A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
Por unha literatura normalizada

Plenamente conscientes de herdar dos Precursores unha situación de anormalidade lingüística e literaria, atopamos entre os membros das Irmandades ,de Nós e do Seminario de Estudos Galegos unha serie de iniciativas conducentes a superar esa situación:

  1. É preciso producir literatura nos máis diversos xéneros literarios, polo que hai que volcarse no aspecto máis defectuoso: a prosa, e concretamente o ensaio como xa temos sinalado. Xa con moitos anos, nunha entrevista realizada a Otero, este explicaba como aos membros da súa xeración non lles quedaba tempo para nada porque había que facer todo: escribir, dar conferencias, integrarse na política, editar,..., para cubrir o maior abano posíbel de ámbitos de uso do idioma.
  2. É preciso tamén ampliar o número de receptores de galego, para o que van potenciar as pequenas publicacións e dedicar moitos esforzos á creación de empresas editoriais. Igualmente, e sendo conscientes da facilidade de comunicación da arte dramática van contribuír ao seu potenciamento, tanto coa escrita de textos como coa creación do " Conservatorio Nazonal de Arte Galega ",escola de formación de actores, pois esta é considerada unha das carencias máis importantes do noso país.
  3. Non se pode continuar, se queremos dotarnos dunha literatura culta, elevada, reducindo o uso do noso idioma ao folclorismo ruralista. De aí que as críticas ao tipo de teatro que se viña facendo ata o momento sexan constantes. Ademais do escaso desenvolvemento do xénero teatral no noso país, este estaba anquilosado nunha serie de comedias ou de pezas onde ben se misturaba o uso de galego e español, ben se utilizaba un galego vulgar, mesmo con esaxeracións, presentando aos paisanos como persoas brutas e ignorantes. O modelo a seguir polos autores galeguistas vai ser a tan louvada obra " A man da Santiña "de Cabanillas, primeira peza teatral na que todos os personaxes pertencen ás clases altas e falan galego. Velaí o exemplo. Velaí a intención pedagóxica dun teatro que fai chegar as mensaxes con rapidez.

O mesmo acontece coa novela galega, que non debe caer no ruralismo, como afirma Carré no seu artigo " Encol da novela galega ",pois facendo novelas de temática rural o que facemos é profundizar na identificación galego = rusticidade, que tanto mal ocasionou ao noso idioma. Aparece xa neste artigo unha afirmación que vai logo ser fundamental para toda a crítica literaria galega: " NOVELA GALEGA É TODA NOVELA ESCRITA POLO SEU AUTOR EN GALEGO, sexa o que for o seu asunto e mailo ambente que ela refrexe ".

Álvaro Cunqueiro, Fernández del Riego e Ricardo Carvalho Calero fotografados na Compostela dos anos trinta.

  1. Un pobo cunha literatura normalizada ten tamén que poder ler a literatura universal na súa propia lingua, feito que levou a que, malia non seren filólogos, os homes de Nós decidisen verguer á nosa lingua todo tipo de textos pertencentes a outras literaturas. Así, ademais da famosa traducción de fragmentos do Ulysses de Joyce feita por Otero, de diferentes poemas irlandeses, franceses, ou mesmo de literaturas exóticas, tamén se ofrecen versións de textos científicos ao galego, para demostrar a validez da nosa lingua como medio de expresión de calquera campo do saber.
  2. Xa para finalizar este apartado, non pode haber unha literatura normalizada sen a existencia da reflexión sobre o que se está a construír, sen o continuo interrogante sobre o noso pasado, o presente e o papel que queremos desempeñar. De aí que xurdan neste momento moitas voces que, observando un importante cambio, tanto cuantitativo como (e sobre todo) cualitativo no uso do idioma, reflexionan sobre esta nova situación. Os ensaios " Balance e inventario da nosa literatura "," Encol da novela galega " e " A moderna orientación do teatro galego " son boa mostra desta capacidade de autocrítica necesaria para a renovación do panorama literario do momento.

IMAXES