Etapa Medieval
Caracterización xeral. Cantigas de escarnio e maldicer
Autores e intérpretes

Os autores e intérpretes de toda esta produción poética estaban divididos, segundo a súa categoría social, en tres grupos: trobadores, segreis e xograres.

Capitular no Tumbo da Catedral de Santiago.

Os trobadores eran grandes señores da nobreza, mesmo reis, que entregaban aos xograres as súas composicións para que estes as interpretasen. Os máis poderosos podían ter un xograr para o seu servicio exclusivo.

Os segreis pertencían á pequena nobreza, á fidalguía, e interpretaban as súas propias composicións. Esta figura do segrel é exclusiva da nosa lírica, non existía na provenzal.

Na escala máis baixa estaba o xograr que, en principio, era única e exclusivamente o intérprete das cantigas do trobador, máis nas cortes hispanas sabemos de xograres que interpretaban as súas propias composicións.

Coñecemos o nome de máis de 150 autores de cantigas, pero de moitos ignoramos se eran trobadores, segreis ou xograres. De todos os xeitos, ao facer as investigacións biográficas sobre eles, o primeiro que sorprendeu os estudiosos foi o feito de que escribisen en galego tanto os que eran de procedencia galega e portuguesa como os casteláns, leoneses e mesmo aragoneses. Isto unido a que o grande desenvolvemento da nosa lírica se produce nas cortes de Portugal e Castela, provocou que os historiadores se preguntasen como era posíbel que mesmo Afonso X, creador da prosa castelá, escribise nunha lingua que hoxe é marxinada e periférica.

Que o galego contase cunha lírica tan rica e esplendorosa, levou a grandes sabios da literatura española, como Menéndez Pidal, a buscar desesperadamente unha lírica primitiva en castelán, que primeiramente se identificou coas carxas mozárabes (querendo ignorar que estaban escritas en lingua mozárabe) e despois coa lírica popular, que non ten nada que ver coa refinada e culta lírica trobadoresca. Na súa obcecación esquecían que na Idade Media o galego era unha lingua normalizada, unha lingua de cultura que contaba cunha tradición literaria, e o prestixio de Compostela influiría para que os poetas dos outros reinos a escollesen como lingua lírica, axudados ademais polo feito de que, nesa época, tal vez fose moita a transparencia das diferentes linguas da Península. Isto é, que as linguas románicas peninsulares aínda estivesen o suficientemente próximas ao latín como para que, por exemplo, un aragonés puidese entender o galego sen dificultade. Tampouco tiveron en conta que na Idade Media era práctica habitual a especialización dunha lingua nun determinado xénero literario.

IMAXES