A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos
Perfil biobibliográfico

Xosé Antonio Avilés Vinagre naceu na aldea de Taramancos, pertencente á parroquia de Boa (Concello de Noia) o día 6 de abril de 1935. O topónimo nativo deu orixe ao nome literario, Antón Avilés de Taramancos, que o poeta comezou a empregar desde 1955. Foron seus pais Severiano Avilés Outes e Manuela Vinagre Fuentes. Son escasas na obra de Avilés as referencias ao pai, de quen sabemos que sofreu cárcere na guerra de 1936. Antón viviu na nenez o pavor das requisas e das tenebrosas visitas á casa en procura do pai agachado e, máis adiante, a saudade do proxenitor lonxincuo, embarcado, de quen se recibían cartas desde Amberes ou Odessa. Pola contra, a nai, coñecida como Lela da Pastora, ocupa na súa obra un lugar de especial relevancia. Ela é a figura central do PÓRTICO de As torres no ar (1989), o libro da recuperación da nenez. Lela da Pastora e a avoa Pepa da Pastora, Josefa Fuentes Queiro, representan a estabilidade, a permanencia fronte á inmobilidade dos membros masculinos da estirpe, emigrados ou exiliados como o propio Antón. E significan tamén a conexión do poeta coa terra, coas materias primixenias. Hai na súa obra poética e nas páxinas evocativas frecuentes recorrencias ao sentimento telúrico en diálogo coa nai e coa avoa, de quen o neno Antón Avilés aprendeu labor de labranza e sementeira, "a grande aventura da infancia", en palabras propias.

Xosé Antonio Avilés Vinagre.

Os bosques da Barbanza, recintos sagrados na evocación do poeta adulto, conformaron un espazo decisivo na súa educación sentimental. Paxaros e árbores en detallada variedade van habitar a súa obra desde As moradías do vento (1955) ata os derradeiros poemas e lembranzas da vida. O mesmo cómpre dicir do mar, paisaxe inevitábel desde as xanelas de Taramancos. Da outra banda do mar escoitaba o neno o martelar dos calafates a construir os navíos ou vía pasar pola ría os veleiros, as "camelias do mar" que ocuparon o primeiro plano da emoción infantil. Estas imaxes ficaron gravadas con tal intensidade que o poeta, cando as recupera logo do regreso do exilio americano, vainas identificar coa construción do propio eu nos días da nenez.

Para a elaboración desa sensibilidade achegaron tamén un aporte básico certos personaxes populares, como o vello Pontellas, de quen Antón aprendeu técnicas de pesca, nomes de aparellos e labores, e a quen, con admiración, observaba na traballosa artesanía da fabricación dos zocos, experiencia que recolle un dos mellores poemas de As torres no ar ,o que comeza con estes versos lostregantes como axiomas: "o pé do mariñeiro é de natural ancho".

A outra aprendizaxe, a ortodoxa de ditado e táboa de multiplicar, recibiuna inicialmente na escola pública de Boa e logo en Noia ata 3º de bacharelato. Na altura dos 18 anos, seica con cativo convencimento e movido sobre todo pola forza da vontade paterna, marcha a comezar estudos de Náutica na Coruña, ao tempo que cumpre o servicio militar por mariña en Ferrol.

Testemuñas da aventura coruñesa do noso autor, entre elas o poeta Manuel Álvarez Torneiro , lembran o mozo Antón Avilés instalado na cidade a comezos dos anos 50 e evocan o seu convencido monolingüismo galego e as súas certezas nacionalistas, o que resultaba abondo infrecuente na época. Por vía desa orientación ideolóxica entra o poeta en contacto con outros rapaces da súa quinta, entre os que sobrancean os nomes do escritor Xohán Casal e do pintor Reimundo Patiño, fieis tamén a unha liña de pensamento nacionalista. Con eles e con Henrique Iglesias e Eduardo Martínez asinou Avilés unha noite de 1954 o que chamaron o "Xuramento de Laracha", unha sorte de vencello de sangue que os unía na defesa dunha Galiza ceibe e popular.

Dese núcleo xorden ademais ao longo da década os contactos cos irmáns Carré Alvarellos , Vilar Chao ou Martínez Barbeito, os encontros con Manuel María e Uxío Novoneyra ou a visita a Álvaro Cebreiro no leito de morte. Era, en palabras do propio Avilés, "un tempo escuro de posguerra e villanía no que as familias que lle deran alento de trascendencia ao nacionalismo andaban encolleitas e sofridas, vilipendiadas polo réxime de terror imposto polos vencedores" ( Obra viva ,1992). Lembra tamén o autor de Obra viva como en medio daquel silencio brillaba a figura de Reimundo Patiño, "case púber", facéndolle un corte de mangas ao poder".

O tamén case adolescente Avilés de Taramancos afirmaba con claridade xa, arredor dos 18 anos, a súa vontade de ser poeta e o seu mínimo interese pola trigonometría e o sextante. Aos seus contertulios coruñeses dos primeiros 50 sorprendían a seguridade compositiva, o atinado xuízo crítico e a sólida formación que o escritor novo demostraba. O propio Antón ten lembrado a tranquilidade con que entrara na vida literaria e artística da Coruña, nese universo que o rapaz de orixe labrega aceptaba como algo natural.

Aos 16 anos recibira a mención honorífica do premio de poesía nun certamen organizado polo Concello de Noia, o que lle permitiu, entre outras cousas, coñecer a Otero Pedrayo , e comezara xa a colaborar con poemas na revista Tapal da vila. A estas colaboracións seguirán outras en Sonata Gallega (número especial adicado a Rianxo), Lar (Buenos Aires), Atlántida (A Coruña), Aturuxo (Ferrol), Quatro Ventos (Braga) e La Noche (Santiago).

Foi asiduo da tertulia que tiña lugar na Tasca Enrique, situada na coruñesa rúa Compostela, á que acudían o novelista Mariano Tudela, os pintores Urbano Lugrís, Xosé Luis e Vilar Chao, os poetas Miguel González Garcés e Manuel Álvarez Torneiro, entre outros. O poeta de Taramancos lembraría sempre con agarimo o maxisterio, a finura crítica e a alegría "natural e fresca" de González Garcés, a quen visitaba na súa casa do Portazgo e de quen apreciaba especialmente a disposición para o diálogo coa xente nova.

A primeira fotografía do neno Xosé Antonio Avilés.

En febreiro do ano 1954 dita Avilés unha conferencia sobre Rabindranath Tagore. No 55 aparece como separata da revista Atlántida o seu primeiro volume poético, As moradías do vento. No 56 e no Casino Ferrolano celebrase, en colaboración coa revista Aturuxo ,unha Festa da Poesía en cuxo acto central fala González Garcés. Os poemas de Avilés, que vai consolidando a súa presenza no mundo literario, son recitados acarón dos de outros poetas ferroláns ou vencellados a aquela cidade: Tomás Barros , Isidro Conde, Mario Couceiro, Xoana Torres e Miguel Carlos Vidal. En Ferrol, durante o tempo do servicio militar (anos 53 e 54) entrara en contacto co grupo responsábel da revista Aturuxo e asistía ás súas tertulias. Nesa época coincidiu ademais co poeta Alexandre Cribeiro, coetáneo xeracional e compañeiro de cuartel. Ambos os dous, para evitaren o compromiso do xuramento a unha bandeira que non era a deles, estiveran agachados durante o día da xura.

En xuño de 1959 e despois de múltiples atrancos provocados pola actitude incivil do censor Serrano Castilla ("Voy a llevar a Don Hamlet al paredón" foi a súa maxistral sentencia fascista), participa como axudante de dirección da peza teatral O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Álvaro Cunqueiro , ás ordes de Antonio Naveira. A estrea no Teatro Colón da Coruña foi un suceso extraordinario no centro da sórdida noite franquista e contou coa presenza entusiasta de galeguistas e nacionalistas de todo o país.

Tamén nese ano aparece o seu segundo título poético, editado por conta dos ingresos dunha suscrición popular, A frauta y-o garamelo , e Pequeno Canto obtén o premio "Brais Pinto", acontecimento que, malia non ter podido ser felizmente concluído daquela coa publicación do volume por mor das dificultades económicas por que atravesaba a colección, vencella a Antón co grupo dos escritores galegos dos 50 residentes en Madrid.

Outros contactos co mundo literario durante a década coruñesa levárono a coñecer a Aquilino Iglesia Alvariño , Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Cabanillas en Cambados, onde coincidiu con Cuña Novás, Victoriano Taibo , Manuel María e Plácido Castro en noite de algareira ronda de viños pola vila. Algareiras foran tamén as cerimonias florais da coruñesa "Peña Amanecer", un grupo de poetas con que se relacionou Avilés e que celebraba con procesión de primeira luz do día a súa entrega á poesía e na que tamén teñen participado, con lúdica distancia, González Garcés e Urbano Lugrís.

Urbano Lugrís, capítulo á parte na vida de Antón Avilés de Taramancos, enche os días máis felices e tamén os máis duros da bohemia coruñesa do poeta. O extraordinario personaxe, sabio de tantos saberes, xenial pintor de personalísima ollada surreal, deixa en Antón unha pegada imborrábel, recoñecíbel a través dos poemas que lle adicou, nas diversas evocacións xornalísticas da súa figura e nas invocacións suxeridas ao amigo que se espallan por toda a obra do de Taramancos. Con Lugrís, de quen o poeta se sentía "totalmente influido pola súa personalidade sobrenatural", comparte Antón Avilés fame e lume de soberba fantasía, poemas recitados de memoria nas súas linguas orixinais, esmorga e ronda de viños polas rúas da Coruña, A Estrela, Olmos, A Galera... A través de Lugrís entra en contacto coa memoria de Pondal , o grande amigo de Lugrís Freire , pai de Urbano, e da Cova Céltica e aprende "leccións de corda frouxa", unha aprendizaxe que lle sería utilísima para os anos do exilio colombiano.

Morto Urbano Lugrís no ano 1973, o seu amigo Antón Avilés recibirá en tácito herdo o seudónimo Ulises Fingal que o pintor utilizara para asinar os seus poemas, de notábel altura, publicados en Atlántida. A "Crónica de Ulises Fingal" foi colaboración de Avilés na revista Barbanza de Noia durante os anos 1988 e 1989 e o devandito seudónimo —acaso un heterónimo onde se funden as dúas personalidades e as dúas figuras de contrastada dimensión física— figurou ao pé de algúns dos seus poemas soltos.

Interrompidos os estudos de Náutica, en parte por causa do pouco interese que nel suscitaba a carreira, en parte por culpa de determinados problemas de tipo burocrático, no ano 1959 Antón está xa de regreso en Taramancos. O verán de 1961 constitúe unha data clave no curso da súa vida: coñece a Salvador García Bodaño , quen algúns anos máis tarde desempeñará un papel decisivo na recuperación da voz poética do noso autor. Bodaño pasaba uns días de vacacións na praia de Boa en compaña da súa familia. Son presentados en Noia e inmediatamente xorde entre eles a amizade e o recoñecimento como compañeiros xeracionais. Entre os membros da familia de García Bodaño viña Maricarmen Pereira, de quen Antón se namora. Daquel amor estival nacerían os Poemas soltos a Maricarmen Pereira, integrados logo no libro O tempo no espello (1982.) Outra relación amorosa anterior, vivida na Coruña, motivara a escrita do conxunto titulado Pequeno Canto, datado en 1959, premiado co "Brais Pinto" e incluído tamén en O tempo no espello con ampliación do título: Poemas a Fina Barrios. Pequeno Canto. Foi este un amor con final dramático, a morte de Fina Barrios, unha rapaza enferma dunha doenza incurábel para quen, coa finalidade de mercar os medicamentos que precisaba, traballou de sol a sol Avilés nunha empresa de fundición.

Desde uns anos atrás viña o poeta mantendo correspondencia epistolar con Xosé Neira Vilas . Nunha ocasión enviou o autor de Memorias dun neno labrego un paquete de libros entre os que figuraban títulos de Marx e Lenin. Interceptado e aberto pola Garda Civil o perigoso envío, un comisario coñecido suxeriu a Avilés, a quen as autoridades policiais controlaban desde o comezo da etapa coruñesa, que marchase lonxe. Esta circunstancia, unida á previsión dun incerto futuro económico, decidiuno a abandonar Galiza con destino a Colombia, aconsellado polo seu amigo o cónsul daquel país na cidade da Coruña. A finais de 1961 comezou o periplo odisaico de Ulises Fingal, de Taramancos a Bogotá.

Avilés de Taramancos e a súa dona, Sofía Baquero Céspedes, nunha rúa de Cali.

A correspondencia con García Bodaño iniciase en 1962. Nunha carta datada en 1970 relata Avilés: "Fun comerciante, domeador de cabalos, contrabandista. Teño cavado máis de coarenta hectáreas de terra americán, de sol a sol até que o aceiro da eixada se fendera... /.../ Cacei tigres pra lle vender o pelexo aos gringos ricos, trafeguei con cabezas reducidas, fixen churros nas feiras, fun afiador, pirata" ("Introducción" a O tempo no espello ,1982). Esta é a imaxe mítica do Avilés-Ulises aventureiro por terras de América, da que dan fe poética as páxinas de fondo autobiográfico de Nova crónica das Indias (1989). En compaña de quen logo sería o famoso xornalista televisivo Miguel de la Quadra Salcedo, a quen Antón coñeceu nos primeiros días da chegada a Colombia, o de Taramancos percorreu a selva e tivo a oportunidade de vivir experiencias de dimensión extrema e aventureira. Pero hai outro Avilés, non menos admirábel aínda que moito menos coñecido. A outra imaxe de Antón, o Ulises cotidiano, que chega a Bogotá con nove dólares e unha bolsa de noces de Taramancos, foise construíndo na difícil sobrevivencia dos labores do día, nas oficinas dunha fábrica de manteiga, de mordomo na embaixada do Brasil, na delegación da compañía Iberia, como administrador dun "Fogón Ranchero" nos arrabaldos de Bogotá, de camareiro no restaurante "La Tablita", como vendedor de material de ferraxaría, a descargar peixe que lle deixaba nas costas as chagas abertas polo sal... ata que lle ofrecen o cargo de xerente dunha importante libraría en Cali, a "Librería cultural colombiana", traballo que ocupa os dez últimos anos da súa estadía en Colombia.

Na embaixada do Brasil en Bogotá coñecera a Ana Sofía Baquero Céspedes, natural de Cáqueza, nos montes do altiplano, quen traballaba alí como doncela da embaixadora e que vai ser a súa compañeira desde o ano 1962 e ata os derradeiros folgos da súa vida. Daquela unión naceron en Bogotá os fillos: Santiago (en 1967), Luís (en 1969) e, xa en Cali, Guillermo (en 1971).

A estadía colombiana da familia Avilés-Baquero topa no ano 1970 un positivo ponto de inflexión. En Cali, á frente da "Librería cultural colombiana", Antón tópase cómodo. Trátase dun traballo que conecta coa súa máis natural disposición, os libros, a cultura. A situación económica da familia estabilízase. Na libraría organízanse actividades culturais que lle permiten ao poeta entrar en contacto coa intelectualidade do país. Antes, en Bogotá, Avilés frecuentara a amizade de Manuel José Arce e Valladares, embaixador de Guatemala, poeta e descendente de galegos, quen chegaría a publicar na editorial Galaxia un libro de poemas titulado Dendo fondo canta o río ,animado por Antón a empregar a lingua dos seus devanceiros. Na capital coñecera tamén a un Neruda frío e distante pero excelso como as alturas do Machu Pichu. E ao poeta colombiano León de Greiff e ao chileno Pablo de Rokha, o outro Pablo, por quen o de Taramancos sentía especial admiración.

Ao longo de 1963 reiniciara o poeta a súa escrita, entre parénteses desde algúns anos atrás, cunha serie de poemas que, por obra da insistencia de Salvador García Bodaño, van ter continuidade en 1969. En 1971 e presididos por unha "NOTICIA DE AVILÉS DE TARAMANCOS" que asina Bodaño, aparece na revista Grial de Vigo un anticipo do que, formando parte de O tempo no espello , sería o libro, nunca publicado como volume independente, Os poemas da ausencia .

Avilés sofría, efectivamente, a dor da ausencia, a saudade de Galiza, a nostalxia da familia, pero, ao mesmo tempo, vivía con plena entrega a súa relación coa realidade natural e social de Colombia. Considerábase colombiano de adopción. "A metade lúcida da miña vida —escribirá en 1990— pasou nesa paisaxe e entre esa xente. Veñen os meus fillos desa estirpe e decorre por tanto a metade do meu amor por eses ríos". A fidelidade ao novo amor terreal Colombia e as súas xentes, Sofía e os fillos— máis a seguridade dun traballo estábel e gratificante desde a chegada a Cali, son as áncoras que o manteñen lonxe da terra ata que en 1980 decide regresar a Galiza para concluír o periplo de Ulises e iniciar unha nova saudade, a nostalxia de Colombia que percorre as páxinas de Cantos caucanos (1985).

No ano 1976 viaxara cos seus a Taramancos coa intención de despedirse do pai doente, quen morrerá no mes de setembro. No 80 determina o regreso definitivo. En abril anda xa por Galiza na procura dun medio de subsistencia. Tenta instalar un negocio en Compostela e soña con adicarse ao mundo do libro, a súa máis evidente vocación profesional. No mes de agosto chegan a muller e os fillos. E o día 7 de novembro, desbotadas outras posibilidades de difícil materialización, inauguran a "Tasca típica", situada nun engaiolante espazo, os baixos dunha casa medieval, ámbito e labor que colaboran a criar o mito do poeta taberneiro, prolongación doméstica das lendas colombianas. A familia Avilés-Baquero vive, si, dos ingresos da taberna, local que se converte en ponto de encontro dos vellos amigos do poeta e dos da, daquela, nova xeración poética, a dos 80, coa que Avilés se sentía intimamente identificado. Pero, alén do labor diario entre cuncas de viño, Antón consegue recuperar o ritmo de criación literaria que anunciaban as súas publicacións de mocidade. En poucos anos o seu nome sae do reduto de silencio motivado pola distancia e a súa obra atinxe o nivel de recoñecimento que merecía. En 1982 aparece O tempo no espello ,no 84 Cantos caucanos e As torres no ar e Nova Crónica das Indias en 1989. Colabora en revistas, participa en congresos, encontros, recitais, mesas redondas. Organiza a asociación cultural " Cataventos " e a Coordinadora de Asociacións Culturais do Barbanza. É elexido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) no ano 1986 e en calidade de tal preside o "III Encontro Galeusca", celebrado en Baiona durante o mes de setembro do mesmo ano. Funda e dirixe coleccións poéticas. Na denominada "Verba que comeza" publican as súas obras iniciais autores novos como Martín Veiga e María Xosé Canitrot. E un vello amigo, o médico que atenderá a Antón nos derradeiros meses, Xosé Manuel Cairo, ve aparecer na devandita colección os seus primeiros versos publicados. "Vento de fóra" ía ser canle para a edición de poemarios universais vertidos ao galego. O propio Avilés, quen xa exercera a súa faceta de tradutor en revistas, pon en galego a Crónica de Saint John Perse, un dos seus poetas preferidos.

A súa orientación ideolóxica nacionalista de esquerdas topa o lugar máis axeitado no seo do B.N.G ., formación na que se integra. Xuntamente con Xosé Manuel Beiras , Alberte Feixoo, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello impulsa o nacimento da corrente que máis tarde será Esquerda Nacionalista. Nas eleccións municipais de 1987 figura nas listas do BNG, organización que consegue o goberno do concello. Avilés é nomeado concelleiro de Cultura, cargo desde o que pon en marcha ou dá novo pulo a proxectos como a Escola Obradoiro de Restauración, a Casa da Cultura, as feiras Artesanoia, o Conservatorio de Música, o Museu de Santa María a Nova, o inventario do patrimonio histórico, as Xornadas de Teatro na Escola, entre outras moitas actividades.

Avilés cos seus pais e irmáns na casa de Taramancos

No mes de maio de 1990, Lela da Pastora, a nai, gravara o selo do amor "para sempre no escuro" e en 1991 o seu fillo, consciente de que lle falta pouco tempo para ir acompañala na definitiva viaxe, coñecedor da dimensión da doenza que se lle declarara no mes de xuño, afronta con lucidez extrema a súa sorte. Do combate entre a esperanza de superar a ameaza mortal e a serena amizade coa terra onde agarda o poeta sentir "a saiba/subir polas raices até o corpo/dos grandes castiñeiros" nace Última fuxida a Harar (1992), testamento poético e proba radical da xenerosa e arrizada humanidade de Avilés.

O 22 de marzo de 1992 morreu Antón Avilés de Taramancos na cidade da Coruña, onde estaba hospitalizado. Foi soterrado no cemiterio de Boa, cuberto, tal como lle pedira ao seu fillo Luís, coa bandeira de Galiza. Desde o día 26 de marzo de 1995 medra acarón del a cerdeira que o poeta convidara a plantar como símbolo de vida renovada, "navio inquedo/que parte na mañá". A Asociación de Escritores en Lingua Galega mandou gravar en pedra estes seus versos felices, pórtico para a lembranza constante de Antón, que permanecen xunto á cerdeira, plantada tamén en homenaxe dos escritores e escritoras de Galiza: "Imos plantar unha cerdeira nova/temos que darlle esa alegría ao vento/".

IMAXES