A Etapa Contemporánea (S. XX)
O teatro das Irmandades da Fala
Sociedade e cultura na Galiza da época

A poboación galega ronda os 2.000.000 de habitantes ao comezar o século XX e Galiza segue a ser, a todos os efectos, un país eminentemente rural. No corrupto sistema da Restauración campan ás súas anchas políticos galegos como Dato, Bugallal, Montero Ríos, García Prieto ou o Marqués de Riestra. Unha parte da intelectualidade atopa sustento dando coba a estes persoeiros nas páxinas dos xornais que financian. Moitos novos escritores soñan, como denuncian Manuel Antonio e Cebreiro no manifesto Máis Alá (1922), con "triunfar" na conxugación madrileña do verbo, tendo aos Fernández Flórez, Camba, Valle Inclán, etc. como referentes. Estes aspirantes emigraban á Corte e facían especial esforzo por desimular o acento galego que os delataba... Por outra banda, a Universidade era " un caserón frío y destartalado "(Pérez Bustamante), sumido na desmotivación. Expedía títulos para uns licenciados que pasaban a ser, en frase de Castelao, " amas de cría do caciquismo ".Das súas aulas estaba ausente o idioma do país, desde logo, pero tamén a súa realidade xeográfica, histórica, xurídica, económica, etc. O Seminario de Estudos, a Federación Universitaria Escolar (FUE) e algúns profesores traballarán para remediar este panorama desolador, no camiño da galeguización e modernización desta institución.

Bodas de Ouro. Diálogo pra actriz e actor de caráuta escrito n-a fala gallega, con cuya obra iniciouse en Galicia o Teatro da naturaleza,  editado na Coruña no 1921

Sen embargo, os duros conflitos nos que estaba envolta a sociedade galega desta época abalaron a conciencia dunha parte dos nosos intelectuais, levándoos ao compromiso: loitas agraristas ( Castelao , Cabanillas ), movemento obreiro ( Xaime Quintanilla ), antibelicismo ( Ben-Cho-Shey ), etc. A defensa do galego e a demanda da súa oficialización intensifícanse, ao tempo que se expande o seu uso entre a intelectualidade. Foi decisiva, neste senso, a aparición do nacionalismo. As Irmandades, fundadas en 1916, espállanse por toda Galiza. Contarán co periódico A Nosa Terra [ANT, en adiante] como voceiro, redactado integramente en galego. O seu corpus teórico plásmase, basicamente, na Teoría do nacionalismo (1920), de Risco e na Doctrina nazonalista (1921) de Ramón Villar Ponte. A conveniencia ou non da participación político-electoral e o carácter que debía ter o movemento (minoría de "escolleitos" ou movemento de "masas") son dous temas que dividirán á militáncia e que conducirán á ruptura en 1922. Un dos sectores, liderado por Risco, constitúe entón a Irmandade Nazonalista Galega (ING). A Irmandade coruñesa e esta ING, refuxiadas no culturalismo, sobreviven mal que ben durante a Dictadura de Primo de Rivera, ata desembocaren, en decembro de 1931, na fundación do Partido Galeguista (PG).

É necesario sinalar as brutais taxas de analfabetismo da sociedade galega de entón (1924, 50% da poboación). A iniciativa particular ("indianos", "sociedades de instrucción", sociedades obreiras) supliu, mediante a fundación de escolas, ateneos e bibliotecas, a escasa acción do Estado (cando menos ata o período republicano) no combate desta lacra. Nos comezos de século, por outra banda, producíronse algúns inventos e avances que afectaron profundamente á vida cotiá: difusión da aspirina e das vacinas; expansión da electricidade nos usos domésticos e urbanos; comezo da era do automóbil; difusión das máquinas de escribir e coser; popularización do " football " e dos "baños" nas praias... Houbo sucesivas ofensivas por aclimatar entre nós as corridas de touros, definidas por Villar Ponte como " testa framenca bárbara e inhumana " ... Van ter lugar, ademais, as primeiras experiencias radiofónicas, co nacemento de emisoras nas principais cidades (anos 30). A súa programación enchíase con concertos, discos adicados, retransmisións de actos sociais e avisos informativos.

Tamén chega a Galiza no período que estudiamos o cinematógrafo, invento dos irmáns Lumiére (1895), que comezou sendo un espectáculo de feira. En palabras de Eugenio Montes, era " algo nuevo y mágico ", ao que haberá que achacar en boa medida a decadencia do teatro. O cinema despertou, de entrada, moita prevención entre a maioría dos intelectuais, que se negaron a darlle rango de arte e que sinalaron o seu efecto supostamente perverso sobre os gostos e as ideas da xente. Na peza Bodas de ouro (1921), de Galo Salinas , unha das personaxes describe en ton moi crítico a súa experiencia nunha sesión de tarde nunha sala coruñesa, para concluir que "debían de prohibir esas vistas". A partir da década dos 10, "troupes" que viaxan de pobo en pobo facendo proxeccións de películas mudas van dando a coñecer o novo invento e cautivando o fervor do público. Os vellos teatros galegos, en mans da empresa de Isaac Fraga, transfórmense para poderen exhibir os filmes producidos e distribuidos polas grandes compañías de Hollywood (Metro, Paramount, Fox, etc.). En 1926 nace o cinema sonoro e a adhesión da xente ao novo espectáculo faise entón masiva. Nestes anos aurorais filmáronse varias películas ambientadas en Galiza como "La casa de la Troya" (1925), de Pérez Lugín e "Carmiña, flor de Galicia" (1926), do italiano Rino Lupo (guión de Rey Soto). Villar Ponte critica o contido de ambas nun artigo publicado en 1927 en El Pueblo Gallego [citaremos como EPG, a partir de agora]. Outra película, titulada "Alalá" (1933), de A. Trotz, adaptación da novela Los nietos de los celtas de López de Haro, pareceulle tamén a Antón "ofensiva para el buen nombre de Galicia". Realizadores galegos da época foron Toni Román ("Terra meiga", 1933?); Xosé Suárez ("Mariñeiros", 1936) e Carlos Velo ("La ciudad y el campo", 1934; "Galicia", 1935). Ao mesmo tempo, xurdiron compañías cinematográficas galegas como Celta Film , que produciu o filme "Maruxa", en 1924; a Casa Folk de Pontevedra, promotora da película de propaganda autonomista "Por unha nova Galicia", en 1933; e, finalmente, Galicia Cinegráfica ,de Xosé Gil ("Vigo industrial y comercial", 1932). Estas compañías financiábanse con publicidade e producían basicamente noticiarios e documentais.

IMAXES