A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Xohán Casal

Nace na Coruña en 1935. Desde moi novo vai padecer unha enfermidade do corazón que condicionará decisivamente a súa curta vida. Ocupa grande cantidade do seu tempo na lectura de libros da biblioteca do seu pai, un intelectual progresista. Desde moi novo accede á obra de filósofos e escritores como Heidegger, Thomas Mann, Albert Camus ou Jean Paul Sartre; precisamente os franceses deixarán nel unha forte pegada existencialista. Admira o simbolismo de Rimbaud e Mallarmé. Aos catorce anos ingresa na Escola de Comercio da Coruña, feito que será decisivo, pois coñece e traba amizade co pintor Reimundo Patiño, que Ile vai servir de guía no seu proceso de achegamento á realidade de Galiza e ao seu idioma. O propio Patiño, inestimábel biógrafo de Casal, explica cómo esa aproximación non foi fortuíta, senón que decididamente inducida polo coñecemento da obra de Castelao . En 1954-55 dátanse os poemas "Gotas de agua en los ojos". Tamén neste momento aparece o único texto que publicou en vida, un artigo sobre Rosalía de Castro en El Ideal Gallego . A partir destes momentos e despois dunha tempada en Vilanova de San Pedro de Cervantes comeza a utilizar o galego para os seus relatos, lingua que xa usará sempre. A súa preocupación e estudio da literatura galega é cada vez maior, aventurándose na creación con esbozos de novelas, ou mesmo pezas de teatro na liña de Bertolt Brecht. Coñece a Manuel María , faise subscritor de Galaxia e continúa coas súas lecturas, entre as que A Esmorga ocupa un lugar privilexiado. Este entusiasmo galeguista lévao a decidir escribir unha serie de relatos para publicar en "Illa Nova", para o cal se despraza a Santiago. Eran os primeiros días de xaneiro de 1960. Cheo de proxectos, volta para A Coruña. O día seguinte, 10 de xaneiro, é encontrado morto polos seus amigos.

Xohan Casal e Reimundo Patiño a finais dos anos cincuenta.

O camiño de abaixo

A súa curta existencia impediulle ver publicada a obra que afanosamente escribía nos seus últimos momentos. Será o seu amigo Reimundo Patiño quen, dez anos despois, recolla nun volume unha serie de relatos que constitúen O camiño de abaixo, publicado en Sada por Ediciós do Castro . A obra está precedida por un poema de Manuel María en homenaxe ao seu amigo, "Mensaxe a Xohán Casal", do cal reproducimos un breve pero significativo fragmento:

¡Ouh, Xohan Casal, amigo, e máis que amigo,
irmao: estou moi soio e lémbrote...!
Lembro o teu fervor pola amistade,
por Galicia, polos soños perdidos,
polas estrelas, polos sapos,
pola vida i a morte,
pola inocencia i a verdade,
polos perseguidos i aldraxados,
por esta nobre, vella fala nosa
que, con tanto amor, tí traballache(...)

Hai dous feitos previos á análise e interpretación desta obra: por unha banda, estamos diante dunha recolleita feita non polo propio autor senón por un amigo e coñecedor da súa escrita, polo tanto o carácter unitario e homoxéneo da mesma non pode ser, sen dúbida, o mesmo; e por outra, debemos situar o texto nunhas coordenadas vitais certamente especiais, pois Casal, como narrador, sabe da gravidade da súa enfermidade e da súa morte inmediata. Este feito que aparentemente non condicionaba o seu espírito loitador, como confesan aqueles que o trataron, si que se manifesta constantemente nun discurso literario depresivo que debe ser interpretado como unha reflexión sobre a súa realidade existencial, de alguén que se ve no abismo da morte. No simbólico relato "O falar dun sapo" podemos ler:

"Por iso agora estou sereo. Vou morrer. Cústame moi caro desfacerme da vida porque teño medo, teño medo a que este amor se perda xa pra sempre... pro non se perderá".

O mundo dos relatos de Casal está dominado constantemente pola soidade e a morte, ás veces indisolubelmente mesturadas, como en "Cinco mortes", texto que foi nun principio un intento de novela, pero que a segura intuición da morte converteu nun apresurado pero estremecedor conxunto de relatos. Un dos personaxes, o Neno, nunha macabra fuxida, cae morto:

" O frío que lle medraba polas pernas e os brazos ía cinguíndolle o corazón. Estaba ben, só, ceibe, houbera querido dir que morrera ceibe".

Son relatos os de Casal de escasa complexidade estrutural, expresións de sentimentos ou sensacións case sempre opresivas cun final aberto. A maioría están focalizados desde a 3ª persoa e só tres desde a primeira, aínda que o uso que fai desa persoa é moi próximo ao interior dos personaxes.

A anguria e o illamento a que se ven sometidos os personaxes dos relatos son asociados a unha serie de imaxes que configuran un universo simbólico que nos remite aos delirios do autor. Así en "A volta" é unha araña a que nunha descrición intensa e desacougante envolve coas súas patas o protagonista paralizado. Non podemos evitar relacionarmos este texto co relato de Kafka na Metamorfose ,aínda que, como afirma Reimundo Patiño, o noso autor nunca chegou a ler o checo.

A soidade tamén se manifesta opresiva na igrexa vacía que atormenta o cura en "A soedade". Neste relato aparece a lama, outra das imaxes preferidas do autor, como símbolo de desacougo e vacío.

A vellez como preludio da morte e desaparición do ser centra os relatos "A vella" e "O regreso". No primeiro a vella " agardaba día a día pola morte "e no segundo un vello presente ao comezo o destino fatal:

"—Vou morrer -dixo, pensou o vello- abrila fiestra: deixademe ver o tempo que fai",

premonición que terá o seu inexorábel desenlace:

"E os seus cabelos, e os seus peitos, e o seu seo estaban cheos, mergullados, feitos na terra".

Tamén recorre o autor á vida de Cristo, que lle suxire imaxes de soidade, desesperanza e mesmo fracaso nos seus propósitos. Así, en "O rei" Cristo recoñécelle a Lázaro a súa desazón, utilizando de novo o símbolo do sapo na lama; ou en "Conto en poucas verbas", en que lle di a María que non sabe onde vai.

O camiño de abaixo,  obra póstuma de Xohán Casal.

O sapo coa súa vida miserenta, en soidade e desprezado por todos, é para Casal tamén símbolo do illamento e da anguria das persoas ante a sociedade. Deste xeito, en "O falar dun sapo" o animal convértese en protagonista que en primeira persoa se queixa e quere talar de amor e desengano xusto antes de morrer. A morte preséntasenos, máis unha vez como solución, pois " eu estou tranquío e teño a ialma chea de paz ".

"A illa" recolle outro dos elementos simbólicos utilizados polo escritor: un náufrago nunha illa deserta representando a soidade e o isolamento propios do ser humano. De novo a primeira persoa narrativa conta, nun monólogo con matices claramente existencialistas, os seus desexos, as súas dúbidas, e dunha maneira especial, as súas lembranzas, entre as que destacan parágrafos dedicados ao desexo sexual, tema que aparece tamén en "Cinco mortes". Nesta ocasión temos un relato cun marco espacial localizado, non moi frecuente no libro, pero é un espacio opresor, unha illa da que non se pode saír, e que o aparta do resto do mundo pois " eu nunca pentencín a il " .

Encontramos en "Cinco mortes" algunhas variantes no mundo literario de Casal. Os personaxes principais, varios homes que fuxen inutilmente da morte, non só aparecen atormentados pola súa vivencia interior, senón que presinten o fatal desenlace perseguidos pola Garda Civil nos montes da Coruña e Lugo, dados estes que non aparecen na primeira edición por evitar a censura, tal como nos explica Reimundo Patiño no Epílogo á 21 edición de 1985. Precisamente nesta, o seu editor incorpora tres novos textos, entre os que destaca "O traxe aldeán" (Anacos dun libro) que semella ser un novo esbozo de novela do escritor coruñés.

IMAXES