A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
Principais etapas da súa carreira literaria

Unha das principais características da obra de Ferrín é o seu carácter unitario. Como el mesmo afirma no "Aviso un" a Elipsis e outras sombras ,o libro sería " apenas un fragmento do libro que despaciosamente escribo dende unha tarde fría de 1955 na que se me revelou a vía que conduce a certa literatura nostálxica e materialista, apuntada cara un futuro noso, de pólvora e cristais liberados ".

A pesar de que poidamos distinguir diferentes momentos na súa obra, con estéticas e preocupacións diversas, o certo é que xa desde os primeiros relatos, os de Percival e outras historias ,aparecen unha serie de temas, personaxes espazos e mesmo estructuras e técnicas narrativas que non farán máis que repetirse de obra en obra, aínda que cada vez cunha particular modulación.

Coas tres primeiras obras ferrinianas, Percival , O crepúsculo... e a novela Arrabaldo do Norte poderíamos falar dunha primeira etapa. Trátase de tres obras de mocidade, feitas, sobre todo a segunda e terceira, nuns modelos estéticos moi determinados, que encontramos tamén noutras obras de escritores contemporáneos como Xohán Casal, Rodríguez Mourullo, ou María Xosé Queizán . Hai nelas un rexeitamento do costumismo, do realismo clásico e sociolóxico, e un interese moi claro en incluír algúns rexistros temáticos e técnicos propios da novela moderna que foran cultivados na narrativa europea e americana e que, por razóns históricas e culturais, non tiveran impacto ningún na nosa literatura: así, as temáticas de tipo psicolóxico, a presentanción de personaxes antiheróicos, con características mesmo patolóxicas, a adopción de voces narrativas inusuais, o propósito deliberado de unir o real e o fantástico, de borrar a diferencia entre o normal e o anormal, unha lingua e un estilo bastante austeros, depurados, afastados de retóricas así como a vontade de renovar a lingua literaria galega e os seus modos de narrar implican un claro substrato nas teorías psicolóxicas, antropolóxicas e literarias que fixeron posíbel movementos por outro lado tan variados como o expresionismo, a literatura existencialista e do absurdo ou a literatura obxectalista á francesa.

Nestas obras de Ferrín encontramos ecos de Kafka, de Faulkner, de Robbe-Grillet, de Ionesco ou Beckett. Isto non significa negarlles orixinalidade, pero si recoñecer a existencia dun clarísimo estilo e temática de época, e de incorporación de contidos e técnicas provenientes doutras tradicións literarias. Isto non respondía só ás lecturas ou ás influencias dos autores da chamada Nova Narrativa ,senón tamén ao propósito deliberado de "Galaxia" de incorporar e modernizar a literatura galega precisamente nestas claves.

A primeira, Percival , é tal vez a máis innovadora das tres, xa que se notan menos as influencias de escola e a orixinalidade é maior. Sorprende o carácter innovador desta serie de relatos, onde xa aparecen prefigurados algúns temas de Ferrín: unha xeografía fantástica (o Xardín das Outas Árbores de "Percival"; esa nación de Nijmenk —"O dique de area"— que é un primeiro esbozo do que despois será Tagen Ata), a dialéctica entre o real e o ilusorio ("A cancela", "Philoctetes"), as metamorfoses, sempre asociadas ao problema da identidade e ao misterio da condición feminina ("Nhadron", "Lorelai", "Mantis religiosa"), a denuncia da opresión e do crime e a presencia constante da violencia ("O asasino", "O verdugo", "O dique de arca", Grieih", "O crime do chalet vermello"), e todo cunhas características estéticas moi determinadas: unha onomástica exótica, unha localización espacial de interiores (cuartos, casas isoladas, un templo, o cárcere, ambientes sempre claustrofóbicos), ou exteriores (o bosque, prazas e cidades de lugares imprecisos) claramente connotados, cun cromatismo e unha luz usadas de maneira expresiva como correlatos de estados emocionais, ambientacións crepusculares ou nocturnas, presencia de elementos inquietantes e simbólicos (o mundo dos insectos) etc.

Méndez Ferrín no Centro Galego de Madrid con Reimundo Patiño e Fernández Ferreiro.

Tres anos máis tarde aparece outro volume de relatos, O crepúsculo e as formigas ;algunhas das temáticas e dos ambientes de Percival mantéñense aquí, pero as influencias de escola parecen maiores: algúns deles ("Diario", "Dúas cartas a Lou") presentan unha temática psicolóxica ás veces demasiado evidente que se asemellan moito a algúns relatos de Samuel Beckett, outros aproximánse á narración absurda de interpretación simbólica ("A Casa azul", "O cadro asasinado"), outros recórdannos relatos de misterio ou terror ("Os homes e a noite","O Suso"), ou preséntannos dunha maneira obxectiva e fría a realidade absurda da morte á maneira dun Camus ("Ramil..."ou "A cabeza fendida"). A brevidade e o carácter fragmentario dalgúns (" Un chinche... "),unha xeografía real noutros casos (Vigo, Ourense, Santiago), e un fondo pesimismo existencial parecen caracterizar esta obra, cousa que podemos comprobar lendo o fragmento introductorio dos relatos que, utilizando elementos estéticos propios do expresionismo, supón unha explicación do título do conxunto e o recoriecemento da imposibilidadede explicar o mundo:

" Achego a miña cara á fiestra, aos vidros da fiestra, e vexo a rúa longa, ateigada de xente informe, coma un carreiro de formigas que fervera estreitamente, escuramente.

Os homes son coma formigas, na vila sen nome.

E eu, niste intre do crepúsculo, véxoos desdebuxados, esvaídos, pois o alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón antre os homes e a miña ollada "

Do ano 64 é a súa primeira novela, Arrabaldo do Norte. Partindo argumentalmente do relatado en "Duas cartas a Lou" fai Ferrín unha novela ao estilo da narrativa francesa do "nouveau roman": un personaxe anónimo á procura dun obxectivo impreciso nunha cidade innominada; as descricións demoradas, en ralentí, desa xeografía urbana desolada e despoboada, a súa xeometría labiríntica e un final tamén circular constitúense en símbolos da condición humana e tamén en manif esto dun novo estilo de narración: a negación do heroi clásico, pero tamén da intriga, da trama e do desenlace narrativo.

Cando se publique no ano 71 Retorno a Tagen Ata terán pasado moitas cousas. Esta noveliña supón un certo cambio de orientación na súa narrativa; por un lado, será a primeira vez en que apareza o país de Tagen Ata, transposición de Galiza; nas notas a pé de páxina vaise contruíndo a historia e características desta nación imaxinaria; tamén en Retorno ..,podemos ver unha reutilización, unha inclusión neste novo espazo de lugares e personaxes dos libros anteriores, algo que demostra a vontade ferriniana de que o conxunto da súa obra presente este carácter intertextual: Natalia Olsen, a tía de Rotbaf Luden, era un personaxe de Arrabaldo ...; o mesmo arrabaldo é agora parte integrante de Tagen Ata; Zabrate e Els Bri, servidores de Ulm Roan, eran personaxes protagonistas de relatos de Percival ...;a Grande Fraga onde está viva a resistencia parece coincidir co "Xardín das Outas árbores" de Percival...; a obra é unha alegoría política, unha obra de política-ficción onde se explica a aparición do nacionalismo revolucionario dos 70 e a súa ruptura co galeguismo culturalista. Retorno ...ten sido interpretado como unha novela en clave, un axuste de contas ideolóxico e xeracional onde Ulm Roan encarna as posturas ideolóxicas do piñeirismo e Rotbaf Luden, a heroína, as da nova xeración nacionalista. Sen negar que esta lectura, feita desde o contexto político da época e a partir da biografía do autor e da súa xeración, é lexítima, sería arriscado afirmar que sexa a única lectura; por outro lado, impórtanos destacar que aquilo que, por xogar no campo da loita ideolóxica, podía correr o risco de se converter nun texto de interpretación unívoca e ser lido, polo tanto, como un simple panfleto, adquire no seu tratamento narrativo un carácter moito máis complexo: como en moitos outros relatos de Ferrín, as paradoxas da fascinación e a repulsión unidas na mesma figura (Rotbaf Luden quere matar a Ulm Roan, pero vese seducida por el), e as difíciles relacións e límites entre o real e o imaxinario (Rotbaf Luden non mata a Ulm Roan: soña que o mata) introducen unha complexidade que descarta calquera simplismo interpretativo.

Os dous volumes de relatos seguintes van na mesma dirección. En Elipsis e outras sombras é onde mellor podemos observar ese peculiar relato de significación política feito ás veces nuns moldes estéticos próximos á ciencia-ficción: se nalgúns, como "Prólogo. Impunidade" as referencias históricas son directas, noutros (como por exemplo "Elipsis" e "Labirinto") son indirectas, aínda que abondo claras: xa non se trata só de denunciar unha situación histórica concreta senón tamén os mecanismos do Poder e da Dictadura en xeral, bastante sofisticados, xa que non se limitan á simple sumisión e dominio dos corpos, senón que acadan a súa máxima sofisticación no dominio do espírito: véxase a este respecto "Elipsis" (cuxa idea central veremos repetida máis tarde en "Botas de elástico"). Se nalgúns relatos a diatriba é rotunda ("Prólogo"), noutros aparece outra vez o paradóxico como elemento esencial na resolución da trama ("Labirinto"), cousa que xa viramos en Retorno a Tagen Ata.

No ano 76 aparece a súa segunda novela, Antón e os inocentes. Nela aparecen moitos das obsesións de relatos anteriores: a maldade asociada ao fascismo e a unha violencia sádica e destructora (personificada na figura de Antón); a evocación nostálxica da adolescencia e da mocidade, nas figuras de Narda e Alberte, que supón tamén a recuperación do seu pasado e das súas orixes familiares e de clase, labregas e mariñeiras, nalgunhas das páxinas de maior altura lírica escritas por Ferrín; unha evocación de Vigo e do Santiago universitario... Dalgunha maneira trátase dunha novela de aprendizaxe, onde os dous protagonistas perden a inocencia e se enfrentan á realidade do mal e da inxustiza. Como novela, Antón... é bastante inusual: a linguaxe e o estilo non están postos ao servicio do avance da historia, non se limitan a ser simples instrumentos funcionais da trama, senón que cobran no proceso de lectura unha grande autonomía, de maneira que moitos capítulos, narrados nun estilo épico ou lírico, conseguen unha certa independencia estilística e temática que lles dá unha clara singularidade dentro do conxunto. Algúns destes fragmentos, por exemplo aquel onde se nos describe o mundo mariñeiro, son tal vez algunhas das páxinas máis brillantes que Ferrín teña escrito.

De 1980 é un dos libros de relatos máis logrados de Ferrín: Crónica de nós ,que inclúe algúns tan importantes como "Sibila", "Episodio de caza" ou "Odiado Amado". A temática política é evidente en moitos deles: "Sibila" e "Animal" teñen bastantes semellanzas: preséntannos o tema do fascinio dun mal onde se funden beleza e horror, e uns protagonistas que encontran a súa condenación e á vez o seu premio —outra vez a paradoxa— na asunción masoquista da humillación e da tortura; "Sibila" tal vez sexa o relato onde mellor se reflexe esa fascinación que o fascismo exerceu sobre as masas e sobre algúns artistas. "Episodio de caza" resulta ser un relato onde a evocación das guerrillas acaba converténdose no seu espectacular final nunha mostra patente das diferencias entre o real e o fantástico e nunha clara denuncia da covardía dos intelectuais. En "Dictadura das cousas" —relato que xa aparecera en Elipsis... —hai unha denuncia bastante explícita da sociedade de consumo, e a alternancia de dúas linguaxes con propósitos críticos. Desde o punto de vista ideolóxico e persoal non hai dúbida que o relato máis importante é "Odiado Amado", porque é o documento que patentiza a segunda ruptura de Ferrín; da primeira xa demos conta ao falarmos de Retorno ... . Neste segundo caso trátase da denuncia do nacionalismo pequeno burgués, que se acaba emparentando mesmo co nazismo e que se encarna na figura egotista e atormentada de Amado Noia, destinatario desa longa serie de descalificacións que lle dirixe un narrador que representa as posicións do nacionalismo revolucionario; a súa evocación da traxectoria vital e ideolóxica de Amado Noia, novo Ulm Roan, vaise alternando coa descrición en ton épico dun suceso climático para todo revolucionario: unha folga xeral en Vigo; o final do relato, como en moitos de Ferrín, sorpréndenos e á vez obríganos a replantexar o sentido do conxunto: o "Meu meu odiado amigo Amado Noia" co que comeza é unha boa mostra da presencia da ambigüidade que resulta de unir termos loxicamente opostos, e no desenlace acábase inopinadamente coa fusión, coa identificación (como noutros casos, diante do espello) de narrador e narratario nunha mesma persoa: o descoñecido narrador e Amado Noia son o mesmo ser, a crítica era unha autocrítica, e a necesidade de acabar co traidor convértese así nun suicido.

Méndez Ferrín, mantedor dos Xogos Florais de Buenos Aires, coa raíña Luz dos Ánxeles R. Durán.

Dous anos máis aparece outro libro de relatos, Amor de Artur, que parece afastarse de calquera temática política directa e volver a camiños anteriores, como é o caso de "Amor de Artur", onde se retoma a Materia de Bretaña para apresentarnos un mundo artúrico crepuscular, onde a viaxe de Artur para recuperar o amor de Guenebra non acaba de maneira unívoca, senón nun clímax en que o amor e o desamor, a fidelidade e a infidelidade, termos opostos, rematan por fundirse de igual maneira que parecen fundirse finalmente os personaxes de Artur, Guenebra, Liliana e Lanzarote. "Familia de agrimensores" constrúenos unha historia onde, ademais de aparecer Tagen Ata cun novo valor —aquí o referente parece ser un impreciso país da Europa oriental , explórasenos o tema do medo e da exclusión do personaxe desde o que se focaliza o relato: Sabina, mestra represaliada, vese desprazada no servicio e no amor á súa dona por unha estraña presencia, inquietante sobre todo porque queda oculta. Toda a mestría do relato descansa na suxestiva evocación desa presenza ameazante —que non se chega a desvelar— e dos seus indicios. En "Calidade e dureza" móstrasenos outra vez a enorme capacidade de Ferrín para criar mundos propios: neste caso o Imperio de Lam-ko, evocación dun imaxinario país con características orientais: Els Bri, que xa aparecera como personaxe en "Mantis religiosa" e ao final de Retorno... é agora unha investigadora que traballa sobre un escritor de Lam-ko chamado Seida Sokoara; a fascinación que este escritor exerce sobre Els Bri provoca que esta queira romper esa barreira espacio-temporal, e identifícase con Ela, nome dun personaxe feminino criado polo escritor e sobre o sepulcro da cal este acabou precisamente morrendo. A identificación entre observador e observado, o misterio da identidade e da fascinación aparece outra vez máis nun conto paradóxico. "Fría Hortensia" é un dos relatos máis fermosos de Ferrín: hai nel un paralelismo, un xogo constante e alternado entre dunha parte a mitoloxía da Nosa Terra (a comarca natal do propio Ferrín) e as súa guerra con Tagen Ata, feita en moldes literarios que parecen tomados das sagas nórdicas ou da literatura céltica, e que vai sendo relatada aos rapaces de Vilanova por Fría Hortensia, e doutra parte a historia do protagonista e narrador e da súa prima Maribel, onde se describe dunha maneira maxistral a sensibilidade adolescente do protagonista, tinxido o relato pola melancolía que supón a distancia existente entre o tempo en que se sitúa o narrado e o tempo desde onde fala o narrador.

Do ano 85 é Arnoia, Arnoia . Trátase dunha pequena novela de aventuras ambientada nese mundo de ficción que constitúe Tagen Ata e a Nosa Terra e seguindo o modelo da Odisea : o protagonista, Nmógadah, é un mozo que trata de voltar ao seu fogar, a Casa Pequena do país de Arnoia, e para iso compriralle pasar por diferentes probas, vivir toda unha serie de peripecias nas que se irá encontrando con amigos e inimigos, salvar toda unha serie de obstáculos que son auténticas experiencias iniciáticas que o conducen á madurez e o fan merecedor do seu obxectivo de retornar a casa. Ademais de relato de aventuras e de homenaxe ás convencións deste xénero narrativo, o seu maxistralmente escrito desenlace descansa tamén na idea de sorpresa e desencantamento: Nmógadah, coa espada Milmanda na man, abre a porta que o leva á casa, e aparécesenos no cuarto dun rapaz, el mesmo, que acaba de cumprir ese día os seus dezasete anos, de maneira que todo o relato acaba sendo unha nostálxica despedida da infancia e a asunción da madurez.

Do ano 87 é Bretaña, Esmeraldina : unha novela carcelaria onde o protagonista, Amaury Keranflec'h, revolucionario bretón que loita pola independencia de Tagen Ata, fai unha serie de viaxes en soños a unha Bretaña fantasmagórica co obxectivo de coñecer as súas orixes (os pais e unha infancia que non recorda) que se van alternando coa súa estadía na prisión da rúa do Príncipe e a súa toma de contacto coas células da resistencia azerrata. Amaury vai asumindo nesas viaxes á Bretaña e ao pasado diferentes personalidades que corresponden aos seus devanceiros e que ás veces se confunden con el deliberadamente, converténdose en encarnacións particulares da mesma persoa en diversos momentos temporais. Amaury fracasa nesa procura da identidade e do pasado e, como xa acontecera co protagonista de Arrabaldo do Norte , remata sen coñecer as súas orixes. Toda a novela está montada nesa alternancia entre as viaxes por Bretaña e o mundo do cárcere. Este espazo particular non era a primeira vez que aparecía na narrativa ferriniana (xa o fixera en "Philoctetes") e adquire unha significación especial que veremos máis adiante.

Como xa sucedera en Antón e os inocentes, hai moitas pasaxes da novela que reflexan ese estilo case lírico; estructural e argumentalmente, a novela parece non avanzar, faise excesivamente reiterativa, e esa final aberta despois de estalar a rebelión no cárcere parece pechar en falso a novela. Así como nos relatos Ferrín é un auténtico especialista á hora de clausuralos maxistralmente con eses finais que, segundo as teorizacións de Poe, Quiroga ou Dieste , iluminan todo o anterior e danlle sentido ao conxunto, Arrabaldo do Norte e Bretaña , Esmeraldina parecen novelas circulares, onde finalmente parecemos estar no mesmo punto de partida.

No ano 91 Ferrín publica o seu último, polo de agora, libro de relatos: Arraianos ; a característica común de todo este conxunto é o espazo narrativo que comparten: a "raia" galego portuguesa do occidente da provincia de Ourense, contiguo xeograficamente coa Nosa Terra, un territorio limítrofe, que se constitúe á vez como espazo de fronteira, de unión e separación a outros niveis: da revolución e da reacción ("O exclaustrado de Diabelle"), da realidade e a ficción ou o imaxinado ("O castelo das poulas", "O militante fantasía"), do observador e do observado ("Adosinda horrorizada"), da inocencia e a crueldade ("Botas de elástico") da normalidade e a anormalidade psíquica ou física ("Liño")... Hai algúns contos que son auténticas reelaboracións de temas xa tratados anteriormente: "Adosinda horrorizada" presenta bastantes similitudes con "Calidade e dureza" e mesmo —no seu desenlace— con "Episodio de caza"; "O militante fantasía" retoma o tema de "Episodio de caza"; a intrincada relación múltiple dos personaxes de "Quinta Velha do Arranhao" aseméllase á que encontrábamos no remate de "Amor de Artur", a estructura de diario escollida para "Lobosandaus", ademais da súa temática (un proceso de ameaza e desintegración da propia personalidade) pode conectarse con "Diario" e "Un chinche durme no teito"; ...o fronteirizo asúmese tamén no idiomático: aparecen opcións lingüísticas dialectais ou ás veces mesmo o portugués ("Quinta Velha...").

IMAXES