A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Vixencia do legado destes autores

A recepción das obras poéticas tratadas foi entusiasta nos círculos da emigración ilustrada; no interior careceron de difusión, sacado pequenas glosas edulcoradas nos xornais, nas que se nota a autocensura. Canto ao resto da obra, o seu recoñecemento practicamente foi nulo ata hai pouco; pouca xente coñecía os relatos, A soldadeira pensábase que fora escrita en castelán, Castelao escritor publicouse hai só dez anos e os artigos ensaísticos non están disponíbeis fóra dalgúns centros de investigación.

Na actualidade hai unha tendencia ao estudio de diferentes cuestións da nosa diáspora: creouse unha conciencia da importancia desta cultura e do seu activismo, que influíu de xeito fundamental na evolución do País. Na literatura conseguiron certa relevancia Blanco Amor e Luís Seoane; emporiso, Emilio Pita é practicamente un descoñecido inclusive en camadas ilustradas; Lorenzo Varela semella un poeta admirado, maldito, mais pouco lido; finalmente, Suárez Picallo só é recoñecido coma un político galeguista da República. Emigrados e exiliados foron patriarcas que contribuíron na reconstrución da identidade, melloraron as condicións de vida materiais do interior, modernizaron a cultura e a Patria. É fácil lembrar cousas emblemáticas como a creación da Bandeira, o Himno, a Real Academia Galega, o apoio ao Seminario de Estudos Galegos, a construción de escolas, institutos, casas de Concello, confrarías de pescadores, fontes, camirños; axudar na compra de terras, axudar a estudiar os familiares, introducir novas técnicas agrícolas, a incorporación do hábito democrático, os proxectos para artellar sindicatos, actividades políticas ou o compromiso co galeguismo e co nacionalismo.

Castelao e Luís Soto.

Sen dúbida, nos cinco autores tratados, a principal preocupación de por vida foi a reconstrución nacional e a revitalización da nosa cultura. Nembargantes, tal coma nunha pasaxe tráxica, cando regresaron foron ignorados de xeito case despreciativo. O enorme paradoxo, que tamén forma parte da nosa esquizofrenia social, é que algún destes escritores son máis coñecidos e recoñecidos fóra da Galiza que dentro, caso de Lorenzo Varela ou Seoane.

IMAXES