A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
Vicente Risco: desenvolver a tradición

Compañeiro de viaxe de Castelao en moitos aspectos, Risco ten algo (e aquí sé falamos dos aspectos teóricos da arte) que o afasta radicalmente del, como é o seu rechazo total ao carácter social da arte. O que en Castelao era fundamental, no autor ourensán converteuse nun medo constante, nun dos tantos medos que cabalgaron de maneira constante pola mente de Vicente Risco ou, como diría Luís Seoane, tivo unha mente ben poboada de terrores políticos e relixiosos, e de confusiós e incompresiós en canto o arte.

Unha das súas primeiras aportacións teóricas á arte está case que plenamente consagrada a atacar a arte social. Nun escrito titulado Preludio a toda estética futura

Galicia, nai e señora,  escultura de Uxío Souto.

,e publicado en español no ano 1917, o autor ourensán deixa xa moi claro por onde van ir as súas ideas. Á arte sé poden chegar aqueles que teñen un espírito delicado, como el, que viven de costas á realidade e illados da masa, e que poden dedicarse a cultivar o seu espírito. A arte que elaboren estes seres sensíbeis non pode ser máis que arte antisocial, afastada da realidade e carente de todo fin didáctico, tan sé válida para recrear os ollos. Entende que o que se chama arte social non é tal senón o que poderiamos chamar arte popular ou anónima, é dicir, aquela que se conserva na tradición, no folclore. Por iso vai dedicarse a estudar a nosa etnografía, que é onde se garda a tradición máis arcaica e máis sagrada. O que chaman arte social parécelle un total retroceso xa que, para el, non vai máis alá dos lemas que se berran nos mitins ou nas marchas do primeiro de maio, e nunca faltarán almas plebeias para practicaren este tipo de arte. Textualmente di que había dereito a esperar no século XX un pouco máis de formalidade. Para o pensador ourensán o artista debe situarse fóra da realidade para ter visión distinta ao ordinario e poder así crear beleza, que é o non ordinario e que nos leva fóra da vida, a vivir outra vida. Para Risco, pois, non hai arte social, hai só arte pola arte, arte para recrear os ollos.

Mais neste traballo Risco xa nos mostra unha certa información do que está ocorrendo fóra, en Europa. É dicir, Risco está máis ou menos informado dos movementos vangardistas; mesmo chega a dicir que os galegos somos os máis avanzados nestas cousas de toda a Península, máis que os portugueses, máis que os cataláns, máis que os vascos. A súa misión vai ser a de tratar de facer propaganda deses movementos vangardistas nos que el parecía estar moi interesado e enteirado —sabía que quen abrira o camiño pra todas as novas invenciós foi o Paul Cezanne—. Sobre todo a súa tarefa vai ser espallar entre os máis mozos todas estas novidades, como o demostra na correspondencia con Manuel Antonio; e atreverase a facer unhas poucas incursións no campo da poesía.

Naquela altura Risco xa estaba integrado no nacionalismo e ve que as vangardas, polo que teñen de novidoso, poden actuar como un feitizo para atraeren a xente nova cara ao galeguismo, e así llo fai ver ao poeta rianxeiro, ao que lle di que convén que esteamos enteirados de todo o que se coce fóra; por iso se dedicou a "espallar isas cousas na nosa Terra". Pero parece que aí remata a relación de Risco coas vangardas: estaba enteirado do que pasaba fóra e dedicábase a comunicarllo a aqueles mozos que tiñan certas inquedanzas. O papel de Risco quedaba así como o de pai ou guieiro a quen recorrer para pedir certas informacións e estar ao día do que se "cocía fóra", pero nunca vai profundar no tema. Mesmo, andando o tempo, esa persoa que chegou a comprender mellor que Castelao as novas tendencias, volverase máis hermético e con medo ás innovacións, xa que o futuro pódenos fuxir das maus e o que realmente vai quedar, despois de todo, son os valores eternos.

Esa función espiritual da arte lévao a considerar o artista como un elixido coa abriga de peneirar na realidade para buscar alí unha conexión, unha case que mística, entre as cousas e as almas. Risco entendía que a civilización mediterránea se desfacía e entendía que a arte occidental estaba estancada desde o mesmo Renacemento xa que este, ao coutar o desenvolvemento do estilo gótico, o que fixo foi tapar todos os canos da fonte de inspiración. Por iso necesitaba volver ás orixes, buscar novas formas espirituais de inspiración, e el estaba disposto a ser o guía dos artistas galegos. Nesta decadencia e neste desfacerse dos valores clásicos vía un deslocamento cara ao Atlántico e unha oportunidade para que os pobos célticos poidan entrar de novo na escea da historia e, así, poder situar Galicia como entidade criadora no alborexar da nova civilización atlántica.

Viñeta de Fernández Mazas.

Todo o atlantismo e o celtismo de Risco hai que entendelo como unha forma de reivindicar un pasado que nos diferencia e que nos une a outros pobos irmáns, un pasado que nos ten que axudar a liberar do asoballamento que nos quere facer iguais a outros. Entendía que a nosa oportunidade de contribuír a crear valores universais, de galeguizar o mundo e non cosmopolizar Galicia ,estaba en preservarmos as nosas enerxías autóctonas. Para isto había que mirar cara a dentro, recuperar o noso patrimonio espiritual alí onde cría que estaba menos contaminado e afondar na nosa tradición ou, o que era o mesmo, no desenvolvemento normal da nosa cultura, buscar o que en nós é orixinal, en definitiva ser enxebristas.

Polo menos no plano teórico, o proxecto risquiano para as artes pasaba por compaxinar certas cousas aproveitabeis e novidosas que se estaban a dar fóra das nosas fronteiras co afondamento na nosa tradición, é dicir, sermos modernos e tradicionais, aprendermos de fóra pero mantendo sempre os pés no noso.

IMAXES