A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Relato curto

Suárez Picallo: "Ao pasar polo ceo" (1926), Luís Seoane: "Un cristo da montaña"(1954) e as primeiras evocacións narrativas de Eduardo Blanco Amor.

Ramón Suárez Picallo non posúe unha obra ampla; na súa maioría son artigos que están ciscados en diferentes publicacións, tanto no interior como na diáspora. Na revista Céltiga fixo varias evocacións en prosa, unha "Lembranza do Orzán" (nº 20), o mar dos seus anos infantís, un canto ao neno galego visto como a esperanza da patria galega, "¡Neniño Galego!" (nº 22). Aínda poderiamos lembrar a descrición chea de intimismo e tenrura que fai na viaxe a Sada de 1926 do cuarto da nai, "No carto de miña nai" (nº 47), ou a historia dunha vella esmoleira que vivía nunha chouza solitaria e se converte en pomba branca en "O cruceiro confidente" (nº 52). "A taberna da trenlla", que describe Carnoedo e a taberna citada no título, foi publicado na revista do Centro Gallego de Montevideo ( Galicia, nº 151), logo reproducido tamén en El Despertar Gallego. Deterémonos nunha desas colaboracións que introduce na revista que codirixía, "Ao pasar polo ceo" ( Céltiga, nº 27/28, febreiro 1926). Unha narración breve, un xogo narrativo con personaxes da nosa cultura como Curros e Murguía , que botan unha partida de brisca contra Brañas e Pondal no ceo, cando un avión rompe a calma celestial. Deus, indignado, entrou en cólera ao ver que aqueles homes que voaban eran galegos e quere liquidalos cun raio, mais a revolta dos catro galeguistas e a mediación da Virxe, que facía puntilla de Camariñas con Rosalía e Concepción Arenal, deixa seguir cara ás Américas o piloto do Ferrol. Trátase da fazaña do aviador Ramón Franco, que cruza en 1926 co hidroavión Plus Ultra o Atlántico; a el adícalle o narrado Picallo. Ademais, o escritor intenta aproximar a figura do visceral e contraditorio aviador á causa galeguista, que saúda desde o avión: "¡¡Terra a Nosa!!"

Luís Seoane publicou no número 2 de Galicia Emigrante o relato "Un cristo da montaña". Con evidentes influencias da literatura oral, o relato ambiéntase en Outeiro, unha aldea de montaña cun pasado de fartura debido ás minas; alí atopamos a Joselillo, home nado na Habana e abandonado polos pais; uns amigos envíanllo ao pai, que xa regresara, para que o críe. O narrador adopta unha limitación, descoñecendo o que pasou na Habana. Joselillo medra na aldea, abandonado novamente polo pai, na orfandade máis absoluta, pois nin se relaciona con outros mozos; vagabundea agarrado a unha vara. Cando o narrador adopta a posición de testemuña, aparece a idealización do protagonista, que lle semella un Nazareno, parecido que tamén comenta a xente, e á volta dunha viaxe das súas córrese a voz de que atacou unhas mulleres. Un día uns mozos atópano no monte das minas e póñenlle unha coroa de espiñas de toxo para ver o parecido que se comentaba. O narrador fíxase nun drama humano, un home inadaptado, condenado á soidade e ao escarnio da sociedade, a cal inventa o episodio das mulleres. Mais o narrador, fóra dese colectivo, solidarízase co protagonista, comprende a súa tristura, veo coma un santo e chora cando lle poñen os toxos na cabeza.

Revista  Céltiga . Capa.

Eduardo Blanco Amor —deixando á parte algún poema solto— comeza a experimentar literariamente cunha prosa lírica de inspiración creacionista ("As Canzós", Terra , nº 2)"; poderiamos ampliar o apuntado a "Do paisaxe galego" ( Céltiga , nº 13). Blanco Amor, consciente da necesidade de manter a vixencia de todos os xéneros literarios, segue ensaiando evocacións narrativas en galego na revista Céltiga ; estábase acostumando a narrar, dando os primeiros pasos. No comezo explora as descricións literarias buscando remover o sentimento nostálxico e procura unha estética, unha linguaxe descritiva expresionista que, neste intre, amosa grande influencia da poesía. Deste xeito, en "Ágoa galega" ( Céltiga , nº 18) pinta tres augas: a dos regatos, a do ceo e a do mar. Como ten dito Anxo Tarrío, o autor manexa as expectativas de recepción con habelencia e percíbese claramente a concesión aos cadros teatrais, ben recoñecidos polo lector galego emigrado.

IMAXES