Etapa Medieval
Caracterización xeral. Cantigas de escarnio e maldicer
Cantigas de Escarnio e Maldicer

O Cancioneiro da Biblioteca inclúe un texto coñecido como Poética Fragmentaria  ou  Arte de Trovar, que é un pequeno tratado sobre as características do bo trobar, tipos de cantigas, erros que deben evitar os trobadores, etc., etc. O seu anónimo autor c la sifica as cantigas en tres grandes xéneros: Cantigas de amor, Cantigas de amigo e Cantigas de escarnio e maldicer . As de amor e amigo teñen como tema común o amor, mentres as de Esca rn io e Maldicer son satíricas e burlescas.

Edición das Cantigas d' Escarnio e Mal Dizer, polo profesor Rodrigues Lapa.

Segundo a Arte de Trovar , son cantigas de escarnio aquelas en que o trobador "di mal de alguén con palabras encubertas", mentres que nas de maldicer o fai "descubertamente". A pesar desta definición, nos Cancioneiros nunca aparecen cualificadas as cantigas como de escarnio ou maldicer, senón que figuran todas baixo o epígrafe común de Cantigas de Escarnio e Maldicer.

Porén, a definición teórica da Arte de Trovar levou algúns historiadores a afirmar que eran de escarnio aquelas en que non se nomeaba á persoa escarnecida, e de maldicer aquelas outras que si a nomeaban ou trataban temas obscenos. Non obstante, as máis recentes investigacións demostran que a diferencia radica no emprego ou non dunha determinada figura literaria: a aequivocatio , que consiste en xogar co significado das palabras de tal forma que a cantiga admita dúas lecturas. Exemplo paradigmático disto poden ser as tres cantiga en que o Rei Don Dinís escarnece ao cabaleiro Joán Bolo. Estas cantigas foron consideradas como unha "pillaría inocente" sobre as dificultades que o tal cabaleiro tiña coa súa cabalgadura, unha mula, ata que, recentemente, Elsa Gonçalves demostrou que a palabra "mula" (múa) tiña tamén na época o significado de "persoa de conduta sexual pouco respectábel". Este descubrimento lingüístico transformou totalmente o significado da cantiga, que deixou de ser unha "inocente pillaría".

Un caso semellante é o da cantiga de Pero Meéndiz da Fonseca , Chegou Paio de Maas Artes. Tradicionalmente foi considerada unha sátira contra unha personaxe sen importancia, un Paio calquera, que chega a ser nomeado Comendador. As recentes investigacións, neste caso históricas, demostraron que a persoa escarnecida é o poderoso D. Paio Pérez Correa, Mestre da Orde de Santiago, e que, ademais, resulta acusado de traizoar o Rei.

Todo isto lévanos a considerar que as nosas Cantigas de escarnio e maldicer están, en moitos casos, deficientemente estudiadas xa que, ao seren un espello da sociedade, nunca poderemos entendelas nin interpretalas correctamente sen un coñecemento profundo da lingua e da situación social, política e económica da época que as produciu. Neste descoñecemento puido influír o feito de que os estudios da nosa lírica estiveron, basicamente, en mans de investigadores estranxeiros, italianos sobre todo, que inevitabelmente a tratan como unha reliquia arqueolóxica; é por isto que a criación dunha escola de investigación galega paliaría en boa medida este problema. Non debemos esquecer que ata 1965, data en que o profesor Rodrigues Lapa publica as Cantigas d'Escarnho e Mal Dizer, non eran coñecidas máis que polos especialistas e investigadores, que non ousaban editalas por reparos morais.

Na orixe destas cantigas podería estar nun xénero popular galego que aínda pervive na actualidade: as composicións satíricas do Entroido. Estas formas populares, unha vez depuradas e estilizadas polos trobadores composteláns, recibirían a influencia do sirventés provenzal, e o resultado sería as Cantigas de Escarnio e Maldicer que hoxe coñecemos. Nelas retrátase o mundo ao revés, o mundo ás avessas ,satirizando todos os vicios e eivas da realidade humana así como os principios estabelecidos pola sociedade da época.

O carácter lúdico, de divertimento de salón, que tiña a lírica medieval permite que na corte rexia se críe un clima de compañeirismo entre todos os que participan nela, que explica o contido daquelas cantigas en que se acusan uns a outros das vilezas máis terríbeis, ou aqueloutras en que un simple xograr ten o atrevemento de satirizar a un grande cabaleiro. Este ambiente, que poderiamos cualificar de "democrático" non se pode estender, evidentemente, ao resto da sociedade, fortemente compartimentada en estamentos.

De todos os xeitos, a permisividade no xogo literario é aproveitada ata o extremo de que será case imposíbel facer unha clasificación temática das cantigas de escarnio e de maldicer, porque os trobadores satirizaron practicamente toda a realidade humana da súa época. Varios foron os historiadores que o intentaron e chegáronse a estabelecer 18 subtemas. Ningunha das devanditas clasificacións é totalmente satisfactoria pola multiplicidade de motivos e polo número de cantigas que aínda carecen dunha interpretación satisfactoria. Quizais a máis completa, por xenérica, sexa a do profesor alemán Kenneth Scholberg, que se resume en:

Cantigas dirixidas contra outros poetas

Trobadores, segreis e xograres fan alardes de arte en xustas poéticas e atácanse os uns aos outros sobre temas tan variados como a vida licenciosa, a amiga, a técnica poética ou as pretensións dos xograres de ascenderen na escala social. Isto último resulta de grande valor documental para sabermos, entre outras cousas, que poetas eran contemporáneos. As sátiras contra a muller que ama o trobador Joán Soares Coelho, deron pé a un dos ciclos temáticos máis estudiado polos nosos investigadores e bautizado por M. Rodrigues Lapa como "escándalo das amas e tecedeiras". O motivo é que Soares Coelho compón cantigas de amor a un ama de cría, cando a preceptiva trobadoresca esixía que a amada (a senhor) fose unha doncela.

Estampa medieval con músicos.

A este grupo pertencen a maior parte das denominadas tenzóns. A Arte de trovar define este tipo de cantigas como composicións dialogadas, elaboradas por dous poetas. Isto quere dicir que os dous trobadores se alternan de estrofa en estrofa defendendo as súas teses e refutando as do contrario. En teoría os trobadores están en igualdade de condicións, mais isto é unha verdade a medias, porque o primeiro en cantar, ademais de escoller o tema, ten a posibilidade de engadir unha fiinda suplementar. Tamén a Arte de Trovar distingue entre tenzóns de amor, de amigo e de escarnio, mais nos Cancioneiros consérvanse vinte e cinco das que dúas son de amor e as restantes de escarnio e maldicer.

Relacionadas coas tenzóns ,están as chamadas partimens. Este era un xénero provenzal en que un trobador propuña a outro un problema cunha dupla solución e permitía que o contrincante escollese a solución que quixese defender. Na tradición galego-portuguesa unicamente existen dúas.

Escarnios contra soldadeiras

As soldadeiras eran bailarinas ou cantareiras que acompañaban os xograres nas súas actuacións e os exércitos nos seus desprazamentos polos campos de batalla. A súa presencia na corte rexia está constatada polas miniaturas que ilustran os códices.

Coñecemos a moitas delas porque foron nomeadas nas cantigas en que os trobadores escarnecían os seus vicios ou as súas "virtudes". A máis famosa, María Pérez, alcumada a Balteira , dá nome a un dos ciclos en que clasificou Lapa as cantigas de escarnio e maldicer. A longa vida desta muller e o papel que debeu xogar, como unha especie de Mata Hari medieval, ao servicio de Afonso X, convertérona en branco preferido dos nosos trobadores, que a fan obxecto das súas burlas tanto cando era nova e fermosa, como cando, xa vella e gastada, decide retirarse a un mosteiro. A suposta viaxe a Terra Santa desta singular muller, foi tamén obxecto de escarnio.

 

Parodias das Cantigas de amor, de amigo e da poesía heroica

Como veremos noutro momento, a cantiga de amor xiraba en torno a unha serie de tópicos: a pena de amor ( coita ),a morte por amor, a intransixencia da dama ( senhor ),os sufrimentos do namorado (perda do sono, do sentido ( sén ),da fala), louvanza da beleza da señor, etc. etc. Todos estes temas, e os artificios retóricos correspondentes, son obxecto de burla e motivo central de moitas cantigas de escarnio e maldicer. Os trobadores galego-portugueses rin de si propios e da súa arte dándonos unha lección maxistral de sentido do humor e autocrítica. Nesta liña están composicións como as que escarnecen a Roi Queimado, debido á súa insistencia en manifestar reiteradamente que "morre de amor", sen que a morte se materialice. Noutras, a louvanza da beleza da dama ( laudatio ),muda en todo o contrario ( vituperatio )chegando a ser cualificada de: talhada, vella, fea, sandia, barbuda, barriguda, desdentada...

As que parodian ás cantigas de amigo e á poesía heroica son menos numerosas, mais non menos interesantes.

 

Sátira de clases sociais

Este grupo é o máis numeroso do corpus satírico, constituíndo para algún historiador o motivo estrutural do escarnio e o maldicer medieval. Por el pasan alfaiates, médicos, avogados, escudeiros, alguacís, teceláns e, sobre todo, as altas xerarquías eclesiásticas e mais a aristocracia. Estes dous últimos grupos sociais son os máis duramente vilipendiados: cardeais, bispos, frades, freiras, abades, abadesas e o mesmo Papa son escarnecidos polos seus costumes licenciosos.

En canto á nobreza, son os chamados infanzóns ,fidalgos satirizados pola miseria e fachenda coa que viven, os que sofren a maior parte dos ataques. Mais tampouco merecen mellor consideración os grandes señores, os ricomes. A respecto destes últimos, non podemos esquecer a posibilidade de que moitos deles estean encubertos baixo nomes eufemísticos, como apunta Elsa Gonçalves para o cabaleiro Joán Bolo ou, como xa indicamos, acontece co poderoso Mestre de Santiago.

Sátiras político-guerreiras

Este tipo de sátira, que era o máis frecuente na poesía provenzal, non é demasiado abundante na nosa lírica; con todo, deu lugar a dous ciclos verdadeiramente importantes que recollen feitos históricos: a entrega dos castelos ao Conde de Boloña e a cobardía dos cabaleiros na guerra de Granada. O primeiro escarnece aos nobres portugueses que, apoiados pola Igrexa, atraizoaron o seu rei lexítimo, Sancho III, entregando sen resistencia as prazas que gobernaban ao Conde de Boloña, que así reinou en Portugal co nome de Afonso III. O segundo escarnece a cobardía dos cabaleiros que, en 1264, abandonaron Afonso X no campo de batalla. Loxicamente, o propio Rei foi un dos trobadores que máis contribuíu a engrosar este ciclo.

Tamén pertence a este grupo a primeira cantiga da que coñecemos a data (1196), Ora faz host'o senhor de Navarra, de Joán Soares de Pavia.

Satiras morais

Neste tipo de cantigas, o trobador expresa a súa amargura ou inconformidade perante un mundo hostil. O feito de que estas composicións sexan das máis escasas dentro do corpus lírico, frente á abundancia do sirventés moral da poesía occitana, levou algúns historiadores a xustificaren esta escaseza afirmando que se debía a que as nosas cantigas buscaban sobre todo o riso e a faceren con elas un grupo á parte, fóra das de escarnio e maldicer, que cualifican de híbrido ou menor. Nesta explicación identifican propósitos moralizantes con seriedade, como se a ética fose incompatíbel co divertimento. O aragonés Martín Moxa é o troba dor máis representativo deste grupo, e a cantiga  Non me posso pagar tanto ,   de Afonso X, a  al faia da serie.

Capiteis no pórtico de San pedro de Ansemil.

 

IMAXES