A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Os precedentes da recuperación cultural (1947-1950)

En 1947 prodúcense modificacións significativas, ora no aspecto cualitativo e no cuantitativo, no que atinxe propiamente á literatura, ora no contexto que a condiciona.

Coincidindo co remate da segunda guerra mundial e a posterior guerra fría, o antifranquismo faise máis feble nos sectores republicanos. Para o galeguismo do interior e da diáspora, nun principio, a cultura consistía nunha estratexia conxuntural. Co paso do tempo, esta vertente culturalista vai afectar substancialmente á propia concepción do nacionalismo galego.

Da unidade, aínda que frustrada, e do desexo de colaboración mutua, é resultado que os galeguistas do interior presionen e consigan a inclusión dun galeguista —feito sen precedentes— no Goberno "de concentración" presidido por Giral, en 1946. Con todo, na valoración de Beramendi e Núñez Seixas, "no fundo as diverxencias políticas e tácticas entre ambas as dúas orelas do Océano se agrandaban"(1995:187-191). Para Castelao, a inexplicábel ausencia de Ramón Piñeiro á súa chegada a París, tronzou as ilusións con que aceptara a súa inclusión no goberno republicano. Castelao, sentíndose boicoteado polos restos do PG no interior, regresa en 1947 a Buenos Aires definitivamente. Á volta de París, Piñeiro é detido en Madrid, desencadeándose unha operación policial que desarticula o galeguismo organizado na clandestinidade. A ruptura do galeguismo prodúcese, pois, en vida de Castelao.

Xusto Beramendi

Este contexto determina novas correlacións no que respecta á literatura; en palabras de Alonso Montero , "un lustro que empeza a ser diferente —1947-1951—" (Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) , 1991:109). En termos cuantitativos, en 1947 verán a luz tres libros: Terra liñar de A. Sevillano, Pontevedra vila boa e Cómaros verdes de Iglesia Alvariño , escritor da xeración do Seminario de Estudos Galegos . Este libro, impreso en Vilagarcía, é o primeiro texto en galego da posguerra de notábel entidade literaria, que marca os límites ideolóxicos máximos permitidos daquela pola censura, especialmente susceptíbel cando se trataba de escritos en galego; dentro dun paisaxismo nada problemático, cualitativamente é un paso adiante: indica que hai escritores en galego á espera de mellores tempos.

En 1948 aparecen en Vigo as entregas Mensajes de Poesía , inspiradas por Eduardo Moreiras, e R. González-Alegre inicia na Coruña a publicación da revista poética Alba , que, editada a partir do número 3 en Vigo, se mantivo, irregularmente, deica 1956, e a súa importancia nas letras galegas posteriores á guerra civil é decisiva.

En 1949 nace a primeira editorial que se propón, como claro obxectivo, a publicación de libros en galego. Trátase da colección pontevedresa de poesía "Benito Soto", dirixida por C. Emilio Ferreiro , que se estrea coa publicación de Poemas de ti e min (1949) da autoría de Xosé Mª e Emilio Álvarez Blázquez. No mesmo ano aparecen dúas novas editoriais: " Bibliófilos Gallegos ", e a colección de poesía " Xistral " da man de Ánxel Johán e Manuel María . A editorial "Bibliófilos Gallegos" —inaugurada en 1949 coa publicación da escolma Camiños no tempo de Cabanillas — convoca en 1950 o primeiro certame literario de novela longa ao que puideron concorrer obras en galego. Das 19 presentadas a concurso só unha estaba escrita en galego, a que resultou vencedora, Xente da Barreira , de R. Carvalho Calero , recuperando este intelectual ameazado, amordazado e perseguido, e consciente tamén da necesidade de impulsar a prosa. E reparemos no feito de que dous anos antes ( La Noche , 29-IX-1948), plumas afectas ao franquismo opinaban que facer periodismo en galego ou novela era un "sacrilegio verbal" (sic).

Desde o 15 de outubro de 1949 até o 28 de xaneiro de 1950, o xornal La Noche de Santiago puxo nas mans dun grupo da xeración de 1936 ( Fco. Fernández del Riego , R. Piñeiro, X. Isla Couto) a confección dun suplemento cultural en que colaboran os escritores máis importantes de Galiza. Podemos, xa que logo, "sinalar o 1949 como o ano en que se xera a recuperación cultural de Galicia e se fecha a paréntese aberta en 1936"; así o estimaba Fernando Cadaval —pseudónimo de Carvalho Calero— nun artigo seu no suplemento de La Noche (3-XII-1949) baixo o título de "Los problemas de la poesía gallega en 1949". No número 12 do suplemento (31-XII-l949), Carvalho non estimaba como importantes aqueles "eclipses" sufridos pola literatura galega ao Iongo da súa historia. Se ben 1949 carecera de libros, para Carvalho as revistas como Mensajes de poesía , Alba , Xistral difundiran a voz dos nosos poetas; dese modo, non só escoitamos acentos coñecidos que parecían definitivamente apagados, senón que tamén aparecen novas voces e se comproba que latexa unha nova emoción lírica. O 14 de xaneiro de 1950, La Noche publica varios artigos de homenaxe póstuma a Castelao, homenaxe que motivou a clausura do suplemento por orde da censura franquista.

Ricardo Carvalho Calero

En 1950, dous homes procedentes da Federación de Mocedades Galeguistas, L. Viñas Cortegoso e X. Mª Álvarez Blázquez, fundan en Vigo a editorial " Monterrey ".

Desde o ano 47 a edición de libros en galego inicia unha dinámica de progresión ascendente. Editoriais, revistas e publicacións de poesía, suplementos culturais na prensa, etc. Nestas publicacións —precedentes ou á marxe da editorial Galaxia, polo común considerada como iniciadora duha nova xeira restauradora da cultura galegaconstatamos a presencia da tradución ao galego de autores estranxeiros ( Musa alemá , Canto do namoro e da morte do corneta Rilke ,de Rainer Maria Rilke, traducidos por Celso Emilio Ferreiro, Carmina ,tradución de Horacio feita por Iglesia Alvariño); da novela realista ( A xente da Barreira ); da poesía que, recuperados o neotrobadorismo e o imaxinismo, transcende e abre novos vieiros á expresión poética. Principalmente por dous poetas non vinculados ás xeracións de preguerra: Manuel María e Cuña Novás. Muiñeiro de brétemas (Benito Soto, 1950), Morrendo a cada intre ( La Voz de la Verdad , Lugo, 1952) e Fabulario Novo de Cuña Novás (Benito Soto, 1952), sinalan a aparición da corrente chamada " Escola da Tebra " —nun principio distintiva dos poetas da Xeración das Festas Minervais—, que supuxo, en grande parte, a superación do imaxinismo e do neotrobadorismo. Renovación na historia da poesía galega, a que tamén significan O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro ( Alba, 1954) e Os Eidos de U. Novoneyra ( Galaxia , 1955).

IMAXES