A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Scórpio: análise dunha época

Despois dun longo silencio narrativo, que poderiamos situar entre 1950 e 1980, aparece en 1987 Scórpio, derradeira obra de ficción narrativa de Carvalho Calero.

No conxunto da produción narrativa de Carvalho Calero publicada ata 1984, ano da aparición da Narrativa Completa, podemos establecer dúas variantes en relación cos espacios priorizados e pola actitude do autor. Os primeiros textos (A xente da Barreira e Os señores da Pena) están asentados nos territorios "do galego": as crónicas da xente e dos señores da aldea; retratos dignos de seren literaturizados. Na outra variante, sen embargo, a elaboración narrativa e os compoñentes ficcionais están dirixidos polo ideario persoal dos espacios autobiográficos e mentais, cunha función catártica. Son os textos: O lar de Clara, As pitas baixo a chuva, Os tumbos e A Cegoña. O seu relato Aos amores seródios, para Martínez Pereiro, no ensaio "Scórpio ou a moi intelixente caza-cruzada dun fantasma", Carvalho

"rotundamente introduz no seu mundo ficcional a ancoraxe individual e emocional da topografia de si próprio, o labirinto do tempo e a viaxe reflexiva ao seu redor, que procuran reinventar a (sua) vida en moldes literários" (1991:71-76).

Mesmo no relato "Provérbios otomanos: De Salim a Solimám" existe un núcleo de simbolismo autobiográfico.

Scórpio, ambiciosa novela de lenta elaboración, está construída como o relato dunha época histórica e dunhas personaxes que a pesar da súa ficcionalidade deixan transparentar o seu historicismo; época histórica que non só marcou a historia colectiva de Galiza senón tamén a individual do seu autor —o período da República e a guerra civil—. Dalgunha maneira, e nunha primeira lectura do libro, Scórpio é a novela dunha xeración, do destino dunha xeración que fixo a guerra, da xeración que se educou para a paz. O transfondo da guerra e a presencia de figuras históricas tamén concretan a narración que nunca perde contacto coa perspectiva galega.

Ricardo Carvalho Calero.

A narración do proceso de Rafael divídese en dúas partes practicamente iguais na súa extensión, articulándose o relato sobre os enunciados de numerosas voces (34) supostamente individualizadas que desenvolven de forma lineal, sen cambios bruscos de ritmo, unha historia que abrangue o período que vai de 1910 ata 1938, é dicir, os 28 anos de vida de Rafael, coñecido entre algúns compañeiros co nome de "Scórpio", o seu signo zodiacal. Por veces danse feitos, opinións ou actitudes que, mesmo atribuídos a outras personaxes da novela, poden ter unha valoración autobiográfica; tamén outras personaxes están configuradas sobre modelos reais: Francisco e Aurélia, os pais, corresponden basicamente cos pais naturais de Ricardo. A realidade está tratada con certa liberdade e convive con elementos de pura ficción: o nacemento e a morte de Rafael son exemplos de relevancia dos compoñentes ficticios da novela. Segundo o texto, Rafael fica orfo dunha moza solteira que morre como consecuencia do parto, e o pai é descoñecido. É así que Rafael é collido en adopción e considerado como un fillo máis, o quinto, para Aurélia e Francisco. Na realidade, Ricardo foi fillo lexítimo e primoxénito de María Dolores Calero Beltrán e Gabriel Ricardo Carballo Naya. Por outra parte, a morte de Rafael en Barcelona durante un bombardeo en marzo de 1938, nada ten que ver coa biografía de Ricardo Carvalho.

Nesta novela Carvalho resolve a elección do punto de vista cunha técnica difícil. Unha multiplicidade de narradores vannos conformando a personalidade de Rafael, o protagonista da acción, que nunca é o protagonista do discurso ao estar privado de voz polo autor; protagonista non exactamente mudo, senón máis ben silencioso. É así que o silencio preséntase como unha forma da lóxica estrutural, recurso de grande destreza porque reforza o carácter enigmático que envolve a Rafael Martínez Piñeiro, remarca unha atmosfera de ser máxico, sobrehumano, non suxeito á morte que espreita en forma da guerra civil; tamén acentúa a súa ambigüidade en canto a unha sensualidade de intención inxenua ou maliciosa, créalle unha sensación de seguridade, intelixencia e decisión. Os cabos soltos e os silencios dan pulo á traxectoria novelesca, que queda na dúbida ata o final.

Do silencio de Scórpio, Carvalho engadía:

"pareceu-me que técnicamente era mais perfeita a absoluta abstinéncia na utilizazón desta voz. (...) Pero como dispuña de tempo suficiente para iso e como non me importaba demasiado que isto producise ou non dificuldades de éxito na obra, decidin manter-me nesta austera posizón e que Scórpio permanecera sempre na sombra, no sentido de que non avanzara nunca no palco escénico até ter a principalia como voz narrativa. E isto está relacionado con esa sombra, con ese mistério que rodea á personaxe -que, por suposto, non é resultado das dificuldades que supón esta técnica, senón que é algo querido tamén- porque non só Scórpio, senón ti e eu, somos seres misteriosos. Todo ser humano é misterioso, temos unhas grandes zonas de sombra e me parece que reflexar esa sombra, en lugar de lanzar un foco como de televisión que iluminase cunha claridade enganosa a realidade do mundo, era mais eficaz"

(Salinas Portugal, 1991:72).

Destacar o cervantino xogo metanarrativo a que o alter ego de Scórpio conduce coas súas reflexións sobre unha novela que resulta ser a que lemos; noutras palabras, Carvalho introduce na mesma ficción da novela unha exposición teórica sobre a concepción do que debe ser unha novela, sobre a construción das personaxes, sobre os problemas de creación da novela, etc., posta en boca dun autor de ficción (Salgueiro).

A variedade de personaxes, os diferentes ambientes e os contrastados contextos históricos que o texto literaturiza ben admitiría unha interpretación sociolóxica, aínda que a súa complexidade manifesta pode levarnos máis alá desta perspectiva, caso dos compoñentes mítico-simbólicos da novela, mesmo baixo dun aparente realismo. Así, de principio, non hai dúbida en canto ao carácter pechado do proceso que aí se narra: nacemento e morte do heroe funcionan como marcos que confinan a súa historia no tempo. Da mesma maneira, o espacio preséntasenos ben delimitado: Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte; Madrid, Valencia, Andalucía e Barcelona na segunda. Tampouco, a primeira vista, hai dúbidas de estarmos perante unha narrativa realista: a través dos diferentes suxeitos enunciadores temos exacta información da personalidade de Scórpio, dos seus actos e da súa evolución exterior, e as constantes alusións relativas ao contexto sociopolítico que proliferan no texto, conflúen a facer deste relato a narración verosímil dunha historia cimentada no real.

Non obstante, sería válida esta lectura de non existiren outros indicios que apuntan a unha estrutura de significados subtextual. Como xa sinalamos, nacemento e morte do protagonista son exemplos dos componentes ficticios da novela, indicios que non son produto da casualidade. Desde unha lúcida interpretación crítica, para Elvira Souto

"nascimento e morte de Scórpio encerram cada um o seu próprio mistério, hai em cada um destes acontecimentos situados nos dous extremos da história, e do relato, un segredo que acaba por nom se desvelar nunca, un enigma cuja resolucom o autor deixa —aqui sim voluntariamente— en suspenso. Se agora nos lembrarmos da importáncia que para a missom heróica tenhem os acidentes do nascimento (...) e recordarmos que, em correlacom a esse comeco acidentado e enigmático, a muitos heróis trágicos se depara um final catastrófico (é esse o preço que se lhes exige pola sua incipiente liberdade, a marca de umha complexidade individual em ascenso que o diferencia netamente do monocolor protagonista do conto azul), concluiremos que a ideia de ver nestes indícios algo mais do que umha simples coincidéncia casual é realmente sedutora e concordaremos possivelmente também em que pode resultar interessante averiguar se som, ou nom som, estes indícios as pontas visíveis de um fio temático subjacente a toda a narraçom. (...) Existem em nosso entender indícios suficientes no relato que autorizam umha leitura simbólica a partir da consideracom da aventura que aí se narra como un processo, que nós adjectivamos de heróico-trágico, de auto-reconhecimento, no curso do qual se desvela um conflito que é origem de graves perturbaçons. (...) A interrogante que, imaginamos nós, coloca o autor de Scórpio é (...)que será preciso ir pensando em iniciar essa outra travessia, longa e árdua mais do que nengumha, (...) mas que define em todo o caso um horizonte irrenunciável: o da defensa inequívoca do lar herdado, o da expulsom sem ambages nem subterfúgios dos pretendentes que nos cobiçam a casa e destróem sem dó as suas riquezas, o da reinstauraçom da genealogia própria nesta Terra pequena que Ricardo Carvalho Calero tanto amou"

(Souto Presedo, 1991:71-105).

Felicidade e desgracia, morte e vida... son os límites dunha indagación novelesca que fracasa no seu intento de eludir os sentimentos de frustración e desastre. Así acontece que cando Salgueiro pescuda ("Estou a escrever umha novela rosa? (...) Esta é a quartilha duascentas dezasseis. (...) ...a obra avança. Mas, que classe de obra é? (...)O começo nom parecia "rosa") de contado descobre que "Rosa é a vida destes estudantes, ou eles vem-na rosa, porque a vem através do prisma com que vê a vida a classe social a que pertencem. (...) E os artesaos (...) estám tamém integrados nessa concepçom do mundo, e ainda que vivam umha vida negra, como a podem viver os mesmos estudantes, pensam-na en termos de novela rosa. E nom é que vivam felizes e descuidados e prósperos e optimistas; mas ao tomar consciéncia da sua vida, acomodam-na, na apreensom intelectual, na apreensom intencional que fam dela, aos esquemas ideais com que a vida é apreendida segundo a filosofia da classe que lhes fornece a sua concepçom ideal do mundo. A rosa nom é a cor da felicidade, é a cor do eufemismo, é a cor do optimismo, é a cor do idealismo, é a cor do dissimulo, é o véu que envolve a nudez, é a palavra que suaviza a realidade. (...) As suas vidas nom som cor de rosa. (...) E todos ham envelhecer, e alguns ham morrer, e ham-se rasgar véus, e esnaquizar-se moldes, e esquecer-se nomes e renovar-se esquemas. Todos havemos madurar e podrir-nos". Consecuentemente, a novela vaise escurecendo so do enigma da comprensión como (in)capacidade humana, deica rematar nun epílogo negro (ou absurda traxedia). Esta conversión é simultánea cos sucesos da traxectoria vital de Rafael: desde a súa enganosa integración persoal ata as circunstancias dunha desintegración colectiva que o extermina sen sentido cando resulta un enigma. Esa traxectoria, cunha grande austeridade e eficacia, ten o seu complemento nun conxunto de personaxes que forman parte da iconografía biográfica e literaria do propio Carvalho.

Retratado perante unha orla da primeira promoción (1978) de galego-portugués da Universidade de Santiago.

Evidentemente, desde o plano formal non é unha novela autobiográfica; trátase, precisamente, dunha novela heterobiográfica. Agora ben, para Carvalho,

"toda obra literária, toda obra artística, é unha obra biográfica. Concretamente, neste caso trata-se dun personaxe, Scórpio, que vive paralelamente a min...(...) Neste sentido, a obra contén unha cantidade mui grande de vivéncias vitais miñas. Mas estas están distribuidas dunha maneira profusa através de distintas personaxes. É dicer, hai muitas experiéncias vitais miñas, porque a obra está resolta tamén con arreglo a un critério realista.(...) A novela é fundamentalmente realista. E para que unha novela realista teña un fundamento sério é preciso que a xeografia e a cronoloxia sexan ben coñecidas polo autor.(...) Mas hai unha grande cantidade de imaxinazón na obra.(...) Hai cousas que me aconteceron a min que lle acontecen a Scórpio, pero hai cousas que me aconteceron a mim e lle acontecen a Salgueiro, comezando por escreber ou intentar escreber a própria novela ou o próprio romance de Scórpio.(...) En conxunto eu creio que presenta o drama, presenta a verdadeira traxédia dunha xerazón, a xerazón esta que chamábamos "Halley" ou que chamábamos ás vezes xerazón do Seminário. Eu son un pouco Scórpio, pero mui pouco. En muitos aspectos até me preocupei de distingui-lo mui ben, até físicamente, de mim mesmo. Pero son tamén Barreiro, son tamén Casado, son tamén Salgueiro, e se me apuran son todos os personaxes masculinos e femininos que alí bulen. Porque se alguns non me reproducen na miña realidade de independéncia actual, outros muitos teñen sequer xens e cromosomas do seu pai, que son eu.(...) En todo caso, si creio que este romance ten caracteres de épica, porque son através deses muitos personaxes, as realidades dunha colectividade humana as que se manifestan. E neste sentido pode recordar un pouco ao unanimismo de un Romain Rolland, ou dun Jules Romains ou dun John Dos Passos"

(Salinas Portugal, 1991:73-76).

IMAXES