Etapa Medieval
Prosa histórica, relixiosa e xurídica medieval
A historiografía medieval galego-portuguesa

As primeiras manifestacións historiográficas no occidente da Península, os anais ,nacen no ámbito eclesiástico (máis concretamente, monástico) e empregan o latín como lingua vehicular. Os primeiros textos relevantes para a nosa cultura, os Annales portucalenses veteres coñeceron dúas versións diferentes: a longa (da que son testemuños a segunda parte do Livro de Noa de Santa Cruz e a Chronica gothorum )e a breve (primeira sección do Livro de Noa e unha copia incluída na Summa chronicarum ) . Nestes textos fragmentarios só se inclúen novas de tipo local de certo interese. Esta tradición historiográfica reinterpreta a historia lusitana co fin de dignificala e de lexitimar a independencia política deste reino, que acharía as súas raiceiras na loita contra o inimigo musulmán e na defensa da cristiandade.

O Chronicon laurbanense (principios do século XII) e o Chronicon alcobacense (séculoXIV) pertencen tamén ao xénero dos anais, aínda que supoñen unha tradición allea á mencionada anteriormente. Nesta mesma época compóñense na zona galego-portuguesa títulos como o Chronicon Lamecense, o Chronicon Complutense, o Chronicon Compostellano e os Chronicones Conimbricenses.

A Chronica Gothorum (que transparenta un forte nacionalismo portugués) e o Chronicon Lusitanum caracterizanse por seren textos híbridos, intermediarios entre os anais e as crónicas. De extraordinario relevo, e composta en territorio galego, é a Historia Compostellana ,obra centrada na personalidade do arcebispo de Santiago de Compostela Diego Xelmírez e redactada a instancias súas por algúns dos seus cónegos. Formada por tres libros, a Historia destaca polos seus valores léxicos e literarios, así como pola combinación de materiais de diversa procedencia. A conservación de dezaoito manuscritos deste texto indícanos o singular interese que despertou na época medieval, atención que ben podería estar relacionada co proxecto compostelán de revitalización da arquidiócese.

Porén, na área galego-portuguesa, alén destas manifestacións de segunda orde, o xénero historiográfico vive á marxe da eclosión experimentada en Castela-León, onde redactaron as súas obras figuras senlleiras como Lucas de Tui ou Rodrigo Jiménez de Rada.

Os livros de linhagens —primeiras mostras da historiografía en lingua galego-portuguesa— xurdidos no século XIV obedecen a razóns de natureza práctica máis que a motivacións de carácter estrictamente histórico. En efecto, estas obras son xenealoxías sumarias, que funcionan como a memoria viva da traxectoria dunha familia nobre ou dunha estirpe rexia e a súa finalidade é evitar matrimonios ilícitos. Só cando a cultura lusitana traslada o seu centro de interese do ámbito eclesiástico (que permanecera alleo ás iniciativas do reino viciño) ao leigo e cortesán, a historiografía portuguesa beberá nas fontes da afonsina, que recollía feitos da vida común de ambos os pobos.

Deste xeito, na casa dos señores de Portel realízase a principios do século XIV a traducción desde o árabe da Crónica do Mouro Rasis ,obra do historiador cordobés Ahmad al-Razi. Aínda que non conservamos ningún testemuño galego-portugués desta obra, realizada por Gil Peres a instancias do rei don Dinís, coñecemos a existencia dun manuscrito que desapareceu xa no ano 1755 e do que gardamos algúns fragmentos transcritos por André de Resende. A partir das pegadas que deixou este texto na Crónica de 1344 e na Crónica de Portugal de 1419 podemos reconstruír o contido da obra, que abranguería desde o período anterior á chegada dos musulmáns a Al-Andalus até algúns sucesos do reinado de Abderramán I.

Entre 1341 e 1342 redactouse tamén unha crónica hoxe perdida, a Crónica Galega de España e Portugal ou Cronicón Galego-Portugués ,escrita en galego-portugués. Esta obra, que seguiría o esquema xenealóxico do Liber Regum ,dedicaba un capítulo á historia lusitana e incluía a lenda de Afonso Henriques; hoxe tan só a coñecemos a través dos fragmentos transcritos polo bacharel Cristovão Rodrigues Acenheiro e polo fragmento que foi copiado na IV Crónica Breve de Santa Cruz.

Á sombra das obras romances promovidas polo Rei Sabio, xorde no occidente peninsular unha historiografía galego-portuguesa durante o reinado de D. Dinís (primeira metade do século XIV), totalmente allea á tradición occidental anterior. Un exemplo notábel da pegada que deixou a escola afonsina na historiografía occidental é a traducción de numerosas obras orixinariamente castelás, como as versións da Crónica de Castela e da Crónica General ,que chegaron até nós unidas nun único manuscrito.

O taller afonsino defrontou o complexo labor de redactar unha historia universal (a  General Estoria ) e unha particular de España (a Estoria de España ) ,concebidas ambas como o relato da traxectoria daqueles pobos (e, en concreto, dos seus señores) que nalgún momento dominaron a terra nun caso, ou España noutro. Para acometer esta tarefa, o equipo do Rei Sabio preparou previamente unha serie de materiais que habían de servir de fontes para ambas as compilacións. A General Estoria e a Estoria de España fixeron uso das mesmas traduccións, se ben estas sufriron diversas alteracións mercé aos diferentes enfoques e intereses que perseguían estes textos; probabelmente a composición destas obras foi simultánea nun principio e houbo unha estreita relación entre elas. Sen embargo, existen diferencias notábeis no método expositivo e no xeito de traducir: mentres a General Estoria se caracteriza polo seu rigoroso respecto á auctoritas ,a Estoria de España quebra esta submisión absoluta e achégase ás fontes con maior liberdade.

A Crónica Xeral de 1404 revélase como un testemuño epigonal da historiografía galego-portuguesa derivada do tronco afonsino. Á mesma tradición, mais na fronte de historia xeral e non só do mundo hispánico, pertence a versión galega da General Estoria ,realizada no primeiro tercio do século XIV e conservada nun único manuscrito. O Rei Sabio afronta na General Estoria a súa empresa de maior complexidade, dado que a elaboración desta historia universal requerirá o emprego de numerosas fontes, así como un labor coordenado do seu taller, encargado das traduccións, a unificación de fontes e a delimitación cronolóxica; o monarca, por último, supervisaría a redacción definitiva.

Foi, non obstante, don Pedro, conde de Barcelos, o impulsor dunha literatura de corte histórico de inspiración afonsina en lingua galego-portuguesa que non se limitou simplemente a facer traduccións de obras previas escritas en castelán. En 1314 o conde redacta o Livro das Linhagens ,en que pretende saltar os límites propios do xénero dos nobiliarios, excesivamente localistas, para enfrontar a realización dunha historia hispánica e mesmo universal. O Livro de Linhagens do conde D. Pedro sufriu dúas refundicións: a primeira, datada entre 1360-1365, amplía os seus límites cronolóxicos e inclúe datos de novos persoeiros; a segunda, elaborada entre 1380-1383, obedece a un autor máis interesado polo valor narrativo do texto que pola fidelidade á verdade histórica e á actualización dos datos xenealóxicos.

Este mesmo afán conducirá a don Pedro a reunir unha serie de materiais que puidesen servir de axuda na composición doutras obras; así, é moi probábel que obras historiográficas de diferente procedencia, como o Corpus Pelagianum ,o Liber Regum ,a Crónica de Veinte Reyes e a Crónica do Mouro Rasis formasen nalgún momento parte da colección do conde de Barcelos, que acaso as poñería a disposición dos autores doutras crónicas.

Segundo Luis Filipe Lindley Cintra, a Crónica Xeral de 1344 ,derivada asemade de materias da historiografía afonsina, é tamén froito da pluma do Conde de Barcelos. Este texto, que coñeceu dúas versións sucesivas, foi redactado primeiramente en galego-portugués e logo traducido ao castelán. O texto galego-portugués que conservamos, producto da segunda redacción, emprega materiais derivados do taller do Rei Sabio (como a Crónica do Mouro Rasis )e amplía a súa extensión ao incluír os acontecementos sucedidos durante o reinado de Afonso IV de Portugal. Este título ábrese cun esquema liñaxístico e continúa cunha descrición xeográfica da Península, unha xenealoxía dos monarcas godos, a historia dos gobernantes de Al-Andalus, un breve relato relativo á historia dos reis astur-leoneses e unha minuciosa narración da historia de España a partir do reinado de Ramiro I.

No século XV a historiografía do occidente peninsular recibirá o respaldo da coroa lusitana, que apoiará a redacción de textos estrictamente portugueses que se centran na historia das familias señoriais e na lexitimación da dinastía dos Avis. A partir deste momento, polo tanto, debemos abandonar a denominación galego-portuguesa para aplicar a etiqueta portugués. A figura de maior relevo neste período é a de Fernão Lopes, autor da Crónica de D. Fernando ,da Crónica de Jo ã o I ,da Crónica de D. Pedro e, quizais, da mesma Crónica de Portugal de 1419.

A Crónica de Portugal de 1419 ou a Crónica dos Sete Primeiros Reis de Portugal inclúe un relato das novas relativas aos reinados que van de D. Afonso I a Afonso IV. Pola súa banda, a Crónica de D. Fernando , escrita a mediados do século XV e conservada en máis de trinta manuscritos, salienta os méritos deste monarca na administración do seu reino, se ben non repara en cuestionar a súa fraxilidade e o seu escaso tino en política exterior, que conducirá á guerra con Castela.

Na Crónica de Jo ã o I ,sen embargo, o autor fará un eloxio acendido da personalidade deste rei, ao tempo que centra as súas enerxías en demostrar a lexitimidade do seu poder e o carácter irreprochábel do seu acceso ao trono. A Crónica de don Pedro recolle a súa traxectoria e a súa particular concepción da xustiza, que acadou dimensións case lendarias; é significativo o emprego que fai Fernão Lopes da Crónica del Rey don Pedro de Pero López de Ayala e as diferencias de tipo estilístico e estructural que presentan ambas as obras.

Dentro deste marco da historiografía en lingua portuguesa citaremos, para concluír, nomes como o de Rui de Pina e o de Duarte Galvão.

Polo que respecta a Galicia, apenas cómpre salientar a Crónica de Santa María de Iria ,copiada ou redactada orixinalmente por Ruy Vázquez e baseada no Cronicón Iriense e na Historia Compostelana ;esta obra está escrita nun galego xa moi afectado pola introducción do castelán no occidente peninsular. Aínda que a xuizo de Jesús Carro García o autor era un mal latinista e un mediocre historiador, a Crónica ofrece un interese singular ao recoller feitos non documentados noutras fontes e polo indubidábel valor que posúe para a historia do noso idioma.

IMAXES