A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
Os personaxes problematizados: fusión, escisión e metamorfose

Unha característica común a moitos personaxes da narrativa de Ferrín é o seu carácter problemático, onde a posta en xogo da propia identidade xoga un papel principal. Esa identidade problematízase de dúas maneiras diferentes:

Ferrín homenaxeado, na Casa-Museo de Rosalía, co Pedrón de Ouro.. Tras de Ferrín, á esquerda, Xaquín Lourenzo,  Xocas.

  • Ás veces por un proceso de escisión; un personaxe desdóbrase en diferentes personaxes, que supoñen unha serie de máscaras, de encarnacións: vemos isto de maneira constante en Bretaña, Esmeraldina, ou no relato de Arraianos "Lobosandaus".
  • Outra veces producirase o contrario: a aproximación, a converxencia e identificación total de personaxes diversas: esta técnica é fundamental para entender o significado de relatos como "Odiado Amado", "Episodio de caza", "Calidade e dureza" ou "Adosinda horrorizada". Quizais sexa nos desenlaces de "Amor de Artur" ou "Quinta velha do Arranhao" —no que se parte do argumento e a idea base das Afinidades electivas de Goethe— onde a fusión de nomes, identidades, amores e odios acade o seu maior desenvolvemento.

Outro modo de problematizar a identidade consiste en destacar o seu carácter cambiante, fugaz: frente a seguridade da propia imaxe persoal está a realidade dos cambios, das transformacións que poden ter un carácter monstruoso ou poñer en dúbida a propia imaxe, lembremos que unha das obras máis importantes de Franz Kafka, A metamorfose movíase precisamente neste terreo. En Percival e outras historias estas metamorfoses xogan un importante papel en moitos contos: o Leonlobisco de "Percival", "Nadhron" convertida en corvo, en "Lorelai, en "Mantis religiosa", a vella transformada en rapaza nova de "Dúas cartas a Lou", as transformacións da Sibila délfica, o Gran Saltón que parece identificarse con Antón... En Retorno a Tagen Ata o editor nunha das súas notas dará unha interpretación política destas metaformoses anteriores, que responderían a unha curiosa desconfianza sóbor da permanencia da propia morfoloxía e unha conciencia fluída e dúplice do propio eu , con secuencia de vivir o conxunto da comunidade escindido entre a propia identidade e a que os opresores tentan impoñerlles.

Moitas destas figuras que se metamorfosean ata adquiriren un aspecto monstruoso son mulleres; a mantis religiosa, Nandron, a Sibila délfica, Calpurnia Abana... parece como se o feminino encarnase nestes relatos unha forza descoñecida e misteriosa.

Unha xeografía mítica: o Arrabaldo do Norte, Tagen Ata, a Nosa Terra, Terra Ancha... Os microespazos: os espellos, a xeometría (elípses, círculos, labirintos...)

A delimitación e o cáracter do espazo da ficción son unha importante decisión que o narrador ten que tomar. En Ferrín o espazo, así como determinadas repeticións temáticas e técnicas, son algúns dos factores que contribúen a darlle un carácter global á súa obra. Falaremos aquí tanto de macroespazos, de xeografías particulares e mundos narrativos creados por Ferrín, como de microespazos, pequenos referentes espaciais, e da súa significación.

A cidade anónima

Nas primeiras obras de Ferrín se destaca algo no espazo é a súa inconcreción. Esta falta de referente real, este carácter anónimo do espazo está moi relacionado co tipo de personaxe antiheróico, gris ou fantástico que encontramos nos relatos: onde mellor vemos isto e en Arrabaldo do Norte :a xeografía urbana alí deseñada caracterízase pola ausencia do ser humano, polo seu carácter frío e xeométrico, enigmático e inquietante, por ser un labirinto con casas exactamente iguais, que reflexa tamén o labirinto da personalidade do protagonista. O elemento fundamental na obra é esa descrición ralentizada e hiperobxectiva dos espazos e do movemento, que provoca unha sensación de irrealidade e de estrañamento. O itinerario espacial que se traza mostra tamén esa falta de saídas e de futuro: un círculo que se pecha no mesmo lugar, un relato que acaba no mesmo punto en que se iniciara. En Arrabaldo... son evidentes as influencias da novela obxectalista francesa do Nouveau Roman, en concreto de Robbe Grillet, e ese urbanismo xeométrico e desértico recórdanos a austera arquitectura poboada de prazas baleiras da pintura dun Giorgio de Chirico.

Tagen Ata

É o espazo narrativo que máis identifica a Ferrín; a este respecto, o que fixo o noso autor foi deseñar un espazo que lle permitise situar e unificar a súa obra, á maneira do que fixeron Faulkner criando o seu condado de Yoknapatawpha ou García Márquez con Macondo.

Este espazo literario autónomo constitúese con diversos materiais, algúns deles totalmente ficticios e outros con claros correlatos na realidade extranarrativa, e acaba por adquirir unha serie de significacións.

Antes de comentar o nacemento de Tagen Ata en Retorno... quixéramos suliñar que nun conto de Percival..., "O dique de area" hai unha prefiguración do que será o mundo de Tagen Ata: neste relato a nación de Nijmenk guiada por Lao Rsmy, o seu coudel, é derrotada polos invasores do Leste e foxe ao exilio. A contraposición entre un pobo pequeno e rebelde que a pesar da súa teimosía á hora de defender a súa independencia é moi consciente de non poder derrotar a un inimigo infinitamente máis poderoso, que sabe que a súa resistencia non sería máis que un dique de area oposto ao ímpeto esmagador dun grande río, é unha clara anticipación do que se articulará de maneira sistemática en Retorno a Tagen Ata. Nijmenk e os invasores do Leste son un primeiro esbozo da oposición Tagen Ata-Terra Ancha. "O dique de area" é tamén moi interesante porque nel se patentiza esa visión agónica e angustiada do país: a determinación de loitar ata o final non elimina a consciencia da case inexorabilidade do fracaso. Esa conciencia tráxica vémola no protagonista, Lao Rismy, pero poderíamola encontrar de igual xeito en moitos personaxes de Ferrín: a certeza das conviccións e das accións revolucionarias contraponse ás incertezas e dúbidas dos protagonistas. Véxase tamén o fermosísimo poema incluído en Poesía enteira de Heriberto Bens:

"Y no hallé cosa en que poner los ojos..."

Quevedo

 

Terra de proseguir e non dar nada,
despaciosa Galicia que nos levas
acochados en ti! Lento veleno
que pon nos ollos unha cousa verde!
Língoa que me enche a boca enteirament
e coma un río interno me asolaga.
Quero decir teu nome e digo apenas
xente de terra, homes lentamente
un por un devecendo e sendo nada.
Galicia coma un río que se estiña,
terra de esmorecer, patria do vento!
Quero decir teu nome e digo dorna
valeira, mergullada dorna negra,
grande arado sen bois, feira sen xente,
noite que ven, enorme noite fría...

Quixera alzar meu canto coma un puño
e pór na miña voz teu nome ergueito
pero non hai ninguén para escoitarme.

A Tagen Ata de Retorno... está coidadosamente construída. En notas a pé de páxina vánsenos dando as súas características máis destacadas, e que son extreapolábeis á Galiza real: este país está dividido en sete provincias e no seu centro encóntrase a Grande Fraga (que parece coincidir co Xardín das Outas Árbores de Percival), onde viven os "cimarróns", campesiños á marxe da lei. En Tagen Ata sitúase tamén o Arrabaldo do Norte; Os seus habitantes chámase azerratas, e o seu idioma deriva da antiga lingua do Imperio de Len; hai unha importante colonia azerrata no exterior, na Illa de Anatí, ademais dunha organización clandestina, a I.T.A. Tagen Ata vive sometida á tiranía política, económica e cultural de Terra Ancha. Rotbaf Luden chega alí para enfrentarse a Ulm Roan, que está disposto a chegar a un compromiso co Terra Ancha segundo o cal Tagen Ata poderá administrar autonomamente o ensino o e as obras públicas.

Edición de  Retorno a Tagen Ata, con debuxos de Miguelanxo Prado.

Os paralelismos coas sete provincias galegas, cos Irmandiños ("cimarróns"), co proceso de urbanización das últimas décadas, co Imperio romano e as orixes latinas do galego, coa emigración americana, co Partido Galeguista do exterior, co choque entre o novo nacionalismo e o proxecto culturalista son bastante obvias e contribúen a esa lectura de Retorno a Tagen Ata como roman a clef.

En narracións posteriores reaparecerá este espazo, e maiores precisións sobre este país imaxinário suliñarán esa relación Tagen Ata-Galiza: en "Amor de Artur" aparece ligada temporal e espacialmente ao universo céltico e artúrico cando Merlín lle recomende ao rei aconsellarse co mago azerrata Roebek, cuxa pátria é unha "terra que se deita nun confín escuro". En "Fría Hortensia" obteremos máis datos, que constitúen a épica da idade heróica da Nosa Terra (espazo imaxinario insular identificado coa comarca de Vilanova e do río Arnoia) e as súas guerras con Tagen Ata. Bretaña, Esmeraldina está situada nun cárcere de Tagen Ata, que parece gozar daquela dunha autonomía concedida pola República de Terra Ancha, alusión evidente ao actual marco político.

O nome exótico e estraño responde ás mesmas motivacións que outros topónimos e antropónimos ferrinianos: o gusto polo exotismo lingüístico seguindo aquí as convencións existentes en subxérenos literarios como a literatura fantástica e de ciencia ficción e a eufonía e a invención lingüística.

Como outros espazos ficticios situados á marxe das convencións realistas, Tagen Ata configúrase como un mundo ucrónico, e isto vese sobre todo nalgúns relatos de Elipsis... :os indicios temporais non se corresponden con ningún tempo real, xa que combinan elementos pertencentes a épocas históricas e xéneros literarios moi diversos: cerimonias, costumes e vestimentas que remiten á Antigüidade ou á Idade Media e á literatura medieval e a épica combínanse coas tecnoloxías avanzadas do futuro e da ciencia ficción.

Terra Ancha

O contrapunto dialéctico de Tagen Ata é Terra Ancha, que representa o país opresor; na oposición entre estas dúas xeografías condénsanse outras de tipo ideolóxico: entre opresión e liberación, entre dominantes e dominados; esta unión dialéctica de contrarios xa se podía observar na segunda saída de Percival: no episodio de título "A loita no chao" vemos como a cabeza do oprimido e o pé do opresor aparecían formando unha totalidade. Para a caracterización deste espazo o narrador utiliza determinados trazos que tanto a historiografia tradicionalista española como tamén a historiografía romántica galega escolleron para definir o tópico do español: Castela e o castelán como núcleos da identidade española, unha xeografía austera e mesetaria, o catolicismo intransixente, o militarismo e o imperialismo belicoso, a influéncia histórica musulmá... As características asociadas a Terra Ancha son sempre deste teor: terreo poeirento, árido, case desértico, escuro, poboado por infrahomes... É bastante evidente a utilización dos tópicos celtistas de moitos autores do XIX (particularmente Pondal ) e que contrapuñan unha Galiza, rica, fértil, celta, indoeuropea e oprimida a unha Castela /España, pobre, árida, semítico-moura e opresora. Non queremos con isto dicir que se asuman estes tópicos da historiografía e da literatura galega nin moito menos os seus presupostos ideolóxicos —baseados nunha psicoloxía dos pobos do XIX de carácter idealista, bioloxicista e racista— senón que temos máis ben unha hábil apropiación deles nun novo contexto literário e ideolóxico (o da época do antiimperialismo e o anticolonialismo) que permite asignar unha serie de características a estes dous lugares que representan no seu sentido máis amplo unha oposición que non pode ser circunscrita tan só á particular historia galega e que sería perfectamente intelixíbel noutros contextos.

A Nosa Terra

O mesmo proceso que conduce á criación de Tagen Ata leva tamén á estructurar outro espazo imaxinario a partir da propia experiencia biográfica do autor. O espazo resultante recibe o nome de a Nosa Terra, e ten un claro referente na comarca bañada polo río Arnoia: é unha illa, surxida do diluvio:

" A Nosa Terra era entón unha illa. O Mar rodeábaa por Maceda, por Lovios, por Cortegada, pola Merca/.../ No mundo houbera un dioivo; e a Nosa Terra ficara isolada polo mar; outros países eran tamén illas. Antes do dioivo, a Nosa Terra non estaba habitada. Despois foi ocupada por cinco razas ".

Como Tagen Ata, ese espazo contiguo que é a Nosa Terra non se corresponde de maneira realista coa xeografía real e actual: constitúe un territorio surxido, como todos os territorios míticos e primordiais, despois do castigo do home polos deuses (diluvio), e poboado anteriormente por outros seres e razas. É no relato "Fría Hortensia", cando Fría, a vella que encarna a sabedoría e as tradicións do pobo vaia narrando as épicas batallas entre a Nosa Terra e Tagen Ata, onde podemos ver tanto o contraste como a construcción paralela entre dunha banda a xeografía real e a historia particular e íntima do narrador e doutra banda esa xeografía do pasado e a súa historia imaxinaria e épica. No noveliña Arnoia, Arnoia tamén o rapaz protagonista trata de volver á casa materna, situada no país de Arnoia.

O espazo da Nosa Terra asóciase á terra natal, aos vínculos familiares e afectivos, aos recordos de infancia e adolescencia, ás experiencias persoais que conducen á madurez. Nos dous relatos arriba mencionados os protagonistas e narradores son rapaces que se encontran no momento crítico da adolescencia.

Noutros relatos asistimos á utilización dese mesmo espazo, pero agora entendido á maneira realista, para ambientar e situar historias: é o caso da Vilanova evocada en Antón... , ouo Vilar de Rei que aparece en "Prólogo. Impunidade" ou en "Licor-café".

A raia

No último libro de Ferrín, Arraianos ,literaturízase un novo territorio, contiguo xeograficamente á Nosa Terra, que se corresponde coa raia galego-portuguesa, e que xa aparecera mencionado secundariamente nalgúns relatos anteriores (así, en Antón... fálasenos do dominio libérrimo dos países da serra arraiana e a Rosa de "Licor café" procedía da montaña arraiana de Mugueimes ).

Ferrín retratado xunto a Bernardino Graña.

Non é a primeira vez que na nosa literatura se escolle un territorio, neste caso fronteirizo e agreste, como marco espacial dos relatos ou da poesía: lembremos o caso de Pondal e Bergantiños, de Fole co Courel, da poesía da paisaxe dos poetas do Norte de Lugo ou do Manuel María de Terra Cha. Lembremos, ademais, que na literatura portuguesa tamén se escolleu o mesmo espazo desde o outro lado da raia: véxanse as Novelas do Minho de Camilo Castelo Branco ou as narracións de Aquilino Ribeiro situadas en Tras-Os-Montes.

Esta xeografía montañesa e de fronteira, dominada pola presencia recorrente da montaña de Penagache, preséntasenos como un territorio agreste, duro, dunha beleza especial derivada do seu carácter fronteirizo, comarca salvaxe e misteriosa e que os narradores delimitan e apropian mediante a evocación constante da eufonía dos seus topónimos. No caso de Arraianos ,sen embargo, parécenos máis que evidente que a elección dese espazo non responde aos criterios realistas ou costumistas que soen ser frecuentes na narrativa ligada a unha xeografía concreta, nin á simple vinculación afectiva dos personaxes ou do narrador cunha paisaxe particular, senón a propósitos máis elaborados: a raia como fronteira é sempre arbitraria, e cumpre unha dobre misión, a de separar e unir á vez, como sucede coa aldea de Assoreira/Alcobaza onde se sitúa "Liño", ou esa terra de ninguén que existiu ata mediados do século XIX e que se chamaba Couto Mixto. Porque en Arraianos a fronteira non é tan só unha realidade xeográfica desde o momento en que os relatos están a falarnos tamén doutras fronteiras problemáticas onde se produce ese dobre proceso da escisión e da fusión dos contrarios: a do real e do irreal, ("O militante fantasía"), da literatura e a realidade ("O castelo das poulas"), do observador e do observado ("Adosinda horrorizada"), do normal e o marxinal ("Liño"), do galego e do portugués ("Quinta Velha do Arranhao"), etc.

Galiza

Algúns relatos e novelas teñen como marco espacial xeografías reais literaturizadas, como son Vigo, Ourense ou Compostela e nalgúns casos cunha evidente vinculación coa propia biografía de Ferrín. Ourense é o espazo de relatos como "O Suso", ou de "Xeque-mate" este segundo de ambiente decimonónico e reminiscencias oterianas; Vigo aparece como marco da acción en "Ramil..." e "A cabeza fendida", e tamén en Antón... e en "Odiado Amado". Evócase unha Compostela estudiantil e sórdida en "Diario" e "Un chinche durme no teito", un amor imposíbel pola distancia temporal e ideolóxica en "Morrer en Laura", un proceso de degradación masoquista en "Sibila". Compostela como lugar en que "...estamos/moitos xa para sempre derrotados" —poema inicial de Con pólvora... encarna a esencia e a historia de Galiza.

Pero ademais destes mundos, destas xeografías extensas, podemos encontrar en Ferrín determinados espazos menores que teñen tamén a súa significación e que se reiteran de obra en obra. Vexamos algúns deles:

O mundo subterráneo e inferior

Nalgúns relatos aparece un mundo inferior, un mundo de sombras poboado de estrañas galerías e de seres bestiais e monstruosos, como sucede na Cidade Vella que aparece en "Labirinto" ou no Túnel do Areal onde a Narda de Antón e os inocentes toma contacto co horror e coa figura do Gran Saltón. Tamén a Misia Coxiña de "Liño" reférese ao seu retiro na mansión aldeá como a Cripta. A asociación deses mundos inferiores co inferno e co inconsciente é clara.

Unha variante destes mundos subterráneos que por outra parte poderíamos vincular tamén co seguinte espazo, o cárcere, sería o escondedoiro: nalgúns relatos que teñen como base os fuxidos da Guerra Civil os personaxes optan por esconderse, por enterrarse en vida para poderen así salvarse, pero sen que iso lles sirva para evitar a tortura de contemplar impotentes as humillacións e violencias ás que someten á súa familia. Véxase por exemplo "Elipsis" ou "Botas de elástico".

O cárcere como espazo expiatorio

O cárcere é o lugar onde o revolucionario pode demostrar a firmeza do seu carácter e das súas ideas; é un lugar de expiación, onde o protagonista vai ser posto a proba, un espazo que se asemella ao Inferno dantesco, con diferentes degraos de tortura e humillación. Ás veces o protagonista sucumbe e degrádase —como é o caso do protagonista e narrador de "Animal"—; as máis resiste e consegue así a condición de mártir. Os relatos de Ferrín están cheos destas evocacións carcelarias, desde "Philoctetes", pasando por "Partisán 4", ou "O exclaustrado de Diabelle" (o protagonista recorda desde o cárcere de Ourense o seu pasado), ata chegar sobre todo a Bretaña, Esmeraldina, onde a acción transcorre na prisión autonómica da Rúa do Príncipe.

O cárcere acaba criando tamén un tipo especial de relación, a relación epistolar, como podemos ver en "Philoctetes", ou, doutra maneira, en Bretaña, Esmeraldina ou"O exclaustrado de Diabelle". Pódese ver tamén o poema "Cantiga do amante preso" en Poesía enteira de Heriberto Bens.

Os espazos claustrofóbicos e isolados

A obra de Ferrín está chea de espazos deste tipo: mansións solitarias, chalets, torres, pazos... En moitos dos casos son evidentes as conexións coa tradición da novela gótica e o relato de terror: espazos fechados e angustiosos como a torre de "Lorelai" que encerra a fealdade da protagonista, o alto edificio onde vive M. Saal en "O asasino", o chalet vermello onde reside a escritora Ano Jhosco, a lúgubre pensión de León Barreiros en "Un chinche...", a misteriosa casa onde Violeta vive co seu tío, a casa de Ulm Roan, o cuarto onde o Domingos Areal de "Sibila" aparecerá morto, a mansión de Percival —auténtica torre de marfín—, a casa enmeigada de "Medias azuis" ou a mansión onde a protagonista de "Liño" pretende afastarse do mundo, a casa poboada de fantasmas de "Quinta Velha do Arranhao"...

A biblioteca

En moitos relatos de Ferrín os protagonistas son intelectuais, investigadoras, personaxes onde o reflexivo predomina sobre o activo. En Percival...  encontramos moitos relatos con esas bibliotecas onde os protagonistas parecen pasar a vida encerrados, como Ano Jhosco, o Dr. Orl, o pavillón de Anceps ou o mesmo Percival. O mesmo parece suceder na casa de Violeta e o seu tío, ou no cuarto de traballo de Ulm Roan, onde este recibe a Rotbaf Luden.

Nalgúns relatos a biblioteca desempeña unha función especial; é o espazo da revelación, como acontece en "Labirinto" cando o protagonista descobre o seu destino ao ler, na estancia onde se atopa o Sétimo Libro, cal é a súa auténtica misión. En "Episodio de caza" a biblioteca do Seminario de Estudios Galegos onde desperta o protagonista convértese nunha metáfora da covardía e impotencia dos intelectuais incapaces de pasaren á acción; en "Calidade e dureza" e "Adosinda horrorizada" o cuarto onde traballa Els Bri ou a Biblioteca onde Luísa Armesto le o texto apocalíptico de Adosinda son os espazos onde as protagonistas experimentarán a vertixe de se identificaren co seu obxecto de estudio.

O bosque, a fraga, a montaña

Parecen desempeñar un papel oposto ao cárcere porque son frecuentemente o lugar onde se sitúa o estraño e o maravilloso, como sucede co Xardín das Outas Árbores de Percival ou o bosque —que resulta ser un cadro— de "A cancela". A Grande Fraga situada no centro de Tagen Ata e identificada co Xardín de Percival constitúe un espazo de liberdade e de rebelión. A montaña estará sempre ligada á resistencia, é un lugar a onde non chega o brazo dos opresores; neste espazo sitúase Lao Rismy dirixindo a revolta contra os invasores do Leste, así como os guerrilleiros que fan frente ao fascismo en "Episodio de caza" ou "O militante Fantasía". Nun poema de Poesía enteira de Heriberto Bens, "Na memoria de Ponte", vemos esta asociación rebelión/ montaña:

"Condensados, azuis, territorios do odio/ cercábanvos. Daquela subíchedes ás serras/ nas que o solpor promete unha noite sen sapos/.../ ...Que volva reinar nos curutos/ a espranza guerrilleira, a rebelión armada".

Os espazos liminares: portas, cancelas, xanelas, espellos

En abundantes relatos estes espazos xogan un papel importante; non só pola reiteración coa que aparecen, senón sobre todo pola súa significación. É a través dunha xanela como Percival contempla o mundo, como H. Eire lembra a súa relación con Violeta ou como Ramón Fraiz ve por primeira vez a Ana, ou como se nos presenta o Arrabaldo do Norte no primeiro capítulo da novela, ou pola xanela do tren como Rotbaf Luden contempla a cidade. A xanela parece marcar a existencia dun "aquí" e un "aí", e con iso a distancia entre o observador e o observado, sendo un constante recordatorio da diferencia existente entre eles e a imposibilidade de calquera identificación inxenua que pretendese evitar esa distinción, ou de calquera descrición que pretendese ser total ou obxectiva. Como nos di o narrador do fragmento introductorio de O crepúsculo... :

"e eu, neste intre do crepúsculo, véxoos desdebuxados, esvaídos, pois o alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón antre os homes e a miña ollada".

Outro elemento que parece ter tamén este carácter liminar son as portas ou as cancelas: en "A cancela", "Os ollos de Kelma" ou "Nhadron" ou en " Arnoia, Arnoia "algúns personaxes teñen que cruzar ou botar abaixo unha porta para que o desenlace/revelación sexa posíbel. O mesmo podemos ver en "Familia de agrimensores", onde a porta fechada da casa xoga un importante papel porque ademais de ser necesaria para manter a intriga e o misterio é marca da exclusión final de Sabina do mundo da súa señora.

Outro elemento que aparece repetidamente son os espellos, e sempre cunha función de revelación final importantísima: aparecen sempre nun momento decisivo, e en personaxes onde o problema da identidade se presenta como central: é o caso do León Barreiros de "Un chinche..."; despois de varios días deitado levántase, contémplase no espello e revélaselle así o espanto da súa condición, nunha escena que nos trae ao recordo o famoso cadro do pintor noruegués Munch:

" Vinme no espello tal e como estou. Non podo reducir a palabras os labres abrasados que eu teño e os ollos afundidos. Un berro insconsciente escorregoume, visgosamente, por antre os labres e vinme os labres modificados polo berro, adoptando a estructura noxenta do berro e berrei máis do espanto que a miña boca me causaba ".

Tamén Rotbaf Luden, antes de se deitar con Ulm Roan contemplarase no espello, como tamén Narda e Alberte en Antón e os inocentes.

Onde mellor se ve a significación do espello e o seu uso como elemento catalizador dun desenlace dramático é en "Odiado Amado" e en Arnoia, Arnoia

Edición de 1985 de  Arnoia, Arnoia , con ilustracións de Pepe Barro.

; no primeiro caso o narrador —protagonista desvela diante do espello a súa verdadeira identidade, e no segundo descubrirá o carácter ilusorio da súa viaxe.

A xeometría: labirintos, círculos, espirais, esvásticas : Hai un evidente uso de toda unha serie de xeometrías entendidas sempre en clave simbólica e tamén en relación coa estructura dos relatos:

O mundo xeométrico de Arrabaldo do Norte parece un auténtico labirinto onde o protagonista acaba por perderse voltando ao mesmo lugar de onde partira; hai un conto en Elipsis... titulado precisamente "Labirinto"; o pasado enigmático da familia do Alberte de Antón... é comparado a un labirinto, e con ese debuxo en azul en cada meixela o Gran Saltón lle aparece a Narda. Marca aquí o labirinto aquilo que é indescifrábel e enigmático.

Outro caso bastante patente é a aparición e as connotacións da esvástica, que podemos ver nos guerreiros de "Elipsis" ou en "Sibila" e onde a cruz gamada conduce ao fascismo e todo o que este representaba.

Tamén o "entrelazo sagro" que levan os guerreiros en "Partisán 4" e que significa, en palabras do garda, as cousas en retorno sen fin ao centro e lonxe de si, en expansión e concentración periódica, como o alento ,supón algo semellante: a negación de calquera progreso, a repetición cíclica da historia, oposta por tanto á súa concepción evolutiva, dialéctica, que parece simbolizar a espiral; recordemos que a espiral xunto á fouce e o martelo constituían o anagrama da U.P.G., que ese era tamén o nome da revista independentista impulsada por Ferrín nos oitenta e que, ademais, podía ser conectada coa prehistoria galega e cos petroglifos.

IMAXES