A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Precedentes e influencias

Tense asociado tradicionalmente o que se deu en chamar "Nova Narrativa Galega" cos movementos de renovación formal e temática que se dan en Europa e América nos anos 50 e 60, especialmente co coriecido "Nouveau Roman" francés. A crítica especializada no tema diverxe á hora de situar o grao de semellanza entre o fenómeno literario galego e os seus posíbeis precedentes. Con todo é necesario facermos referencia ás transformacións na concepción do xénero narrativo, da novela en particular, que se dan na literatura universal desde principios do século XX, rachando co individualismo e a novela de personaxe característicos do século XIX. Unha fonda transformación social explica este fenómeno, e será o paso do capitalismo liberal ao imperialismo que fai desaparecer, cada vez máis, a importancia do individuo. As repercusións na literatura son palpábeis, e así a biografía, a historia do personaxe, é substituída por historias sen argumento, sen lóxica, cun forte compoñente de absurdo. Como explica María Xosé Queizán (1979):

Fotografía aparecida na primeira edición de  A orella no buraco , de María Xosé Queizán, en 1965.

"Esta forma novelesca é, por esencia, crítica e oposicional. Sendo produto da sociedade burguesa e da súa evolución, é paradoxicamente unha forma de resistencia individual a esa sociedade cuantitativa e alienante".

As primeiras novelas que seguen estes parámetros constitúen produtos individuais, non podendo ser adscritos a unha escola ou movemento definido. As máis importantes son: A metamorfose (1916) de F. Kafka, Ulises (1922) de J. Joyce, e na literatura estadounidense Manhattan Transfer (1925) de John dos Passos, O son e a furia (1929) de William Faulkner. Ademais desa ausencia de historia, destacan características como a multiplicidade de puntos de vista, a ruptura temporal, os espacios ilimitados, a utilización do monólogo interior. Este último recurso será un dos máis utilizados na narrativa do momento e ten na figura de Joyce un dos seus mellores divulgadores, aínda que o primeiro escritor que o utilizou foi o francés Edouard Dujardin nun relato de 1887 ( Les lauriers sont coupés ) . Con el trátase de manifestar a confusión e a desorde no fluír da conciencia, sen permitir a intervención dun narrador externo. Trátase, en suma, dunha novela de difícil lectura en que o lector debe facer o esforzo de comprender unha realidade subxectivizada e distorsionada.

O "Nouveau Roman" francés constitúe a manifestación máis complexa e rigorosa das técnicas deste novo xeito de narrar, destacando, ademais, a influencia dos escritores franceses que anteceden este grupo, como Marcel Proust, Jean Paul Sartre ou Albert Camus. Os autores e autoras que tradicionalmente se encadran neste conxunto serían Nathalie Sarraute, Claude Simon, Michel Buttor, Marguerite Duras e Alain Robbe-Grillet, que é así mesmo o teorizador da xeración no seu libro Pour un Nouveau Roman ,de 1963. As características esenciais das súas obras resumiríanse nas seguintes claves:

  • Abandono da trama argumental. Non hai orde nen lóxica nos acontecementos. Os personaxes son seres sen identidade sumidos nunha traxectoria igual de incoherente que a propia vida.
  • O personaxe caracterizado, con orixes, familia, profesión, nome, etc., desaparece da novela. É unha caste de antiheroi, que forma parte do contorno como un obxecto máis.
  • Reformulación da dimensión temporal. Hai un estancamento do tempo, sempre nun presente indefinido, sen remate. Os personaxes nunca parecen ter présa.
  • Obxectalismo. É, con certeza, un dos trazos que mellor caracterizan o "Nouveau Roman". Os obxectos van adquirir grande relevancia nos relatos ao seren descritos cunha minuciosidade e detalle inusitados. Así a descrición vai ser un dos soportes fundamentais do texto. Cómpre relacionarmos esta característica co proceso de cousificación ao que os individuos se ven sometidos no sistema capitalista, en que todo é producido para o mercado e os seres se transforman tamén en obxectos cun valor, o prezo. Esta presión economicista relega os valores humanos a un segundo plano, desaparecendo os sentimentos e a vida interior. Esta cousificación social está evidentemente detrás do obxectalismo na literatura.

Ben é verdade que a "Nova Narrativa Galega" non é un calco, nin moito menos, da súa homónima francesa. Vai haber unha serie de características que singularicen a obra dos escritores e escritoras galegas, condicionados, obviamente, por un contexto histórico, social e editorial particular, e tamén por un público lector substancialmente distinto. Sen embargo, non sería prudente ignorarmos as relacións entre ambos os fenómenos literarios, reivindicadas e recoñecidas mesmo polos nosos autores e autoras.

IMAXES