A Etapa Contemporánea (S. XX)
Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética
Perfil da Época

O termo Modernismo ,que nomea a un movemento cultural de grande amplitude —literario, arquitectónico, pictórico, etc.—, malia a súa consolidación, non nos semella o axeitado. Esta corrente artística, acolle varias escolas estéticas e tivo lugar no primeiro tercio do século XX; ten, como tódolos movementos artísticoliterarios, unhas fronteiras temporais moi imprecisas.

O Modernismo é unha clara consecuencia do romanticismo, mesmo na súa reacción contra o realismo e o naturalismo. Os derradeiros centileos modernistas esvaéronse nas vangardas literarias de comezos de século. Como ten sinalado algún crítico, na poesía galega dos anos vinte e tantos, ademais do modernismo ten influído o creacionismo, o ultraísmo, o superrealismo, o saudosismo portugués de Teixeira de Pascoais e algún outro "ismo", o que produciu, entre nós, unha renovación da linguaxe poética, da métrica, o uso continuado da metáfora e, en moi pequena medida, a introdución, na temática, do maquinismo e dos descubrimentos tecnolóxicos producidos na época. No caso concreto de Galiza cómpre ter moi en conta o descubrimento dos Cancioneiros medievais galaicoportugueses e as edicións críticas que, no ano 1928, fixo deles o erudito J.J. Nunes, ademais da influencia de modernos poetas portugueses, como puido ser o caso de Lopes Vieira e algún máis. O coñecemento dos Cancioneiros creou, entre nós, a escola neotrobadoresca, renovadora da nosa lírica, recuperadora de estrofas medievais que nos son propias, de longo ronsel na poesía galega do presente século.

Debuxo de Teixeira de Pascoaes, por António Carneiro.

O Modernismo en Galiza moi pouco se semella ao español e ao hispanoamericano, ao menos no que este movemento literario ten de externo, de forma pola forma, de arte pola arte, de cosmopolitismo aprendido en París e de evocación de países exóticos e de paisaxes convencionais, ateigadas de cisnes, pavos reais, delicadas e irreais princesiñas. Os poetas galegos permaneceron fieis ao seu país: a Galiza mariñeira ou do mar en Manuel Antonio , a paisaxe pontevedresa e da Galiza interior en Amado Carballo e, en Fermín Bouza-Brey , ao mar e á terra galega. A lírica destes tres grandes poetas e dos seus seguidores, ademais dunha grande forza telúrica, cultivou un fondo amor á natureza entendida, non como tema estético senón como experiencia e arraigada vivencia persoal.

Os escritores que podemos considerar ao mesmo tempo modernistas e de vangarda naceron ou nos derradeiros anos do século pasado ou nos primeiros do presente. Viviron a historia azarosa do mundo, de España e de Galiza, desenvolvida na metade do século XX, coas súas bitas sociais, os seus desequilibrios, as súas emigracións e as súas traxedias. Esta xeración sufriu a Primeira Grande Guerra Mundial, que supuxo unha grande quebra de ideoloxías e de valores tradicionais —mesmo os artísticos— e a derrota e a reconstrución de Alemaña, así como o triunfo da Revolución Rusa que conmoveu ao mundo enteiro. Máis tarde asistiron á xestación e ao triunfo do fascismo europeo —Hitler, Mussolini, Oliveira Salazar, o xeneral Franco— e as grandes conmocións políticas, económicas e sociais do seu tempo.

Esta xeración coincide, máis ou menos, coa "Xeración do 27" castelán, coa que ten importantes desemellanzas. Na nosa vangarda danse varias direccións: o neotrobadorismo capitaneado por Fermín Bouza-Brey, o creacionismo de Manuel Antonio e o hilozoísmo de Luís Amado Carballo, denominación utilizada por Carballo Calero : "... é o hilozoísmo, o animismo, o que nos parez caracterizar a imaxe do noso poeta, que nos presenta unha natureza viva, animal, humana". Hilozoísmo procede das voces gregas hile (herba, madeira, fraga, materia, sustancia) e zoon (animal). Román Raña aclarou que o termo procede do filósofo inglés Cudworth, que viviu no século XVII, quen lle atribuíu, no seu sistema filosófico, á materia unha vida de seu. Aínda habería que engadir ás nosas vangardas a dirección surrealista ,con características moi propias, seguida por Álvaro Cunqueiro en " Poemas do sí e non ", de 1933.

O profesor Alonso Girgado sistematizou as características desta xeración, que resumimos:

Estes escritores naceron á vida intelectual, artística e política na Ditadura de Primo de Rivera. Viviron os anos da II República e padeceron as tráxicas consecuencias da guerra civil (1936-1939).

Adoptaron unha actitude receptiva e de consideración cara a xeración anterior, os homes de Nós, e colaboraron con eles.

Malia ao seu rupturismo literario, asumindo as vangardas, tiveron en conta a tradición, facendo ambas compatíbeis.

Estiveron abertos ao exterior mantendo unha práctica galeguista.

Tiveron revistas propias. As máis importantes foron: Ronse l e Alborada ,ademais de Crista l , Resol , Guión , Yunque , Papel de Color e algunha máis. Mantiveron relacións cos poetas da "Xeración do 27" castelán. Lorca publicou poemas nalgunhas destas revistas, ademais do feito significativo dos seus Seis poemas galegos.

Dous dos membros máis importantes faleceron en plena mocidade, como Manuel Antonio e Amado Carballo.

E, por remate: "Unha serie de adversas circunstancias, persoais unhas e froito dos acontecementos históricos outras, frustrou as expectativas desta xeración, fundamentalmente no que á poesía se refire", como moi ben clarificou Alonso Girgado.

Retrato de Luís Amado Carballo.

Luís Amado Carballo tivo unha enorme importancia na nosa poesía e segue a tela. Méndez Ferrín escribiu estas certeiras palabras:

"Moitos contemporáneos e posteriores aprestáronse a lle render a Amado a máis significativa das homenaxes: a imitación". E máis adiante: "Está por facer o estudo da escola de Amado Carballo ou imaxinismo. Polo momento, apenas podemos enumerar, aglomerado, un vasto e desigual conxunto de poetas provisionalmente calificados imaxinistas, con toda ou parte da súa obra. Mato moi mesto que é preciso rozar, clasificar, herborizar, analizar: Augusto Casas (1906-1973), Eduardo Blanco Amor, Euxenio Montes, Xulio Sigüenza (1900-1965), Prieto Marcos (1905-1945), Florencio Delgado Gurriarán (1903), Ánxel Sevillano (1906), Xosé María Brea (1904-1934). E outros máis mozos (Rafael Pazos Giménez, Manuel Casado Nieto, Xosé Velo Mosquera, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Teodoro Morgade) cos cais o magma imaxinista reborda o marco da xeración de 1925".

Entendemos que conviría engadir a Manuel Luís Acuña, Xoán Vidal Martínez, o primeiro Aquilino Iglesia Alvariño , Evaristo Correa-Calderón —considerando maiormente a súa prosa— e Manuel Fabeiro Gómez.

A meirande parte destes poetas teñen unicamente un inicio amadocarballista. Na súa obra posterior fóronse, en moitos casos, librando de tal influxo e a súa obra poética máis importante e significativa publicouse —e mesmo se escribiu— despois da guerra civil. A estes autores, entendemos, cómpre estudalos na literatura de posguerra, malia os seus inicios antes da sublevación militar. Algúns deles pecharon, por así dicilo, o seu labor literario, ao menos en galego, coa chegada do franquismo, aínda que seguiran escribindo en castelán exclusivamente, como é o caso de Euxenio Montes e de Evaristo Correa-Calderón. Neste capítulo a eles nos referiremos e son, ademais dos citados, Euxenio Montes e Evaristo Correa-Calderón, Roberto Blanco Torres , Xulio Sigüenza, Xosé María Brea, Teodoro Morgade, Manuel Luís Acuña e o bilingüe Xoán Vidal Martínez, tan íntimo de Amado Carballo.

IMAXES