A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Outros autores deste período

Ricardo Carballo Calero (O Ferrol, 1910-Santiago, 1990) publica, durante o período que estamos a analizar, Anxo de terra ,en 1950, e Poemas pendurados dun cabelo , en 1952. Licenciado en Filosofía e Letras por Santiago, cidade na que foi secretario do Seminario de Estudos Galegos e na que intervén activamente en favor da causa galeguista, doutórase en Letras por Madrid e traballa, primeiro, como docente de Ensino Medio e, posteriormente, desde 1972, na Universidade, sendo titular da Cátedra de Lingua e Literatura Galegas. A súa ampla obra poética contén títulos tanto anteriores como posteriores ao período que nos ocupa. Así, Vieiros de 1931, O silénzo ajoellado de 1934, O Salterio de Fingoi de 1961, Pretérito Imperfecto de 1980 (recompilación de toda a súa obra ata 1961), Futuro condicional de 1982 (recompilación da obra desde 1961 a 1980), Cantigas de amigo e outros poemas de 1986 (onde recompila poemas desde 1980 a 1985) e, finalmente, Reticências de 1990.

No dicir de Xosé María Álvarez Cáccamo, 'Carballo Calero é o máis meditativo entre os poetas da súa xeración. A reiterada pregunta transcendente deste autor diríxese sobre todo cara á deseoberta das claves do amor. Poeta do amor, máis como idea que como asunto vivenciado, a muller protagonista fundamental dos seus versos, ergue estatura de corpo marmóreo, ideal, distante. Moitos poemas organízanse a base de series enumerativas que formulan un ritual de louvanza. O ton oratorio —no que coincide, salvadas as distancias de inflexión musical, con Aquilino e Díaz Castro— teatraliza ás veces o discurso, provocando artificiosos efectos. A paixón freada polo dique do pensamento explicativo, o contraste entre o erotismo dos significados —que fai de Carballo o máis atrevido dos poetas do seu tempo— e a dureza cerebral da expresión, e certas dificultades no fluir do ritmo, orixinan unha poética de rara figura'.

Anxo de terra contén poemas de verso medido, compostos con grande rigor e preocupación formal, nos que cabe salientar unha perspectiva profana do sagrado.

Para unha maior información sobre a obra de Manuel María pódese consultar o apartado que esta Historia da Literatura lle dedica.

Faustino Rey Romero publica Doas de vidro en 1951, Catro sonetos ao destino dunha rosa en 1952 e, posteriormente, o seu mellor e máis significativo libro, Escolanía de melros en 1959, seguido por Poema das materias sagras en 1960. Nado en Isorna-Rianxo en 1921, morreu en Bos Aires en 1971. Licenciado en Teoloxía pola Universidade de Salamanca, exerceu como sacerdote en diversos puntos de Galicia ata que en 1966 emigra á Arxentina.

Faustino Rey Romero á dereita de Celso Emilio Ferreiro.

En palabras de X. L. Méndez Ferrín, 'Rey Romero, no seu primeiro libro galego, móvese dentro dos estreitos límites estilísticos a que o obriga a falta de información cultural imposta polo Seminario —coa súa ríxida administración de lecturas— e polo sistema sociocultural dos anos corenta. Así, atopamos influxos de Francis Jammes, incursións no tópico imaxinista propio da xeración de 1925 e unha imaxinería e métrica completamente tradicionais. Escolanía de melros sitúa a Rey Romero xunto ó neoclasicismo, con gran nivel de perfección formal que se amosa na súa excelente e variada práctica das distintas acentuacións do hendecasílabo. Domina a ternura franciscana. Esta perfección formal mantense —con maior hieratismo e sobriedade— nos hendecasílabos brancos de Poema das materias sagras , de severo contido teolóxico moi en consonancia coa ideoloxía neotridentina dominante na época da formación do autor e, por suposto, no seu medio cultural eclesiástico. Este libro semella próximo á poesía católica de Paul Claudel e presenta unha excelente tersura formal e unha ousadía, por veces grande, na creación de imaxes e relacións culturais'.

Pura Vázquez (Ourense, 1918) publica Íntimas en 1952 e Maturidade en 1955. En 1963, A saudade e outros poemas ; Versos pra os nenos da aldea en 1968. 0 desacougo en 1971; Oriolos neneiros en 1974; Verbas na edra do vento e Zodíaco en 1992; Man que escribiu no mar en 1993 e Si digo Ourense en 1994.

En palabras da propia autora, 'formeime de cheo desde noviña nos periódicos e na radio da cidade onde hoxe torno a vivir, e despois en cáseque todas as revistas literarias de Galicia, de España e do estranxeiro de fala española. Empecei lendo libros de Rosalía, Curros, Carvajal , Pondal, Cabanillas. Pero ó mismo tempo empapábame de clasicismo castelán con Quevedo, Lope de Vega, Juan de la Cruz, os Argensola, Fray Luis de León... Ata que coñecín a Gerardo Diego e a súa Alondra de verdad ,a Aleixandre, a García Nieto, Garciasol, os irmáns Murciano, polas súas lecturas e persoalmente a todos. O mesmo a Leopoldo de Luis, á miña gran amiga Carmen Conde, a escritoras e escritores arredor, antes ou despois da miña xeración. Lin tamén ás grandes poetisas hispanoamericanas e ós poetas como Pablo Neruda, de quen teño adicado o seu Canto general e outras obras. A Walt Whitman, que en tempos me apaixonou e aínda me apaixona cando sinto desexos de voltar a il. Moitos e bos poetas, galegos e cataláns, sobre todo. Quixen sempre que a miña poesía fose clara, voz intelixible para todos. Moitas veces tiven que apelar a símbolos e metáforas. As circunstancias de censura e o clima de todos coñecido que tiven na miña época de mocidade obrigáronme a esconder en símbolos ideas que soio algunhas xentes descobrían, castigadas coa mesma circunstancia ca min.

Pura e Dora Vázquez con Gala Murguía, filla de Rosalía de Castro.

Dora Vázquez Iglesias , irmá da anterior, naceu en Ourense en 1913. Estudiou Maxisterio e exerceu como mestra en Ourense deica a súa xubilación. Case toda a súa produción literaria está dedicada ao público infantil e xuvenil. Salienta o poemario Irmá (1979), escrito durante a estadía da súa irmá Pura, coa que xa escribira con anterioridade Oriolos neneiros (1975), en Venezuela.

Eduardo Moreiras publica A realidade esencial en 1955 e Paisaxe en rocha viva en 1958. En palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo, 'a persecución da palabra exacta para unha cosmovisión de ascetismo extremo é o motor que conduce os poemas de Eduardo Moreiras, que, como Celso Emilio, aínda que con amostra máis reducida, manifesta tamén o acento do compromiso solidario. En Moreiras, a visión moral e política conecta con certa óptica profética dunha relixiosidade que, progresivamente, se foi achegando á das filosofías orientais. O verso difícil, de sintaxe áspera, nace da procura do rigor conceptual, da insospeitada verba xusta , en palabras do propio poeta'.

Segundo X. L. Méndez Ferrín, 'a poesía de Eduardo Moreiras sitúase entre a mellor da súa xeración. Liquida completamente o restroballo imaxinista. Vai, libro a libro, alzando un edificio cheo de ecos, de misterios, de evanescencias: como Pimentel. A súa dicción é grave, sinxela, delicada. Polos seus versos libres —posuidores dunha sutil plasticidade e dun lene requintamento— ondean emocións transcendentes, reflexións cordiais, algunha cousa de abatido e oriental e, nos seus mellores intres, unha identificación lírica e emocionada co pobo galego e coa súa sorte. Detrás dunha leitura de Moreiras sobrevén a incómoda presencia de algo que non se sabe e ó que está referido todo o seu texto: un máis alá, un oco taleiro, un absoluto que o poeta percibe e o impregna todo. E sempre á procura da verba xusta'.

Luz Pozo Garza publica O paxaro na boca en 1952. Nada en Ribadeo en 1922, e criada en Viveiro, coa chegada da guerra e encarcerado o seu pai, trasládase primeiro a Lugo e logo a Marrocos ata que en 1940 regresa a Viveiro. Rematado o bacharelato, estudia Maxisterio e Música (é unha excelente intérprete de piano) para logo licenciarse en Filoloxía Románica. Vivencialmente vinculada a dous dos poetas analizados nestas páxinas (Luís Pimentel, ao que dedicará anos máis tarde un importante volume de crítica, A bordo de barco sin luces ,e Eduardo Moreiras, co que casará en segundas nupcias), impartirá clases en Badaxoz, Corcubión, A Coruña e Vigo. Funda e codirixe, nunha primera etapa, a revista Nordés que logo, nunha segunda etapa, continuará dirixindo en solitario, e que rematará por converterse nunha das canles de expresión da poesía dos oitenta, época en que a autora entregará ao público lector o mellor da súa produción.

Xa en etapa posterior á que estamos a analizar publica Últimas palabras/Palabras derradeiras en 1975, libro ao que seguirán, en especial concordancia en rexistros temáticos e formais co que se vén denominando xeración dos oitenta, aínda que seguindo co discurso da súa persoal voz, Concerto de outono de 1981, Códice Calixtino de 1986 e Prometo a flor do loto de 1992.

En palabras da propia autora, considerando a entidade da súa obra poética e a súa vontade creativa, 'habería, verdadeiramente, que engadir unha certa luz nova ó poema total. A luz propia que fai fuxir as nosas tebras. A forma persoal de prender unha chama, de acender unha lámpada. O xeito da vixilia nunha ofrenda polos longos pesadelos da noite. A travesía da memoria que albisca na penumbra. A forma omnipresente de engadir un verso á letanía da luz. Que, ás veces, prende como lume, arde sen consumir e, por fin, eterniza. No meu caso, a luz permite modificar a doutrina dos astros; abrir un códice pechado na noite; ser coñecemento sutil da condición suprema; transcender, tal o amor, das rúas sagradas do meu pobo; evocar a chuvia nunha praza baleira'.

A obra de Xosé Díaz Xácome, nacido en Mondoñedo en 1910, caracterízase pola imitación impecábel das estéticas precedentes, como é o caso do neotrobadorismo, cunha concisa economía de recursos. Publica Primeiras Cantigas de Amor en 1936. Máis tarde aparecen algúns poemas inéditos da súa autoría na Escolma da Poesía Galega (1955) de Fernández del Riego, na que se anuncia a logo frustrada edición de Frol de Cantigas. Xa en 1963 publica Pombal e en 1983 Muíño fidel. Dedicado ao xornalismo, fundou e dirixiu en Pamplona a revista Cadernos de poesía Albor pasando despois pola redacción do Faro de Vigo e continuando máis tarde a súa actividade profesional en Oviedo.

Manuel Casado Nieto (Castro Caldelas, 1912-Barcelona, 1984) iniciou a súa carreira literaria en 1930 con Amor e eleuciós ,libro que sería continuado por Orballo ispido de 1954, dentro das correntes do neopopularismo e o imaxinismo, que sería continuado despois con O ronsel do meu silenzo de 1955 e Canta de lonxe o corazón do tempo de 1969. A súa obra foi antologada en 1982 nun volume titulado Vendima.

Miguel González Garcés (A Coruña, 1916-1989) publicou Bailado dos anxos en 1961, Poema do meu lar en 1968, Poemas a Albertiño en 1970, Nas faíscas do soño en 1972, Paso soa de luz en 1975, Claridade en que a tentas me persigo en 1977, Sede e luz , recompilación de entregas anteriores, en 1986, Un home só na néboa en 1989. Poeta da contemplación e da claridade, o seu estilo aproxímase á Poesía Pura aínda que, co tempo, o seu simbolismo 'decadente e ensimesmado', en palabras de Luz Pozo Garza, se vai tinxindo con outras presencias entre as que destaca unha sensualidade gozosa, e ás veces nostálxica, e os referentes plásticos e eróticos que inzan a súa obra final de termos pictóricos e intertextualidades cos poetas dos oitenta. Segundo o propio autor, 'se falaron de simbolismo na miña poesía non é pola relación con Baudelaire, Mallarmé ou Rimbaud. É do simbolismo de sempre, do fondo e significativo máis alá da pura aparencial realidade. Malia que a realidade aparencial ou formal non se pode rexeitar xa que é o fermoso soporte da posibilidade lírica. Un voo de rulas, ou o seu arrolo, poden sensibilizar o noso sentimento amoroso, mais as rulas son moi fermosas por si mesmas. Este é o xogo. No que un pon aínda moito máis que a propia vida no taboleiro. A poesía é revelación e amor. Ou revelación do amor. E o amor ten, pra mm, un craro compoñente sensual. E a poesía. Sensualidade espiritualizada'.

Ernesto Guerra da Ca l publicou Lua de alem-mar en 1958 e Rio de sonho e tempo en 1963. Afastado do contexto social galego e do seu fluído cultural diario, a súa poesía aparece illada dentro do contexto da nosa posguerra, toda vez que resulta difícil encontrar cáles poidan ser os eixos sobre os que se vertebra o seu diálogo coa nosa tradición literaria, agás as fórmulas neotrobadorescas.

Imaxe de Ernesto Guerra da Cal

Un caso curioso, sen dúbida, é o de Juan Pérez Creus, nado en La Carolina, provincia de Xaén en 1912 e madrileño de adopción. Atraído polas súas lecturas de poesía galega e sen ter vivido nunca en Galicia, escribiu e publicou o seu único libro en galego As cancións dise amor que se diz olvido en 1951. En palabras de X. L. Méndez Ferrín, 'algún crítico como Fernández del Riego ten sinalado a semellanza entre os seus poemas galegos e García Lorca. Hai, certamente, unha levidade e lixeireza que emparenta esta poesía coa sensibilidade da xeración de 1925. Orabén, Pérez Creus é moito máis sentimental. Mesmamente, seméllanos que o seu libriño é un desafogo absolutamente sincero. O mal de amores, o irremediablemente perdido e pasado, a saudade de outro tempo máis feliz, aparecen transcritos cunha autenticidade que ás veces arrastra. Os metros utilizados son curtos, cun emprego contido e sabio do heptasílabo, que non deixan de lembrarnos a cantiga popular'.

Outros autores que publican libros durante este período son Ánxel Sevillano (Vigo, 1906-1989), Augusto Casas (Ourense, 1906-Barcelona, 1973) e Manuel Fabeiro Gómez (Muros, 1916-1992).

Finalmente cabe dicir que, pouco a pouco, se irá impoñendo un novo modelo estético baseado no social-realismo, que culminará en 1962 con Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. Con todo, cabe dicir que a xénese deste movemento, anovador por entón na nosa tradición literaria, aínda que con raíces que é posíbel rastrexar ao longo dos séculos recentes, desde o Rexurdimento, estaría, sobre todo, fundamentada na evolución que resulta evidente coa lectura dos seguintes libros, publicados tanto dentro como fóra do noso país:

  • 1952: Fardel do eisilado de Luís Seoane.
  • 1954: Lonxe de Lorenzo Varela.
  • 1954: Seara de romances de Eliseo Alonso.
  • 1955: O sono sulagado de Celso Emilio Ferreiro.
  • 1959: As cicatrices de Luís Seoane.
  • 1959: Terra aluciada de José Conde.
  • 1960: Acoitelado na espera de Xosé Alexandre Cribeiro.
  • 1961: Por unha terra opremida de Antón Santamarina.
  • 1962: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro.

IMAXES