Etapa Medieval

S. XIII-XV (1200-1500)

Coñecemos literatura escrita en lingua galega desde principios do século XIII en adiante. Claro está que o galego, como lingua con existencia social plena, oral, normalizada, existía antes. Podemos considerar que desde o século IX, momento en que o cambio cualitativo a respecto do latín é tan evidente como para aceptar que estamos perante unha lingua del derivada, isto é, románica, o galego. O seu territorio inicial, o berce, ía desde Ortegal deica o Douro, sen que o Miño constituíse fronteira ningunha de tipo lingüístico ou cultural. Foi, pois, unha unidade lingüístico-cultural que, practicamente, permaneceu así até meados do século XIV. Se hai que falar de galego-portugués nesta etapa medieval é, sobre de todo, desde a "independencia" política da Galiza do Sul, co nome de Portugal, con Afonso Henriques que se titulou rei en 1139 para deixar ben sentado o seu criterio autónomo a respecto das relacións con León e Castela, e a súa decidida aposta pola política de expansión cara ao Sul, e non privilexiar as interferencias nos reinos situados ao leste de Caliza.

Porén, a Galiza até o Miño, a que ficou con este nome, seguirá sendo un reino de seu, aquel perfeitamente estabelecido desde o rei Ordoño I (914-924). Desde esta época até fins do século XIII, a Galiza era o reino preponderante política, económica e culturalmente entre todos os do Occidente peninsular. Os seus reis, aínda séndoo tamén de León e mesmo de Castela, pertencían a grandes familias nobiliarias galegas, eran desta lingua, ou ben, educados no noso país. Non tiña unha causa puramente estético-artístico a expansión do galego-portugués como lingua lírica na Península Ibérica durante este período. Tiña unha causalidade político-cultural e económica.

Precisamente, o fillo de Dona Urraca, neto de Afonso IV (VI de León), primo de Afonso Henriques de Portugal, D. Afonso Reimúndez, foi custodiado desde meniño polo Conde de Traba. Foi coroado rei de Galiza na basílica de Santiago (1111) como Afonso V, e mais tarde emperador dos reinos occidentais, sendo coñecido como Afonso VII. Os reis Fernando II (1157-1188) e Afonso VI (IX de León, 1188-1230) viviron habitualmente na Galiza, malia seren reis de León e Castela tamén.

A nosa nobreza estaba tensionada entre asegurar o control dos reinos occidentais (León e Castela) ou manter a súa influencia e natural continuidade no Portugal "independente". A nobreza eclesiástica, especialmente a vinculada á Igrexa de Santiago, engadía a estas tensións as interferencias do Papado, que xogou os seus pións en función do expansionismo cristián contra o mundo musulmán do Sul. O mito de Santiago Apóstolo foi orixinado inicialmente como forma de cohesión de Galiza fronte a Asturias, e como potencialidade de expansión cristiá cara ao Sul.

O esplendor cultural é paralelo ao hexemonismo político de Galiza, desde a época do arcebispo Xelmírez e o rei Afonso V, emperador, até a de Afonso VI (1230). A tendencia á perda de peso político no Occidente peninsular será paseniña e sen que teña consecuencias rápidas no declinar do esplendor cultural, que ha durar até practicamente o século XIV, século en que, de todas as formas, Galiza seguirá sendo unha grande potencia marítima no Atlántico. Os primeiros monarcas que teñen marcada vocación castelá son Fernando III (1230-1252) e o chamado Rei Sabio (1252-1284), VIII de Galiza e X na "Terra de foris", como gostaban de chamar os galegos aos reinos colindantes. Por máis que as súas Cortes usasen aínda o galego na literatura poética, consagraron o castelán como lingua de facto dos documentos delas emanados. Os seus suportes oligárquicos están situados nunha nobreza que se expansiona para Castela a Nova e Andalucía.

Non pode estrañar que a época de esplendor da literatura galega medieval, coñecida como período trobadoresco, se sitúe entre 1200 e 1350. Vai desde a constatación da existencia dos primeiros textos de poesía lírica até os anos da guerra entre os partidarios de Pedro I o Xusticeiro e D. Enrique de Trastamara, que remata en 1469. Pedro I, amplamente apoiado no reino de Galiza, foi derrotado polos partidarios dos Trastamara (por certo, título de orixe galega), a nobreza máis latifundista de Castela, os nobres galegos máis pro-casteláns —por intereses no exterior tamén— e pola nobreza eclesiástica —algúns bispos de Galiza.

As consecuencias foron as expropriacións de terras na Galiza a favor da nobreza foránea, coa sua penetración e a do seu idioma no país: o castelán. Comeza así o período postrobadoresco (1350 até finais do século XV), coa desaparición da esplendorosa lírica galego-portuguesa (as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicer), substituída pola híbrida escola galego-castelá.

Debe, pois, terse moi presente que, até 1350, como data indicativa, as relacións de Galiza con Portugal eran moi fortes: unidade cultural e lingüística; interferencias mutuas e relacións de parentesco entre as famílias da nobreza, con posesións aquén e alén Miño; inexistencia de fronteiras no sentido actual do termo, orixe común da monarquía gobernante... A primeira fenda política grave aconteceu no século XIV coa guerra devandita (Portugal apoiaba tamén a causa de D. Pedro), e coa guerra posterior (1384-1387) dirixida desde Castela contra Portugal, que entronizou neste país a D. João I, da Casa de Avis (1385-1433), despois da derrota dos casteláns en Aljubarrota, iniciando unha nova monarquía definitivamente independentista. A nobreza galega deixará de ter, desde entón, influencia na Corte portuguesa, como tivera até ese momento, e Portugal comezaba a prepararse para a sua expansión colonial.

Con todo, podemos afirmar que a lingua e a literatura galegas seguen un proceso de normalidade no país durante toda a Baixa Idade Media, por máis que, desde meados do século XIV, unha ínfima minoría de xente estranxeira, detentadora de bastante poder, usase o castelán. Non só os cancioneiros, senón tamén a prosa documental e didáctica testemuñan unha situación en que o galego era fala de vasalos e señores, de cregos e labregos, de Concellos, Igrexa e Corte, cando esta pivotou no interior do reino.

Foi desde a Corte e desde a Igrexa desde onde comezaron a emitirse, a partir de fins do século XIII, documentos en castelán, con destino a Galiza.

Esta literatura esplendorosa á que acompañaron outras manifestacións artísticas como o románico e o románico-gótico, só foi posíbel nun país con clase dirixente propria, cun papel preminente, dentro da complexa dinámica de relacións entre os reinos peninsulares, especialmente de Occidente. Este fascículo vai acompañado dun libro antolóxico que exemplifica este esplendor a través dunha das suas manifestacións: as cantigas de amigo.

Durante o século XV, malia o debilitamento político como reino autónomo, aínda podemos falar dunha situación normal do ponto de vista social. Aos conflitos sociais internos —guerras irmandiñas, non exentas de interferencias desde fóra—, sucederá a guerra de sucesión á coroa dos reinos de Castela, León e Galiza en 1475. Os grandes da nobreza señorial e eclesiástica abrazarán a causa de Isabel fronte á lexitimidade de Juana, máis sustentada no pluralismo e a diversidade dos reinos... Desatouse unha represión violenta dos exércitos casteláns na Galiza, aliados coas grandes casas señoriais e a nobreza eclesiástica, contra a nobreza galega e os sectores do pobo que abrazaran a causa lexitimista en nome duns intereses autóctonos e da oposición ao cesarismo centralizador. Definitivamente, Galiza vaise converter nun virreinato, anticipando o modelo da colonización americana. O galego deixará de ser lingua de cultura, lingua escrita...