A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Os novos grupos poéticos

"Concebimos o grupo poético como aquel que nace da vontade, por parte dos seus membros, de se unir nunha empresa colectiva para, baixo uns supostos formais e estéticos prefixados e comúns, crear unha obra que se amolde a eles".

Esta definición de Teresa Seara, por dexamais atractiva, xa nos indica unha das etapas da poesía contemporánea, a de se agruparen baixo comúns denominadores estéticos ou pola necesidade de lograren a publicacións dos seus poemas en libros colectivos. A publicación conxunta débese, xa que logo, á necesidade de publicaren textos inéditos, a un vago sentido iniciático, ou á impregnación de formas e modos sociais herdados ou asumidos da música rock e do seu medio cultural, ademais da tradición literaria. Mais non debemos esquecer que non estamos ante unha época de xeracións, senón de individualidades notábeis.

Teresa Seara.

O tránsito da poesía confesional da chamada " Escola da Tebra " ao compromiso social pódese ver en Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro (1962) e Mar Maior (1963) de Manuel María , e no anterior a estes, O soño sulagado (1955). O compromiso coas clases populares e coa situación social do momento, os cambios sociais que se producen nos anos sesenta, logo da inmobilidade e o silencio anteriores, as mobilizacións obreiras, os conflitos na universidade, a revitalización da lingua no ambiente creado polo espírito reivindicativo, serán os principais motivos temáticos, seguindo o maxisterio de Celso Emilio Ferreiro e logo de Manuel María, de influencia nos socialrealistas, indicada por Méndez Ferrín no prólogo a Indo pra máis perto (Xosé Alexandre Cribeiro, 1979).

A crise do socialrealismo e o esgotamento das súas formas, que se van notar desde os comezos dos anos setenta, aparece na Antoloxía popular (1972), baixo seudónimo de Heriberto Bens, xa desvinculada daquel, con filiacións expresionistas e da tradición céltica, e rexistro pondaliano. No prólogo á posterior Poesía enteira de Heriberto Bens (1980),este mesmo autor dános claves ben precisas para entendermos por onde ían os tiros da renovación: lecturas foráneas, música, a propia tradición poética galega, claves de militancia política, falsos mestres, a nova valoración de esquecidos poetas como Pondal e Manuel Antonio .

O grupo coñecido como os "Novísimos" nace nunha antoloxía publicada en 1973 por Mª Victoria Moreno Márquez coa pretensión de recoller autores liberados das ataduras do socialrealismo, desde a perspectiva da antoloxía de Castellet para a poesía española. Mais a poesía recollida era simplesmente epigonal do socialrealismo. Non é un grupo rupturista, e algúns (Fiz Vergara Vilariño, Xavier Rodríguez Barrio e Xesús Rábade Paredes ) conectaron logo coa poesía posterior, integrándose no Colectivo Gravo Fondo . A voz pesimista e a angustia remíteos aos mestres da Escola da Tebra; a esperanza da patria e a conciencia de Galiza, ao mundo labrego. O colonialismo, a preocupación social, son as características das obras deste grupo. Algúns dos títulos son claros referentes desta poesía: Albre de espranza de Lois Diéguez (1966), Verbas a un irmao de Darío Xohán Cabana (1970), Canciós pra un agromar branco i azul de Lois Diéguez, Da estrela e da fouce de Farruco Sesto Novás (1967).

Dos grupos dos setenta, a penas Rompente aparece con vocación de tal. Os outros dous, Alén e Gravo Fondo, obedecen máis ao fin da necesidade de publicaren os poemas. Malia os seus manifestos iniciais, con que parecen seguir a tradición literaria desde as vangardas, estes dous grupos presentan estéticas abondo diferentes entre os seus membros, e o carácter de obras colectivas que revivirá nas décadas seguintes. Os primeiros foron vistos pola crítica como epígonos do socialrealismo, pois no prólogo a xeito de manifesto non se desprenden dos presupostos políticos propios da poesía social anterior, o compromiso social e a perspectiva de vivir nunha sociedade e nunha nación asoballadas. Esteticamente rexeitan, polo menos teoricamente, a primacía do estritamente formal no poema, que parece ser a liña inspiradora da poesía dos oitenta.

O grupo Rompente, formado por poetas como Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel Romón e Alfonso Pexegueiro, aparece en 1975. Mostran un espírito vangardista e esteticamente inconformista, baixo influencias da cultura de masas e do medio urbano. Politicamente radicais, cultivan a intertextualidade, o texto ilustrado e utilizan procedementos do mundo do cómic e da publicidade industrial, cun forte sentido irónico e comprometido. A súa primeira obra foi "Silabario da turbina" (1978), que foi seguida pola serie "Tres tristes tigres" (1979) que incluía aportacións poéticas de carácter individual con "Galletas Kokoschka non" de M. Romón, "As ladillas do travesti" de A. Reixa e "Facer pulgarcitos tres" de A. Avendaño.

Nos oitenta domina a preocupación polas publicacións colectivas que posibilitan tamén a difusión de recitais, aparecendo grupos efémeros como De Amor e Desamor, Igor de Albatros en Selene e Ronseltz. Experiencias de escrita automática, como "Anisia e outras sombras", creación de Manuel Rivas e Xavier Seoane, e outras que conxuntan diversas formas de expresión como poesía, pintura, fotografía e música (" Mar do fin da terra " con poemas de Cesáreo Sánchez Iglesias , música de Paulino Martínez Pereiro e gravados de M. Facal, ou " Tigres como cabalos " con textos de Xela Arias e fotos de Xulio Gil).

Nos noventa, aparecen grupos como Blas Espín e o Batallón Literario da Costa da Morte , formado por un grupo de poetas fortemente vinculados emotiva e esteticamente, talvez desde un fondo mítico, coa xeografía do arco fisterrán. Estes grupos xeracionais, bastante cohesionados, actúan como dinamizadores do fináis novo panorama poético con publicacións conxuntas, recitais e manifestos.

IMAXES