Etapa Medieval
Cantigas de Santa María. Prolongacións da escola trobadoresca
Contexto histórico

No século XIII, a sociedade feudal alcanza a súa plenitude: é unha sociedade en expansión, en que os monarcas son respectados na medida en que os séculos de historia fixeron deles unha figura sacralizada, case mítica, e que encarna as virtudes da cabalaría. Os reis, pola súa parte, aspiran a concentrar o poder e, apoiándose nas cidades, reformar o sistema feudal. Esta reforma ten como fin último e fundamental coutar os privilexios e atribucións dos grandes nobres, que gobernaban as súas terras como verdadeiros reis. É tamén neste século cando as ansias expansionistas dos reinos cristiáns impulsan a "Reconquista" deixando o mundo árabe peninsular reducido ao reino de Granada, mentres o reino de Aragón inicia a súa expansión polo Mediterráneo.

Afonso IX.

Na segunda metade deste século, durante o reinado de Afonso X (1252-1285), sitúan os estudiosos o período aúreo da lírica galego-portuguesa, coincidindo cos de Afonso III (1248-1279) e Don Dinís (1279-1325) en Portugal. Os historiadores adoitan salientar como fenómenos máis importantes do reinado de Afonso X o fracaso das súas aspiracións ao Imperio, os conflitos internos e o labor lexislativo e cultural.

Baseándose no parentesco da súa nai, Beatriz de Suabia, coa casa Hohenstaufen, Afonso X pretendeu conseguir a coroa Imperial de Alemaña, pretensión que o mantivo afastado moitas veces dos problemas dos seus reinos e na que investiu unha verdadeira fortuna. Esta absurda pretensión, á que atribúen moitos historiadores os sucesivos problemas do seu reinado, era simplemente a culminación da súa ambiciosa política imperialista, que xa se manifestara con anterioridade nos seus enfrontamentos con Afonso III de Portugal polo Algarve e mais nos intentos de se facer co reino de Navarra e o Condado da Gascuña.

Cando falan de conflitos internos, os historiadores refírense a unha serie de revoltas dos grandes señores feudais a que o monarca tivo que facer frente ao longo do seu reinado. Para algún estudioso este desasosego entre os nobres podería deberse a que comezaba a manifestarse un certo desgaste da economía señorial, coas conseguintes repercusións político-sociais. Non obstante, a teoría máis aceptada é que esas revoltas son a resposta aos intentos da monarquía de limitar os privilexios dos grandes magnates da aristocracia e o clero. Neste contexto sitúase o conflito sucesorio que se produce cando morre o infante Fernando, herdeiro do trono. Aspiran agora á coroa Alfonso de la Cerda, fillo do infante Fernando, e o seu tío Sancho. Afonso X resulta derrotado polo propio fillo. En palabras dun historiador español: "a historiografía tradicional tratou con simpatía a imaxe deste avó que defendeu os dereitos dos netos, quizais esquecendo que para alén dos sentimentos persoais, o que se debatía era unha redistribución do poder entre os grupos dirixentes do reino".

Afonso X pasou á historia co sobrenome de "o Sabio" polo seu inxente labor cultural. Reuniu en Toledo os máis grandes eruditos das tres culturas que convivían na península (árabe, xudía e cristiá), para que traducisen as obras fundamentais do saber da época. Baixo a súa dirección nace en Toledo a historiografía castelá e realízase un enorme labor lexislativo.

IMAXES