A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Poesía

Lorenzo Varela: Catro poemas pra catro gravados (1944), Luís Seoane: Fardel de eisilado (1952), Lorenzo Varela: Lonxe (1954), Emilio Pita: Os relembros-As cantigas (1959).

Catro poemas pra catro gravados : tratase de catro poemas de Lorenzo Varela e catro gravados de Seoane, centrados en catro figuras da historia que collen categoría de mitos. Estes personaxes están focalizados cara ao presente, conectando os tempos idos coa actualidade, para orientar a súa dimensión liberadora e poder utilizala hoxe en día. Se lle damos un repaso á biografía do primeiro personaxe dos catro, María Pita, a heroína na defensa da Coruña contra os ingleses en 1589, non é desprezábel a focalización feminista que lle outorga ao libro. O poema une o bélico co popular para conseguir un lirismo inconformista, vincúlase sensibilidade e dignidade, incídese no futuro liberador e colócase a loita do exilio a carón da xesta de María Pita. A Balteira foi a soldadeira de máis recoñecemento medieval; divertía aos soldados co canto, baile e co seu corpo; está vista con afecto, agrado e cortesía. Rui Xordo, composición que homenaxea ao dirixente da primeira Revolución Irmandiña que encabezou o levantamento labrego en 1431 contra Nuno Freire de Andrade, está escrito nunha composición clásica que resalta a súa maxestuosidade. Destaca unha dignidade primitiva, a denuncia do clasismo, ata chegar ao clímax final que invita á loita redentora desde a conciencia popular. O último poema, un romance octosilábico que mestura a historia coa lenda, denominado "O touro", recupera a proba do bispo de Iria e Compostela Adaúlfo, quen intentara erradicar a corruptela dos curas e foi acusado de sodomía; para demostrar a falsidade debeu poñerse diante dun touro, que non o investiu. Desde a interrogación á dúbida, os axentes sobrenaturais protexen o bispo, pero "¿Quen lle dixo ó touro verde/ segredos de sodomía?".

Xesús Lorenzo Varela Vázquez.

Fardel de eisilado , como as outras obras de Luís Seoane, recobra o pasado como fonte de inspiración para o presente e o futuro; dáse unha visión de Galicia a través de dous séculos de emigración. O tema continuo é a emigración; logo aparece o exilio, a Galiza marxinada, a recuperación dos heroes anónimos que fixeron o duro traballo para que outros se fixesen ricos; e como corolario, a denuncia da dependencia galega, xa que a emigración enriquece terceiros países e deixa sen xuventude, sen futuro a nosa patria. Neste libro temos denuncia, compromiso social, mais tamén unha anovadora intención poética. Seoane recupera a dimensión ética e defende a plurivalencia dunha poesía humanizada que sirva ao home galego.

O primeiro poema do libro que enmarca a súa mensaxe é "O pintor eisilado"; nel conecta pintura e poesía; o drama colectivo interpretase desde a desgracia individual na que tamén se poden advertir matices autobiográficos, aínda que estea escrito nunha terceira persoa. Como sempre a mensaxe é directa, rómpense as convencións poéticas, abandona o ritmo, a musicalidade e as estrofas clásicas; achégase ao narrativo, mesmo á crónica. A utilización do adxectivo, das enumeracións, dos espacios en branco e do deseño tipográfico unido á vocación filosófica e humana producen un resultado anovador para a literatura galega, despois moi vitoreado na poética de Celso E. Ferreiro. Seoane presenta un afán por detallar o espacio e a temporalidade do texto; isto vese nese poema que se sitúa camiño do exilio, despois de pasar tres horas en Vigo semiclandestino, "Dende o Highland Princess. Outono 1949". O ciclo de Ramón Cernadas, un home que se recolle das sombras da historia e emigra coa familia nunha expedición poboadora cara á Pampa. Despois segue aparecendo como anónimo, traizoado e escravizado polo Virrei ata chegar a traballar coma os animais, sen patria e sen espírito. Ao final aparece a redención social dos poboadores fronte aos soldados do Virrei. Nas seguintes composicións o poeta presta a voz aos trabal'adores emigrados noutras latitudes americanas, resaltando ás veces a vea social-realista, para denunciar as condicións infrahumanas. Outra serie de poemas centra a atención na emigración bonaerense; neles reflexiónase sobre os costumes e actividades dos emigrados, denúnciase a ritualización dos ideais e destrúese o mito da súbita riqueza. O poemario desmitifica a emigración, reivindica o heroísmo do galego anónimo e amósanos o esforzo fracasado no ouropel dos países afastados.

Lonxe , de Lorenzo Varela, na primeira edición leva un prólogo de Arturo Cuadrado en que equipara o poemario a un himno; "no seu día ista poesía será coma un volcán", escribe. No libro destacamos dúas liñas: a nostalxia e a compoñente mitificadora. Nestes poemas nótase a idealización dos recordos, a melancolía e o desarraigo, tan típicos do exilio. Desde o primeiro poema "Lonxe" temos esa idealización da paisaxe perdida e a imposibilidade do reencontro coa Terra, que levan ao ensoño, ao esquezo e á morte. Para combater esta tristura emerxen os ritmos populares e a incitación aos bailes patrios; outras veces, fíxase no carácter épico de elementos populares; así, "Os bois" son un trasunto da propia colectividade galega. Remata o libro co aloumiñado "Lugo", un intento íntimo e afectivo de conseguir o paraíso perdido.

O mito pode aparecer a partir do remoto pasado histórico-lendario, como en "Dolmen", que recolle o pouso celtista e sintetiza intemporalidade e identidade nacional. Tamén se mitifican figuras simbólicas da guerrilla e da loita pola democracia; Manuel Ponte, o coñecido guerrilleiro, dálle nome a un poema que utiliza a súa morte para facer unha chamada á acción. Na mesma liña están "Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiriados" ou "Manuela Sánchez", personaxe tamén real de S. Vicente de Carrés (Cesuras). Esta deu agocho aos guerrilleiros da IV Agrupación Guerrilleira, e rodeada a súa casa, pistola en man, abriu fogo contra os perseguidores ata ser abatida de morte, para que fuxisen os guerrilleiros; pouco despois o home, fillos, filla e xenro tamén foron asasinados. Lorenzo Varela une o discurso popular coa sutilidade poética; sen vinganza, coa integración da muller na natureza, fai de Manuela un símbolo de combate, esperanza e universalismo.

Os relembros-As cantigas é un libro de Emilio Pita publicado na colección "A Herba de Namorar" da Editorial Citania; nostálxico e fresco, denso e desenfadado, arcaico e intemporal, digamos que busca o zume máis prezado da lírica. A musicalidade e a viveza dos versos non poden esconder a nostalxia da natureza perdida, as cantigas e as sensacións doutrora, que chegan revoltas e feridas ao corazón do poeta. Sóñase coa felicidade pasada da infancia, cos olores inesquecíbeis; en definitiva, o tópico do paraíso perdido, aquí a tres bandas, a infancia feliz, a natureza e a Terra. As tristuras e as felicidades exprésanse indo ao elemental; depúrase a anécdota e vaise ao sentimento con imaxes puras e densas. Tendo gran dominio das figuras, imaxes e símbolos, o que máis importa é a emoción transmitida. Para iso cómpre unha interacción profunda do lector, reconstruír a mensaxe poética, a saudade da felicidade pasada a carón do pai, da avoa, os amores infantís, San Xoán ou Noite Boa. A incorporación do xogo musical, do estribillo popular, airea e desdramatiza o transcendental, sexa amor, sexa devoción.

Capa gravada polo propio Seoane para  Fardel de Eisilado.

Os recursos estruturais —igual que nos outros poetas comentados— non se limitan ás convencións tradicionais; na súa disposición e focalización radica parte do estrañamento poético, se ben neste caso os recursos estilísticos, fonoestilísticos, ritmo, cadencia e tensión interna están máis conseguidos. O regreso á inxenuidade convértese nun novo valor que ceiba perfumes, alegrías, xogos e soños, para soportar a distancia de todo o perdido. Só emerxe algún desafogo reivindicativo co fin de denunciar o ocultamento cultural; pero todo fica inmerso no regreso ao próximo, á natureza, á liberdade: á vida, con pillaras, margaridas e sol. O mar é atracción e fronteira; as andoriñas veñen do mar e vanse ao mar, polo mar marchou o poeta "nunha dorna de néboa". Con todo, ao final dos relembros sobresae a soidade do suxeito lírico, do poeta emigrado, da Terra que fica soa, e a tristura do acontecemento que inclusive conmove a estrela. Nas cantigas insístese na nostalxia, a infelicidade, a saudade da infancia, o desexo de voltar, a morte, a arela por descansar na Terra despois de morto, as lembranzas como tesouro, o esquecemento, a opresión da Terra e o galeguismo consciente que algún día volverá á Galiza.

IMAXES