A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Realismo

O corpus narrativo realista parte do candor anacrónico do cadro de costumes tradicional; aínda no 1995 aparecen obras como os Contos da baiúca ,

Xesús Rábade Paredes.

de Xosé L. Ripalda , reincidindo nun pintoresquismo decimonónico. Pero xa no 1975 ( Os ovos da pita choca , de Francisco Barxa; A terra prometida ,de Xesús Rábade Paredes; De ida e de volta , de X. Vázquez Pintor ) se tentan timidamente camiños que eviten a eiva do inverosímil estatismo ideolóxico e estético. No 76, Paco Martín publica un texto fundamental, No cadeixo ,combinando o real e o máxico, fórmula que acada moitos adeptos e éxitos e que nós preferimos encadrar nun marco xenérico autónomo, dada a súa relevancia na nosa narrativa. Outro golpe de temón dáo Anxo A. Rei Ballesteros na rupturista Dos anxos e dos mortos (1977), pero o experimentalismo transxenérico unido á marcada endogamia do seu pechado mundo impediron que fose tomada como modelo realista. Posteriormente, a ambiciosa Loaira (1992)continúa este mundo narrativo albergando xa outros presupostos técnicos. Puidera parecer que a ambición non é boa conselleira; xa no 1986 A canción do vagamundo ,de Lois Diéguez, non tivo a acollida que merecía, acusándoa de lentitude e falta de tensión por reflectir taxa de desesperanza da realidade que se está a vivir; por outra banda é obra imprescindíbel para a correcta catalogación de A torre de Babel (1968), novela-prólogo antecipadora do marco xenérico de A canción do vagamundo. Mellores resultados obtén o recurso á ironía; eis polo que A chamada escura dos caborcos (1981),de A. Fernández Paz, acada éxito tanto entre a crítica como entre o lectorado. Dese distanciamento irónico, lóxico, visto o decorrer das cousas, parte a subversión do que se deu en mal chamar "realismo suxo", pola presencia do submundo vulgar e miserábel, de un Manuel Rivas ou un Suso de Toro, que pretende esnaquizar a realidade con discursos plenamente urbanos e inconformistas; tendo en conta que a eles vai ligada unha considerábel carga intimista, moi propia dos discursos máis vangardistas, será aí onde os atopemos.

Cabe agora unha pregunta: ¿cando teremos un realismo sen matices? Morrer en Castrelo de Miño (1978), de Fernández Ferreiro, supón un primeiro achegamento a problemas actuais de que participa o lector —e por iso se viu como unha incursión no best-seller, outra trampa. Recentemente, Pepe Carballude serviunos en SOS (1994) un discurso que toma como epicentro o afundimento do buque Casón. Mención merecen tamén Helena Villar e X. Rábade Paredes con Morrer en Vilaquinte (1980) e a ansia por escapar dos moldes tradicionais. Mais será Froito das lembranzas (1981) de Tucho Calvo quen definitivamente traslade o realismo ao ámbito urbano, batendo no fondo da crise que vive o rural; posteriormente en Astra o confín (1983) incide na reafirmación do novo mundo temático realista.

Van ficar fóra da óptica narrativa aqueles acontecementos sociais que transformaron a vida dos galegos, tara esta que aínda pesa na literatura galega actual. O feito de que a CRÓNICA (ás veces só libros de entrevistas a persoeiros) sexa a tentativa máis frutífera —e con éxito— é especialmente significativo e con ela o escritor recupera unha ilusoria porción de protagonismo social; aínda que é este un espazo editorial tan pouco concreto que un pode atopar desde Alvaro Pino (Suárez Abel, 1989) a Mulleres (Úrsula Heinze, 1991) ou acontecer político de actualidade como en Barreiro contra Barreiro (1990) de Xosé de Cora . Aténdense contextos diversos non limitándose ao seu propio espazo, tempo e historia; nesta dirección destacan Ruído (1995), de Miguel Anxo Murado , onde cada conto nace de vivencias da guerra na ex-Iugoslavia, e ¡Xerusalén, Xerusalén! ... (1992), onde Bernárdez Vilar aborda o conflito árabe-israelí. Tamén ensaiaron a NOVELA-CRÓNICA autores como Francisco Alonso ( Trailer , 1991) ou Valentín Carrera ( Riosil , 1990), pero esta práctica non callou, prexudicada pola debilidade diexética que nela se nota. Xavier Alcalá é autor que presenta fonda pegada autobiográfica e as últimas entregas verifican o interese en relatar as experiencias das súas viaxes a América, como corroboran Latitude Austral (1991), Viaxes no país de Elal (1992) ou Contos das Américas (1992). Ultimamente ensaiouse con éxito a AUTOBIOGRAFÍA ou MEMORIA, en obras como Memorial de agravios (Xosé Alvilares, 1992). E tamén é o momento de falar de Esmoriz (1994), novela de fonda pegada autobiográfica de Aníbal Otero. Estes discursos sitúanse conscientemente preto do RELATO SOCIOLÓXICO, sempre cunha intención mediática previa á realista que ás veces ten orixe no paraíso perdido do tempo pasado, como na recente Raíces Rurais (1996) de Rodríguez Troncoso. Outras tentativas como a de Antón Risco en As metamorfoses de Proteo (1986) son fabulacións de vontade historicista, como xa vimos en Deus sentado nun sillón azul de Carlos Casares. Ao seu carón están outros discursos onde a análise sociolóxica ten procedencia varia; vaian como exemplo Sempre me matan (1995) de A. Conde ou Lobos nas illas (1996), de Marilar Aleixandre, precioso estudio do que significa ser muller e non home, ou Irmán Fisterra (1995) de Luís Rei Núñez , exemplo de socioloxía realista a partir do desaparecido. Se se quere, inclúanse tamén os discursos a que deu lugar a guerra civil ou aqueles que van aínda máis alá, como Amor de tango (1992)de Mª Xosé Queizán.

Suso de Toro.

IMAXES