A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Teatro

Luís Seoane: A soldadeira (1956)

Luís Seoane, igual que noutros xéneros, tamén no teatro rompe coa tradición anterior e foxe dos gustos da maioría da emigración, que demandaba un teatro nostálxico, enxebrista de mariñeiro, labrego e aldea. Mª Fe González e Armando Requeixo apuntan que Luís Seoane é o Bertolt Brecht galego; non van desencamiñados tampouco cando, seguindo a Alonso Montero, definen o teatro de Seoane como comprometido, subversivo, rupturista e mesmo marxista. O artista escribe A soldadeira en galego, en 1956. Esta vez utilizará mitoloxemas medievais como campesiños, artesáns, revolución irmandiña, artistas, gremios, etc., para evidenciar que os problemas dos campesiños coetáneos son semellantes aos que tiñan na Idade Media. Pasado e presente son unidos pola figura, á vez máxica e real, da Soldadeira, a cal consegue que prescindamos da dimensión temporal; xunta nun mesmo plano os campesiños do século XV cos do XX. Como vemos, a intención non é arqueolóxica, senón conectar a memoria histórica coa actualidade, para mudar o negativo da realidade máis actual. A obra colle un tema fundamental da historia que influirá de xeito decisivo no noso futuro, como foi a Revolución Irmandiña. Nesa loita de artesáns e labregos insere uns campesiños dos nosos días que ollan o espectáculo da revolta; nembargantes, debido ao papel concienciador de Minia e á evolución dos acontecementos, introdúcense tamén na loita. Estamos perante o recurso do "teatro dentro do teatro"; os campesiños actuais —público metateatral— comezan vendo aquilo "como un teatro" e logo rematan asumindo a problemática e a proposta da acción. Por suposto, á parte desta catarse teatral interna, estará a representación propiamente dita, que unirá, para o público da cadeira ou butaca, pasado con presente, vinculando a revolta irmandiña coas inxustizas soportadas polos campesiños actuais. Eis o radical e indixeríbel da obra aos ollos do poder, debido á dobre capacidade concienciadora: descubrir o protagonismo popular nun momento emblemático do pasado e orientar esa mensaxe liberadora á máis rabiosa actualidade.

Luís Seoane entrevistando para  Galicia Emigrante,  á actriz María Casares, na compaña do poeta arxentino Víctor Luis Molinari.

O tema fundamental de que falan González e Requeixo, a reflexión sobre a actuación, a dramaturxia e a capacidade de implicar o público do teatro, está directamente conectado coa visión da arte en Seoane: na arte, alén do goce estético, está a ética e o servicio ao home concreto. A Soldadeira é un personaxe misterioso, que pertence ao mundo real da Compostela medieval, mais que tamén linda coa maxia; así ao campesino novo parécelle unha fada. Como di o cego, ao final da obra, ela é a memoria, a historia do pobo, unha figura poliédrica ao servicio dos irmandiños; e a súa morte coincide co clímax da obra. Lenda, eternidade do pobo, símbolo de Galiza; de certo un personaxe tráxico capaz de unir as persoas do medioevo e da actualidade na mesma loita xusticeira en favor dos oprimidos. As preocupacións literarias e sociais de Seoane regresan, outra vez, nesta obra: aí temos a innovación teatral, a denuncia da opresión e da inxustiza, a solidariedade cos campesiños, a función ideoloxizadora, a capacidade de implicar o receptor, a revolución pendente e, como non, a denuncia do ouropel enganador da emigración.

IMAXES