Borrazás. Xelís aposta pola recreación periódica de reflexións feitas sobre actos de violencia. E a violencia é punto de inicio e chegada en Criminal ,coa súa realidade intencionadamente distorsionada. Son novelas innovadoras pola técnica, estilo, tratamento do tema e da lingua; e con presencia do fragmentarismo —Borrazás xa o ensaiara en Cabeza de chorlito (1991). Pola súa banda, Carmen Panero ofrece unha visión lírica, feminina, fragmentada, reivindicadora e realista en Diario do mimo (1989).E tamén pode aquí catalogarse a obra narrativa de Margarita Ledo Andión: Mamá-fé (1983), Trasalba ou Violeta e o militar monto (1985)ou P orta blindada (1990)presentan un afán experimentalista e fragmentario reflector da desesperanza.

Xelís de Toro.

A renovación das maneiras tradicionais de narrar trae, no 96 e 97, Erros e Tánatos (Gonzalo Navaza) e As armas delicadas (Estro Montaña). O intelixente, audaz, e ambicioso uso da figura do narrador fai deles dous autores en boa maneira insólitos. Ao seu carón Xavier Queipo en Contornos (1995) ou Mundiños (1996)lévanos a un mundo a medio camiño entre o real e o fantástico, contando o vanal baixo a aparencia de relato informativo; en todo caso o exotismo xa estaba presente en Ártico e outros mares (1990), Ringside (1994) ou os Diarios dun nómada (1994).E tamén do ano 94 é Cemiterio de elefantes ,personalísima escrita de Francisco Alonso.

No 1985 S. Jaureguizar publica Fridom Spik ,reclamando inscribirse na denominada "literatura bravú", caracterizada pola desmitificación do real e a sublimación do cotián. Ansia experimentalista, plurilingüismo, heterodoxia e evidente vontade de transgresión xenérica (mesmo violentando a lingua) son características súas que tamén se poden aplicar a A tralla e a arroutada (1995) e Fumareu (1997),onde Xurxo Souto acada estimábeis cotas narrativas propoñendo unha fórmula de comunicación moi directa, precisando ben quen é o destinatario e procurando usar xiros lingüísticos e estéticos en sintonía con el. Manuel Seixas en A velocidade do frío (1996) lembra moito esta estética ao botar man de recursos propios dela, como a peculiar organización ortográfica e o uso dunha linguaxe marcada pola necesidade da polisemia para explicar o complexo mundo vulgar. Mundo vulgar, pero que alimenta un fondo sentimento de orgullo polo propio.

IMAXES