A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Ricardo Carvalho Calero na Galiza prebélica (1910-1936)

Ricardo Leopoldo Ángel José Gerardo Carvalho Calero (Ferrol 1910-Compostela 1990), era plenamente consciente de ser testemuña dunha etapa de renacemento das nosas letras en que el mesmo participaba.

Neste "segundo renacemento" (1914-1939), como observa o profesor Francisco Rodríguez (1990:53-54), danse etapas e matices distintivos ao colaboraren varias xeracións en relación con movementos sociais e políticos específicos que conlevan actitudes culturais e literarias diferenciadas. Por iso, no fito que representa a fundación do Partido Galeguista en 1931 converxen os galeguistas, xa culturalistas, xa pragmáticos, que apareceran con anterioridade, desde 1916.

Polo que atinxe ás súas coordenadas vitais, Ricardo Carvalho Calero está inserto na chamada Xeración do 36: a guerra civil, efectivamente, condicionou en grande medida a súa vida íntima, a súa actividade profesional, o traballo creativo e a súa ideoloxía. Non obstante, o propio Carvalho ten indicado a relación estreita que mantiña cos escritores que se agrupaban ao abeiro do Seminario de Estudos Galegos, entre outros Cunqueiro , Bouza , Filgueira, Iglesia Alvariño, incluídos polo propio Carvalho no capítulo "Os tempos do Seminario", na súa Historia da literatura galega contemporánea .

Os primeiros anos en Ferrol (1910-1926)

Como el mesmo lembraba, os seus primeiros escritos (antes dos doce anos de idade) foron pezas teatrais, recordando que unha era un libreto dunha zarzuela que se chamaba El puente de los enamorados ; e tamén unha comedia en verso titulada La cruz más santa ; e moitas máis que, como as devanditas, non conservou.

Nun estudio fotográfico, Ricardo Carvalho Calero, primeiro pola dereita, posa con outros nenos e as súas amas.

A súa inclinación literaria, xa manifesta con anterioridade, tomará forma ao seren impresos e publicados os primeiros poemas en galego e castelán, aparecidos na revista ferrolá Maruxa . A revista Maruxa dá a coñecer os primeiros versos en galego de Carvalho, anteriores a súa marcha a Santiago. Carvalho Calero era un lector asiduo de novelas históricas (Dumas, Hugo) e do teatro de Lope de Vega, Tirso de Molina, Calderón, etc. Lía e coñecia a obra de autores estranxeiros, o modernismo rubén-dariano e a bohemia inspirada en Verlaine mesturados na obra de Emilio Carrere, a Nicolás García Pereira, profesor seu, poeta bilingüe situado na órbita do modernismo; pero, simultaneamente, Carvalho sabía do teatro en galego do Coro " Toxos e Froles ", de Charlón e Hermida; os libros de Rosalía de Castro habíaos na súa casa e leunos na infancia, e tamén a Curros Enríquez . Maruxa aparece cando Carvalho Calero tíña catorce anos e plena consciencia de que existía unha literatura viva en galego, xa que don Manuel Comellas escribía neste idioma. Lembraba D. Ricardo un dos textos en galego, "A Galicia", cuxo primeiro verso era: "Terra enfeitizada, pois doutra maneira...". Destas primeiras publicacións Carvalho Calero tomará consciencia da mediatización, das interferencias na escrita; recordaba o propio Carvalho un soneto amoroso, de amor wertheriano, que levaba como título "¡Ingrata!", título que el non puxera e que, posibelmente, no orixinal sería "Soneto"; manifestando, coa súa rexa humildade, que eran pequenas servidumes que ten que aturar todo aquel que quere publicar textos.

Con dezaseis anos publica, ademais de versos, pequenos ensaios literarios en El Correo Gallego e na revista viguesa Vida Gallega .

Compostela: unha etapa decisiva (1926-1936)

De 1926 a 1932 os estudios de Dereito levarano a Santiago. En 1931 licenciase en Dereito na Universidade de Compostela. Con todo, eses anos de estudios xurídicos viñeron a ser, como diría ao lembralos, "unha especie de pasos perdidos". Non obstante, a devoción que lle inspira a Universidade polo saber e a busca da verdade que simboliza, é o motivo de que sexa esta institución a súa meta profesional.

Na etapa prerrepublicana os estudiantes máis activos agrúpanse en torno á Federación Universitaria Escolar (FUE), entidade sindical e escolar na que Carvalho foi director do Departamento de Prensa, Secretario e Presidente. Tamén foi Presidente da Asociación Profesional de Alumnos da Facultade de Dereito, contribuíndo á política universitaria, sobre todo, co seu Discurso de apertura del curso 1930-1931 (1930)e coa elaboración do folleto La Fuerza Pública en la Universidad de Santiago. Datos y documentos (1931),onde en nome da FUE galega analiza o conflito xurisdicional suscitado pola entrada ilegal da policía no recinto universitario a raíz dunha folga de estudiantes.

A estadía en Compostela de Ricardo Carvalho Calero coincide cos anos decisivos do desenvolvemento cultural e político de Galiza, sendo precisamente Santiago o seu berce principal. Alí será onde Carvalho iniciará o seu achegamento e o contacto definitivo coa cultura galega e co galeguismo, sobre todo mediante o Seminario de Estudos Galegos . Así, aparecen publicados en Ferrol os seus dous primeiros libros: Trinitarias (1928) e un ensaio ideolóxico-político, En torno a las ideas comunistas de Platón (1929), conferencia pronunciada, sendo estudiante de Dereito e aínda con 18 anos de idade, no " Centro Obrero de Cultura " de Ferrol, o día 13 de xullo de 1929. Trinitarias é un libro en que predomina o influxo da estética modernista, sobre todo dun dos poetas preferidos polo Carvalho adolescente, como era Rubén Darío; esporadicamente hai trazos poéticos na liña de Gabriel y Galán. Preparou unha revisión ampliada de Trinitarias que titulou Versos para olvidar e que non chegou a editarse.

María Ingancia e Carvalho xunto a dúas amigas.

Nestes anos, os seus textos aparecen en diferentes revistas da época, como Vida Gallega , A Nosa Terra , Guión , Galiza , Resol , Papel de color ,etc., e inicia a colaboración na revista Nós con poemas, ensaios de crítica literaria e recensións.

Co gallo da celebración da "Festa da Prosa Galega", Carvalho entra en contacto coas grandes figuras do Grupo "Nós" : Castelao , Otero , Losada Diéguez ... Ricardo Carvalho Calero ingresou no Seminario en 1927 dando lectura a uns poemas baixo o título conxunto de "A door cantareira", incluídos logo algúns deles no libro Vieiros (1931). Co tempo desempeñaría cargos directivos na institución, como conselleiro, Secretario de Actas e aínda Secretario Xeral, e sería membro das seccións de Filoloxía e Historia da Literatura e de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Carvalho participa, segundo diversas fontes orais, na elaboración das normas ortográficas de 1928 e nas posteriores de 1933, e publica na revista Arquivos do Seminario d'Estudos Galegos "Como vía a Aristóteles o P. Feijoó" (1930), que podemos considerar o seu primeiro traballo de investigación histórico-filosófica, tema que fora suxerido a Carvalho por Losada Diéguez con vistas a ir conformando unha historia do pensamento filosófico na Galiza. Na revista Nós ,entre outros escritos do autor, aparece reproducida a súa primeira conferencia pronunciada en lingua galega e que, á vez, é o seu primeiro traballo de crítica literaria: "Ollada encol da Poesía Lírica Galega Contemporánea" (1931). De 1932 data a publicación do seu terceiro libro, segundo poemario en castelán e derradeiro dos publicados por el nesta lingua, trátase de La soledad confusa ,editado por Nós en Santiago, que recolle poemas escritos entre os anos 1929 e 1930. O título deste poemario está collido dunha pasaxe de Las Soledades de Góngora; a estética dominante está influída polos poetas contemporáneos españois, como J.R. Jiménez, e en especial da xeración do 27: Lorca, Alberti, J. Guillén ou Pedro Salinas. Cos romances de tema bíblico e inspiración lorquiana incluídos neste libro, xunto a composicións feitas na cadea, proxectaba elaborar un novo libro de temática bíblica titulado Romancero de apócrifos y canónicos ,finalmente non publicado. Como acontecera co seu primeiro libro, Carvalho preparou tamén unha revisión deste titulada Versos para romper , que tampouco publicou.

A instauración da II República en abril de 1931 abría novas esperanzas no que afectaba ao recoñecemento político de Galiza por parte do novo poder político español; o Seminario de Estudos Galegos forma un grupo de traballo (Bóveda, Carvalho, Paz Andrade , Risco e Tobío ) dentro do cal Tobío e Carvalho redactan en Santiago un Anteproyeito do Estatuto da Galiza (1931). Con Tobío, Carvalho igualmente dá mostras da súa formación xurídica neste traballo que, se ben pola súa concepción federalista non tivo transcendencia práctica, exercería certa influencia nos futuros textos estatutarios galegos.

O máis destacábel desta época é a publicación do seu primeiro libro en galego, Vieiros (1931).Nel recóllense poemas compostos nos anos precedentes, entre 1927 e 1930, que publica a editorial Nós de Ánxel Casal. En Vieiros ,xunto á permanencia de elementos modernistas ou románticos, predomina no conxunto do libro a pegada das tendencias poéticas máis novidosas. Carvalho é coñecedor das correntes estéticas do momento en Galiza (do hilozoísmo ou da poética trobadoresca), nas que poetiza co seu carimbo distintivo. Na escolma da súa obra poética realizada desde 1927 a 1961, publicada en 1980 baixo o título Pretérito imperfeito ,dos trinta poemas orixinais que contiña Vieiros o autor seleccionou para esa reedición un total de nove composicións, suprimindo varios poemas pertencentes ao neotrobadorismo e ao hilozoísmo.

María Ignacia e Ricardo polas rúas da súa cidade.

Tanto por motivos colectivos como de dignidade persoal, desde unha corrente denominada esquerda galeguista, Carvalho participou na fundación do Partido Galeguista e combinou a actividade cultural e literaria galega coa acción política. A faceta política do polígrafo ferrolán responde a unha conciencia do que é necesario e prioritario nun contexto determinado; político, pois, por necesidade, o mesmo que tantos outros (Castelao, Otero, Cabanillas , Risco, Blanco Amor ). Para Carvalho era prioridade a alianza do PG coa esquerda estatal, un factor decisivo para a consecución dun Estatuto de Autonomía. Nun artigo seu aparecido en A Nosa Terra (nº 323, 1934) baixo o título de "Xa somos esquerda", Carvalho resalta que o común denominador é o patriotismo, e este ten que ser por forza de esquerdas.

En 1932 regresa a Ferrol e en abril de 1933, mediante unhas oposicións, ingresa como auxiliar administrativo no concello. A estabilidade económica permítelle ao pouco tempo casar e establece a súa residencia en Ferrol. En 1933 Carvalho contrae matrimonio con Mª Ignacia Ramos, licenciada en Historia e compañeira dos tempos universitarios. Sempre presente na súa obra poética, colaboradora intelectual, Mª Ignacia Ramos foi escritora de narrativa e teatro en galego, publicado co pseudónimo de María Silgar. Na súa honra, D. Ricardo escollera como pseudónimo mais frecuente o de Fernando Cadaval, alusivo ás terras lucenses do Cádavo de onde ela procedía. Nestes anos Carvalho escribiu a peza teatral O fillo (1935), que ía ser publicada na revista Nós cando sobreveu a guerra civil, publicándose definitivamente en 1982. Galardoada en 1947 co premio "Castelao" de teatro en Buenos Aires, nesta peza dramática en dous actos, o segundo deles dividido en dous cadros, atopamos referencias mítico-simbólicas ou o xogo de contrarios que serán algunhas das constantes na obra de creación de Carvalho Calero.

A xeira ferrolá, no relativo ás ocupacións culturais e políticas, é continuación da santiaguesa, entre outras cousas porque en ambas alternaron as estancias nas dúas cidades. Participa activamente nas tarefas galeguistas de ámbito local e nacional, chegando a ser presidente do Partido en Ferrol ou compromisario nas eleccións de Presidente da República. A actualidade social e as súas preocupacións cívicas aparecen recollidas no semanario Erte ,órgano local do PG fundado en 1932 polo poeta Nicolás García Pereira, entre outros; na revista da FUE, galega, Universitarios , que dirixe en Santiago Fco. Fernández del Riego , publica Carvalho varios textos; en 1933 El Pueblo Gallego recolle un interesante manifesto a favor da galeguización da Universidade: "Aos escolares, aos universitarios, aos galegos"; ou no semanario que dirixe Suárez Picallo, Ser (1935), onde Carvalho utiliza o pseudónimo de Eduardo Colmeiro.

Ao remate desta etapa prebélica, Carvalho Calero é un poeta coñecido e de prestixio xa que, no que atinxe á creación máis persoal, en 1934 publica o seu cuarto libro, O silenzo axionllado . Neste poemario, Carvalho Calero certifica un coñecemento profundo das correntes de vangarda; por veces,

"o sentido da imaxe está próximo á imaxe criacionista ou ultraísta, ainda que o livro en conxunto non ten nada de anacrónico, senon, polo contrario, predomina certo vanguardismo e, basicamente, é un livro muito mais maduro, de riqueza temática, poesia mais específica, mais formal, técnica, poesia mais pura.(...) Supón un avance cara un isolamento da poesia dos elementos mais impuros, se ben sempre ten unha referéncia a un mundo real, referéncia imprescindíbel, ainda que pode ser logarítmica (...) parece-me que é un avance cara unha conceizón mais "real" da poesia, en canto supón unha acentuazón do idealismo da poesia mesma"

(Fernán-Vello/Pillado, 1986:89-90).

En 1936 obtén a licenciatura de Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, matriculándose para concorrer ás probas de profesores encargados de curso e ás oposicións a cátedras de bacharelato que debían ter lugar en Madrid. Como xa anticipamos, esta decisión fa cambiar completamente a súa vida e marcar traumaticamente a súa obra, arrastradas pola convulsión provocada polo estalo da guerra civil.

IMAXES