A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Unha aportación individual: Xosé Neira Vilas

A única coincidencia entre a obra de Neira Vilas e a produción da "Nova Narrativa" posibelmente sexa o momento histórico en que ambas se inician. A primeira obra daquel, Memorias dun neno labrego , publícase en 1961, e nesta mesma década aparecerán varios dos títulos senlleiros da súa traxectoria narrativa. A particularidade do escritor de Gres radica en varios factores: a súa orixe rural, a emigración que o levou para América de mozo, a súa formación non "académica", aínda que compensada cun inxente número de lecturas da literatura que se facía en Europa e, mesmo, unha vontade consciente de construír un discurso literario propio, afastado, nun principio, dos parámetros seguidos maioritariamente polos compoñentes da "Nova Narrativa" e cun afán marcadamente realista, tal como o propio escritor confesa, tratando de incorporar novos lectores para a literatura galega, sen por iso rebaixar a calidade literaria do texto:

Xosé Neira Vilas.

"Trátase dun realismo deliberado, cunha finalidade á altura deste momento galego, deste momento de lento ascenso cultural na lingua galega".

Apuntes biográficos

Xosé Neira Vilas nace en 1928 na parroquia de Gres, Vila de Cruces, á beira do río Ulla. No seo dunha familia de labregos, traballa no campo de neno e de adolescente, ao mesmo tempo que asiste, ás veces, a unha escola rural e a unha pasantía de Camanzo. Por correspondencia, fai estudios de Comercio e fai labores de contabilidade nun aserradeiro. O seu interese pola lectura xa se manifestaba nestes anos mozos. Estas inquedanzas humanas e razóns económicas lévano a emigrar a Buenos Aires en 1949. Como calquera emigrado, desempeña os máis diversos labores, sufrindo as penurias desa situación. Comeza a relacionarse con un grupo de galegos e galegas preocupados polo país, que terán moito que ver coa súa propia formación. As traducións arxentinas de Camus, Céline, Sartre, e moitos outros, foron lidas polo autor, feito ás veces imposíbel para os escritores que residían en Galiza, que tiñan que saír ao estranxeiro. Introdúcese no activismo cultural e político, e será fundador en 1953 das " Mocedades Galeguistas " xunto con Antón Santamarina Delgado , primeiro presidente, Carlos Abraira, Adelina González do Val, Xosé Casal e unha grande cantidade de mozos e mozas dispostos a " obter a liberdade e o exercicio da autodeterminación da nación galega ",tal como establecían os seus estatutos. No voceiro desta organización, Adiante ,publica os seus primeiros textos en galego. Tamén participou, en 1956, na Comisión Organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega en América. En 1957 casa coa cubana Anisia Miranda , e nese mesmo ano fundan ambos a editorial "Follas Novas" , tamén distrubuidora (eles mesmos se encargaban de ir "porta por porta"). En 1961 acontecen dous feitos importantes na súa traxectoria literaria e humana, pois publícase Memorias dun neno labrego ,e será o ano da súa partida, xunto con Anisia, para Cuba. Alí, coa revolución triunfante, participa con ilusión nese proceso, chegando a desempeñar cargos en diferentes ámbitos da administración. Destacamos que en 1983, xunto con Anisia se responsabiliza da revista cubana Zunzun ,dedicada á infancia. Colabora coa prensa da illa, fai traduciós, como a dos Seis poemas galegos de Lorca e recibe en 1966, xunto con Anisia, o primeiro premio nun concurso literario dedicado á infancia. Con todo, as súas preocupacións por Galiza e o galego non deixan de estimular a súa actividade. Así, en 1969 crea e dirixe a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba, en que existe unha cátedra para o ensino da nosa lingua e literatura, servindo ademais para a conservación de moitos e valiosos textos e documentos sobre Galiza. En 1972 volta por primeira vez a Galiza para a participación, sempre con Anisia, en homenaxes, conferencias, presentacións de libros, etc. Este feito repetirase con certa frecuencia nos anos seguintes. Por suposto, continúa coa súa inestimábel aportación á literatura galega, publicando decenas de libros, non só de narrativa, senón tamén de poesía, ensaio, traducións..., sempre cunha enorme repercusión e un incomparábel número de lectores e lectoras no país. As voltas a Galiza sucédense, ata que en 1994, unha vez xubilado, volta definitivamente á patria. Hoxe en día, no seu Gres natal, e co mesmo entusiasmo de sempre, fundou unha biblioteca para os rapaces e rapazas da aldea, ao mesmo tempo que preside a Fundación que leva o seu nome.

Xosé Neira Vilas.

A narrativa

Sen dúbida a súa maior aportación á literatura galega está constituída polas máis dunha ducia de novelas ou libros de relatos que compoñen a súa obra narrativa. A crítica tena explicado e estruturado seguindo diversos criterios, pero sobre todo centrándose no tipo de protagonista ou ben no marco espacial en que transcorren as historias. Fálase, entón, de novelas de protagonista infantil frente ás de adulto, e por outra banda, de textos de marco rural frente ao urbano. O tratamento ou non do tema da emigración tamén suporía un punto de partida para a análise da súa obra. En todo caso, si parece haber coincidencia na valoración da obra de Neira Vilas como unha aproximación orixinal e innovadora na súa reprodución da realidade galega, sobre a cal pretende facernos reflexionar. A explotación dos máis humildes, a opresión da vila sobre o rural, o poder dos caciques, a incomprensión que sofren os nenos nun mundo pechado e opresivo, a eliminación de calquera forma de expresión cultural, especialmente a idiomática, a emigración, constitúense en trazos definidores dun mundo literario onde o afán de crítica da realidade fai que se teña situado a obra de Neira Vilas nunha liña social-realista.

Memorias dun neno labrego

Neira Vilas asinando exemplares dunha da súas obras.

, publicada en Buenos Aires en 1961 por "Follas Novas", constitúe a primeira grande aportación do noso escritor á literatura galega. Un protagonista infantil, Balbino, escribe os seus recordos, transmitidos por Alberte, que se interesa por eles para publicalos. O feito de Balbino escribir ese caderno nace da necesidade de comunicación e de expresar as inquedanzas dun rapaz sumido nun mundo de miseria e represión, desde a propia familia, caseiros sumisos e pobres, que o mantén fechado na casa por un longuísimo loito, ata a crueldade e desprezo de Manolito, fillo do señor, contra o cal se acabará rebelando, o que lle proporcionará, máis unha vez, a insolidariedade da familia. A emigración tórnase na saída dalgúns dos personaxes, aínda que a través das palabras do padriño de Balbino, discutindo co pai deste, albiscamos unha reflexión crítica e escéptica a esta solución. Tamén forma parte desa realidade unha educación cativa e castradora dos valores propios do país, como o lingüístico, simbolizada na figura do profesor Don Alfonso, ao que acaban "botando" da aldea. A busca de alternativas de Balbino remata sempre na frustración: o seu fiel amigo, o can Pachín, que morre envelenado; a caixiña con segredos imaxinados que é levada pola riada; o incipiente amor sentido por Eulalia, a mestra, que marcha moi lonxe para casar, etc. Esta procura lévao a mostrar simpatía por aqueles que o resto despreza ou marxina, pola súa singularidade, como o "Xudío" co cal reflexiona sobre a relixión e a escola, ou o Serafín enterrador, que o leva a matinar sobre temas como a morte. No primeiro dos casos recibirá o castigo familiar por falar con el. O coñecemento de Lelo, e a posibilidade de ter xa algún interlocutor, ao mandarlle as cartas a América, fai que xa non sinta a necesidade de escribir no seu caderno. Ao final temos un Balbino máis consciente, fóra da casa familiar por causa da pedrada a Manolito e da posterior humillación do seu propio pai, máis dono das súas propias forzas para loitar contra o destino social. A realidade percibímola sempre a través da subxectividade do narrador-protagonista, un neno, como outros que van seguir aparecendo nas obras de Neira Vilas, cunhas necesidades e preguntas que non achan doada resposta no contexto en que viven. Téñense definido como nenos adultos, curtidos nunha realidade dura e conflitiva. Este libro inicia o que para a crítica constitúe o "ciclo do neno", en que se situarían aqueles textos con rapaces como protagonistas.

Xente no rodicio publicouse por primeira vez en 1965 na colección "Illa nova", da editorial Galaxia. Este conxunto de vinte pequenos relatos ten como fío condutor o contexto rural, que non ruralismo, en que os personaxes son homes, mulleres, rapazas e rapaces labregos, que se conxuntan nunha caste de drama colectivo. A marxinación e o desprezo, a explotación escravista, a emigración, os conflitos humanos e económicos, a represión política, as agresións sexuais, a furia da natureza... dominan nun ambiente en que a violencia, en moi diversas manifestacións, é a consecuencia que marca a traxectoria dos personaxes, chegándose en ocasións ao suicidio como única saída.

É necesario subliñar a modificación e ampliación das técnicas narrativas utilizadas polo autor. Así, imos ter nesta obra unha variedade de puntos de vista, que mesmo se chegan a mesturar nalgúns textos, que aproximan o libro ás escollas dos escritores da nova novela europea. Así, Andrés, mozo protagonista de "Suicidio" está decidido a quitarse a vida, botándose atrás ao final, ante a consciencia da dura realidade padecida por outros moitos en peor situación ca el. O relato é narrado por unha 3ª persoa moi próxima á conciencia do protagonista. En "O trebón" de novo unha terceira persoa omnisciente relata a fuxida dunha muller, ela ,da igrexa e da intransixencia da comunidade encirrada polo cura. A razón: un aborto fortuíto, " e xa tiña tres malvivindo na terra ".

"Corredoira" é a historia dun fuxido. A represión da posguerra e o movemento guerrilleiro enmarcan este relato. O personaxe aparece descrito a través do punto de vista infantil dos rapaces da aldea, caracterizado por un ar de tenrura e de inocencia.

Un narrador testemuña, Alberte, escoita a historia de "Lucinda", filla de solteira, escravizada na infancia e violada na mocidade. A má conciencia del, agresor, fai que escape, sentindo noxo de si mesmo.

"A irmá de Susiño" aporta, en terceira persoa, o punto de vista dun rapaz que admira a súa irmá Dorinda, que anda na má vida na vila. De novo a hipocrisía e a ocultación que chocan coa inxenuidade de Susiño. El nin sequera a pode ver cando volta, enferma, á aldea.

En "Isaura" trátase o tema dos matrimonios de conveniencia, impostos frente ao amor por razóns económicas. Como a Lela de Castelao, Isaura remata por ceder á presión de pai e irmán. A traxedia pon fin ao texto cando o vello marido mata o namorado Ramón que " viña disposto a todo ".

"Todo para Carme" supón un atinado exercicio literario a través dun monólogo cada vez máis entrecortado polo sono que invade a protagonista, unha nena que ten ciúmes da súa irmá Carme, que xa ten mozo, e que é o centro das atencións dunha casa humilde.

Camiño bretemoso aparece na colección "Illa Nova", en 1967. Trátase dunha novela breve en que un vello emigrante conta en primeira persoa as amargas experiencias da emigración. O narrador protagonista diríxese, con constantes apelacións, a un interlocutor, outro vello emigrante, que nunca chega a participar na narración. O relato é puramente subxectivo, manipulando o tempo e o ritmo da narración ao seu gusto. Trátase dunha extensa analepse, a través da cal coñecemos o pasado do vello, desde a súa infancia e mocidade na aldea, chea de represións e de frustracións (educación católica, "covardía" coas mulleres, mistificación da sexualidade a través do recordo idealizado dunha moza, Isolina, etc.), ata as súas penurias na emigración. O marco ambiental será Buenos Aires, aínda que a mobilidade do personaxe nos leva á Patagonia, onde acontecen a maior parte dos sucesos recordados. O personaxe, nunha continua análise da súa propia personalidade, vese arrastrado pola explotación, diante da cal só encontra tres saídas: " aturar, fuxir, ou ...arrepoñerse "; e tamén as trampas, a violencia do contorno que acabará levándoo ao cárcere, etc. Estamos diante dun dos personaxes máis perfilados e complexos da novelística de Neira Vilas, cheo de cualidades e posibilidades, que remata perdéndose na frustración e na impotencia. Ao final un narrador en terceira persoa infórmanos do fatal desenlace do vello: " Suponse que foi suicidio ".

Neira Vilas nunha "figuración" de Seoane.

Historias de emigrantes publicouse por primeira vez en Montevideo en 1968 en edición do "Patronato da Cultura Galega". Está constituído por dezaseis narracións, pequenas historias de emigrantes galegos na Arxentina. Cómpre salientarmos o prólogo que leva a obra desde a primeira edición, atinado por Luís Seoane, que ademais ilustra o texto cos seus debuxos. Esta peza introdutoria, certamente polémica no seu momento, constitúe un alegato en defensa dos nosos emigrantes, desde a perspectiva dun deles, e un non disimulado ataque ás autoridades españolas do momento, acusadas de insensibilidade e de falso interese polos seus problemas:

"non interesan os emigrantes senón para facer retórica en congresos estúpidos que sirven pra dar sona local a uns señoritos(...)".

Non se salvan tampouco aqueles escritores " cantores de donas e fidalgos "aos cales declara non pertenceren nin el nin Neira Vilas, xustificando que o tema da literatura que fan os emigrantes ten de ser forzosamente a emigración.

Neste conxunto de relatos voltamos a encontrar un Neira Vilas na procura dun estilo e dunha linguaxe cada vez máis depuradas e intensas. O punto de vista varía segundo os textos, combinándose as narracións en terceira persoa, sempre omnisciente, e a primeira persoa. Abundan as analepses, explicando o pasado, case sempre na terra, dos personaxes, e mesmo se recorre á carta, que cumpre funcións semellantes. Cada un dos relatos está protagonizado por un ou unha emigrante, case sempre sumido nunha vida triste e soportando todo tipo de explotacións e vexacións. A falta de papeis legais, a miseria e a explotación, o dirieiro fácil ou con trampas, a saudade da terra, a aldraxe das mulleres, etc., debuxan un mundo dominado pola frustración e o fracaso que a penas ten contrapunto en personaxes que utilizan o seu éxito e a súa riqueza en favor do ben común. Entre os relatos máis paradigmáticos, destacamos:

"Carta"; no que a través dunha narración epistolar unha primeira persoa cóntalle a un amigo a morte da súa nai. Na súa reflexión irnos coñecendo o seu pasado: fillo de solteira, as loitas obreiras e o fracaso da vida do emigrante, que é como un " novelo encerellado ".

En "O Aforro" vólvese tocar o tema das nais solteiras, como a emigrante protagonista, María, que deixa o fillo na casa, o cal, no canto de emigrar, remata morrendo na guerra. Neste conto encontramos o emigrante triunfador sexa como for e obsesionado polo diñeiro. María inviste os seus aforros nunha leira, e o traballo nela acórdalle a terra, onde volverá cando poida.

"O vello Roque" constitúe o contrapunto ao anterior canto ao prototipo de emigrante que se describe. Agora recórdasenos a historia dun vello emigrante galego, Roque, que se constitúe en valedor da vila de Aimogasta, creando bibliotecas, organizando actividades para a mocidade, arranxando as necesidades colectivas da vila, etc. Temos, neste caso, un personaxe menos condicionado polo seu pasado e consciente e implicado na realidade en que vive.

"Segredo" contén algunha peculiaridade a respeito do conxunto do libro. A emigración está aquí nun segundo plano, superpoñéndose sobre ela o relato dunha frustración amorosa. Temos tamén un personaxe, o protagonista, que marcha á emigración para fuxir das quintas.

"A alborada" é unha fermosa mostra dos valores simbólicos dun mozo emigrante que entra a traballar nun bar en que se escoitaba a "Alborada" de Veiga. Cando se deixou de escoitar decidiu abandonar o traballo.

A muller de ferro publicase en 1969 en Galaxia. Contén vintetrés pequenas narracións dun carácter distinto ao resto da súa obra. Trátase de personaxes anónimos, ou ben colectivos, aos que lles suceden feitos inexplicábeis. Aparecen sempre dominados por forzas alleas que impiden a consecución dos seus obxectivos, a súa propia realización. O ambiente segue a ser rural, pero agora dominado por unha certa dose de violencia que somete os personaxes a un desenlace fatal. Estes aspectos aproximan os textos de Neira Vilas a certas tendencias da Nova Narrativa.

Cartas a Lelo

Deseño de Luís Seoane para  Cartas a Lelo

aparece en 1971, publicada por Ediciós do Castro. Formaría parte do citado "ciclo do neno" ao ser un rapaz o seu protagonista, en xeral os cativos dunha aldea, e ademais o seu narrador. Tratase dun conxunto de vinte relatos, cartas que Toño escribe a Lelo, que emigrara ao Brasil. Argumentalmente relaciónase con Memorias ... pois será o propio Balbino, que tamén escribe a Lelo, o que lle facilite o enderezo a Toño. Temos un rapaz con menos preocupacións e con menos ganas de matinar na súa propia vida. Interésase polo máxico mundo imaxinado de máis alá do mar e as súas historia son case sempre anecdóticas. As crises da adolescencia, as festas populares, o mundo da aldea, as tradicións e supersticións, constitúense no eixo da maior parte dos contos, cousa que por outro lado parece ser o que Lelo solicita. Sen embargo tamén se mencionan, como fondo desas historias, temas como o caciquismo, a emigración, o conflito lingüístico na escola, etc.

Remuíño de sombras publicase en Vigo, edicións Castrelos , en 1973. Esta novela, sen apartarse da temática da emigración, constitúe un dos textos de Neira Vilas onde a renovación formal acada unha das cotas máis altas na súa obra. O autor pretende dar unha visión de conxunto da emigración, non individualizada como na obra anterior, e para iso utiliza unha técnica narrativa baseada no multiperspectivismo, ao estilo da montaxe cinematográfica, ou como afirma Basilio Losada no prólogo á novela, " composta cunha técnica de parquet ". Efectivamente, o discurso narrativo presenta unha forma fragmentaria e intencionalmente desordenada que resposta a esa intención de dar unha panorámica do complexo fenómeno da emigración. Os anacos que compoñen ese discurso son de dous tipos: uns, máis breves, son independentes e tratan de reflectir realidades moi diversas, cormo noticias de xornais ou da televisión ou radio, actos sociais ou políticos relacionados case sempre coa comunidade galega; outros, máis extensos, son secuencias narrativas que se interrompen, con multiplicidade de personaxes e protagonistas que constitúen relatos que recordan, en parte, as anteriores historias de emigrantes. O autor acomoda perfectamente a linguaxe e o estilo a cada unha destas mensaxes; e así no primeiro caso domina unha lingua coloquial unhas veces, periodística outras, e áxil e rápida as máis; no segundo encontramos unha variedade técnica interesante, desde o uso da narración epistolar, a través da cal coñecemos o proceso de concienciación dun mozo galego que descobre a patria nas reunións da "Sociedade dos Mozos" (seguramente o trasunto das Mocidades Galeguistas do 53), ou o uso da 3ª persoa, ou mesmo dunha segunda persoa que nos permite coñecermos un dos personaxes máis peculiares e enigmáticos, Dorinda, moza galega emigrada, á que todo se lle nega, mais coa forza e dignidade abondo para enfrentarse ao abuso e a vexación.

A través de todo o relato non faltan innumerábeis referencias e reflexións sobre a emigración e as súas penalidades, o idioma, o compromiso, o capitalismo deshumanizador, do cal é un claro exemplo o enriquecido don Ramón, que caracterizan uns personaxes espidos de calquera lirismo e cheos de realidade.

Aqueles anos do Moncho publícase en Akal Editor en 1977. Encadraríase tamén no "ciclo do neno", aínda que nela xa non é unha primeira persoa infantil a que soporta o peso da narración, senón que o relato se conta desde fóra, a través dunha terceira persoa que está sempre moi próxima ao punto de vista do propio protagonista. Un dos elementos máis destacábeis da historia é o proceso de asunción da colectividade de que forma parte o propio protagonista, que o levará a apoiar os guerrilleiros, dándolle así unha complexidade ao personaxe de Moncho que quizais non teñen outros nenos das súas novelas.

Querido Tomás aparece en 1980, en Ediciós do Castro . Trátase dunha novela narrada en primeira persoa por Sara, mestra de aldea, que na súa madureza, perto dos cincuenta anos, recorda o grande amor da súa vida: Tomás. É unha novela de amor, de desamor máis ben, na que a causa desencadeante da tensión narrativa será, máis unha vez, a emigración, condenada con severidade. Trátase dun relato cun discurso anticlimático, xa que desde o principio sabemos a causa da mágoa da protagonista-narradora, que non é outra que a fuxida a Brasil de Tomás, mozo aldeán de clase humilde polo cal sente un intenso amor. A través de múltiples analepses, sen outra orde temporal que a lóxica dos sentimentos de Sara, imos coñecendo toda a historia dese amor, convenientemente enmarcada nos primeiros anos da ditadura. Seguramente é unha das obras de Neira Vilas en que mellor plasmada aparece a represión e as consecuencias do réxime franquista na vida cotiá: os fuxidos asasinados pola garda civil, a ocultación das ideas republicanas dalgúns personaxes, a represión lingüística, as camisas azuis, etc. A guerra mundial e as súas repercusións (volframio, desexos de cambio político...) tamén forman parte dese ambiente a través das noticias que chegan pola radio. No presente da narración, un mes de agosto de finais dos setenta, descríbesenos o conflito dos inicios da "Autonomía" e as demandas sociais dun maior autogoberno. A sensibilidade compartida dos dous mozos diante destes conflitos e da vida en xeral verase abocada á separación provocada, máis unha vez, pola emigración, na que Tomás busca unha saída tanto económica como vital a unha existencia conflitiva e chea de inquedanzas, que non pode ser compensada polo amor de Sara. A voz directa, sincera e sensíbel da muller fan do texto un dos máis fermosos da traxectoria do noso autor.

Tempo novo (1987) contén un conxunto de relatos dedicados aos emigrantes galegos, neste caso en Cuba. Aos trazos máis ou menos habituais nas historias de emigrantes de Neira Vilas, hai que engadir aquí un novo compoñente, que será o compromiso destes homes e mulleres galegas coa Revolución cubana.

Lar (1974) e Nai (1980) son dous textos en que Neira Vilas fai homenaxe ao seu pasado, á súa terra e ás súas raíces. No primeiro, escrito despois do seu primeiro retorno, nun forte ton lírico percorre os espacios e lugares familiares do mundo da aldea e no segundo fai unha afervoada homenaxe á figura da nai. En Pan (1986), o autor continúa coa temática das anteriores, pero acentuando o ton lírico dos textos, moi próximos á prosa poética. 

Tamén é moi importante a súa aportación á narrativa infantil con títulos como O cabaliño de buxo e Espantallo amigo en 1971, A marela Taravela en 1976, a novela D e cando o Suso foi carteiro en 1988, o libro de contos Chegan forasteiros en 1993, e os Contos vellos para rapaces novos en 1983, onde recolle contos populares dos cinco continentes.

Poesía

A súa primeira aportación á poesía foi xa en 1960, antes da súa primeira novela, co volume Dende Lonxe ,publicado en Buenos Aires por "Follas Novas" co estímulo e axuda de Anisia, Luís Seoane e Rafael Dieste , que prologa o texto. Na súa poesía, sen demasiada complexidade formal, e cun léxico cheo de riqueza e matices, como a súa prosa, e ao mesmo tempo sinxelo, canta o desexo do reencontro coa patria. Incide en liñas temáticas xa coñecidas, como a infancia, a solidariedade, a emigración, a morte, etc. Recoñece tamén a súa propia misión, a de poeta que deixará como herdanza " un xardín de palabras infindas/para futuros versos ".

Capa do poemario  Tempo Novo , de Xosé Neira Vilas.

En 1969 publícase, en edicións Xistral , o seu segundo volume de versos, Inquedo latexar. Globalmente non se separa a penas da liña iniciada na primeira obra: compromiso, emigración, a función testemuñal do poeta, etc. Se cadra encontramos neste poemario un ton máis épico nos poemas de compromiso, ao mesmo tempo que a utilización dalgúns recursos formais de corte máis vangardista que no anterior.

En 1994 a editorial Espiral Maior publica o volume Poesía recadada ,onde o propio autor recolle o máis significativo da súa obra poética, isto é, os dous libros citados e "Outros poemas", que xuntan textos inéditos e outros aparecidos en publicacións colectivas.

Ensaio

En 1980 aparece a súa máis interesante aportación canto á investigación histórica; trátase de Galegos no Golfo de México ,publicada por Ediciós do Castro, que recibiu en 1981 o Premio da Crítica Galega e onde se fai unha semblanza de dezaseis emigrantes galegos en Cuba, a partir de conversas con cada un deles. O compromiso coa terra e coa revolución conxúganse en cada un destes testemuños.

Neira Vilas fotografado por Xurxo Lobato.

Castelao en Cuba (1985), A prensa galega en Cuba (1985), Índice da revista El Eco de Galicia (1988), Guerrilleiros (1991), Rosalía de Castro e Cuba (1992), Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires (1995) e Memorias da emigración I, II, III (1994-96) completan unha vasta obra.

Destaca tamén o seu labor como tradutor tanto ao galego como ao castelán. Ao noso idioma verteu Itinerario Gallego de V. Luís Molinari en 1958, Trintenove poemas de Nicolás Guillén en 1977, Xornal de Prisión (cen poemas de Ho Chi Minh) en 1978, A historia absolveráme de Fidel Castro en 1990, A Idade de Ouro de José Martí en 1990, e O Camiño de Santiago de Alejo Carpentier.

A repercusión da obra narrativa de Neira Vilas comentase por si soa. Memorias dun neno labrego vai pola décimo novena edición, constituíndose no libro que máis galegas e galegos leron, sendo ademais traducido ao italiano, español, portugués, checo, ruso, euskera, catalán, ucraniano, búlgaro... Os seus libros dedicados á infancia tamén son continuamente reeditados, converténdose o autor nun verdadeiro clásico do xénero. Con todo, algúns sectores da crítica teñen visto no éxito da obra de Neira Vilas unha especie de manifestación dun ruralismo facilón, dun cúmulo de anécdotas que fai facilmente dixeríbel o texto, por familiar, a unha maioría dos lectores e lectoras. Tamén se ten censurado o talante social das súas novelas e mesmo o seu compromiso ético e nacionalista. Hai quen ve, por outra banda, unha extensa autobiografía ao longo de toda a súa obra, por máis que o propio autor rexeite esta posibilidade. En todo caso, de ser biografía de alguén, estaríamos diante dunha historia colectiva dun sector social, o rural galego, a quen os destinos da historia relegou a un papel de penalidades e sufrimento coa emigración como única saída, e que Neira Vilas reproduciu con autenticidade e orixinalidade, e con obras de indubidábel calidade literaria. Neste contexto, quizais sorprenda menos a sensíbel diferencia canto aos traballos dedicados ao noso autor, moitos alén das nosas fronteiras, poucos na propia terra. Ademais das traducións citadas, encontramos estudios de diferentes aspectos da súa obra a cargo de investigadores de diversas nacionalidades: española, catalana, portuguesa, alemana, arxentina, vasca, cubana, etc.

IMAXES