A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Vicente Risco
Os síntomas da desilusión: "Os europeos en Abrantes" e O porco de pé

A partir de 1926 a narrativa de Risco reflicte unha viraxe, apreciábel tamén nos seus artigos políticos. Dúas son as causas principais: o esfarelamento das Irmandades, que adía o seu proxecto dunha vangarda intelectual unida e disciplinada, e o fracaso da súa colaboración coa ditadura de Primo de Rivera, ao abandonar esta o propósito de conceder o estauto de Mancomunidade a Galiza. Tales feitos reafírmano no antigo receo ante a política e agudizan a súa visión desenganada da realidade. O relato idílico dos anos anteriores dá paso a unha narrativa polémica e feridora, que substitúe o símbolo e a autoironía pola sátira despiedada contra a sociedade en que lle tocou vivir. Se en "A Coutada" nos mostraba o rostro idealizado do mundo rural galego, agora vai presentarnos o rostro deforme da cidade e os seus poboadores.

"Os europeos en Abrantes" ten unha confusa peripecia editorial que achados recentes veñen aínda a comlicar máis. Foi publicada nos números 39 e 40 da revista Nós ,entre marzo e abril de 1927 e remata cun enigmático "continuarase" que non ten cumprimento. As pescudas de Manuel Outeiriño para editar Las tinieblas de Occidente (1990) advertiron que arredor de 1918 Risco traballaba xa nunha obra en español co mesmo título, da que nada máis se soubo. Non iría desencamiñado pensar que en 1927 Risco recupera da gaveta aqueles papeis extraviados, volve a identificarse coa súa intención e unha vez traducidos decide dalos á luz, na espera de que fosen o xermolo dunha novela en proceso de escrita. ¿Por que se interrompeu? Carballo Calero aventura que, ao ridiculizaren institucións e personaxes ourensáns, provocaron un forte escándalo que o obrigou a desistir. Esta explicación non casa, desde logo, coa publicación un ano despois de O porco de pé,infinitamente máis escandalosa. Máis ben cremos que advertiu a tempo que aquelas xa non eran as súas teimas. Si o eran por volta de 1917, recén chegado a Ourense, anoxado do ambiente provinciano da cidade.

Risco coa súa filla Cruz.

Os oito capítulos que Nós deu a coñecer non nos permiten prever o desenvolvemento argumental do relato. Os cinco primeiros teñen carácter presentativo ao retratarnos con trazo groso Abrantes, o seu médico, o seu cabalo, o Ateneo de Oria, a tertulia do Ateneo. Os dous seguintes insinúan un esbozo de acción, ao decidiren os ateneístas fundar unha colonia de veraneo na aldea, e o último forma unha secuencia pechada arredor dos perigos da "natación científica". En conxunto, son unha burla groseira dos novos hábitos que pouco a pouco se ían introducindo na vida urbana galega a través dunha pequena-burguesía aseñoritada. Risco fustiga con saña o seu papanatismo —a "biblioteca" do Ateneo é boa mostra , a aceptación frívola de costumes impostos como consignas —o "sport", o hixienismo, o vexetarianismo, etc.— e a ociosidade provinciana que lles permite entretérense en "demostrar a caída dos graves", resolver no papel o enfrentamento entre Traballo e Capital, ou pescudar a identidade do cabaleiro enterrado en San Martirio das Balugueiras.

Con independencia da súa categoría social —estudantes, militares retirados, médicos, notarios, mestres...— son os filisteos da modernidade. E como tales filisteos renden culto idolátrico á Ciencia, á Técnica, á Medicina e á Pedagoxía, as bases do Progreso, garantía da felicidade. Tiñan por norma "vivir cientificamente", e contra esa parede rebotaba calquera tipo de cuestionamento: "Somentes a contradecía de cara un rapaz, estudante de filosofía, que coas súas distinciós entr'o vital e o racional, as súas teorías do fracaso da razón, da continxencia das leis naturaes e outras pol-o estilo, faguía erguer protestas unánimes..." Como bos apóstolos do moderno, aspiran a transformar o mundo someténdoo a regulamentación, espallando as "luces da Cencia" mediante conferencias e proxeccións "que representaban a cría do verme de seda, a fabricación de chapeus de palla, o sistema de planchado alemán" ou roturando "ermo espirtual" que é a vida dos labregos de Abrantes...

A falta de mellor remate, o último capítulo debe servirnos de conclusión e máxima. Un dos personaxes, D. Felisindo Folgoso, decide aprender a nadar polo "método científico", braceando riba dunha mesa mentres segue as instrucións dun Tratado teórico-practico de natación importado de Suecia. Mais a aprendizaxe en seco serve para nadar en seco: no primeiro intento don Felisindo está a punto de afogar, e só se salva porque o axudan uns "nadadores empírecos" que aprenderon defectuosamente pero no río. Porque as normas da Razón e da Pedagoxía poden ser boas para o laboratorio e para a escola...pero inútiles para a vida.

A intención satírica alcanza cotas máis ambiciosas en O porco de pé (1928), con xustiza considerado como a obra cume do autor. Nela amplía o campo de visión do seu espello cóncavo e reflicte de modo grotesco toda unha sociedade para a cal non encontra un só motivo de perdón. Aínda que aparentemente o obxecto das súas iras é un tipo humano, don Celidonio, o chauffeur, o "bárbaro armado coas armas da cultura", a novela non deixa títere con cabeza: artistas diletantes, señoritos de café, comerciantes, obreiros socialistas, políticos do turno ou marxinados, etc., son igualmente escarnecidos como responsábeis da apoteose de D. Celidonio. A novela constitúe un verdadeiro carnaval en que se parodian ata o paroxismo todas as ideoloxías, linguaxes e usos sociais do mundo urbano galego nun período, a segunda e terceira década deste século, de conflitiva aculturación.

Acabado o carnaval, só queda a salvo a voz do narrador, trasunto do propio Risco, que ao longo do texto mediu polo seu raseiro a todos e cada un dos personaxes. Adoptando un estatuto narrativo ambiguo, esta voz moraliza, sanciona, chisca os ollos continuamente ao lector procurando a súa complicidade para que se ría das pequenas criaturas que pululan pola novela e dos seus ruíns afáns. Non hai finalidade didáctica no texto, porque non quedan exemplos que imitar: ao cabo, o narrador propón un ludismo corrosivo que encobre unha actitude radicalmente pesimista.

Nun principio, a narración preséntasenos como a loita entre a Materia, representada en D. Celidonio, e o Espírito, representado polo seu adversario, o Dr. Alveiros. Cabería pensar entón nunha reescrita burlesca de "A trabe de ouro..." Pero D. Celidonio é algo máis que a materia, e Alveiros algo menos que o espírito. O comerciante maragato "é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento". As distincións filosóficas non casan ben con este símbolo animalizado da modernidade burguesa, que nos seus criterios de discriminación social substituíu o sangue e a intelixencia polo diñeiro e o azar. D. Celidonio non ten cultura, pero é que nin sequera ten psicoloxía: só medos instintivos e necesidades primarias. Como home gris, non provoca a súa sorte: é a sorte quen o persegue levándoo en padiola de mancebo a propietario, de aí a concelleiro, a alcalde..., e de alcalde a heroe local. Son outros —Baldomero García, Aser das Airas, Restituto Mendes, o Conde, os sindicalistas, as corporacións, Primo de Rivera...— os que provocan a súa ascensión.

Bieito Alveiros tampouco é o Espírito, senón a súa versión filistea e derrotada. Alveiros converteu o ocultismo nun sucedaneo de ciencia e, carecendo de auténticas conviccións, doadamente desee aos níveis do seu oponente. A posición do Espírito é o distanciamento altivo —aí se sitúa o narrador— e Alveiros abandónaa cando o Demo o tenta a seguir motivacións vulgares: o amor a Celidonia, o despeito e a vinganza, a participación política, etc. A partir de aí, o personaxe contribúe a refrendar o mundo que supostamente despreza.

Daquela, a aparente loita de opostos faise converxencia: D. Celidonio ponse de pé e o Dr. Alveiros axeónllase. Unha terceira tentación do demo lévao a participar da apoteose final na homenaxe que a cidade rende a aquel "Ser Simbólico que realizaba o Tipo Ideal de Humanidade propio da Era Histórica". Alveiros é o mellor trofeo, pois certifica a vitoria definitiva da masa e da vulgaridade. Reintegrado á grea, o inadaptado "sentía unha emoción moi especial, coma se levase un gran peso no lombo e se lle quitase de todo (...). Xa tocaba con firmeza a terra cos pés, xa o seu entendemento collía o vieiro normal, xa tiña arredor de si materia palpable". E nese momento, en honra tamén de D. Celidonio, comeza a arder a Biblioteca Municipal.

A pesar de certo desleixo, O porco de pé crea un modelo narrativo como ata entón non coñecera a literatura galega. Pódese afirmar que é a primeira novela moderna das nosas letras, por máis que o subxénero satírico e o peculiar mundo do escritor impedisen que tivese seguidores. Risco intúe o carácter de creación verbal da novela do século XX, en que a linguaxe domina sobre a harmonía estrutural ou a trama. Comprende —tivo bos mestres nos grandes satíricos— que o estilo da novela non é a pegada exclusiva da personalidade do escritor, senón das múltiplas linguaxes sociais que compiten, se sobrepoñen e entrecruzan en certo momento histórico. Por esa razón, O porco de pé constitúe un prodixioso exercicio de linguaxe centrado na parodia dos discursos dominantes da ciencia, da matemática, do esoterismo, da política, do periodismo, etc. Máis que ridiculizar os personaxes polo seu aspecto ou polos seus actos —como fai con D. Celidonio, posto que carece de interioridade e polo tanto de expresión— paródiase as súas linguaxes, ata deixar patente a inadecuación e falsidade. A multiplicidade discursiva é a mellor manifestación formal do caos magmático dunha sociedade desarticulada, convertida en masa e polo tanto predestinada a aceptar como guía e inspirador mesmo a D. Celidonio... A mantenta, Risco esfola o modelo social urbano impulsado polo capitalismo; involuntariamente, convértese en visionario da década prodixiosa do fascismo.

Risco nun debuxo de Manuel Prego de Oliver

IMAXES