A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
Recepción e Vixencia da Poesía de Manuel María

Mi admiración máxima, y no es un lugar común, es Rosalía de Castro, que junto con Bécquer y Verdaguer en la dimensión lírica, es la gran poetisa española del siglo XIX. Creo que ustedes los gallegos, a pesar de tener grandes poetas, non han superado los mejores momentos de Rosalía. Por otro lado también admiro muchísimo a Manuel María, al mismo Cunqueiro...

Quen así fala non é outro que Salvador Espriu, un dos máis grandes poetas cataláns contemporáneos. O texto tirámolo da entrevista que para El Ideal Gallego (A Coruña, 7-VII-1974) lle fixo Xosé Mª Costa.

Mentres o grande poeta catalán expresa a grande admiración que sente pola súa obra poética, outros silencian a súa existencia. Así acontece nun estudio sobre "A literatura infantil" galega ( Nós. A Literatura galega ,Colóquio/Letras, nº 137-138, Lisboa 1995), de Blanca-Ana Roig-Rechou: nin unha sola referencia aos libros de versos para nenos Os soños na gaiola e As rúas do vento ceiba ,ou aos relatos da triloxía "Manuel de Paderna" ( A tribo ten catro ríos , Cando o mar foi polo río e Viaxes e vagancias de M.P. ,publicados en 1991, 1992 e 1994), nin sequera a presencia do seu nome nas amplísimas relacións de autores que cita.

Entre a admiración de Espriu e o despiste de Blanca-Ana Roig sitúase paradigmaticamente a recepción da obra de Manuel María, loado poeta durante a primeira etapa creativa, e xa non tan loado desde que a súa poesía se compromete con Galiza e as súas xentes.

Como todo poeta, ten lectores incondicionais e lectores menos incondicionais. Agora ben, nos estudios literarios publicados a fortuna non lle foi propicia. Pesa sobre a súa poesía unha sorte de minusvalorización e desprestixio que non chegamos a entender. É evidente que o seu corpus poético é xeneroso e monumental, mais iso en si mesmo non é unha pexa, aínda que así parece cando despois de valorar a súa obra como "prolífica" ou "enciclopédica" segue o silencio.

Xace eiquí unha Academia. De nena atacouna a anemia i, acometeulle a diglosia ...  Ocupación da Real Academia Galega. Con Manuel María, Novoneyra, Ferrín, Reixa, Fernán-Vello, Lueiro, Rodríguez Barrio ...

O certo é que os tópicos que nos anos setenta se verteron sobre a súa obra, seguen operativos nos oitenta e nos noventa. Cando se fala da súa obra búscanselle dependencias, calcos, pegadas que a realidade poética e os feitos negan.

Así Xosé Luís Méndez Ferrín en De Pondal a Novoneira (1984) converte e valora o Terra Cha (escrito en 1953 e publicado en 1954) nunha pegada de Os eidos (publicado en 1955), poemarios que nada teñen en común, a non ser a amizade persoal dos seus autores e que os dous son xenericamente adscritos á corrente paisaxística dos anos cincuenta; e o mesmo tratamento lle concede a Libro de pregos ,segundo el, outra pegada, pero neste caso da poesía española. Non obstante, ao valorar no seu conxunto a poesía manuelmariana di:

A súa obra poética é máis nutrida que a de ningún outro autor da historia da nosa literatura, esta abastanza, que ás veces distrae pola súa magnitude mesma e arreda da análise, non pexa o feito de que en ocasións a tensión criadora se intensifique e que aparezan textos deste poeta —en calquera das súas múltiples épocas e tendencias— de calidade e valor absolutos.

Así, Román Raña Lama en A noite das palabras (1996)ao falar de Advento di: "a data de publicación (1954) posibilita a hipótese de estarmos perante un influxo nítido de Manuel Cuña Novás e do seu Fabulario novo ,editado dous anos antes". A hipótese é incorrecta porque aínda que o poemario sae en 1954, está xa escrito en febreiro de 1951 e tal dato está documentado e publicado desde 1981, polo que non é posibel ningunha pegada de Fabulario novo ,nin do poemario publicado en 1952, nin dos dez poemas que aparecen no nº 1 de Grial ,titulado Presencia de Galicia ,entre abril e maio de 1951.

Unha mostra máis de lectura "especial" témolo no Diccionario da Literatura galega (1995). Na páxina 234 lemos: "A súa obra en verso comeza con Muiñeiro de brétemas (1950), publicada na emblemática colección pontevedresa Benito Soto, libro co que Manuel María se converte no primeiro poeta novo publicado na posguerra. Este poemario segue a mesma liña existencialista que agroma en Fabulario novo de Cuña Novás, e, en opinión de MF, ambos os dous libros sinalan o comenzo da Escola da Tebra". Se lemos ben, entendemos que un poemario publicado en 1950, "segue", é dicir, "continúa" unha "liña agromada", é dicir, "iniciada" en 1952. Non obstante, liñas adiante, recollen, seguindo a Méndez Ferrín, que a Escola da Tebra comeza con Muiñeiro de brétemas e segue con Fabulario novo.

Estas catro testemuñas críticas atopámolas reiteradas aquí e acolá. Pola contra, outras valoracións, máis positivas, non aparecen recollidas.

Non obstante, hai outros parámetros de valoración que merecen ser tidos en conta. A pesar de ser a súa obra poética a de maior entidade das publicadas na literatura galega nesta segunda metade do século XX, a realidade comercial dos seus poemarios non admite dúbidas sobre a aceptación e vixencia da súa poesía: aí están as 5 edicións de Terra Cha (1954, 1967, 1972, 1980 e 1989), ou as tres de Documentos personaes (1958, 1970 e 1980), ou as tres de Muiñeiro de brétemas (1950, 1988 e 1991), as seis de Canciós do lusco ó fusco (1970, 1972 —en francés—, 1974 —en bretón—, 1988 —en holandés—, 1993 e 1996 —(2ª edición en bretón—) ou as nove de Os soños na gaiola (1968, 1972 —dúas edicións—, 1977, 1980, 1984, 1990, 1992 e 1994). E isto acontece sen que medie o condicionante de que estas obras sexan "lecturas recomendadas/obrigatorias do ensino", que fai que se multipliquen as edicións ano tras ano.

A maior abondamento, ese interese pola súa obra acredítano os libreiros galegos: segundo o informe de ventas da Federación de Libreiros de Galiza, de 1994, "en poesía, Manuel María ten o liderado absoluto, a considerable distancia doutros poetas".

Manuel María interesa ao lector galego, porque nel recoñece a xenerosidade, entrega e amor dun home galego humilde, sinxelo, honesto e bon, á máis nobre das tarefas que o ser humano poida acometer: defender os dereitos persoais e colectivos da súa xente, que é a nosa, que somos nós; dignificar a súa cultura, a súa lingua, que son tamén as nosas; loitar coa palabra núa e non manipulada contra a mentira, a traición e a intolerancia que o oprime, que nos oprime a todos; reivindicar sempre o dereito do ser humano a un anaco de ledicia, de felicidade para os irmáns infelices.

Manuel María interesa ao lector galego porque na súa poesía encontra os máis ricos e variados matices do sentimento amoroso; o máis firme compromiso coa defensa de Galiza en todos os seus planos, niveis, áreas e expresións; a perfecta fusión do máis auténtico pulo popular cun elaborado discurso culto; a defensa do idioma, esencialidade de Galiza; a sensibilidade para captar e interpretar as necesidades do pobo a que pertence; o maxistral dominio da palabra en calquera dos seus niveis de uso e rexistros; a incesante procura de innovacións expresivas; o equilibrio harmónico entre o tema e a súa expresión verbal, individualizador de cada poemario, que só unha auténtica tensión lírica é capaz de xerar; a dignificación da función poética, tanto no plano sociocultural como no plano estilístico; a urxencia e demanda nunca satisfeita de crear e recrear universos poéticos para agrandar os nosos universos persoais ou colectivos... e a incuestionábel autenticidade do canto poético en íntima harmonía co mundo vital. Estes trazos están/residen na súa poesía. De aí, a súa vixencia. De aí, os seus lectores.

IMAXES