A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
Vangardas ou Identidade

O florecemento das artes plásticas na Galiza coincide co que en Europa se deu en chamar as vangardas históricas. Falouse e fálase moito disto, de se na Galiza houbo ou non vangardas e de se os artistas galegos entenderon ou non a mensaxe que emitiron as vangardas históricas. Antes de seguirmos falando deste polémico e controvertido tema temos que deixar ben claro que as denominadas vangardas agromaron nas grandes capitais europeas, é dicir, que foron movementos moi vinculados ao mundo urbano e de culturas xa moi establecidas e consolidadas; e que agroman nun momento moi determinado, despois dunha guerra (a Gran Guerra) que fixo tremer ata os mesmos alicerces da cultura europea occidental. Unha idea central dos vangardistas era a de derrubar o pasado, de rachar cadeas para, a partir da propia arte e da conciencia individual, organizar unha nova praxe vital e artística, camiño dunha percepción máis libre e sen convencionalismos nen ataduras. A arte era así unha creación totalmente individual e feita desde unha segregación social na que a inestabilidade das normas era unha das súas premisas.

Mentres isto acontecía na Europa, aquí, na Galiza, as cousas eran ben distintas e ían por outros camiños. Os intelectuais, os políticos e os artistas da xeración Nós , conscientes de que a carencia de vertebración política do noso país levaba cara a unha colonización en que a nosa cultura non era considerada "normal", nen podía ter un desenvolvemento parello o e semellante á aqueloutras plenamente normalizadas, trataban, como camiño cara á normalización, de encher unha tradición baleira, de reconstruíren un pasado que nos fora sempre negado, un pasado ao que poder ligarnos e co que poder xustificarnos. A arte tiña que mergullarse e buscar nese pasado uns signos cos que poder identificarnos. Polo tanto, e nestes momentos na Galiza, a tradición era un valor que se pagaba moi alto, ao contrario do que ocorría dentro das vangardas históricas. Neste sentido os artistas galegos non podían ser vangardistas porque a lectura que desde o seu presente se facía do noso pasado era, simplemente, distinta da que se estaba facendo desde o movemento das vangardas históricas.

Fernando Álvarez de Sotomayor no seu estudio.

Xa están desbotadas as teorías que vían no noso illamento xeográfico, no sermos unha Fisterra europea, a causa de todos os nosos males e atrasos. Na Galiza había unha xente, non moita, que coñecía, mellor ou peor que noutros sitios, o que naqueles anos se estaba a facer na Europa. Non é de todo certo, pois, a idea de que aquí nos enteiramos mal e tarde do que acontece fóra e, concretamente, no campo da arte non viviamos totalmente illados na periferia. O que pasaba era que o contexto en que agroman e se desenvolven as vangardas históricas era moi distinto do que naquel momento había na Galiza. O que se fixo aquí, ou o que fixeron uns anos máis tarde os artistas do chamado "Movemento renovador", foi tomaren prestado das vangardas históricas europeas aqueles elementos ou signos que consideraban que podían valerlles para as súas obras, para renovaren a súa arte. Renovación, eso si, que non tiña ningunha pretensión de rupturista nen sequera de ser moi atrevida. Mais o resultado, e vistos os froitos despois, non semella ser do todo negativo, especialmente se miramos para os anos da II República, chegando incluso a crear unha estética que podemos considerar como propia, a chamada estética do granito.

Estes artistas non podían ser vangardistas porque unha das características ou principios das vangardas era rachar co xa establecido e cos artistas xa consagrados. Pero aquí, no noso país, non había ningún pasado artístico que substituír e, ao mesmo tempo, os artistas vellos e novos estaban a traballar nun mesmo proxecto cultural que nos fornecese de signos de identidade. Desde esta perspectiva podemos dicir que a innovación é necesaria, pero desde as necesidades dos galeguistas e nacionalistas a permanencia tamén era un valor necesario e preciso para podermos seguir existindo como pobo diferenciado. Outra das premisas das vangardas era a separación entre os artistas e a xente do pobo, é dicir, a configuración daqueles como un grupo de adiantados que vai máis alá, e máis de presa, co resto da sociedade. Aquí os artistas pretendían confundirse cos labregos na feira compostelá de Santa Susana e non separarse deles para un mundo á parte. Non pretendían nin ser elite nin superhomes pechados nos seus estudios e creando obras xeniais. Pintaban coa idea de axudar o seu pobo, de espertar os espritos durmiñentos ,como diría Viqueira .

Nós non tiñamos unha tradición pictórica coa que rachar. Todo o contrario: había que crear esa tradición que, como lle dicía Castelao a Manuel Antonio nunha carta, quedara cortada na nosa tradición folclórica e, polo tanto, "nós temos que crear unha escola galega". A idea de que as máis puras esencias da nosa identidade estaban gardadas no mundo rural era unha idea vella no nacionalismo que volve a callar perfectamente entre os galeguistas. E ao respecto da non tradición pictórica dicía Vicente Risco que "Castelao laiábase unha vez de que nós non houbéramos tido primitivos. Pensaba que era a causa de non haber escola galega de pintura. Sentíase disposto a ser él o noso primitivo i eu penso que non iba descamiñado". Castelao sería o eixo en que agarrarse para dar o salto definitivo cara á nosa modernidade. Con el, podemos empezar a falar de renovación na arte galega e da adquisición da mesma dunha nova rota que fixo posíbel un florecemento posterior. A arte galega ten un antes e un despois de Castelao e esto xa o percibiran os seus coetáneos, pois nun artigo publicado na revista Nós en xullo de 1933 e no que se fai un repaso ou estado da cuestión da cultura galega, dise, ao falar das artes plásticas, que todo vén de Castelao. Castelao é o esforzo, a alma viva e a tensión. En Castelao comeza a arte galega contemporánea. Sálvase por exemplo, por sacrificio e por lealdade.

A arte que propoñían os homes da xeración Nós era unha arte preocupada pola identidade colectiva; segundo isto non lles podían interesar moito as vangardas xa que estas non só querían rachar co pasado, senón tamén fomentar a creación artística como algo individual e crear un cosmopolitismo no que só se collían aspectos formais doutras artes, pero que esquecía solidarizarse con esoutras culturas en momentos en que o precisaban. Por exemplo: reivindícanse certos valores da arte africana —aquilo que entra polos sentidos, que diría Castelao— nun dos momentos de maior sometemento polas potencias colonizadoras dos pobos dese continente, pero non se reivindica, non interesa, o espírito desa arte que se acaba de descubrir desde Europa, dándolle así un significado que nunca tivo e impedindo un diálogo entre dúas culturas. Neste sentido, para os homes da xeración Nós, a arte non tiña que ter un carácter individual, senón colectivo, de identidade, que tivese unha utilidade social, que entrase polo esprito. Aquí procurábase crear unha estética propia, nacional e independente das modas e dos espíritos foráneos. Válenos para ilustrar este punto o que Vicente Risco lle dixo nunha carta de 1920 ao poeta de Rianxo Manuel Antonio:

O Tesouro,  obra de Francisco Asorey.

"Hoxe, os galegos, escribindo no noso idioma, principiamos a nos abrir camiño no mundo, sen necesidá de andar buscándolle cinco pés ó gato con ismo de ningunha clás. Mais como compre que esteamos enterados de todo, que non sexamos alleos ó mundo de afora, por iso me teño dedicado a espallar isas cousas na nosa Terra. Conte que sempre hemos deprender algo e que debemos estudiar eso, anque cecais nos interese moito mais o estudio do noso Folk-lore ,do Saudosismo portugués...E conte tamén que o que os estranxeiros han estimar mais en nós, ha ser o caráuter nacional, o galeguismo, o enxebrismo da nosa arte e da nosa literatura, pois iso é o que ha ter novedá pra eles".

É dicir, e isto foi unha idea chave en Risco que podemos facer extensíbel aos seus compañeiros de xeración, hai que aprender do de fóra, pero conservando aquilo que é propio e profundizando no seu estudio. Só así, profundizando no noso e en contacto co alleo, poderemos ser nós, cara a dentro e cara a fóra.

As vangardas traían un ar homoxeneizador xa que partían da premisa de que a capacidade de ver é un concepto universal. Esquecían que aprendemos a ver vendo cousas concretas que nomeamos con nomes concretos. Polo tanto, aquí estábase a profundizar nunha sensibilidade propia, en crear algo noso coa pretensión de que se distinguise claramente dos demais, é dicir, en manter unha cultura particular na que detrás latexaba aínda con forza unha epopeia popular, cousa que, por outra banda, sempre resultou máis caro de manter que deixarse levar ou arrastrar pola enchente do uniformismo. O porvir da arte galega non estaba, como dixera Castelao, en traer de fóra un estilo novo sinón en crear, nós mesmos, o noso novo estilo.

Non podemos, pois, falar de vangardas artísticas na Galiza. Non as houbo, ou se as houbo non tiveron realmente incidencia (pódese dicir que a revista Alfar era máis vangardista que outras que se facían nese momento na Galiza, pero tamén podemos dicir que a súa incidencia na vida do país era nula). Neses momentos aquí, na Galiza, pensábase doutro xeito e había outras tarefas urxentes que realizar. Houbo coa xente do Movemento renovador (Colmeiro, Maside, Seoane ...) apropiación de elementos propios das vangardas, pero sen chegar a asimilar plenamente estas. Hoxe debemos asumir este feito como foi, e non avergoñarnos dun grupo de artistas galegos que desbotaron as vangardas históricas. Hai xente que pensa que por non entrar no clube das vangardas este vello e primitivo país atlántico non vai equipararse de cheo coa grande Europa, cando o importante pode ser o potenciar o valor do propio, o profundizar na identidade, e non como un valor de esencia, senón de utilidade, e que sirva para crear unha identidade colectiva que dea cohesión política a unha sociedade sometida social, económica e politicamente a unha vontade foránea. E a iso contribuíron estes artistas e teóricos vinculados ao galeguismo. Eles crearon documentos visuais que hai que ler no contexto propio da cultura e do tempo que os ten producido. Eles crearon unhas obras que non se apegaron a un referente estético con pretensión etnocéntrica, pero si conectaron cos presupostos estéticos, e non só estéticos, dos espectadores aos que, presumibelmente, ían dirixidas.

IMAXES