A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
Vixencia da obra de Blanco Amor

A variada obra literaria de Blanco Amor —especialmente a súa narrativa que é, sen dúbida, o máis importante da súa creación— ten hoxe unha plena vixencia tanto para a literatura galega como para a literatura española. Ora ben, se en Galicia a figura do escritor ourensán está xa absoluta e definitivamente consagrada como unha das máis grandes de toda a súa historia, non acontece así na España onde a penas é coñecida, entre outras cousas pola dificultade, máis ben imposibilidade, de encontrar edicións. Resta pois, e a todos os galegos importa, a tarefa de potenciar como é xusto a figura de Blanco Amor dentro da sociedade literaria española e tamén nas áreas lingüísticas afíns, é dicir, alí onde se fala español e portugués, para alén das necesarias traducións, hoxe inexistentes, ás grandes linguas da difusión cultural no mundo. Resta moito, por non dicir todo, por facer. Mais o autor de Os Biosbardos e La catedral y el niño ben o merece.

Blanco Amor co río Miño de fondo.

O microcosmos literario de Blanco Amor é, si, o reflexo dunha sociedade determinada, a galega, mais é evidente que isto sería moi incompleto visto que os valores literarios e humanos que as súas obras atesouran —nomeadamente as narrativas e tanto as escritas orixinalmente en español como en galego—, ultrapasan con moito as fronteiras do local —o mundo real e mítico á vez de Ourense— para se converteren nunha obra de maior alcanzo, que pode ser gostada igualmente por un lector de Galicia como por outro de Andalucía, Buenos Aires, Roma ou Nova York, porque, para alén da proxección política e social dunha terra e un tempo, as novelas e os contos de Blanco Amor teñen unha dimensión universal. Sería radicalmente inxusto adscrihilas exclusivamente ao mundo galego mesmo cando, naturalmente, a creación do escritor teña aquí a súa orixe, a súa xustificación e o seu centro.

Os conflitos e situacións que o narrador nos presenta nas súas obras tocan de certo máis ao corazón e ao mundo imaxinativo que á racional explicación dunha época determinada, a un conflito social ou á historia dunha terra, sendo como son todas esas cousas moi importantes. O secreto está na acertada elección dos temas que o novelista sente como algo profundamente propio, na alta calidade literaria, sempre moi traballada, dos textos, mais tamén no toque poético e por veces máxico que se desprende da súa prosa, na fina observación de mil detalles da vida cotiá, na rara, por exquisita, sensibilidade coa que se aproxima do sempre difícil mundo infantil e adolescente, no seu fondo sentido crítico da sociedade dominante e na súa concepción progresista da vida. En suma, no espléndido talento do que fai gala ao contarnos algunhas historias —dóces, agres, líricas ou grosas— sobre a perennemente conflitiva mais apaixonate condición humana.

IMAXES