A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Castelao
Recepción e vixencia da narrativa de Castelao

A obra narrativa de Castelao tivo unha considerábel difusión no seu tempo debido fundamentalmente ao seu espallamento reiterado nos xornais e revistas da época. Ao seu recoñecemento axudaría paralelamente a rápida consideración como debuxante e caricaturista, que lle valería a designación de "xenial artista da Raza" de parte das Irmandades e nomeadamente de Lois Porteiro Garea.

Debuxo de González, recreando a entrada de Castelao na Real Academia Galega.

Retrincos , Un ollo de vidro , e Cousas déronse a coñecer ao público pouco a pouco, antes de apareceren en libro. Algúns contos de Retrincos e a maior parte das cousas foron profusamente publicadas, coñecéndose diferentes versións antes da definitiva. A aparición no medio de comunicación de maior incidencia social, o carácter sintético dos seus escritos, a combinación de debuxo e literatura, foron factores interrelacionados que condicionaron a popularidade e a singularidade da arte de Castelao, e acabaron por convertela nun dos máis prezados tesouros da nosa Literatura.

A parcelación de Castelao en facetas (pintor, escritor e político) nunca ten que ser motivo de escurecemento de calquera delas, pois Castelao brillou con potente luz propia en todas. A concepción destas como compartimentos estancos tampouco beneficia a comprensión e análise da súa obra, que é máis doadamente comprensíbel desde unha óptica integral. Así, o seu labor como artista gráfico, axuda a entender mellor o significado da súa obra literaria. E tanto a obra gráfica como a literaria son a mellor fonte para comprendermos a súa dimensión ideolóxica. A faceta política de Castelao é a culminación do vieiro artístico, como plasmación dunha necesidade fondamente sentida. Ben é certo que, por mor desta imperiosa necesidade, Castelao tivo que renunciar a completar a súa obra artística, tal e como recoñeceu nalgunha ocasión no exilio. Por esta mesma razón Castelao "só" foi un bo escritor , mais non chegou a ser un grande escritor tal e como se ten matizado non hai moito desde algunha instancia universitaria.

Sen embargo a súa singularidade xa era constatada por Carvalho Calero en 1934 ao analizar os integrantes da por el denominada "Xeneración de Risco" ou máis axeitadamente xeración do simbolismo : "Anque ise tipo de inadaptado, individoalista, dandy, amante do eisótico, non parez caerlles ben a todos os homes da xeneración. Por exemplo a un marxista como Quintanilla ou a un paisán como Castelao". Chama a atención cómo a definición de Carvalho, daquela aínda mozo de vintecatro anos, atina de forma moi precisa cos trazos esenciais da súa poética, en definitiva considerándoo "un artista xenial, pola emoción galega da súa obra, polo seu realismo latexante, polo profundo senso social, pola ternura e a ironía" ( Nós , nº 131-132). Sería el mesmo quen, tempo despois, dedicaría máis reflexión ao recoñecemento crítico do noso eximio patriota, con senlleiros estudos sobre toda a súa obra e sobre aspectos biográficos e políticos. Chegou mesmo a elevar a representatividade de Castelao, como símbolo de Galiza, á que ostenta Rosalía . Asemade considera que no noso panorama literario non existe prosa máis equilibrada e ponderada do que a súa, concluíndo que é "o primeiro escritor profissional da literatura galega". Similar xuizo emite Eduardo Blanco Amor, un dos narradores galegos con máis renome na posguerra, valorándoo como un dos máximos arquitectos da nosa narrativa, cunha senlleira aportación de caracteres únicos.

Para Varela Jácome, Castelao é autor dunha obra transcendente e profundadora sobre a nosa realidade social, ao tempo que renovador das técnicas narrativasnarrativas nos niveis de expresión e contido. Por esta dimensión "representa la máxima expresión de la cultura contemporánea de Galicia".

Deténdonos a analizar separadamente a súa obra apreciamos que Un ollo de vidro foi a que inicialmente tivo peor fortuna crítica, sendo cualificada como obra menor, divertimento, fantasía macabra, etc., por parte de críticos como Vicente Risco , Alonso Montero , Varela Jácome..., se ben este último lle atribúe o mérito de ser a obra que inicia a renovación da narrativa galega. Outra óptica é a de Blanco Amor que ve o relato articulado en cadros como un políptico literario trazado por un pintor, engadindo que "ten a mesma plasticidade, a mesma economía lineal dos seus mellores dibuxos". Non obstante, o recente interese que espertou esta novela confirmou o seu valor dentro da narrativa galega, ademais de botar terra sobre a suposta e xa tópica intención macabra do autor, tal e como demostran Pilar García Negro e Millán Otero .

¡ Canto pesa e como fede!.  Estampa do  Álbum Nós.

Sorte máis unánime correría Cousas , considerado desde todas as perspectivas analíticas o libro máis orixinal da literatura galega e da narrativa de Castelao, por constituír unha creación xenérica novidosa e ilustrativa da especificidade e do hibridismo da nosa Literatura. Carvalho Calero e Pilar García Negro consideran a unidade narrativa cousa o alicerce de toda a súa narrativa, o achádego que explica o proceso de trasvase do debuxante a escritor. Risco observa, nas recensións que redacta para a revista Nós a medida que se publican os dous volumes, similitudes con escritores rusos e irlandeses, atribuíndolle a Castelao o mérito de crear un novo xénero de grande capacidade expresiva. Lustres Rivas no Faro de Vigo sinala en 1926 a profundidade filosófica e psicolóxica que encerra o libro a respecto dos galegos, de forma similar ao que expresará Varela Jácome, quen ve ligazón coas impresións estéticas paisaxísticas, denominadas epifanías, do escritor irlandés James Joyce. Pola súa parte, Blanco Amor, admitindo que se trata do libro máis popular da nosa literatura, mostra unha maior preferencia por Retrincos e Os dous de sempre . No caso desta novela, a maiores dalgúns xuízos críticos aminoradores, cómpre rexeitarmos valoracións comparativas a respecto da literatura española, que se fan sempre desde a óptica da supeditación. Tal é o caso da tentativa de incardinar a novela dentro do subxénero picaresco español ou de ver en Pedriño e Rañolas unha simple réplica de Sancho e Quijote, etc. Algo similar, igualmente froito da consideración subsidiaria de calquer expresión da nosa cultura, sucede cando se establecen correspondencias, arbitrariamente, polo demais, entre Os vellos non deben de namorarse e obras de Moratín ( El sí de las niñas , El viejo y la niña ), mais non se buscan as fontes, os modelos influíntes doutras latitudes en que Castelao demorou a súa atención.

En fin, a narrativa de Castelao, polo seu fondo simbólico e valor transcendente e humano, segue tendo grande vixencia e notábel acollida. A popularidade e recoñecemento de toda a obra artística de Castelao segue a incrementarse desde a década dos sesenta, salientando as numerosas edicións (algunhas obras súas superan as quince) dentro do ranking xeral de vendas, mantendo a aceptación polo alto valor didáctico, aínda que segue sendo urxente un maior recoñecemento por medio de estudos, sexan de carácter sociolóxico, formalista, etc., da crítica literaria actual.

Castelao, deputado en Cortes.

IMAXES