Etapa Medieval
Prosa histórica, relixiosa e xurídica medieval
Contexto histórico

Económico-social

O século XIII caracterízase por un incesante incremento da poboación, só freado esporadicamente polos efectos das epidemias (sobre todo da peste), da fame e das diversas loitas que salferiron este período. Debido ao aumento poboacional, foi preciso incrementar a cantidade de alimentos que producía o campo; con esta finalidade amplíanse as antigas explotacións mediante a tala de montes próximos ou a procura de novas terras, ben a nivel individual (creando hábitats dispersos: os vilares, casais..., ou colectivos: as vilas novas ).Á mesma causa obedecen as novidades introducidas no cultivo da terra, entre as que cómpre salientar o arado de vertedeira, a substitución do barbeito por un maior aproveitamento dos terreos e o emprego do esterco orgánico como abono das leiras máis próximas ás casas.

Tradicionalmente víñase considerando como indiscutíbel a clasificación da sociedade estamental en tres grupos claramente diferenciados polo estatus xurídico de que gozaban: o estamento clerical, o da nobreza laica e o máis numeroso dos campesiños; hoxe en día, sen embargo, tende a admitirse un cuarto grupo, integrado polos habitantes das urbes.

Os señores feudais (leigos e eclesiásticos) gozaban de dereitos de propiedade e xurisdición sobre os novos territorios e a eles ficaban sometidos os labregos. O réxime foral consiste na concesión, a longo prazo, de pequenas propiedades —de obrigada transmisión indivisa— a cambio dunha determinada renda, xeralmente en especie, máis unha parte proporcional da colleita que oscila entre un tercio e un quinto da produción anual; isto obstaculizaba o desenvolvemento económico dos labregos e axudaba na práctica ao inmobilismo da ideoloxía estamental.

A división dos bens inmóbeis nas partillas afectaba tanto aos nobres leigos como ao campesiñado, que vían así considerabelmente mermadas as súas expectativas de lucro ou, mesmo, de subsistencia. En troques, os mosteiros non só non dividían as súas propiedades, senón que estas aumentaban mercé a numerosas doazóns de propietarios desexosos de comprar a misericordia divina. Asemade, tamén se beneficiaban do pagamento obrigatorio dos dezmos, notábelmente mermados desde que Fernando III dispuxera que unha parte deles contribuirían ás tercias reais.

O crecemento das cidades (A Coruña, Ourense, Betanzos, Tui [...]) viuse favorecido por numerosas causas, entre as que temos que salientar o aumento de poboación (forzada a saír do marco agrario para subsistir), a existencia de excedentes agrícolas para alimentar os seus habitantes, a crecente importancia do Camiño de Santiago, que facilita o establecemento de grupos de artesáns e comerciantes, e a aparición de enclaves mercantís na costa que propician a integración nas rotas comerciais do Atlántico, especialmente tras a desaparición da piratería normanda e almorávide. Mais este novo tipo de poboamento trae aparelladas importantes novidades, como o agromar dunha nova clase social con intereses distintos aos do campesiñado (do que procede) e máis independente do ponto de vista económico: os burgueses, caracterizados, ademais, pola súa fe na idea do beneficio e da primacía do capital sobre o dominio da terra.

Nos séculos XIV e XV detense o crecemento demográfico, tanto pola imposibilidade de aumentar a productividade no campo (o que conlevou esporádicos períodos de fame) como polas frecuentes bitas interestamentais. O sector social menos afectado foi o do clero, que reacciona suprimindo os foros perpetuos e aumentando as rendas a percibir, ao tempo que obteñen novos ingresos.

O campo perde, pois, o seu potencial demográfico, tanto polos efectos da peste como polas altas demandas dos propietarios con respecto á escasa productividade de propiedades —cada vez máis fragmentadas e entregadas a unha poboación en crecemento—; os burgos, pola contra, aumentan considerabelmente o número dos seus habitantes, pois os novos oficios teñen cada vez máis demanda. Este auxe económico propiciará a toma de conciencia por parte dos burgueses de que os seus intereses político-económicos entran en conflicto cos da nobreza e apréstanse a defendelos.

Os nobres galegos viron reducidas as súas propriedades territoriais polas partillas, doazóns privadas á Igrexa e a reducción do número dos seus vasalos, co que diminuía notabelmente o importe dos seus beneficios. Diante desta situación non teñen máis remedio que recorrer ao emprego da violencia contra o grupo social menos privilexiado ou aceptar encomendas de bens eclesiásticos, asumindo deste xeito un papel secundario.

Político

As epidemias, a fame, o malestar social, as guerras dinásticas, a demanda de cambios nas principais cidades galegas e o mal uso do poder polos grupos dirixentes foron causa de notábeis perturbacións na orde social durante estes séculos.

Pedro I, apoiado polas grandes familias galegas e polos habitantes das urbes (desexosos de limitar o poder nobiliar co fin de estabilizar as súas actividades económicas e rexeitar as tentativas inquisidoras dos nobres), loita por manterse no trono castelán fronte á ameaza que supón o seu irmán, Henrique de Trastámara. A victoria deste último suporá a derrota galega, posto que as grandes familias nobiliarias de orixe autóctona perden as súas propiedades, que serán entregadas a novos clans nobiliares procedentes de Castela, Asturias [...] Esta nova nobreza vaise mostrar máis agresiva que a anterior, dado que o seu principal interese era alicerzar e ampliar os dominios territoriais que lle foran entregados polo monarca e o cobro das rendas que conlevaban.

En 1418, Rui Sánchez de Moscoso consegue a creación dunha Hermandade en Santiago de Compostela co fin de garantir o mantemento da orde e a execución da xustiza nesta cidade; tal Irmandade xurdía a imitación das Hermandades nacidas en Castela. As Irmandades eran ligas de cidades que perseguían a consecución do respecto ás autonomías municipais e o restablecemento da orde en períodos turbulentos, polo que non dubidaban en empregar métodos expeditivos.

A penas tres anos máis tarde estalará unha revolta encabezada por este cabaleiro e apoiada por un grupo de artesáns, que demanda os dereitos de realengo para a cidade e a anulación do seu señorío eclesiástico. O arcebispo Lope de Mendoza, ausente na corte castelá, ameaza aos burgueses coa excomuñón; ante a súa indiferencia, recorre a métodos máis mundanos para restablecer o seu dominio sobre a cidade. O malestar que traduce este levantamento non responde a un caso isolado, pois nos anos seguintes produciránse numerosas revoltas en cidades como Ourense, Lugo, Tui, etc.

En 1431 asistimos á detonación do descontento acumulado nos estratos máis baixos da sociedade galega na primeira guerra irmandiña. As desmesuradas demandas de Nuno Freire, señor de Andrade, provocaron o sublevamento xeral dos seus vasalos, movemento que se estendeu rapidamente por todo o territorio galego.

A segunda guerra irmandiña (a revolta social de máis fonda repercusión na coroa castelá durante a Idade Media) comeza no medio do inestábel reinado de Henrique IV, en torno a 1466. Mellor organizada que a primeira, acadou a categoría dunha verdadeira guerra civil. Ante a avanzada irmandiña, os seus contrincantes, tras fuxir de Galicia, vense forzados a procurar o apoio dos reinos castelán e portugués, axuda que, á beira das importantes loitas intestinas dos conxurados, resultará decisiva para explicar o fracaso desta revolta. A represión non foi tan exemplar nin sanguenta como a exercida no anterior alzamento, pois a nobreza estaba máis interesada, en xeral, en aumentar a producción dos terreos de seu que en enforcar centos de labregos que, desta maneira, deixarían de contribuir ao seu sustento.

O grupo dos irmandiños estaba conformado por un escaso, aínda que activo, número de nobres leigos urbanos, da emerxente fidalguía, de cregos e unha ampla representación de burgueses e labregos; estímase o seu número nunha cifra de oitenta mil. As súas aspiracións centránbanse na consecución da independencia das cidades do control das grandes familias nobiliares, na reducción das cargas tributarias e na limitación dos poderes dos señoríos urbanos, que coartaban a liberdade precisa para o desenvolvemento comercial e artesanal.

O curso político segue unha certa normalidade, marcado sempre por un pulso continuo entre o monarca e os nobres por acrecentar o seu poder político, militar e económico, mermando ao outro sector implicado. Será despois do reinado de Henrique IV, co enfrontamento para decidir quen o sucederá no trono, se a súa filla, Xoana, ou a súa irmá menor, Isabel, cando se produza outra inflexión histórica decisiva para o porvir galego. Ante esta disxuntiva, a nobreza galega escollerá seguir o bando perdedor, liderado por dona Xoana "la Beltraneja".

Os Reis Católicos premian á nobreza que loitara ao seu favor coa doazón de señoríos pertencentes a aqueles nobres galegos que apoiaron a raíña lexítima. Rómpese outra vez a unidade cultural existente entre a clase dirixente (a maior parte da cal procedía das liñaxes enriquecidas por Henrique II) e o pobo galego, así como a posíbel converxencia de intereses cos grupos sociais menos favorecidos e o conseguinte liderato destes; deste xeito favorécese o ideal centralizador dos monarcas, que se viu asistido pola creación da Real Audiencia na Coruña e dunha Capitanía Xeneral no reino galego.

A Igrexa manterá o seu status gracias á asunción do ideario político de Isabel e Fernando, ao éxito do cal consagrara numerosos esforzos. A este respecto cómpre lembrar que dous dos conselleiros máis sobresalientes destes monarcas son os cardeais Cisneros e Gónzalez de Mendoza. Ao abeiro da Igrexa medran os fidalgos, o grupo social de máis relevancia cara ao futuro no noso territorio; eles serán os encargados posteriormente de facer de intermediarios entre a masa popular e as institucións eclesiásticas e gobernamentais, dado que ocupan os principais cargos administrativos.

IMAXES