A Etapa Contemporánea (S. XX)
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
Recepción Crítica

A poesía de Fermín Bouza-Brey foi acollida, como sinalamos, moi favorabelmente antes da publicación de Nao Senlleira ,cando só era autor dalgúns poemas esparexidos polas páxinas das revistas. Vicente Risco, ao repasar, en 1927, a obra dos poetas novos dirá del:

"Bouza Brey pillou todo o engado, toda a delicadeza esquisita, toda a arte sincera dos Canzoneiros, e deitouna en modernidade en fermosísimos poemas que andan polas revistas adiarte. En preno século XX, é un poeta cortesán que sinte o que rima".

Estas palabras do ideólogo nacionalista avanzan as liñas fundamentais da apreciación da súa poesía nos anos seguintes, antes da sublevación do 36. A novidade da súa proposta e a relación coa tradición medieval van ser os elementos destacados xa nun primeiro momento.

A valoración da poesía de Bouza-Brey vai verse pois condicionada, para ben e para mal, polo feito de vir ser a demostración da posibilidade de actualizar unha tradición lírica xenuinamente galega que aínda estaba en proceso de ser asumida como tal. Esta liña de apreciación vai ser explicitada por case a totalidade dos críticos deste período. Por exemplo, un mozo Ricardo Carvalho Calero será dos primeiros en sinalar claramente, en 1931, ese valor de continuidade que representaba a súa obra:

"Hai dúas tradición líricas galegas. Unha que nacendo e morrendo cos Cancioeiros rexurde en Bouza Brey. Outra que xurdindo nos Precursores e pasando por Pondal perpetúase en Cabanillas".

No mesmo traballo ("Ollada encol da poesía lírica galega contemporánea"), engadirá outras notas positivas que serán outras tantas constantes na recepción crítica da poesía do ponteareán: a riqueza da súa lingua, especialmente no plano léxico e o carácter vagamente saudoso dos seus poemas. Ao tempo, combatirá algunha opinión, neste caso desvalorizadora, que tamén acabaría por converterse nun tópico crítico: o seu carácter de puro mimetismo en relación coa poesía medieval e, principalmente, que a presencia do lirismo galego-portugués se reducise a elementos mecánicos como a métrica ou o ritmo.

Fermín Bouza fotografado no transcurso dunha das súas campañas arqueolóxicas.

Carvalho Calero foi quizais un dos lectores máis entusiastas da poesía de Bouza–Brey e, co tempo, acabaría por ser o seu crítico máis atento e constante. Antes do lanzamento de Nao Senlleira ,ponderará o valor do libro ao xulgar que "non cremos que sexa superado en moitos anos". Dous anos despois, xa na rúa o poemario, o mesmo Carvalho publicará, en Nós ,a primeira monografía dedicada ao noso autor, "Grorias e perigos da poesía de Fermín Bouza Brey". Na conta de elementos positivos, incluirá o feito de recoller unha tradición interrompida, de remozar o antigo e darlle ar e dimensión modernos, de crear unha poesía fondamente galega e orixinal; na de elementos negativos, o seu horizonte limitado, o seu monocordismo centrípeta, en suma, ter producido unha obra xa acabada, que o futuro só poderá redondear. E é de xustiza dicir que, como en tantas outras ocasións, o crítico acertou no esencial.

Mais, para mellor valorar a importancia dos elementos destacados, temos que situar esta liña de apreciación da poesía de Bouza-Brey no contexto poético dos anos vinte e trinta. Xa indicamos como a súa galeguidade, o seu enxebrismo, o seu "racismo poético" (a expresión é de Augusto Mª Casas) era un elemento unanimemente valorado. O que acontecía é que esta común valoración se facía desde dúas perspectivas diferentes: unha delas ponderaba a súa modernidade e orixinalidade; outra facía fincapé en que non era poesía nova. E, no fondo, ambas as perspectivas coinciden na constatación —que valorarán de diferente maneira, e esta é a discordancia— de que a poesía de Fermín Bouza-Brey non é poesía de vangarda, só que os primeiros identifican vangarda con alleo, estranxeiro, en suma, non galego, e os segundos ven na incorporación de elementos vangardistas a solución para modernizar a literatura galega, para criar a nova poesía galega.

A grandes trazos, podemos dicir que o problema de fondo é a definición da poesía galega, da literatura galega, da arte galega e da súa relación coa vangarda. Se se aceptaba a solución "enteiramente nacional" que promovía, xa desde 1920, Vicente Risco, prescindíase da vangarda na configuración dese ideal estético e valoraríase a poesía de Bouza como "eixempramente galega, sen influxo alleo ningún, fundada na tradición medieval e nas fontes populares [...] Representa a tradición nacional e demostra coma con elementos non emprestados pódese criar unha lírica espréndida de côr e de plasticidade", tal e como facía un anónimo redactor (¿o propio Risco?) de Nós en 1933.

Esta foi a liña que predominou, cando menos ata a publicación, no mesmo 1933, de Cantiga nova que se chama RIVEIRA de Álvaro Cunqueiro. A publicación deste libro levará a que se estableza a comparación —moitas veces só subxacente, non explícita— entre a recuperación que fai Cunqueiro da tradición medieval e a que xa tiña feito Bouza. E serán agora os valedores da vangarda, como Augusto Mª Casas, os que celebrarán a Cantiga cunqueiriana como "un libro no que a poesía nova conquire unha categoría universal [.. .] volvendo, sin perder a roita do futurismo, á máis requintada enxebreza".

Mais a comparación Bouza–Cunqueiro só se instalará na historia literaria galega na posguerra, especialmente a partir dos anos 50, cando o neotrobadorismo é unha das liñas predominantes da poesía galega desa época. Os termos de comparación variarán lixeiramente: a poesía da Cantiga nova de Cunqueiro vai ser asimilada ao neopopularismo da xeración española do 27 e adxectivarase como lixeira, xovial, alegre... e a Nao Senneira de Bouza vai considerarse unha recuperación máis "arqueolóxica" cun maior grao de dependencia mimética da poesía trobadoresca, especialmente no ritmo e na métrica. E ambos os dous descansarán sob a mesma etiqueta do neotrobadorismo, favorecida no caso de Bouza polo seu silencio poético posterior —e a escasa repercusión de Seitura— e no de Cunqueiro por voltar a frecuentar os territorios trobadorescos e suscitar, en certa medida, boa parte da poesía neotrobadoresca escrita neses anos.

Estatua de Álvaro Cunqueiro en Bouzas (Vigo)

Nos últimos tempos, tense producido unha revisión crítica da obra poética de Fermín Bouza Brey. En primeiro termo, resituouse o neotrobadorismo como só unha liña dentro da súa obra poética, importante mais non máis do que a presencia do neopopularismo como recuperación da tradición popular. Ao tempo, revalorizáronse aspectos xa apuntados pola crítica que tiñan sido esquecidos na atención principal ao neotrobadoresco: a acabada beleza, a perfección formal, o domínio léxico, a musicalidade dos versos, a eufonía da palabra. Ao tempo, resituáronse os valores da súa obra no conxunto da poesía galega: a indagación na forma poética, a xinea posimbolista, as afinidades con poéticas coetáneas (Amado Carballo, especialmente). Todo para recuperar a obra de Fermín Bouza Brey como o que é, a dun renovador da lírica galega do século XX e un dos nosos grandes poetas.

IMAXES