A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
Xornalismo e Visitas a España

Tal vez o seu labor xornalístico máis importante fose o desenvolvido no famoso diario La Nación ,que comezou en 1926 e que se fixo particularmente significado cando en 1929 Blanco Amor foi enviado a España como correspondente. Aquí permaneceu ata marzo de 1931 e, máis adiante, nunha estadía máis prolongada e fructífera, de maio de 1933 a decembro de 1935. Nestes períodos españois coñeceu membros da xeración do 27 —á cal por idade, preocupacións literarias e políticas pertencía—, facendo amizade en especial con Rafael Alberti e Federico García Lorca. O gran poeta de Granada publicou en 1935 e en Santiago de Compostela os seus Seis poemas galegos ,cun prólogo de Eduardo Blanco Amor. Seica foi o escritor galego quen corrixiu os aspectos lingüísticos dos poemas. Tamén coñeceu e tratou —ás veces polemicamente, sempre con admiración— a Castelao, o gran político, intelectual, escritor e artista galego. A Alberti e Castelao trataríaos de novo no exilio arxentino, sobre todo a este último. En 1950, por mor da desaparición do gran patriaca de Galicia, escribiría o seu non moi amplo mais substancioso ensaio Castelao escritor que non foi publicado ata 1986. Nel escribe:

Federico García Lorca, nun retrato fotográfico realizado por Blanco Amor.

Foi un creador, un fundador tanto na obra de inventiva como na forxa dun istrumento literario de pirmeiro orde pra uso i-eixemplo dos seguidores. Cando se ergue unha lingoa postrada ou sofisticada até conquerir que, sin deixar de sere popular, sin perder seu íntimo ritmo i-a sua particular melodía, somentes cun gran esforzo traslaticio —decote insuficiente e desfigurante se poda converter noutra, estase en presenza de un dos sus decisivos mestres.

IMAXES