A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
Si o vello Sinbad volvese ás illas: navegando por soños e memorias

No ano 1961 aparece a terceira das entregas cunqueirianas, polo que respecta ao xénero da narrativa longa. Se o Merlín e As crónicas sentaran as bases dunha poética particular, na que os distintos narradores practicaban un peculiar exercicio da ensoñación, é nesta obra onde o personaxe central alcanza unha dimensión metafórica que resume, en boa medida, a concepción que Cunqueiro tivo do feito literario.

A crítica recorieceu nesta obra un maior grao de proximidade ao xénero da novela con respecto ás anteriores, conseguido en grande medida polo feito de ser a evolución do seu personaxe o tema central da narración.

Sinbad énos presentado como un mariñeiro vello que ten que inventar, día a día, historias diante da súa comunidade para manter o prestixio. Nesa súa loita pola supervivencia, o equilibrio entre a imaxinación e a realidade vaise derrubando progresivamente, a medida que a súa voz perde credibilidade entre as xentes que o rodean. Tal degradación acabará por suporlle a morte metafórica. Cunqueiro establece así unha imaxe que sempre lle foi grata, ao identificar vida e imaxinación. O resultado é un texto cargado de nostalxia, de memorias de tempos pasados e de derrota, no que o personaxe de Sinbad se erixe como metáfora da condición humana.

O relato chega ata nós de mans dun narrador-tradutor que deixa constancia da súa identidade en varias ocasións, baixo o nome de Al-Faris ibn Iaquin al-Galizí , isto é, Alvaro o fillo de Xaquín o Galego. Nas últimas páxinas, acaba confesándose relator. É, por tanto, o responsábel inmediato das memorias que el puxera en latino galego:

Digo eu, o relator, Al Faris Ibn laquin al Galizí, que en Bolanda había tres augas que agradecer a Deus: o río, as choivas afouladas do monzón, e as verbas pantásticas do señor Sinbad Mariñeiro.

Retrato de Álvaro Cunqueiro.

Hai ademais outros narradores que contan as súas historias mariñas, fundamentalmente o personaxe central de Sinbad. No interior da obra establécese unha situación comunicativa na que participan uns personaxes narradores (Sinbad, e outros, de maneira ocasional), e uns narratarios inmediatos, que se comportan ben como oíntes, ben como interlocutores. A conduta dos narradores na obra ten, por tanto, unha importancia fundamental na súa estrutura, pois é diante destes narratarios onde Sinbad deberá desenvolver estratexias na defensa do seu prestixio. Pola súa banda, os narratarios inmediatos interfiren a miúdo no desenvolvemento da propia narración, baremando, co seu escepticismo ou a súa credibilidade, as historias narradas por Sinbad, ou, o que é o mesmo, a autoridade da súa voz.

Aínda que, no seu conxunto, o Sinbad presenta unha estrutura máis unitaria, debido fundamentalmente ao tema central da diéxese, a obra está igualmente construída mediante a acumulación de historias. De maneira semellante ao que ocorre nas obras anteriores, Cunqueiro complementa o núcleo da narración con dous apéndices, de carácter narrativo e teatral, respectivamente.

Retrato do dito Sinbad Mariñeiro

O País de Bolanda

Víspera de Viaxe

Navegacións e naufraxios de Sinbad

APÉNDICES

Plática de mares arábigos

A dama que engañada por un demo elegante quixo mercarlle ó vento a perdiz que falaba

Un diálogo entre Sinbad e o xove Sari forman o "Retrato do dito Sinbad Mariñeiro", que desempeña o papel de introdución á obra. O diálogo resulta abondo significativo para entendermos o cerne da narración, pois Sinbad defende diante do incrédulo Sari a existencia das illas das Cotovías. O vello piloto recorre, entre outras estratexias, á lembranza das súas viaxes. Unha escena cotiá serve para caracterizar o personaxe principal, onde se perfilan xa os seus trazos esenciais. Na súa argumentación, Sinbad fai unha defensa da imaxinación, que podemos ler como metáfora central do libro, e mesmo como manifesto acerca dunha actitude tanto literaria como vital:

O pior, Sari, amigo meu, foi que me vin das naos de Melinde cando a xente comezou a descrer dos países que traguíamos en conversa os que andábamos polo mar. Agora tódalas novidades son por mapa e agulla, e os pilotos non saen da coarta levantada, que é como andar con bastón polas rúas de Basora, e non atoparás entre os pilotos de Bagdad un que seipa navegar por soños e memorias, e así non logran ver nada do que hai, do que é miragre e fermosura nos mares. ¡Doado é decir que non hai Cotovías!

Un carácter máis claramente introdutorio teno a segunda das partes en que se divide o libro, "O país de Bolanda". O narrador principal ofrécenos unha descrición máis detallada, tanto dos personaxes como do lugar onde se sitúa a acción, unha pequena comunidade mariñeira. Nesta parte relátanse tamén distintas anécdotas que comparten o esforzo do vello piloto por manter o seu prestixio inventándose día a día.

"Vísperas de viaxe" artéllase en torno aos preparativos e ilusións de Sinbad nunha viaxe que lle devolva o seu minguado prestixio como vello piloto coñecedor dos mares. O relato vai creando unha tensión progresiva, a medida que o mundo ensoñado por Sinbad perde entidade e son máis claros os indicios da súa derrota persoal. O desenlace prodúcese na última das partes, titulada dunha maneira significativa, debido á súa ambivalencia, "Navegaciós e naufraxios de Sinbad". O triunfo da realidade sobre o seu mundo inventado supón a aniquilación do personaxe. Abondo significativa resulta tamén a última pasaxe da obra, cando se informa de que un piloto escollera para o seu barco o mesmo nome da nave coa que Sinbad la facer a súa viaxe dourada:

Arfe o Novo mercou unha nao en Ormuz e púxolle «Venadita». Iba decirlle a Sinbad que había unha nao «Venadita» no mar, pro o vello Monsaíde non lle deixou.
—¿Queres faguer lume con cinza, ouh, Arfe amigo?
Arfe o Novo remusgou co ferro nas brasas da estufa, e gardou pra elas frores roxas das que saían pequenas chamas azúes.
—¡Tes razón! ¡Que teña paz!

Naqueles personaxes que rodean día a día o protagonista hai un cambio de actitude que resulta revelador: o abandono do seu escepticismo por un sentimento de piedade. E. no final do relato cando a comunidade mariñeira asume finalmente a verdadeira dimensión tráxica do personaxe de Sinbad.

A modo de apéndices, incluése neste libro a "Plática de mares arábigos que fixo Sinbad en Chipre aos pilotos gregos, asegún foi recollida por Teotikes Papadopulos de Esmirna", disertación fabulosa tan do gusto cunqueiriano. Tamén o teatro ten a súa presencia nesta obra, pois dentro dos apéndices figuran as "Escenas segunda e vixésimoquinta da peza de teatro chinés chamada A dama que engañada por un demo elegante quixo mercarlle ao vento a perdiz que falaba ou A verdadeira historia dun mandarín que por non gastar quedou cornudo. O texto é unha mostra máis da capacidade fabuladora do escritor de Mondoñedo, así como da súa vocación teatral, presente en moitos momentos da súa obra.

A supervivencia e a dignidade de Sinbad dependen, como se viu, da súa imaxinación, da súa capacidade para soñar, e, en definitiva, da súa fantasía. Vida e ensoñación fúndense nunha metáfora que se converte no tema central da obra. As estratexias de persuasión con respecto á verosimilitude do que se está a contar teñen, por tanto, unha pertinencia especial no discurso de Sinbad. Por outra banda, é importante termos en conta a actitude aparentemente imparcial e transparente do narrador principal, gracias á que ao lector lle resulta doado diferenciar entre realidade e fantasía. Con todo, a crítica puxo de manifesto a existencia dunha serie de indicios mediante os que este narrador nos permite decatarnos das discordancias entre as ensoñacións de Sinbad e a realidade.

Noutro lugar indicamos a importancia daquelas estratexias que procuran a verosimilitude do relato e a credibilidade do lector na narrativa de Cunqueiro. Dado o carácter metafórico do personaxe de Sinbad, estes mecanismos ocupan na obra un lugar central. Desde o recurso á propia experiencia como testemuño, ata as apelacións dirixidas directamente aos narratarios na procura da súa credibilidade, o abano de recursos é dunha extraordinaria riqueza. É por iso polo que o Sinbad ,quizais máis que ningunha outra obra, pode ser lido como un compendio da poética cunqueiriana.

IMAXES