A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
Vixencia deste teatro

Dentro da cultura galega a dramaturxia e o teatro son fenómenos tardíos e non atinxirán a madureza que tivo, por exemplo, a poesía, considerada a expresión máis característica do xenio galego. As razóns deste atraso haberá que buscalas na mesma natureza do teatro, que é un compromiso entre dúas partes: a literaria e a social. Faltando a segunda —o espectador—, a comunicación non é posíbel. E é certo que en Galiza non se deron as condicións históricas, políticas e sociolóxicas que facilitasen a aparición dunha dramaturxia e dun teatro nacionais ata ben tarde, e aínda así, con escaseza e reservas. Por iso non podemos falar con propiedade de "teatro clásico galego" nin dunha idade áurea da nosa escena, cando menos de grandes proporcións. O noso teatro nace a fins do século XIX e vaise conformando no XX, sendo a época que nos ocupa —a do Grupo Nós— a que acuña uns modelos orixinais de dramaturxia enraizados na cultura popular galega, mais tamén na estética do seu tempo con trazos evidentes de universalidade e mesmo ás veces de vangarda, quer temática, quer estilística.

Tanto Otero como Castelao aportan unha cosmovisión complexa na que destacariamos como elemento coincidente a tensión —ás veces extremadamente dura, mesmo no plano estético— entre dous mundos: a Galiza remota e rural, apegada ás vellas tradicións e prisioneira delas, e a Galiza emerxente e urbana, unha promesa de liberación ao mesmo tempo que un perigo de alleamento. Risco sitúase fóra do tempo coa súa obra preciosista. Fóra do tempo social, máis non estético, pois non fixo outra cousa que seguir as pautas do simbolismo modernista imperante.

No 1985 o Centro Dramático Galego estreou  Os vellos non deben de namorarse , baixo a dirección de Eduardo Alonso.

Esta dupla fidelidade —á súa Terra e ao seu tempo— lexitima como modelos ou "puntos de partida" as obras destes grandes escritores, como o tempo se encargou de demostrar. As numerosas versións escénicas de Os vellos non deben de namorarse ,considerada por moitos obra de culto, non fan máis que confirmar o seu carácter de experiencia plástica alén das consideracións de tipo literario. Resulta curioso comprobar que, a diferencia do que acontece con Otero, a obra teatral de Castelao nunca foi imitada ou seguida nas súas pautas orgánicas, quizais porque ela mesma é xa un compendio de influencias literarias e estéticas, as máis delas de orixe oteriana.

Quen si exerceu, e exerce, un maxisterio teatral incomparábel é Otero Pedrayo. Mentor de Castelao no seu Teatro de Máscaras ,este libro póstumo é tal vez a obra que máis influíu nos dramaturgos de hoxe: Manuel Lourenzo , Roberto Vidal Bolaño , Xesús Pisón , Miguel Anxo Fernán Vello ... Tamén D. Ramón é o autor máis representado en versión nada literais, profundamente libres e arriscadas. A contaminación parece ser a clave destes traballos. Uns personaxes levan a outros, unhas situacións fúndense con outras coincidentes no espacio e no tempo máxicos que o autor trae a escena en caudalosa profusión. Nenas, fidalgas e pobres en Muller de mulleres ( Escola Dramática Galega , 1978, e Compañía Luís Seoane , 1982), doutores e poetas en A casa das tres lúas (Compañía Luís Seoane, 1981), danza macabra en Espectros ( Centro Dramático Galego , 1988), borracheira musical en Como as camisas de liño (Escola Dramática Galega, 1988), vendima en espacio real en A lagarada (Centro Dramático Galego, 1993), e simbólico paseo nocturno en O desengano do prioiro ( Teatro do Aquí , 1995) son os espectáculos nacidos da provocación dun autor que é sen dúbida o modelo superior e clásico dunha dramaturxia milagrosamente construida sobre un escenario inexistente.

IMAXES