A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Recepción e vixencia de Scórpio

Resulta difícil realizar unha lectura autónoma que non garde na memoria o feito de ser Ricardo Carvalho Calero unha figura que, nos últimos anos, a oficialidade cultural empezou a enterrar en vida. A posición de Carvalho verbo da norma ortográfica para o galego, desde a defensa do reintegracionismo, supúxolle a marxinación e pechoulle as portas de varias publicacións, incluíndo a revista Grial , na que formaba parte do consello de redacción e que coas súas numerosas e decisivas colaboracións contribuíra a prestixiar. Por sorte, aínda que sentenciado ao ostracismo nos púlpitos da oficialidade, Carvalho é tanto un escritor de grande e coñecida presencia no espacio público da lectura en Galiza, como un referente de autoridade moral. Por sorte, a institucionalización e a oficialidade libraron a D. Ricardo das "servidumes" que o escritor padece á hora de publicar un libro; da escrita mediatizada Carvalho tiña experiencia xa aos catorce anos de idade, daqueles textos seus na revista Maruxa de Ferrol. Afortunadamente, Carvalho Calero non foi un fenómeno contra-natura, un ideal solitario destinado a morrer e ser esquecido. Tal vez así pensaba M. Dourado Deira, estando Carvalho no leito de morte, cando con toda a valentía publicaba en El Correo Gallego que Carvalho era "um jurista metido a crítico literário". Equivocación erudita, se así pensaba. En todo caso,

"non me sinto frustrado, porque en creio que unha certa impopularidade hai-na que afrontar sempre se se quer servir realmente ao povo, xa que muitas veces o povo necesita que se traballe para el en forma que se rompa unha série de prexuízos aos que el mesmo está atado como consecuéncia da história da cultura galega"

(Salinas Portugal, 1991:79).

A novela Scórpio tivo unha grande difusión e foi recibida positivamente pola crítica literaria. Considerado o seu autor unha das figuras vivas máis importantes na cultura galega do século XX, a aparición dunha novela de Carvalho Calero, trinta anos despois da edición da súa primeira obra narrativa, era un feito moito tempo esperado polo público lector de Galiza.

Carvalho diante da fábrica de Sargadelos.

Scórpio , en 1988, foi distinguida co premio anual da Crítica española para narrativa en galego. Segundo Montero Santalha, "a obra teve boa acolhida em geral e ocupa já um lugar de honor na história do romance galego". Para Kathleen N. March é a "obra mestra de Carvalho. Obra consciente de si mesma, adquire trazos "quijotescos" e outorga outros, cervantinos, á intención do autor. E permanece fiel á lingua, igual que o protagonista". Na mesma liña, Salinas Portugal afirma que a novela "ten o carimbo dun autor na plena madurez persoal e intelectual e que representa un fito significativo na narrativa galega desta última década".

A crítica coincide na valoración da obra como unha aportación importante á narrativa galega. En palabras de Martínez Pereiro :

"Se hai escritores dotados dunha tonalidade distinta que merezan especialmente ser lidos e relidos, no contexto actual do pret-à-porter ideolóxico (entendido como apoloxia da realidade, como exposición de ideas brandas, pouco fiábeis, das opinións mais que das verdades), estes serán os detentores da verdade relativa que resulta da fusión entre a vida vivida, a vida soñada e a vida expresada, proceso catártico plenamente consciente en grande parte da obra de Ricardo Carvalho Calero e, en especial, nos textos publicados ao longo dos últimos anos da sua vida, de entre os que para min se destaca, pola sua ambición, coeréncia e complexidade, o museu da realidade plural e o teatro do soño persoal que ante o espectador expón o romance Scórpio. (...)Destacar, neste texto ficcional híbrido, a relevancia da (re )invención do pasado e a auto-indagación irónica para (outra?) interpretación de Scórpio como escrita do "eu" e como literatura que (en van?) procura un sentido á vida: á macbethiana sombra efémera, ao conto narrado por un idiota, cheo de estrépito e de fúria e que non ten o menor sentido".

Cando Carvalho centra o seu traballo na elaboración da novela A xente da Barreira en 1950, sabía da necesidade de impulsar a prosa; a aparición destoutra novela ( Scórpio )coincide coa tendencia que se observa a mediados dos anos 80 na escrita en galego. Carvalho presenta unha novela produto da experiencia dramática da guerra, elaborada con dominio e valentía técnica, co esforzo dun escritor independente e non domesticado, capaz de vitalizar a creación literaria e manter a necesaria tensión ideolóxica nun momento de confusión, de presión e de mimetismo, coincidindo coa aparición de obras nesa mesma tendencia, como A canción do vagamundo (1986) de Lois Diéguez . "Porque a literatura é un produto artístico e a Arte é unha actividade que debe recoller o mais exquisito desa sociedade e presentá-lo nunha forma asequíbel pero ao mesmo tempo refinada".

IMAXES