A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
Un mundo dos herois e dos traidores

A partir de Retorno... encontrámonos cunha serie de personaxes parcialmente diferentes aos vistos antes e dos que presentamos agora unha pequena tipoloxía.

O heroi revolucionário

Cando en 1971 aparece Retorno a Tagen Ata a súa heroína, Rotbaf Luden, presenta características bastante diferentes ás vistas antes: o compromiso ideolóxico, a decisión, o activismo revolucionario definen esta heroína, cuxo papel vindicativo estaba xa prefigurado en "O asasino". Rotbaf Luden será a primeira dunha serie de herois e heroínas que veremos aparecer en "Episodio de caza", "O militante fantasía" ou no Amaury de Bretaña, Esmeraldina. O espazo onde se sitúa este heroi é un lugar a onde non chega a man do opresor, e pode ser a montaña onde se ocultan os guerrilleiros, ou a Grande Fraga a onde escapa Rotbaf.

Imaxe de Xosé Luís Méndez Ferrín

Nalgúns casos o heroi revolucionario é posto a proba: está no cárcere, e alí terá que superar esa experiencia para reafirmarse na firmeza das súas ideas; xa en Percival e outras historias aparecía un preso, Philoctetes, que trataba de escapar do universo do cárcere mediante a literatura; tamén Amaury en Bretaña, Esmeraldina tratará de fuxir mental e fisicamente do cárcere onde está para recuperar a súa infancia bretona.

O heroi pode sucumbir nesta proba e quedar destruído e envilecido: é o que lles sucede a Domingos Areal, fascinado pola figura da Sibila délfica, ou o caso do protagonista e narrador de "Animal": os dous acaban degradados na súa relación sadomasoquista con esas figuras monstruosas onde parecen encarnarse as forzas máis escuras do incosciente.

A figura do heroi está, sen embargo, problematizada, de maneira que nunca nos encontramos fronte a un personaxe monolítico e sen fisuras, senón todo o contrario: mediante o recurso á paradoxa estes herois fúndense mesmo coa súa contrafigura, co traidor: é o que sucede coa mesma Rotbaf Luden: executa imaxinariamente a Ulm Roan; acaba con el, pero á vez vese seducida por el; o mesmo vemos en "Odiado Amado" ou "Episodio de caza", onde o revolucionario consciente e o arribista, ou o guerrilleiro e o intelectual apoucado quedan unidos no desenlace na mesma figura.

O traidor

Representa a antítese do heroi revolucionario. Aparece de maneira destacada en dous relatos moi relevantes, porque coinciden coas dúas rupturas ideolóxicas do propio Ferrín: Retorno a Tagen Ata e "Odiado Amado".

No primeiro caso o traidor é Ulm Roan; personaxe seductor e de maneiras elegantes, ten grande capacidade de fascinación persoal, de maneira que Rotbaf corre o risco de ser seducida por el, e os sentimentos dela son ambivalentes, movéndose entre a hostilidade ideolóxica e o fascinio persoal, dualidade de sentimentos que se revela na carta de despedida que deixa sobre a súa mesa de noite.

En "Odiado Amado" a figura do traidor é descalificada e aldraxada durisimamente polo narrador; a ambivalencia non é o resultado de ningún atractivo persoal, senón desa identificación que, diante do espello, fai o narrador del mesmo coa propia figura do acusado, fundíndose os dous nunha única persoa. O traidor parece encarnar aquí as propias forzas escuras que aniñan no heroi, non sendo traidor e heroi quizais mais do que as dúas caras dunha mesma moeda.

O inimigo

Entre heroi e traidor existen puntos en común: en definitiva, o traidor sería un revolucionario posto ao servicio da reacción ou dos seus intereses persoais. Coa figura do inimigo non hai posíbeis conexións: supón a presencia do mal, e está encarnado en moitos relatos na figura dos paramilitares falanxistas que se dedicaron aos traballos da represión e do terror durante o período que seguiu ao desencadeamento da Guerra Civil. Son os signos externos destes escadróns da morte os que os describen: bigote fascista, camisas azuis, botas de elástico, pistolas... Se a violencia revolucionaria estaba descrita de maneira case lírica, e os que a executan aparecían movidos por altos ideais, estes personaxes están, polo contrario, caracterizados pola súa natureza violenta, por un sadismo e unha crueldade de evidentes raíces patolóxicas. En Percival e outras historias eran as figuras de M. F. Saal ("O asasino") e a do verdugo as que encarnaban este tipo humano; como no relato de Arraianos titulado "Eles" o seu final é exemplar e mesmo irónico. A súa crueldade é máis sutil e vai ás veces alén do sometemento físico das súas víctimas: é o dominio total o que se pretende, a humillación e a quebra psicolóxica da víctima: véxanse os exemplos de "Elipsis" ou de "Botas de elástico". En "Animal" ou en Bretaña, Esmeraldina veremos como o poder se serve doutras figuras e doutros discursos (o médico, o pedagóxico ou o psicolóxico) como instrumentos científicos de dominación.

Imaxe: Xosé Luís Méndez Ferrín.

A procura do heroi

Este tipo de personaxe ten, como Odiseo ou os personaxes da novela artúrica, unha misión que cumprir, e un itinerario que realizar para chegar ao seu obxectivo, para salvar unha carencia —de patria, de identidade ou de amor—; nesa viaxe apareceranlles unha serie de obstáculos e de axudas; a narrativa de Ferrín está chea de personaxes que responden a este esquema: Rotbaf Luden que vai de Anatí a Tagen Ata e acaba finalmente refuxiándose na Grande Fraga; o home do Sur que viaxa infructuosamente ao Arrabaldo do Norte, o rei Artur que en "Amor de Artur" camiña errante para recuperar a Guenebra, o Nmógadah de Arnoia, Arnoia que busca o retorno ao fogar, o Amaury de Bretaña, Esmeraldina que busca recuperar a Bretaña da súa infancia.

O adolescente

Nalgúns relatos aparécesenos a figura do heroi adolescente, que se encontra na fronteira entre o mundo da infancia e a asunción da madurez: son o narrador e protagonista de "Fría Hortensia", os protagonistas de Antón e os inocentes e Nmógadah, narrador e protagonista de Arnoia, Arnoia. A visión deste momento de tránsito e de incertezas está feita en clave lírica, nostálxica: o Principe Segredo do reino da fantasía, Nmógadah, encóntrase con que o final do seu relato supón tamén o peche da infancia, e o seu mundo desintégrase ao contemplarse como adulto no espello, de igual maneira que se esvaecen a espada Milmanda e as estrela Libredón que leva gravada na man. O mundo aparece desencantado, e a decepción, o coñecemento do mal e do desamor aparecen como etapas necesarias para chegar ao mundo adulto.

Este heroi adolescente reaparecerá despois non como tal, senón como o adulto que reasume o seu pasado e avalía a súa traxectoria persoal encarnándose en Con pólvora e magnolias no nome de Stephen —tomado do Stephen Dedalus do Retrato do artista cando novo de James Joyce—: veremos aquí a nostalxia polo tempo pasado e a xuventude ida, o contemplarse diante do espello, o enigma da propia identidade —expresada no mesmo apelido: o dédalo ou labirinto—.

IMAXES