A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Xosé María Álvarez Blázquez

Un dos libros máis singulares desta época é, sen dúbida, Poemas de ti e de mim en que os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez dialogan nun mesmo volume sen contraportada, isto é, un libro que, aberto por calquera das dúas capas, presenta unha lectura diferente que se interrompe xusto ao chegarmos á metade, onde nos encontramos co libro iniciado na outra capa coas letras do revés. Poemas presididos basicamente polo neotrobadorismo que Xosé María continuará en 1953 co seu Cancioneiro de Monfero , seguramente un dos fitos do movemento. Antes ha publicar Roseira do teu mencer , o seu primeiro poemario individual, en 1950, e que será seguido por Canle Segredo , libro gañador en 1953 do Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Bos Aires pero que non será publicado ata 1976. Importante home de letras, editor, primeiro na editorial Monterrey e posteriormente en Castrelos, dedicado durante anos á investigación, tanto filolóxica e literaria como arqueolóxica, Xosé María Álvarez Blázquez decantouse polo emprego maioritario do verso branco no que sobrancea o ton coloquial e a emotividade profunda con que analiza e describe situacións familiares ou cotiás, da mesma maneira que a evocación da súa infancia en Tui, vila en que nacera en 1915.

Retrato de Xosé María Álvarez Blázquez.

Na publicación póstuma da súa Poesía Galega Completa (1987) inclúese un grande número de poemas inéditos ou non reunidos anteriormente en volume.

En palabras do seu fillo, Xosé María Álvarez Cáccamo , "Os ámbitos do familiar en diálogo de serena cotidianeidade, a procura de certo misterio no acontecer da vida diaria, a nostalxia da idade de ouro da nenez, o amor como complicidade nas horas compartidas, son os temas preferentes deste seu derradeiro libro. As fórmulas do clasicismo en verso branco, que se teñen sinalado como caracterizadoras de algunhas poéticas de posguerra, perden aquí todo carácter de monumentalidade por obra dun acento controladamente conversacional posto ao servicio da transparencia emotiva e da manifestación do eu lírico que non quer disimular o biográfico. Esta é a clave da capacidade de comunicación vibrante de Canle segredo e o mellor logro da obra poética de Xosé María Álvarez Blázquez, complementada co dramatismo contido de algúns poemas de publicación póstuma".

IMAXES