A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo
Recepción da obra na súa época e vixencia na actualidade

A valoración crítica da obra de Otero por parte dos seus coetáneos é unánime ao consideralo o creador da prosa moderna galega, por dotala dunhas posibilidades expresivas ata daquela descoñecidas e, tamén, porque é o novelista que realiza un esforzo máis sostido de cara á consolidación da novela como xénero narrativo entre nós. As escasas reseñas deixan clara a enorme admiración que a súa obra suscitou entre os sectores intelectuais e galeguistas, os únicos destinatarios posíbeis naquel tempo.

A morte de Don Ramón provocou a primeira misa en galego do bispo Temiño.

"As suas magníficas qualidades de escritor e orador, com uma capacidade de improvisaçom poética verdadeiramente assombrosa, davalhe enorme prestígio entre os moços "seminaristas" de inclinaçons literárias e historicistas (...), se examinamos a obra das promoçons que deixaron obra na que pola sua natureza poderia reflectirse o magistério de Otero Pedrayo, podemos comprovar como este deixou un calco indelével naqueles textos. O corpo e a alma, a matéria e o espirito da Galiza, a súa realidade sincrónica e a súa realidade diacrónica son vistos e comprendidos por todos nós através das (suas) sistematizaçons e intuicçons" (Carballo Calero, 1989).

Foi, polo tanto, o pensamento de Otero un elemento fundamental na formación da xeración inmediatamente posterior. Mais o propio Carballo indica tamén que a súa influencia literaria directa foi escasa, pois, en certo sentido, a brillantez da súa oratoria acabou por funcionar na súa contra, xa que había moita xente que prefería escoitalo a lelo. Despois da guerra, tampouco as circunstancias históricas eran as máis favorábeis para inverter ese proceso. Como xa se dixo, Otero vaise convertendo pouco a pouco nun referente inexcusábel, nun símbolo, cada vez máis admirado pero menos lido. Franco Grande , un bo exemplo daquela mocidade universitaria que, á altura dos anos 50, se integra nas iniciativas culturais desenvolvidas polos galeguistas, evoca ( Os anos escuros, I, 1985) a intensa relación e a profunda influencia que tivo sobre todos eles, mais a penas fala da súa obra, da que, confesa, coñecían "os libros máis lexíbeis". Ademais, os textos que publica nesta época non tiñan para os seus novos lectores o atractivo doutro tipo de literatura, en aparencia, máis coherente co conceito de compromiso político daquel tempo. As características da súa narrativa (especialmente o enorme peso que as referencias culturais de todo tipo teñen nas súas obras) e, aínda máis, a súa complexidade lingüística xustificaron a creación do tópico, hoxe totalmente vixente, de ser Otero un escritor difícil. Se a todo isto unimos a dificultade real de acceder á súa obra ao non existir reedicións (excepto de Arredor de si e, a partir de 1973, de Os camiños da vida )ata hai moi poucos anos, poderemos explicarnos cómo un escritor considerado un clásico das nosas letras, esencial na historia da nosa literatura, segue a ser relativamente descoñecido polo público, mesmo polo público que é lector habitual en galego.

Foi Carballo Calero, iniciador dos estudios sistemáticos sobre Otero Pedrayo, quen formulou a idea, hoxe recollida por toda a crítica posterior, de que toda a obra científica e literaria deste autor tiña como tema fundamental a construción dunha teoría sobre a Galiza. A interpretación global da Galiza, concibida como unha unidade indestrutíbel a través do espazo e do tempo, sería, pois, o obxecto central do discurso oteriano, un discurso ideolóxico nacionalista dirixido á recuperación da nosa identidade colectiva.

A partir de aquí, en moitos casos, tense feito unha lectura reducionista da obra de Otero ao centrar a interpretación no aspecto máis histórico da súa narrativa (evidente e relevantísimo) ou nos elementos culturais, deixando de lado os contidos máis esencialmente ideolóxicos da súa obra. Non é estraño ler valoracións como as seguintes:

(Otero foi) "un nostálxico do pasado polo pasado. Nas súas obras tivo pouca cabida o rapto meteórico do presente, incluso para establecer comparanzas. Escribía e falaba, na pausa temperada da lembranza, de todo un mundo cuias postrimerías viviu. O pasado veu ser así, o grande personaxe pedrayista" ( F. Fernández del Riego , O señor da casa grande de Cima de Vila, 1988).

"A obra oteriá (vese) a miudo escorada polo lastre que nela supón a presencia excesiva do seu compromiso político, que lle dictou con maior frecuencia da desexada páxinas doutrinais nas que o xenio do narrador se ve sensiblemente disminuído" (Casares, 1981).

Este tipo de lecturas, pensamos, teñen embazado en grande medida a aproximación crítica á obra de Otero, colaborando na creación desa idea de obra nostálxica (sen máis) do pasado, de obra densa onde o peso da erudición ou a información histórica devala naturalmente en saudade ou deixando de lado o discurso máis volcado para o presente do seu público lector (o valor actual que aquelas obras podían ter para un lector dos anos 30) ou para o de hoxe.

Nesta liña, cómpre reinterpretar, tal e como se foi insinuando ao longo deste traballo, a función das súas novelas históricas. Aquelas obras non pretenden ser, unicamente, a descrición-explicación dun período histórico senón que, concibidas cunha vontade ideolóxica, teñen unha clara funcionalidade doutrinal. A través da creación de personaxes protonacionalistas ou da evocación de momentos importantes da nosa historia, Otero elabora un discurso ideolóxico destinado a erguer vontades, superar o autoodio e construír a nosa identidade nacional.

Por outra parte, presentar a proxección do credo galeguista na súa obra como servidume e non como característica esencial provoca unha desviación da lectura, un desequilibrio entre o que se agarda do texto e o que este di. A única solución consiste en subsanar o erro de base, superando ese prexuízo antiideolóxico que latexa no fondo destas críticas.

De non considerarmos estes aspectos, a nosa será unha lectura limitada e, sobre todo, esterilizante, xa que non permitirá captar o esencial pouso didáctico que latexa no fondo do seu discurso. Poucos escritores hai na nosa literatura aos que se lles poida aplicar con tanta xustiza e rigor o cualificativo de patriótico. Otero éo, tanto no sentido etimolóxico (como escritor que fala dos seus antepasados) como no político (escritor que expresa constantemente a súa vontade de erguer unha conciencia colectiva) e unicamente un prexuízo interpretativo limita ou condiciona a comprensión integral da súa obra.

IMAXES