A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Xosé María Díaz Castro

Autor de un único libro, Nimbos ,publicado en 1961, Xosé María Díaz Castro é, el só, unha liña dentro da poesía galega de posguerra. Vinculado, sen dúbida, con outras temáticas do momento, representa unha postura estética e ideolóxica moi persoal, na que a preocupación por Galicia e o seu destino vai unida á preocupación pola entidade do humano e a solventación dos problemas básicos do ser: a vida, a morte, o tempo.

Xosé María Díaz Castro.

Nacido en Parga-Guitiriz en 1914 e morto en Lugo en 1989, formouse no Seminario de Mondoñedo, de onde sairá para estudiar Filosofía e Letras en Madrid, cidade na que residirá basicamente o resto da súa vida, dedicándose á investigación, o ensino e a tradución, disciplina na que resalta, especialmente polo seu dominio da práctica totalidade das linguas europeas.

O vitalismo, o culturalismo e a relixiosidade son os tres eixos sobre os que se asenta a temática proposta polo libro. O home non aparece evadido da súa propia problemática existencial a través da incorporación ao rito colectivo da masa. Pola contra, os momentos entrañábeis da vida popular impregnan o poema dunha vibración humana de transcendencia que o encamiñan cara ao divino. O coñecemento dos clásicos antigos e modernos son o substrato fecundo sobre o que se ergue a construción conceptual e verbal. Aínda que non haxa imitación, glosa directa dos textos clásicos, hai sempre un fondo culto, que non culterano, que inza a súa voz á procura dun obxecto artístico equilibrado e harmonioso. Esta mesura e proporcionalidade do poema no que atinxe aos seus recursos formais mestúrase cunha seriedade moral e intelectual que lle agoiran permanencia clásica. Igualmente, unha fonda relixiosidade, co tema da divindade no centro da substancia verbal do poeta, asulaga por veces o seu discurso, aínda que o seu discurso acaso acade maior resonancia cando prefire tinxirse de panteísmo.

Sen dúbida, o paso do tempo fainos ver a obra de Díaz Castro desde outra perspectiva, sobre todo no que atinxe á súa lingua, toda vez que esta aparece fondamente posuída polo dialectalismo e unha tendencia notoria ao emprego de ruralismos enxebres non sempre propios da tensión que se deriva da temática. Este idioma puro, pero tamén duro e descarnado, expresivo e natural, parece, con todo, as máis das veces, moi ben escollido, mantido nun ton de elevada dignidade.

Aínda que Nimbos non foi publicado ata 1961, os seus primeiros poemas apareceron xa na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos da Editorial Galaxia en 1955, pasando posteriormente, con algunha revisión, a formar parte do libro definitivo.

En todo o poemario salienta un poema singular, 'Penélope', acaso un dos mellores poemas do século.

No dicir de Carballo Calero 'é de notar que nesta peza insólita, tan intensamente sentida e realizada mediante unha plasmación artística de tan axustada economía expresiva, están presentes os tópicos esenciais da poesía social galega. Galicia como obxecto de presencia histórica pasiva, que se revolve en inmobilismo ahistórico, sometida a un ritmo pendular de pequenos avances e retrocesos que finxe un realismo realmente escarnecedor dunha profunda e tráxica paralización afectiva. O encadeamento fatal a formas de vida pretéritas limitadas polos barrotes implacables dunha chuvia incesante. Como horizonte de incerta esperanza, a sangría dunha resignada emigración. Galicia arando a súa herdade con lentos bois e interminables sulcos. Galicia milenaria, Penélope cuxo Ulises tal vez pereceu na tormenta —como intuíu Rosalía— ou —como tantos galegos voluntariamente desterrados— aceptou os afagos sensuais de Circe ou as doas divinas de Calipso, e esqueceu a doce espiral de fume durmido sobre as pobres cabanas da súa terra remota. Este, tan breve, é o gran poema social da poesía galega dos nosos días. Pero nel non hai vociferación, nin truculencia, nin vulgar retórica. Non foi estimado pola propaganda galeguista en todo o seu valor. A vibración existencial do destino da colectividade é nel moi intensa e iso afastouno da popularidade da rúa'.

No dicir de Román Raña Lama, en Xosé María Díaz Castro "O home extraviado procura unha agarradeira, unha orientación no labirinto vivencial da espera. Ese home perdido deambula polos territorios da luz e da tebra, atravesado pola claridade ou polo negror que representan, respectivamente, dous momentos da súa alma que non teñen que ser coincidentes coa bonanza espiritual ou coa tormenta anímica".

Para Xosé María Álvarez Cáccamo, 'a Galiza de Xosé María Díaz Castro, menos telúrica que a de Moreiras e menos épica que a de Aquilino, é vehículo metafórico, espazo fundamentador do eu, escenario da nostalxia evocativa. O seu paisaxismo non se demora en gozos descritivos senón no trazado dun universo sacro e arquetípico de dimensión relixiosa e existencial. Cando é o sentimento relixioso o que o motiva, Díaz Castro expresa o contraste entre un mundo caótico e a luz —clave simbólica da súa poesía— da divindade. Luz que deita nimbos para alumear tamén instantes da lonxincua nenez labrega. O breve intenso corpus poético de Díaz Castro susténtase nos cimentos dunha profunda ferida de gravidade quevedesca e nunha precisión expresiva que combina a vivencia emocional coa fórmula dunha musicalidade seductora. A suxestión metafórica e a rotundidade rítmica son instrumentos xustos para expresar con notábel fortuna as mágoas da insatisfacción existencial e o soño místico da divindade'.

Xosé María Álvarez Cáccamo.

Poesía da humanidade, que afunde as súas raíces na vida, e nola presenta dramaticamente abocada ao misterio do ser, na que por veces amañece o problema relixioso, cun poeta enchido de sede de luz, unha luz que o afaste da escuridade do mundo. Galicia aparece presente en todos os poemas que teñen algunha referencia co mundo físico, sobre todo a través do espacio da infancia do poeta (Parga, Pastoriza). Poeta clásico no senso máis amplo do termo, tamén no aspecto formal, Díaz Castro resulta un grande dominador do verso e a súa técnica.

IMAXES