A Etapa Contemporánea (S. XX)
A guerra civil. Literatura do exilio (I)
Sempre en Galiza

O Sempre en Galiza é un libro de alento ideolóxico vital para o nacionalismo galego. Tense considerado a obra máis axeitada para coñecer a fondo a traxectoria política de Castelao desde o desterro en Badaxoz ao exilio en Bos Aires. Globalmente non é un ensaio quimicamente puro ,homoxéneo na acepción convencional referente á estrutura e contido do xénero ensaio. Non encaixa en modelos ríxidos establecidos polas literaturas de países normalizados, senón que é variado tematicamente, plural nos seus rexistros, híbrido de creatividade literaria lírico-narrativa, didáctica, oratoria..., e responde á necesidade de expresar contidos antropolóxicos, xeográficos, psicolóxicos, históricos, artísticos ou culturais, ademais dos estritamente ideolóxico-políticos. É produto inconfundíbel dunha época crítica en que o ideólogo, ademais de artista, tivo de ser político e mesmo actuar como fedatario do pobo galego, do nacionalismo organizado.

Capa da Primeira edición de 1944 do  Sempre en Galiza  de Castelao.

Castelao asume a responsabilidade de difundir o pensamento, as teorías científicas dos homes do seu tempo con que compartía ideais. Cabe salientar, en primeiro lugar, pois non en balde está dedicado o Sempre en Galiza a el, a figura de Alexandre Bóveda e as súas esclarecedoras ideas sobre a economía galega. Castelao ten recoñecido a débeda de todo o nacionalismo con Bóveda en alocucións entrañábeis, por ser un militante entregado ao partido, dos que non deixan obra persoal publicada e asinada. Mais Bóveda vai ser o principal catalizador e artífice do Anteproxecto redactado polo Seminario de Estudos Galegos e posteriormente do texto que se vai debater na asemblea de Compostela, así como dun estudo que acompaña o texto estatutario, onde se demostra a viabilidade económica da súa aplicación. Recolle igualmente a crítica que fai ao sistema tributario español, que a República non reformara, inxusto e acientífico, ademais de embarullado burocraticamente, demandando a refundición nun imposto único.

Tamén comparte as inquedanzas e as ideas de estudiosos como Gallástegui (modernización agraria), Lois Peña Novo, Álvarez Gallego (problemática económica), Otero Pedrayo (xeografía e cultura), Carré Aldao (literatura), Portela Valladares (Estatuto de Autonomía), etc. Que Castelao actúe de difusor das ideas destes intelectuais en ningún caso debe ser motivo para menosprezar a súa obra nen para lle restar orixinalidade, pois estas aportacións, por outra parte, non supoñen tanto cuantitativamente. Tamén semella desproporcionado subordinalo á ideoloxía de Vicente Risco, sostendo que nunca se conseguiría librar da súa pegada completamente. A Teoría do nacionalismo galego (1920) é un precedente do Sempre en Galiza ,mais foi escrito nun intre aínda de non plena madurez intelectual, de aí que haxa moitos aspectos a depurar e superar. Ben é certo que, por mor das necesidades circunstanciais, foi presentada polos dirixentes das Irmandades como a biblia do nacionalismo galego, xusto cando o seu autor comezaba a ser valorado como o guieiro político e moral máximo entre o galeguismo, consideración que non permanecería para alén de comezos dos trinta.

Cremos, non obstante, que varios estudiosos do nacionalismo galego teñen menosprezado ou ignorado a Doctrina nazonalista publicada por Ramón Vilar Ponte en 1921 e da que, sen dúbida, Castelao tomará boa nota canto ás tendencias ideolóxicas que aporta e que asumirá o nacionalismo galego organizado (antiimperialismo, pacifismo, anticolonialismo, patriotismo, internacionalismo, etc.). Quizais non sexa coincidencia pura que o Libro Primeiro do Sempre en Galiza parta dunha estrutura similar á do anterior e semelle haber un diálogo constante entre ambos. Por outra parte, no terreo da práctica individual e da concepción da política partidaria, Castelao afastarase considerabelmente tanto de Risco como de Ramón Vilar Ponte, sobre todo no tempo da II República, debido á relixiosidade exacerbada que profesaban e que interfería o labor político e ao purismo en que se debía de manter o nacionalismo. Neste sentido é ben doado albiscar cómo non hai un paradigma xeral único de ideoloxía nacionalista e cómo cada caso constitúe en si unha especificidade no plano da teoría e da práctica.

No Sempre en Galiza podemos atopar integrando os seus capítulos, a carón das creacións ideolóxicas inéditas e orixinais, outras modalidades e subxéneros do texto ensaístico, de grande competencia e modernidade, e todos eles definidos pola finalidade pragmático-ideolóxica: a conferencia, o discurso, o artigo, o informe, o tratado, o manifesto, o folleto, a caricatura simbólica, o texto emblemático, etc. Sintomaticamente, en forma de texto embrionario, o Sempre en Galiza , comeza a ser redixido no contexto da súa actividade como parlamentario ao longo do denominado bienio transformador (14/IV/1931-19/XI/1933), con discursos parlamentarios que integrará no Libro Primeiro. Antes mesmo da serie " Verbas de Chumbo ", existen artigos breves en A Nosa Terra que máis tarde aparecerán intercalados nesta obra de Castelao. Algúns destes artigos, o primeiro dos cales aparece en nadal de 1933 co título "Dúas caricaturas de Castelao", figuran en seccións como "Faíscas" ou "Lerias no Adro", en referencia directa ao que será o Adro do Sempre en Galiza.

Desde abril de 1935 van aparecendo as colaboracións semanais enviadas a A Nosa Terra desde o desterro de Badaxoz, segundo palabras de Castelao, "cando Lerroux tivo a ben ordear que me preparase para maores ausencias", englobadas no epígrafe combativo "Verbas de Chumbo". Estes artigos integrarán os catorce capítulos do Adro e sérvenlle de limiar ou presentación ao libro cando sae á luz. A estrutura da obra, aparentemente sinxela, evoca dalgunha maneira a dun edificio con varios andares, adoptando primeiramente as connotacións simbólicas cristiás do Adro, como espacio representativo da parroquia galega ou como forma de Concello popular aberto. En función das circunstancias en que se orixina esta parte do libro ten moitas concomitancias co diario e, non en balde, hai capítulos que se ordenan en función das partes do día. No enfoque estrutural interno dos capítulos predomina a simetría, a antítese e o paralelismo co obxecto de tirarmos conclusións a respecto dos contrastes entre Estremadura e Galiza. O enfoque iterativo, a pulcritude estilística e a intencionada función simbólica danlles aos textos un elevado valor estético. Redixidos en intres de especial rexeitamento do significado das dereitas españolas, o seu contido xira en torno aos seguintes eixos ideolóxicos: a) activismo político/teorización e pasividade; b) altruísmo e política galeguista/egoísmo, apoliticismo, individualismo; c) patriotismo consciente/adhesión ao País sentimental e primaria (saudade); d) nacionalismo para Galiza/socialismo para Estremadura; e e) unidade do nacionalismo e política de esquerdas/significado reaccionario da política de dereitas.

O Libro Primeiro recolle as trinta e dúas colaboracións para o semanario Nueva Galicia ,"Portavoz de los antifascistas gallegos", tamén coa cabeceira periodística "Verbas de Chumbo". A presenza de varios destes artigos reiterarase na revista Nova Galiza ,"Boletín quincenal dos escritores antifeixistas", directamente inspirada polo Partido Galeguista e que se manterá na rúa en Barcelona de abril de 1937 a xullo de 1938. O obxectivo máis urxente de Castelao, en ambos os casos, é conseguir a unión de todos os antifascistas galegos en defensa da República. No número de marzo de 1938 reprodúcense dous capítulos "dun novo libro de Castelao que axiña será imprentado por Edicións Nova Galiza" e que Castelao pensaba titular Co pensamento en Galiza .A pesar da aparente estrutura acumulativa que puidese conferirlle o seren artigos publicados en revistas e posteriormente recollidos en libro, o certo é que o Libro Primeiro é, de todas as partes do Sempre en Galiza ,a máis nidia e mais acabada. Comezando polo encadramento que lle confiren os capítulos I (manifesto enfático que serve de presentación e reivindica a liberdade de Galiza) e o trinta e dous (tríptico emblemático sobre as tres fontes básicas de riqueza do País, a forestal, a pecuaria e a mariñeira). A seguir, desde a óptica do contido ideolóxico, pódense establecer globalmente dous grandes apartados de moita relevancia no conxunto da obra. Primeiramente, do capítulo II ao XII, exponse a definición de Galiza como nación e os factores diferenciais que conflúen nesta definición. Logo, do capítulo XIII ao XXXII, as argumentacións e exposicións xiran en torno ao Estatuto de Autonomía como instrumento xurídico-político para avanzar na solución da problemática galega máis urxente.

Para Castelao unha comunidade estábel como Galiza, historicamente formada por idioma propio, territorio diferenciado, vida económica peculiar e cultura autóctona, é unha nación. A nación ten en todo momento dereito á autodeterminación, a gobernar e ser dona do seu destino, dereito que pode exercerse nun marco estatal plurinacional como o español, sempre e cando adopte unha estrutura federal que posibilite as liberdades nacionais. En caso contrario, a nación estaría mesmo lexitimada para loitar pola súa independencia.

Castelao na súa estadía na Habana.

Castelao procura deliberadamente a concordancia, que cualifica de "venturosa", coa teoría da nación marxista, expresada neste caso por Stalin, distinguindo entre nación e minoría nacional, tomando como requisito indispensábel a existencia de territorio, unha das condicións máis axiomáticas para falarmos de nación. Non obstante, asegura a seguir que non é racional fundamentar ningunha reivindicación nacional apelando a distincións de raza e que non poden existir barreiras ao respecto.

Nun momento en que as afinidades co marxismo emerxían con forza na súa ideoloxía, vinculará a nación a un proxecto de clase, o das clases traballadoras galegas, os labregos e os mariñeiros. Para estes a terra en que viven e traballan é unha nación asoballada, con dereito a exixir a liberdade e a reclamar garantías de desenvolvemento normal da súa vida económica. Chega a recoñecer en varias ocasións que existe un obxectivo común entre o movemento nacionalista e o socialismo internacional, xa que a opresión do proletariado e das nacións é produto da mesma expansión capitalista na súa vertente imperialista. Reivindica, frente á consigna pseudomarxista "os obreiros non teñen patria", a incorporación do proletariado á loita pola liberación nacional, para derrubar a política imperialista e facilitar a unión internacional de obreiros e campesiños. O desenvolvemento pleno dun pobo, a explotación a mans propias das riquezas naturais do País, o potenciamento das forzas produtivas, afectan directamente ao proletariado de cada nación.

No plano das alternativas políticas —o verdadeiramente preocupante para Castelao, máis que o teorizante—, a nación ten dereito á autodeterminación dentro dunha federación ou a chegar, se for o caso, a se constituír en Estado independente. Como posición maximalista asúmese plenamente o ideal de autodeterminación, aínda que se recorra, ás veces, á defensa da independencia como mecanismo de presión intimidatoria e se tome máis en serio nos anos do exilio, logo de contemplar a desfeita republicana.

Por outra parte, Castelao non comunga cunha fórmula descafeinada de federalismo, cunha simple descentralización administrativa para desconxestionar a cabeza, cunha división do territorio español en doce, catorce ou dezaseis rexións autónomas, ou sexa, o denominado café para todos .Ao respecto establece, consecuentemente, unha dicotomía contundente: ou un sistema federal ou o desbaraxuste dunha España única, que sempre se acaba gobernando mellor por medio dunha ditadura persoal que por medio dunha democracia parlamentar.

A definición de nación que anticipa no Libro Primeiro manterase substancialmente inalterábel nos demais libros, se ben, en ocasións, á luz doutros factores definitorios. A preocupación de Castelao non é a do teórico puro, a do polemizante; está máis basculada cara ao lado da política práctica. De feito, a definición de nación ocupa unha parte relativamente mínima do Sempre en Galiza , frente ao que, por exemplo, ocupa o federalismo, o Estatuto, a Guerra, a lingua ou a historia e a imaxe de Galiza.

A preocupación por combater a asimilación lingüística motivou a Castelao desde moi cedo; de feito algunhas pasaxes das máis significativas do Libro Primeiro xa estaban presentes no discurso en defensa do idioma que acompañou a súa iniciativa parlamentar en 1931 para modificar o artigo 4° da Constitución. De todos os factores que conflúen na definición da nación sitúa en primeiro termo o idioma propio, como base vehicular da cultura, como forma de exteriorización e diferenciación máis singularizada. Súmase así á perspectiva adoptada por Murguía , Risco , Antón Vilar Ponte etc., ou polos humanistas alemáns do século XIX, Humboldt e Herder. Castelao tamén era consciente das inmellorábeis posibilidades aglutinadoras do galego, da súa capacidade de xerar solidariedade, cohesión e homoxeneidade cara a dentro e, ao mesmo tempo, establecer a conciencia de disimilitude e diferenciación cara a fóra. Por iso advirte que a morte da lingua é sinónima de anestesiamento da conciencia do pobo, de dexeneración e, en definitiva, de rendición do pobo que a fala.

E da mesma maneira que lle dá un contido social de clase á nación, tamén lle atribúe á lingua o carácter popular, o de ser a institución social máis importante con que contamos, fuxindo de abondar en plantexamentos culturalistas. As clases populares, segundo constata, permaneceron alleas á asimilación, conservando a lingua ao longo dos séculos, frente ás camadas aristocráticas, burguesas e á intelectualidade que, co seu silencio, confinaron o galego á categoría de lingua rústica. Non dúbida en atribuír a problemática do galego á dominación política que se exerceu sobre Galiza. A opresión lingüística e cultural é consecuencia directa da opresión nacional. Trátase dunha política imperialista de asimilación lingüística sistemática, promovida e planificada desde o século XV, que vai dar como froito inmediato o enmudecemento nunha expresión literaria que viña sendo esplendorosa, ao tempo que se cae no marasmo graficamente denominado Séculos Escuros. A introdución dunha elite allea ao País, a invasión de altos cargos civís, eclesiásticos e militares casteláns; a hostilización, traslado ou desterro da aristocracia galega; o sometimento a obediencia castelá dos conventos e mosteiros galegos; as ordenanzas reais impoñendo o castelán na documentación pública de todas as institucións; a castelanización da toponimia e dos apelidos; a negación da categoría de lingua...

Castelao nun acto político organizado polos "Fillos do Concello de Boiro"

A consolidación do Estado burocrático e centralista español agudiza a asimilación españolista, sobre todo na segunda metade do século XIX. No asedio contra o galego prodúcese agora un salto cualitativo, cando o español gaña a súa primeira batalla por mor da "inflación burocrática do réxime de provincias e por certas supersticións do progreso... O idioma oficial da Administración, da Eirexa, do exército, do Enseño e de toda situación pública, logra infiltrarse nas camadas burguesas da cibdade provinciana, debido á influencia dos funcionarios, dos militares e tamén dos comerciantes e tendeiros, alleos ao país" (p. 105). Castelao tamén ten presente no Sempre en Galiza que a miseria e a conseguinte necesidade de emigrar reforzan a idea de que o español é o idioma útil e necesario para gañar cartos polo mundo adiante e que o galego é sinónimo de atraso, provocando así autoodio e desprezo polo propio País.

En momentos de divinización do progreso capitalista, sobre todo por parte dos ideólogos republicanos e liberais, a propaganda en favor do idioma universal era moeda corrente e vendíase como tendencia inexorábel da Humanidade. Para Castelao non é máis que unha teima degradante que, detrás dunha aparencia cosmopolita, agocha un forte substrato españolista. Apelando á uniformidade e universalidade da linguaxe dos animais conclúe que a racionalidade, a intelixencia e a singularidade humanas están na variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, como signo distintivo da nosa especie frente aos animais.

Conforme ás palabras iniciais de Castelao, os capítulos do Libro Segundo comeza a redactalos en Nova York a comezos de 1940 (entre xaneiro e xullo), cando a causa republicana no plano da contenda bélica estaba xa perdida e tiña intención de se dirixir ao exilio bonaerense. Agora o propósito consiste en completar e matizar as afirmacións feitas no Libro Primeiro de cara a unha mellor comprensión das causas que provocaron a derrota da democracia española. En certa medida réplica do anterior, hai neste libro maior dureza e radicalidade en todos os seus plantexamentos: "repetirei verbas e frases até convertilas en tópicos porque non estou arrepentido do que dixen —por algo volvo a decilo—, senón que agora pretendo remachar i endurecer algunhas afirmacións, e quero formular outras máis novas". (p. 142). A maiores da crítica aos políticos republicanos, existe o propósito íntimo de destinar o libro á consideración dos galegos do continente americano. Percíbese en menor medida a confluencia de materiais editados ou feitos públicos previamente, aínda que os hai relevantes como a conferencia ditada na Universidade da Habana en decembro de 1938 baixo o título "Federalismo español", que, con retoques que a completan, integrará o capítulo XV; o tríptico caricaturesco "As tres plagas: Militarismo, Clericalismo, Semifeudalismo", que vira a luz en Nova Galiza en abril de 1937, agora no capítulo XIII; ou a reprodución no capítulo X do discurso de Castelao no mitin do Partido Galeguista na Coruña de comezos de 1936. Seguindo unha cadea argumental compacta, Castelao analiza entre o capítulo I e X os detalles últimos do trámite parlamentario do Estatuto de Autonomía, o desencadeamento e resultado da Guerra e a eterna incomprensión dos republicanos cara a Galiza e o problema derivado da base plurinacional do Estado. Os capítulos XI e XII denuncian as aldraxes inferidas pola prensa republicana aos soldados galegos obrigados a loitaren no bando insurrecto. Os factores desencadeantes da Guerra e a incidencia nas tres nacións periféricas do Estado trátanse nos capítulos XIII e XIV. Volve a cobrar corpo voluminoso o espacio dedicado a demostrar as vantaxes dunha democracia republicana en réxime federal sobre a reformista (federábel) do 31, recalcando o arbitrario empeño dos republicanos (capítulos XV, XVI, XVII, XVIII e XIX). Féchase o libro cunha parte máis heteroxénea: interpretación da emigración galega (XX, XXI); aldraxes a Galiza e os galegos na literatura española (XXIII); denuncia do uniformismo lingüístico (XXIV, XXV); e colofón (XXVI).

Os anos 1942 e 1943, máis propicios para a reflexión e a lectura debido á situación política arxentina, explican a fasquía do Libro Terceiro, que se redacta nestas datas. As referencias finais reproducen o discurso no Stadium Centenario de Montevideo o 18 de abril de 1943, nun acto de exaltación republicana cabo dos doce anos da proclamación da República. Existen, aínda que en pequena cantidade, capítulos que integran algúns dos artigos publicados en A Nosa Terra por estes anos. É o libro máis voluminoso, con trinta e cinco capítulos, o máis documentado ou erudito, baseado nun amplo abano de lecturas sobre a historia de España, a imaxe dos galegos, o federalismo, etc. Semella a parte máis teórica, é dicir, a que se libra de estar condicionada pola súa actuación política inmediata. A estrutura enmarcada do libro tamén lle confire un carácter máis fechado e unitario: os dous primeiros capítulos funcionan como introdución e os tres últimos son de carácter conclusivo. O núcleo do ensaio articúlase en tres eixos ideolóxicos básicos:

  1. Entre o capítulos III e X, susténtase o carácter diferencial de Galiza, confrontándoa a Castela e comprobando cómo os caracteres de ambas as dúas condicionaron a configuración da unidade de España. Formúlanse as seguintes antíteses: nobre ruralismo/retrasada urbanidade; parroquia, hábitat disperso/concentración urbana; orografía ben modelada e diversidade/chaira e monotonía; carácter inasimilábel, concordia e pacifismo/centralismo, intransixencia, belicosidade; apoucamento, cortesía, resistencia pasiva/ton declamatorio, vaidade.
  2. Desde o capítulo XI ao XXXIV, inténtase demostrar que, pese ao imperialismo castelán, exercido desde a Idade Media, non se conseguiu galvanizar a unidade de España. Apuntálase a idea dunha unión pactada entre as nacións do Estado e mais Portugal.
  3. No terceiro núcleo (capítulos XXV-XXXII) levase a cabo a análise do proceso de sometemento e colonización de Galiza desde o século XV a través dos episodios máis significativos (revolución irmandiña, doma e castración da nobreza galega, espoliación por parte do centralismo, perda progresiva da autonomía, etc.).

Acto de entrega a Castelao do primeiro exemplar do  Sempre en Galiza.

Do mesmo xeito que as reflexións sobre a lingua e a economía non pretenden acadar o rigor propios dun especialista, tampouco no caso da historia se pretende chegar ao rango dunha exposición detallada, orixinal e novidosa. Castelao foille concedendo unha importancia crecente ao estatuto da reflexión histórica, máis que nada suxeita a unha finalidade de teorización política. No Libro Primeiro do Sempre en Galiza (cap. II e XII) avanza dunha maneira en certa medida esquemática os fundamentos que desenvolverá posteriormente. Trátase, en principio, de remarcar os acontecementos frustrantes que afondaron no sometemento e falta de conciencia de Galiza. Á realidade frustrante dos últimos cinco séculos, contraponlle Castelao o feito evidente da permanencia da personalidade nacional galega, da Tradición. Mais a Tradición, pese ao que se poida entender, non ten relación ningunha cunha ideoloxía retrógrada nen co mantemento de estruturas ou privilexios de tempos pasados. Trátase só do substrato inasimilábel, da vinculación incoercíbel Terra-home, opostas á Historia, sinónima nese intre para Castelao á tendencia suicida a glorificar a asimilación e a divinizar o Estado unitario.

Sempre en Galiza faise eco de orientacións interpretativas que non aspiran a ser un prontuario da Historia nacional, para acatar sen discusións, destinado a xeracións enteiras. Mais tamén é certo que existe unha corrente de pescuda e interpretación da Historia de Galiza dentro da cal as exposicións de Castelao non desentoan nen parecen desproporcionadas. Considera en primeiro lugar que Galiza constitúe unha unidade territorial homoxénea, nidiamente diferenciada desde a etapa prerromana, como Gallaecia, e que mesmo a romanización se viu matizada pola influencia dun substrato lingüísticocultural moi influínte. Seguidamente o período suevo, iniciado no ano 410 coa decadencia do Imperio romano e rematado no 585, dálle existencia política plena ao territorio diferenciado de Galiza. Trátase, segundo as investigacións recentes, do primeiro reino instaurado territorialmente na Europa occidental. A existencia desta realidade independente vai propiciar un florecemneto político e cultural en que asentar as bases das institucións político-administrativas do futuro (dióceses, comarcas, Concilios).

En liñas xerais tamén Castelao participa da concepción da Idade Media como unha etapa dourada e esplendorosa, crucial na Historia de Galiza. Galiza é a estas alturas unha nación plenamente consolidada: territorio, idioma de seu, lírica florecente e de valor universal, relixiosidade enraizada na doutrina de Prisciliano , arte románica consagrada, universalidade derivada da comunicación con Europa, etc. Desta maneira evidencia cómo Galiza foi próspera e recoñecida no mundo cando dispuxo dunha mínima capacidade de goberno, como na monarquía eclesiástica rexida por Xelmírez. Non por iso é unha visión idealista e mistificadora de comezo a fin; responsabiliza a Xelmírez, como grande cacique galego, de non ser fiel aos intereses e ao futuro dos galegos, deixando que se desintegrase e esmorecese o noso territorio coa creación do Reino de Portugal.

A decadencia ten o seu punto de arranque no sometemento exercido sobre Galiza por parte dos Reis Católicos, tras o fracaso da Revolución Irmandiña , a decapitación da nobreza que podía defender os intereses propios e a invasión da nosa terra polo imperio relixioso de Castela. Castelao considera a existencia de resistencia e enfrontamentos por parte da nobreza galega contra unha coroa de fóra que, de ningunha maneira pode venderse como liberadora do pobo e da súa escravitude. O exemplo senlleiro desta rebeldía é o mariscal Pardo de Cela , insubmiso de 1479 á monarquía centralista e executado publicamente en Mondoñedo en 1483. Non deixa de ser máis do que un anacronismo ou unha terxiversación histórica considerar progresista o reinado dos Reis Católicos frente ao feudalismo e despotismo dos señores. É unha evidencia que os señores feudais non desapareceron en Galiza; só os cambiaron e seguiron mantendo privilexios. Galiza ficou marxinada polo poder central a nivel económico, político e cultural: impuxéronse as cargas máis onerosas derivadas do dispendio sen tregua da monarquía (homes para o exército, diñeiro, materias primas, etc.), negouse o voto en Cortes, perdeuse a representatividade ou capacidade de goberno que confería a Xunta Xeral do Reino. Alén dos privilexios a manteren, que os había, parece constatarse que a nobreza feudal perseguida non aceptaba polas boas unha asimilación plena ou era prolusitana. Daquela o resultado foi a decapitación ou asasinato dos insubmisos e a castración ,a asimilación progresiva mediante imposición de traslado á Corte da nobreza submisa. Consecuentemente, e conforme ás coordenadas da época, as clases populares quedaron desvinculadas dun sentimento nacional, desamparadas e sen referentes, expostas tamén ao vilipendio e á aldraxe que os vencedores impoñen aos vencidos, segundo Castelao, tal e como se se tratase dun pobo de salvaxes colonizados. A mostra máis ilustrativa de insulto á imaxe de Galiza e os galegos por parte da literatura castelá dos Séculos de Ouro ofrécenola o capítulo XXIII do Libro Segundo, e Castelao atribúelle unha causalidade histórica.

Homenaxe da colectividade galega co gallo da publicación do  Sempre en Galiza.

A depresión secular en que estivo sumida Galiza non difuminou a súa personalidade nacional, aínda que truncou as súas posibilidades de desenvolvemento a todos os niveis. Castelao suliña o fracaso evidente do Estado imperialista na construción da chamada "unidade nacional", o desbaraxuste propio en moitos intres e a ruína de pobos como o galego, que viñan de ser tan esplendorosos. Malia todo na etapa contemporánea, considera decisivo o salto cualitativo que se produce no século XIX co reforzamento da estrutura burocrática do Estado centralista, que nunca chegara a ter unha influencia tan relevante. Desde a división provincial de 1833 , que esnaquiza a nosa unidade administrativa e difumina aínda máis a imaxe e a capacidade de reacción do Reino de Galiza, non paran de afortalarse os mecanismos de colonización cultural por medio do Ensino, da Igrexa, da prensa, do Exército, etc. O espallamento da ideoloxía liberal, fervente defensora do Progreso uniformista, sobre todo entre os elementos urbanos, incrementa o retroceso do galego. Ao mesmo tempo, e como fenómeno estreitamente vinculado aos anteriores, a emigración acada as cotas máis elevadas, debilitando as enerxías do País e producindo sentimentos de infravaloración e autoodio. Analizando a ideoloxía liberal corrente en España e Galiza e a súa incomprensión ante a cuestión nacional, Castelao conclúe que o sistema absolutista non se diferencia practicamente en nada do proceso unitario e centralista importado da veciña Francia. A revolución francesa consolidou a concentración político-administrativa que impuxeron os déspotas para aseguraren un dominio máis eficiente. Non é de estrañar que unicamente considere o lema da Revolución francesa válido para colocar á entrada dos cemiterios.

Tamén interrelaciona estas agresións máis agudizadas co espertar do movemento reivindicador a través dunha serie de momentos que se van superando (provincialismo , rexionalismo e nacionalismo ). Mais a necesidade de organización e defensa dos propios intereses non se vai expresar en principio dunha forma abertamente política, por medio de organizacións, senón que parte do labor literario, da interpretación histórico-cultural, como fase anticipadora do renacemento pleno, onde o movemento de elites debe de dar paso xa ás formulacións organizativas de masas.

En ningún momento se fai tan evidente a preocupación pola historia de Galiza como na etapa do exilio en Bos Aires cando redacta o Libro Terceiro. Castelao volve a centrarse na Idade Media, cando Galiza perdeu a posibilidade de ser soberana e quedou enfeblecida por mor da separación de Portugal. O protagonismo que desempeña Galiza na política peninsular é indiscutíbel e asumido por todos os eruditos, medievalistas e analistas políticos citados por Castelao, se ben non todos ofrecen unha imaxe imparcial dos acontecementos nen dos propios galegos. Á tarefa crítica e desmitificadora dedica boa parte das argumentacións, sobre todo as comprendidas entre os capítulos III e X. Un exemplo salientábel, polo que del se ocupa, é Sánchez-Albornoz, que equipara Galiza ou personaxes como Xelmírez coa "vulpeja" e Castela ou o Cid co león. Este intelectual atribúelle aos galegos o carácter propio dos pobos superconquistados, a submisión que conleva bater coa fronteira infranqueábel do océano, sendo o espacio onde morren todas as invasións. Conforme aos razoamentos do mencionado pensador, o pobo galego utiliza outros mecanismos para compensar a psicoloxía de sometido, tales como a astucia, a desconfianza ou a ironía. Para máis, a riqueza potencial do País, a fertilidade e brandura da nosa terra, ofrécenlle ao galego unha vida fácil que o vai amolecendo e aburguesando na súa mentalidade, até perder interese pola aventura e as empresas bélicas. Deste modo de vida, dise mesmo, chegan a se contaminar os señores, que non son máis que crueis tiranos cos seus servos, sen chisto de orgullo e de sentimento de honra. Como contraposición a Galiza, a terra castelá é por natureza hostil e adversa e crea homes duros e cheos de espírito de aventura. En Castela, os seus poboadores, gracias aos seus méritos na guerra, poden ascender socialmente e todos eles contan cun elevado sentido da honra. A este carácter "excepcional" dentro da península atribúeselle a autoría heroica das dúas empresas de maior alcance: a Reconquista e o proceso de "unidade nacional".

A difusión destas teorías, a cabalo entre a historia e a interpretación antropolóxica, motiva a Castelao a exaltar o noso modo de vida, a nosa capacidade emprendedora, procurando o pan noutros lugares, o valor e a coraxe (inútiles ás veces) dos nosos cabaleiros e señores medievais, o pacifismo e a concordia, o ruralismo ou o lirismo. Ao tempo demostra que Galiza non foi nen máis nen menos conquistada que outros pobos da península e que, ás veces, librouse antes que ninguén do invasor (invasión musulmana e francesa). Castelao non fai máis que intentar desmontar un discurso maniqueo e de corte castelanista que, a miúdo, provén de mentalidades supostamente republicanas e liberais. De non se contextualizar debidamente esta parte da obra podemos incorrer na deslexitimación de Castelao, que actuaría dun xeito fundamentalista e visionario, como xa se ten dito.

Manuscrito, co primeiro título ideado por Castelao, do  Sempre en Galiza.

A visión de Sánchez-Albornoz non é compartida por toda a intelectualidade españolista (Ganivet, por exemplo), aínda que conta con adeptos de peso como Ortega y Gasset e Unamuno. A equiparación da orografía de Galiza coa fisonomía da muller, frente a Castela, que ten atributos masculinos, motiva a Castelao a amosar as características barís do pobo galego, demostradas en momentos decisivos da súa historia.

O 10 de marzo de 1944 sae á luz pública a primeira edición do Sempre en Galiza ,nun intre en que Castelao é xa amplamente recoñecido e respaldado polos galegos residentes en Buenos Aires. Logo desta data, nuns anos de grande actividade política, volve a retomar a sección "Verbas de Chumbo" en A Nosa Terra ,voceiro da Irmandade Galega, onde publica diversos artigos de grande interese. A vontade de Castelao era completar a obra cunha segunda parte, tal e como llo asegura a Manuel de Irujo en carta de outubro de 1947:

Escribiré un segundo tomo de "Sempre en Galiza", con la crónica exacta y documentada de todo cuanto ocurrió desde que mi tierra perdió su libertad, y si no llego a ver al pueblo gallego con los puños apretados, espero que lo verán mis descendientes políticos.

Este segundo tomo xa comezara a escribilo ao regreso da súa estadía en París, onde viña de integrar o Consello de Ministros de Giral, unha vez máis nunha travesía oceánica (paquebote "Campana", xullo-agosto de 1947). Son sete capítulos, máis longos que os anteriores e de carácter heteroxéneo en canto a contido se refire. No primeiro exáltase a data do 25 de xullo, reconstruíndo o discurso pronunciado por Otero Pedrayo o 25 de xullo de 1931 no Teatro García Barbón de Vigo e ademais parte do discurso Alba de Gloria. O segundo aborda a coincidencia entre nacionalismo e internacionalismo; o terceiro aporta novas teorías sobre a definición de nación, aplicándoas ao caso galego; o cuarto volve a salientar a importancia do idioma como factor de diferenciación nacional; o quinto retoma a necesidade dun sistema federal para evitar as tendencias separatistas; no sexto móstranse as aspiracións federais de Galiza ao longo do XIX; e, por último, o sétimo reitera os antecedentes inmediatos á elaboración do Estatuto, plebiscito e promulgación.

IMAXES