A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
Os Problemas Económicos Galegos desde 1936 a 1973

Desde 1936 a 1973

null

De 1973 a hoxe

A evolución da economía galega, como elaboración científica, veu determinada polo conxunto de factores de desenvolvimento social que enumerábamos arriba e condicionada na sua concreción pola realidade económica do país en movimento.

De aí que o panel de problemas obxecto de tratamento polos economistas galegos, non ten por qué ser similar ao conxunto dos tratados polos economistas coetáneos, mesmo do Estado Español. Aquí a importancia da emigración, da agricultura, da pesca, da cativa industrialización, da ausencia do Estado, da crecente importancia do sector enerxético... marcan o contexto, deseñan o programa de análise económica.

É neste sentido en que debemos asinalar, neses campos, cómo se enmarcaron as aportacións dos distintos autores.

Unha primeira consideración é a posíbel agrupación dos distintos autores a respeito da súa "visión" da economía galega e polo tanto do país (visión no sentido do que ven primeiro en calquera aventura científica). É dicer, un posicionamento de partida: Galiza é un país con economía propria e como tal totalidade debe ser aprehendida. A xeración formada por non coetáneos, pero que traballan á par na Revista de Economia de Galicia e na que incluiríamos amais a Paz Andrade , participa desa visión. Illa Couto, Odón Luís Abad Flores, Domingo Quiroga, Barral Andrade, Beiras Torrado , etc. constitúen ese primeiro frente con realizacións máis importantes do 52 ao 73.

Valentín Paz Andrade.

En 1973 publícase O Atraso Económico de Galicia de Beiras Torrado, obra que consideramos clave no ensaio económico galego.

De 1973 a 1997 sucédense dúas etapas, á súa vez, unha que podíamos chamar de ampliación e riqueza nas análises e a que vai do início dos 90 a hoxe, onde ten máis importancia a análise dos novos problemas.

Esta periodificación debe ser superposta a unha outra. Os autores en primeiro lugar citados, con maior ou menor dedicación, trataron da economía galega ao redor da interpretación da súa realidade e os problemas do seu crecimento.

Despois do 73, e máis aínda nos anos 90, dáse con moita maior presenza o tratamento sectorializado, se se quer especializado, das distintas ponlas da realidade económica sen existir unha reflexión sobre a totalidade como na primeira etapa.

Ímonos fixar polo miúdo neses problemas que enumeramos máis arriba.

A economía agraria conforma un corpo de análise de importancia semellante ao tamaño que o sector agrario ten na economía galega. É un tema de interese permanente nas ocupacións dos economistas galegos.

Na Revista de Economía de Galicia (1958-1967) acóllense aportacións para iluminar todo tipo de perspectivas no estudo dos problemas do desenvolvimento agrario. Desde os aspectos técnicos de produción agrogandeira, pasando polos problemas do desenvolvimento rural, do papel do cooperativismo, do significado da administración pública, do papel das institucións proprias galegas como a parroquia, pasando pola análise comparada con modelos de desenvolvimento agrario de países con dotacións en recursos semellantes ao galego, chégase ao deseño dun cadro de análise que podemos cualificar como completo aínda que, como é lóxico, non acabado. A síntese do tratamento dado polos distintos autores neste período podemos dicer que xira arredor da reforma agraria. Enténdese esta como o conxunto de medidas de política económica e de accións de cambio na organización da produción, desde as necesidades técnicas e económicas da agricultura galega. Poderíamos resumir dicendo que á constatación da desarticulación se une a nula confianza nas solucións individuais, por moi heroicas que sexan.

A máis grave consecuencia da composición non articulada dos elementos que forman a estrutura da produción agro-gandeira, é dicer, da dispersión, do minifundio, do individualismo, non atopan solución máis que na articulación, contando coas institucións proprias dun país nun proxecto de natureza colectiva e no que a parte que corresponde á administración pública é decisiva.

En época moi temperá (estámonos a referir aos fins da década dos 60) utilízase como referencia para modelo do desenvolvimento agrario, o da economía dun país pertencente a unha área económica aparentemente distante da galega como é a agricultura danesa. Dese xeito a única agricultura utilizábel para comparar non é nen a española nen a francesa, alemana ou italiana. Calquera delas con estruturas agrarias, problemas e políticas completamente distintas das galegas. É importante así mesmo apontar cómo xa nesta etapa preocupa e ocupa nos ensaios económicos (citaríamos por exemplo os escritos da Revista de Economía de Galicia )sobre a economía agraria galega e o Mercado Común Europeo. Estes ensaios danse nun momento en que era impensábel a integración do Estado Español nese Mercado.

Dicíamos máis arriba que o deseño de reforma agraria se inscribía nun cadro de estudo de economía agrícola non acabado, e, verdadeiramente, os cambios veloces sufridos na agricultura empurran e orientan outras aportacións. Os primeiros autores, desde Rof Codina a Illa Couto pasando por Abad Flores, tratan da economía agraria no seu conxunto pero non abundaron na análise sectorializada nen diferenciada da propria estrutura agraria. É dicer, da súa análise podería inducirse a existencia dunha economía agraria correspondente a unha realidade económica lisa, sen estrutura desigual no seu interior, e para algúns autores de moi cativo desenvolvimento desde a perspectiva do mercado. De aí que novos economistas, tanto por aprofundaren na análise da economía agraria como por observaren desde dentro, pero tamén por comparación, os dados referidos á desigualdade na estrutura interna da economía agraria galega propoñen caracterizacións distintas ás anteriores. Pérez Touriño e Xosé Colino negan o carácter da agricultura de subsistencia.

En 1982 dan conta do proceso de cambio da agricultura galega e identifican os elementos motrices dese cambio, aparecendo, así claramente ubicado, cada estrato agrícola de moi distinto desenvolvimento e perspectivas de futuro. Mesmo os límites da capacidade de crecimento son —serian— distintos, dependendo da pertenza a un ou outro subsector da produción agro-gandeira. Quedan marcadas, xa que logo, as diferenzas internas entre agricultura de subsistencia e agricultura moderna capitalista e de mercado.

Porén, a velocidade do cambio social é maior que a capacidade de reflexión analítica. Nos mesmos anos 80 ponse en evidencia que o modelo de mordernización emprendido á forza non foi o adecuado para os fins propostos: non deu sacado do atraso a agricultura e criou novos elos de dependencia. Amais, a preparación (como se de unha carreira olímpica se tratase) para a adhesión á CEE previa ao 86 mesmo truncou calquera posibilidade de rectificación sobre a marcha. Nun breve prazo de 20 anos pasouse case á metade da poboación activa agraria; o incremento sofrido pola produción total, sen embargo, non xustificaba os enormes recursos empregados (mal empregados) en insumos enerxéticos e químicos. Así mesmo, a mecanización levada a cabo parecía deseñada polos fabricantes de bens de equipos agrícolas e favorábel ao negocio dos servizos de mantimento destas industrias. Pasouse, en dúas décadas, do transporte no agro só de tracción animal a contar en cada casa, en cada explotación, con un tractor. Este constituíu, moitas veces, o único elemento dunha mecanización considerada necesaria para a mellora da capacidade produtiva. Por outra banda o modelo de crecimento da produción agraria levouse a cabo sen plano público de deseño e aplicación dun obxectivo, sen capital público, sen formación pública de man de obra, sen... Escola Superior de Veterinaria en Galiza...

O espazo económico deseñado desde a CEE, sostido no agrícola pola P.A.C., non respondía ás necesidades obxectivas de desenvolvimento autosostido da agricultura galega. Claudio López Garrido ten dedicado os seus estudos a ese listado de problemas de enfrentamento agricultura galega versus agricultura dominante inscrita no modelo intensivista comunitario. Así pode responder á pregunta básica de se é viábel a agricultura galega na actualidade. Conceptúa a viabilidade como a capacidade para se adaptar as exixencias do crecimento económico, e conclúe que é viábel porque é necesaria.

A economía pesqueira estivo presente, ao longo do período, como tema fundamental de preocupación, dada a súa importancia na economía galega. É máis, a importancia do sector pesqueiro galego é tal que non tería sentido falar de pesca española se non se tratase a galega. Por frota, por empresas, capital, forza laboral, tamaño das costas, capacidade produtiva efectiva e potencial, non ten sentido referirise á pesca no Estado Español se non se menciona a galega. Este é un feito permanente na nosa existencia como nación e ao longo deste século os ensaístas recoñecidos internacionalmente, asesores da FAO e de axencias pesqueiras especializadas da ONU, saíron de Galiza, o que quer dicer que os nosos autores sono de aportacións a este corpo de ensaio económico desde o seu coñecimento da pesca galega. Paz Andrade fundou en 1927 Industrias Pesqueras , única revista portavoz do sector que permanece viva das que desde aquel tempo saíron á luz no ámbito de todo o Estado. Seguiuse publicando en Vigo desde aquela data. O seu promotor é figura fundamental na análise económica deste sector, así como é de resaltar polas súas aportacións ao estudo económico galego. Paz Andrade criou conceitos —instrumentos de análise— hoxe válidos para o exame da realidade económica pesqueira. Caracterizou teoricamente os distintos modelos de desenvolvimento pesqueiro posíbeis na economía capitalista e pulou desde a empresa pesqueira por conseguir un lugar no mundo para a pesca galega, evento que viu convertido en realidade. Galiza posúe hoxe unha pesca con un lugar preferente na lista dos países pesqueiros máis importantes. As primeiras multinacionais de capital galego que lograron presenza no mundo foron empresas pesqueiras, e mesmo se podería dicer que, gracias a esa fortaleza interna, se sobrelevaron favorabelmente os efectos dunha política económica —nomeadamente a comunitaria— que aparentaba deseñada para impedir medrar o sector.

A Domingo Quiroga perténcelle o mérito da crítica a un modelo —denominado por el británico— de desenvolvimento pesqueiro. A febleza deste tipo de desenvolvimento pesqueiro é clara a meio prazo: a contradición entre un crecimento tipo industrial da pesca extractiva e o límite que o crecimento natural das especies a capturar marca.

En economía pesqueira cómpre resaltarmos as aportacións dunha nova xeración de economistas continuación dos anteriores, González Laxe, Xulio Pardellas, Manuel Varela e Mª do Carme García Negro, que estudan cada un con unha especialidade en economía pesqueira. Ao igual que Paz Andrade e Domingo Quiroga, podemos dicer que son os especialistas da economía pesqueira con que pode contar a ciencia económica española. O sector pesqueiro toma corpo cos estudos referidos ás características específicas dos procesos de produción na pesca, cos seus procesos de crecimento desde a perspectiva dos límites, co significado na integración económica española e tamén coa caracterización específica do subsector marisqueiro.

Os problemas recollidos arredor do significado de emigración, da dinámica poboacional e mesmo do paro, conforman outro corpo de análises e aportacións. Non valería de nada un estudo económico dos alicerces do crecimento económico, se non contamos cunha análise —igual que fixeron os economistas clásicos— da dinámica poboacional, da subsecuente evolución da forza laboral, e nela, do significado dun fenómeno medular no devir económico dun país, como é a emigración.

Neste empeño analítico cómpre resaltarmos as aportacións de Xosé Manuel Beiras sobre estrutura e problemas da poboación galega (1900-1960). Ese enunciado correspóndese case textualmente co título da súa tese de doutoramento, que despois foi publicada polo Banco del Noroeste. Neste traballo oferécese un completo estudo da estrutura e da dinámica da poboación galega nos 60 primeiros anos deste século. Resáltase o papel da emigración como un dos compoñentes básicos da evolución poboacional e mesmo responsábel da estrutura actual. En 1996, Abel López publica un traballo que recolle a análise tal e como a deixara Beiras en 1960 e prolóngao até 1991. Conclúe que o prematuro envellecimento e apoucado crecimento da poboación galega hoxe en día non son máis que consecuencia daquela estrutura e do papel da emigración. Mais precisamente nos trinta anos que separan o 1960 do 90, a economía galega sofre unha suma de transformacións, moitas delas sobrevidas do exterior, que converten paradoxalmente o paro nun grave problema económico. Vence Deza é responsábel do exame teórico e aplicado do papel da forza laboral non utilizada no proceso de crecimento económico. Exame que ten o valor engadido de revisar con unha análise estrutural o proceso de crecimento da economía galega neses anos.

María do Carme García Negro.

A indústria e o seu papel no crecimento económico, no desenvolvimento, na mellora do benestar social, mesmo no aspecto crucial do cambio social, foi tamén preocupación analítica para os economistas galegos. A tradición deste enfoque permítenos afastar dos galeguistas e dos nacionalistas calquera alcume de románticos agraristas. Na etapa actual foron moitos os traballos que tanto desde a perspectiva global como sectorial se teñen feito, así como do papel do investimento público, do investimento estranxeiro, das necesidades da financiación dos novos investimentos, etc. Camilo Nogueira, Xan Facal ou F. Leiceaga estudaron a industria nas súas características estruturais e no seu papel de motor no crecimento económico.

O problema do financiamento do desenvolvimento foi especificamente tratado por Barral Andrade, que estuda o papel do aforro galego como fonte propria do investimento necesario. Estuda en profundidade a capacidade autóctona de financiación do desenvolvimento e descobre, paradoxalmente, que os galegos somos máis aforradores do que cabería esperar de acordo coa nosa renda. ¿Cara a onde flúe, xa que logo, o noso aforro? Financia crecimento económico noutras partes do Estado. A misión dunha parte moi importante do sistema bancario galego é extraír aforro galego e dirixilo cara a outras economías do Estado Español.

IMAXES