Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
As lendas de Troia ou Ciclo Clásico

Ao conxunto de narracións arredor das lendas troianas ténselle chamado Ciclo Clásico ou tamén Materia de Roma por formar parte do legado cultural do mundo clásico greco-latino. Esas lendas constitúen un dos temas que cativou a imaxinación da Europa medieval, debido a que foron moi difundidas dúas narracións feitas por supostas testemuñas oculares que, aínda sendo espurias, foron xeralmente aceptadas: Ephemeris belli Troiani ,de Dictis de Creta, soldado que formaría parte do exército grego, e De excidio Troiae historia ,de Dares o Frixio, que combatería do lado dos troianos. Estas falsas traducións servíronlle a Benoî de Sainte-Maure para facer arredor de 1160 a obra que leva por título Roman (ou Estoire ) de Troie , que ía dar orixe a un dos grandes ciclos narrativos da Europa medieval, aparecendo traducións e versións nas diferentes linguas con grande rapidez, entre as que destaca pola súa importancia a versión en latín feita en Italia por Guido de Columna, de grande aceptación na Península.

Do texto de Benoît de Sainte-Maure consérvanse dúas traducións castelás do século XIV, a Versión en prosa y verso e a Versión de Alfonso XI. Delas deberon saír os dous textos en galego-portugués do Ciclo Clásico conservados, a Crónica Troiana e a Historia Troiana, esta en realidade bilingüe, pois unha parte está en castelán; ademais, tamén as dúas obras que aquí incluiremos dentro da prosa xacobea, os Miragres de Santiago ,de carácter haxiográfico, e a Corónica de Santa María de Iria, historiográfica, conteñen algún episodio pontual das lendas troianas, aínda que non por iso deben figurar neste ciclo narrativo.

Crónica Troiana

O conde Fernán Pérez de Andrade, o Bo, mandou traducir ao galego a versión castelá de Afonso XI do texto de Benoît de Sainte-Maure, que se realizou en Betanzos ou Pontedeume no escritorio do clérigo —e capelán do conde— Fernán Martíns, quen interveu directamente na copia xunto con outros escribas, concluíndose o traballo a principios de 1373. Esta tradución galega da  Crónica Troiana  consérvase na Biblioteca Nacional de Madrid, faltándolle o primeiro caderno de oito folios. Ramón Lorenzo, autor da última edición da obra en 1985 tras as previas de Martínez Salazar (1900) e K. M. Parker (1978), apunta a posibilidade de que cando Afonso XI mandou traducir ao castelán a  Crónica Troiana,  iso non se fixo directamente do francés, senón a través dunha versión en galego-portugués perdida, tese que el defende; desta forma, como Fernán Pérez de Andrade descoñecería esa primitiva versión, mandaría traducir ao galego o texto castelán.

Crónica Troiana  é unha obra fundamental na literatura medieval, pois nela preséntasenos todo o mundo da  Ilíada ,   da  Odisea  e doutros poemas épicos perdidos desde unha perspectiva medieval e seguindo as refundicións da época tardía, que desfiguran a historia de Homero, dando unha interpretación diverxente da primitiva. Na  Crónica Troiana  móstrasenos unha visión imaxinaria do mundo antigo, visto desde unha perspectiva totalmente medieval; nela conxúgase a presencia de moitos elementos de orixe épica, como a descrición das armas e dos combates, os consellos de guerra, as embaixadas, os eloxios dos heroes ou a descrición das batallas, con elementos pertencentes ao mundo cortesán —as donas contemplan desde o castelo as loitas dos cabaleiros, estes avergórianse cando non teñen éxito no combate— e todos os propios do amor cortés — amor, tormentos, traicións, esquecemento, remorsos, etc.—, adquirindo unha grande importancia as personaxes femininas, con frecuencia envoltas en conflitos amorosos de complexa trama psicolóxica, posta de manifesto en longos monólogos, que poden provocar consecuencias tráxicas ou fatais para os seus familiares e para todo o pobo a que pertencen.

Aquí achamos algunhas das parellas de namorados máis famosas da literatura universal, como Helena e Paris, ou amores tormentosos como os de Troilos e Diomedes por Bresaida, que constitúen o ponto culminante da obra: Bresaida séntese moi triste cando é obrigada a deixar Troia e marchar cos gregos, tendo que se separar do seu amado Troilos; logo aceptará o amor de Diomedes, traizoando o amor de Troilos, o que provocará graves conflitos psicolóxicos na mente de Bresaida e unha severa crítica da inconsistencia feminina; virán a continuación violentos combates entre os dous amantes, terminando primeiro coa conquista do cabalo de Troilos por Diomedes, mais resultando finalmente vencedor o troiano.

O anacronismo con que se representa o mundo da antigüidade é constante —como acontece en toda a prosa medieval—, pois os sentimentos, os costumes, as crenzas, as institucións, a organización militar ou as cidades son sempre medievais e están contemplados desde as estruturas da sociedade feudal, producíndose a unión entre o mundo cortés e o mundo da cabalaría coa aplicación da imaxe do torneo á guerra. Tamén se dá unha continua transposición da relixión cristiá para a pagá, facendo aparecer na antigüidade monxas, bispos ou arcebispos; concédeselle unha limitada vixencia aos deuses pagáns e dáse entrada a seres imaxinarios e mitolóxicos.

Historia Troiana

É unha nova versión bilingüe das lendas troianas, que se conserva nun manuscrito da Biblioteca Menéndez y Pelayo de Santander, incompleta e formada na estado actual por 220 folios, dos que 140 están en castelán e 80 en galego, aínda que a parte escrita no noso idioma ocupa unha maior extensión. Parece que a partir dun manuscrito castelán do século XIV, mutilado por moitos sitios, nese mesmo século alguén tratou de completar o texto escribindo en galego o que faltaba e intercalándoo no lugar correspondente, pois cando a folla castelá termina nunha ou máis sílabas iniciais de palabra, a folla seguinte empeza co resto da palabra en galego.

A parte galega deste manuscrito interpolou ao principio varios episodios da  General Estoria  castelá, incompletos por faltaren folios e que conteñen os feitos anteriores á guerra de Troia e á expedición dos Argonautas, o nacemento e xuízo de Paris, a historia de Oenone e Paris, a infancia de Aquiles e o sacrificio de Ifixenia. Segue bastante fielmente o texto francés do  Roman de Troie  aínda que hai omisións, interpolacións, alteracións na disposición do texto e mudanzas de estilo, así como erros de interpretación, perdendo en moitos casos a altura poética do orixinal e obtendo uns resultados vulgares, aínda que nalgunha ocasión consiga mellorar o texto francés.

Esta obra comparte moitas das características da  Crónica Troiana  na visión que nos transmite da antigüidade clásica, ofrecéndonos tamén unha visión medieval do mundo antigo e das súas aventuras, con anacronismo histórico e transposición amorosa cortés, riqueza na descrición dos acontecementos, chea de elementos exóticos e maravillosos, e coa case desaparición dos deuses pagáns, dando entrada a episodios inzados de mundos fascinantes e de feitizos, como se pode ver no relato das aventuras en que Medea consegue o amor de Xasón, outra famosa parella de namorados, e aquela converte o vello Esón en mancebo.

IMAXES