A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
Unha literatura entre a realidade e a ficción

A diferencia de correntes literarias que, como o socialrealismo, poñen en relación directa opción ideolóxica e unhas preferencias estéticas de corte realista, Ferrín demostra en toda a súa obra a independencia destes dous elementos: é sen dúbida o autor de hoxe onde o político xoga un papel máis importante e, á vez, criador dunha narrativa moi afastada do realismo.

De esquerda a dereita, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Velo e Celso Emilio.

Para Ferrín vangarda política e vangarda artística parecen ir unidas: como para Maiakovski ou para Manuel Antonio a revolución ten que afectar tamén aos modelos estéticos.

Unha das características máis destacadas da obra ferriniana son as continuas referencia á dialéctica existente entre o real e o ficticio, entre o aparente e o verdadeiro, cuestión que chega a constituírse na clave de moitos relatos. Frente á crenza inxenua de que a liña de separación entre o real e o irreal é clara, a súa narrativa explorará as irrupcións do inexplicábel, do misterioso, do onírico, e a dificuldade de distinguir entre o real e o aparente.

O fantástico aparece asociado en moitos relatos a unha metaformose: Kelma quitando os ollos, A Sibila transformándose ante Domingos Areal, as mozas convertidas en meigas de "Medias azuis" ( Arraianos ).Noutros casos temas como a posesión demoníaca ("Lobosanddaus", Arraianos )ou as aparicións fantasmagóricas ("O Suso", "Familia de agrimensores", "Quinta vella do Arranhao") serven para utilizar esquemas do conto de medo ou da novela gótica desde a perspectiva da problemática da identidade humana e as relacións entre as persoas.

O mundo do onírico, dos soños, permite tamén explorar esas fronteiras entre o real e o irreal, porque non está sometido ás regras da racionalidade, senón que ten as súas propias normas e pode recoller aquilo rexeitado ou incongruente. O mundo dos soños é o espazo onde compensar as carencias da realidade, é no soño onde en forma de pesadelo se manifiestan o reprimido ou o inconsciente. Nalgúns relatos a atmósfera é claramente irreal, parecemos estar asistindo a un soño ou un pesadelo como en "Dúas cartas a Lou", "Diario" ou "Sibila". Noutros casos, como en Bretaña, Esmeraldina os soños nos que Amaury parece voltar a Bretaña son un importante elemento estructural. O mesmo poderíamos dicir de Antón e os inocentes :as aparicións do Saltón-Antón Carballo a Narda representan o mundo das pulsións instintivas, e teñen lugar na parte de abaixo da casa, ou no túnel do Areal: espazos escuros, inferiores, subterráneos, lugares do sinistro.

Nalgúns relatos o soño cumpre a función compensadora: realízase nel o que na realidade é problemático: a Rotbaf Luden de Retorno... parece debaterse entre a fascinación persoal e a repulsa ideolóxica de Ulm Roam, e resolverá esa contradicción soñando a morte do seu oponente.

Este xogo constante entre o real e o aparente vai frecuentemente asociado na narrativa ferriniana a un recurso estructural que é o do desenlace sorprendente e paradóxico: Ferrín, recollendo teorizacións anteriores como as de Dieste ou Horacio Quiroga, dá unha importancia especial ao remate dos contos, que en moitos casos obriga a reinterpretar o sentido da historia: por exemplo, os finais de relatos como " O verdugo", "Labirinto", "Licor-café", "Episodio de caza" "Odiado Amado", "O militante fantasía"; ademais da mestría técnica que supoñen estes remates, as implicacións ideolóxicas son claras nalgúns casos: en "O verdugo" o brazo executor do poder é a súa última e paradóxica víctima, en "Labirinto" o que se supuña subversivo acaba sendo unha peza esencial para a perpetuación da vella orde, en "Episodio de caza" esa persoa que soña ser un guerrilleiro demostra así a súa covardía, en "Odiado Amado" o ataque demoledor convértese en autocrítica...

IMAXES