A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
Por unha visión do mundo en galego

Tal e como Otero nos deixou "unha interpretación unitaria e coherente da nosa terra e do seu esprito", como ten afirmado Salvador Lorenzana, os autores destes vinte anos ofrecéronnos unha nova visión do mundo na que era necesario realizar unha focaxe desde a Galiza e en galego, feito que mudaría toda a nosa percepción anterior. Do mesmo xeito que tras a súa integración no galeguismo, os homes do cenáculo ourensán deixan de ter prexuízos a respecto do noso idioma e da nosa cultura, pois venceron e superaron esa capa de cultura allea, falsa, mimética que os recubría, despois de ler o escrito, o producido nesta etapa, xa a nosa visión do país non pode ser a mesma.

Fartos de imitar, de repetir o que outros fan, procúrase agora a nosa orixinalidade, o noso enxebrismo, aquilo que nos fai ser diferentes, e, por iso mesmo, universais. Profundizando nestes aspectos atopamos nas páxinas de Nós e A Nosa Terra artigos como " A vida das civilizaciós "de Lois Peña Novo, que indica os fenómenos que marcan o grao de vitalidade dun pobo: a imitación ,propia dos seres inferiores, a asimilación , é dicir, a asimilación consciente que recolle os valores alleos mais transformándoos e superándoos, ao incorporar a eles algo persoal e, por último, a expansión, que se dá nos valores superiores. Outros ensaios, como " Perspectivismo, esprito e lingua " de Manuel Lesteiro insiste nas relacións entre lingua e pensamento, entre palabra e idea, para levarnos a matinar sobre a perda de matices e a diferente visión do mundo que posuímos expresándonos en galego ou en español, feito, xa que logo, nada arbitrario, pois somos debedores do construído antes ca nós.

Reclamo publicitario aparecido en Nós .

Nunha visión do mundo en galego non podía faltar o estudio do noso folclore, da nosa etnografía, unha das seccións máis innovadora do Seminario, na que participaron Vicente Risco, Fermín Bouza Brey, Manuel Magariños Negreira, Xurxo e Xoaquín Lorenzo, Xosé Filgueira Valverde, etc. A análise do folclore en distintos puntos da nosa xeografía (San Andrés de Teixido, Compostela, Cariño, Paradela...), os estudios sobre o demo, as bruxas, a regueifa, as domas, os xogos, o repertorio de cancións populares, adiviñas e refráns recollidas, dan boa mostra do interese que este tema (ao que dedicaron un importante número de páxinas) tiña para os membros de Nós e do Seminario.

Unha nova visión do mundo desde o punto de vista xeográfico supuxo a aportación de Otero a unha concepción humanizada da paisaxe da que xa temos falado. No artigo " Encol da aldea " ofrécenos un xeito diferente de analizar a historia, a arte, o carácter dos pobos: subir a un tellado e deterse a reflexionar sobre o que nos ofrece, as diferentes configuracións das rúas, os ecos, as xentes, todo ha de dar lugar a unha estética da paisaxe tantas veces desenvolvida polo noso autor, ou a unha estética da Xeoloxía, tamén reivindicada. Tamén é neste ensaio onde Otero nos di quen era aquel Fontán que elaborara un mapa que D. Bernaldo, antes de morrer, ensina ao Adrián Solovio de Arredor de si e que muda radicalmente a súa vida: " No meu despacho da aldeia teño o vello e grorioso mapa de Galiza por Fontán, catedrático de Matemáticas Subrimes na Universidade de Compostela alá polos anos de Corenta e tantos ". A partir desta cita comeza a describir unha das paisaxes que mellor aparece retratada nos seus textos, a bocarribeira, comezando por afirmar que a unidade vital galega é a parroquia, pois antes xa tiña criticado a absurda división provincial.

IMAXES